Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 105 Luns, 02 de xuño de 2003 Páx. 7.047

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 26 de maio de 2003 pola que se convoca unha ampliación do número de centros participantes no Plan Experimental de Creación de Seccións Europeas destinadas a potencia-la aprendizaxe de linguas estranxeiras nos institutos de educación secundaria e centros públicos integrados.

A potenciación do ensino das linguas estranxeiras, motivada pola necesidade de dota-la nosa poboación de capacidades comunicativas que permitan a mobilidade dentro do espacio da Unión Europea, vén constituíndo unha das liñas prioritarias de actuación da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

O Plan Experimental de Creación de Seccións Europeas, establecido pola Orde do 18 de abril de 2002 (DOG do 30 de abril), ten por finalidade potencia-la aprendizaxe de linguas estranxeiras nos institutos de educación secundaria e centros públicos integrados, mediante a impartición coa incorporación dunha lingua estranxeira nun máximo de dúas materias non lingüísticas pertencentes ó segundo ciclo da educación secundaria obrigatoria ou o bacharelato.

A relación dos centros autorizados para participar no plan publicouse na Resolución do 8 de outubro de 2002 (DOG do 23 de outubro).

Dado que a posta en marcha do plan mediante a citada orde se levou a cabo ó comezo do actual curso 2002-2003, polo de agora non se considera pertinente a incorporación de modificacións. Por outra parte, a recente publicación da Lei orgánica 10/2002, de calidade da educación, introducirá cambios no sistema educativo que poderán ter unha incidencia notable no desenvolvemento dese Plan de Creación de Seccións Europeas.

Non obstante, debido á boa acollida que o Plan de Creación de Seccións Europeas está a ter nos centros participantes, considérase que é conveniente proceder, a partir do vindeiro curso 2003-2004, a unha ampliación do número deses centros.

Por estes motivos, esta orde ten por finalidade abrir unha nova convocatoria de participación no Plan de Creación de Seccións Europeas, dentro das condicións xerais establecidas na precitada Orde do 18 de abril de 2002.

En consecuencia, e en virtude das competencias que lle son atribuídas pola normativa vixente, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria

DISPÓN:

Artigo 1º

O obxecto desta orde é establecer unha convocatoria, dirixida ós institutos de educación secundaria (IES) e centros públicos integrados (CPI) da Comunidade Autónoma de Galicia, para incorporarse ó Plan Experimental de Constitución de Seccións Europeas establecido pola Orde do 18 de abril de 2002.

Artigo 2º

As condicións para a participación no plan son as establecidas na citada Orde do 18 de abril de 2002, agás naqueles aspectos que esta orde determina.

Artigo 3º

A Dirección Xeral de Centros e Ordenación Educativa poderá autorizar un máximo de cinco centros, IES ou CPI, para incorporarse ó plan a partir do curso 2003-2004.

Na selección dos centros aplicaranse os criterios establecidos no artigo 8 da Orde do 18 de abril de 2002, coa única excepción de que na súa aplicación tamén se terán en conta as características dos centros xa autorizados pola Resolución do 8 de outubro de 2002.

Artigo 4º

A solicitude de autorización formulada pola dirección do centro, xunto con tódolos documentos xustificativos mencionados nos artigos 6 e 7 da Orde do 18 de abril de 2002, deberase tramitar perante a delegación provincial correspondente antes do 27 de xuño de 2003.

As delegacións provinciais remitiranlle á Dirección Xeral de Centros e Ordenación Educativa, antes do 18 de xullo de 2003, as solicitudes de autorización xunto cun informe da Inspección Educativa, que deberá facer constar se o proxecto presentado recolle tódolos requisitos que se establecen nos artigos 6 e 7 da citada Orde do 18 de abril de 2002.

Disposición derradeira

Única.-Autorízanse as direccións xerais de Centros e Ordenación Educativa e de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais para dictar cantas normas sexan oportunas para o desenvolvemento desta orde.

Santiago de Compostela, 26 de maio de 2003.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación

Universitaria