Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 102 Mércores, 28 de maio de 2003 Páx. 6.878

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 19 de maio de 2003 pola que se determinan os currículos e estructura do bacharelato sobre os que versarán as probas de acceso á universidade a partir do ano académico 2003-2004.

O Decreto 275/1994, do 29 de xullo, polo que se establece o currículo do bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia, no seu artigo 28 determina que o alumnado que, ó remata-lo segundo curso de bacharelato, fora avaliado negativamente en tres ou menos materias de bacharelato terá que cursar unicamente estas materias.

Como consecuencia da modificación introducida polo Real decreto 3474/2000, do 29 de decembro, o citado Decreto 275/1994 foi modificado polo Decreto 231/2002, do 6 de xuño (DOG do 15 de xullo, corrección de erros no DOG do 5 de novembro).

A disposición transitoria única do Decreto 231/2002 establece, en correspondencia coa disposición transitoria única do Real decreto 3474/2000, que a citada modificación do currículo entrará en vigor, para o segundo curso de bacharelato, no ano académico 2003-2004.

O Real decreto 1640/1999, do 22 de outubro, polo que se regula a proba de acceso a estudios universitarios, modificado e completado polo Real decreto 990/2000, do 2 de xuño, establece na súa disposición transitoria segunda que ata o curso escolar 2002-2003 os alumnos que superaran o curso de orientación universitaria ou que obtiveran a validación por este dos seus estudios estranxeiros poderán presentarse á proba de aptitude para o acceso a estudios universitarios pola súa normativa específica, e que a partir desa data farano elixindo unha ou dúas das vías previstas por esa norma.

O Real decreto 1025/2002, do 4 de outubro, polo que se modifica o Real decreto 1640/1999, establece na súa disposición transitoria única que durante os cursos académicos 2003-2004 e 2004-2005, os alumnos que cursaran o bacharelato establecido na Lei orgánica 1/1990 de acordo coa estructura e currículos vixentes con anterioridade á entrada en vigor do Real decreto 3474/2000 poderán presentarse á proba de acceso ós estudios universitarios pola normativa específica anterior á modificada polo Real decreto 1025/2002.

A Orde do 4 de xullo de 2002 (DOG do 29 de xullo) estableceu a organización académica do bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia, derrogando a Orde do 18 de maio de 2000 (DOG do 1 de xuño), pola que se establecía a implantación do bacharelato.

A finalidade desta orde é precisa-la aplicación das normas anteriormente citadas para o alumnado que teña superado o bacharelato conforme a estructura e currículos vixentes con anterioridade á entrada en vigor do Real decreto 3474/2000, ou que teña superado o curso de orientación universitaria.

En consecuencia, en virtude das disposicións derradeira primeira do Decreto 275/1994 e derradeira primeira do Decreto 231/2002, esta consellería

DISPÓN:

Artigo 1º.-Alumnado que realice completo o segundo curso de bacharelato a partir do ano académico 2003-2004.

1. O alumnado que a partir do ano académico 2003-2004 inicie os estudios de segundo curso de bacharelato ou repita este curso completo preparará as diferentes materias axustándose ós currículos establecidos no anexo do Decreto 231/2002 (DOG do 15 de xullo) e de acordo coa estructura do bacharelato establecida na Orde do 4 de xullo de 2002 (DOG do 29 de xullo).

2. As correspondentes probas de acceso a estudios universitarios efectuaranse conforme os currículos e estructura anteriormente citados, así como ás vías de acceso establecidas polo Real decreto 1025/2002 e que se recollen no anexo I.

Artigo 2º.-Alumnado que repita segundo curso con tres ou menos materias.

1. O alumnado que no ano académico 2002-2003 ou anteriores seguira ensinanzas de segundo curso do bacharelato e que nos anos académicos 2003-2004 e 2004-2005 repita con tres ou menos materias, cursará estas últimas segundo os currículos establecidos no anexo do Decreto 231/2002 (DOG do 15 de xullo), agás no caso da materia de historia da filosofía, que se axustará ó currículo publicado no DOG do 31 de agosto de 1994, vixente ata a entrada en vigor do Real decreto 3474/2000. Así mesmo, a avaliación das materias pendentes de primeiro curso de bacharelato axustarase ós currículos vixentes ata a entrada en vigor do Real decreto 3474/2000.

2. As correspondentes probas de acceso a estudios universitarios axustaranse ós currículos establecidos no anexo do Decreto 231/2002 (DOG do 15 de xullo) no caso das materias que o alumno superara nos anos académicos 2003-2004 ou posteriores, e ós publicados no anexo do Decreto 275/1994 (DOG do 31 de agosto) no caso das materias que o alumno superara no ano académico 2002-2003 ou anteriores, así como no caso da materia de historia da filosofía.

Así mesmo, esas probas efectuaranse conforme a estructura do bacharelato que foi establecida na Orde do 18 de maio de 2000 (DOG do 1 de xuño), así como ás vías de acceso establecidas no artigo 8.4º do Real decreto 1640/1999 vixentes ata a entrada en vigor do Real decreto 1025/2002 e que se recollen no anexo II.

Artigo 3º.-Alumnado que supere o bacharelato no ano académico 2002-2003 ou anteriores.

O alumnado que supere o bacharelato regulado pola Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, xeral de ordenación do sistema educativo, no ano académico 2002-2003 ou anteriores e que se presente ás probas

de acceso á universidade nas convocatorias correspondentes ós anos académicos 2003-2004 e 2004-2005, farao conforme ós currículos publicados no anexo do Decreto 275/1994 (DOG do 31 de agosto), a estructura do bacharelato que foi establecida na Orde do 18 de maio de 2000 (DOG do 1 de xuño), así como ás vías de acceso establecidas no artigo 8.4º do Real decreto 1640/1999 vixentes ata a entrada en vigor do Real decreto 1025/2002, e que se recollen no anexo II.

Artigo 4º.-Alumnado que teña superado o curso de orientación universitaria.

O alumnado que teña superado o curso de orientación universitaria poderase presentar ás probas de acceso á universidade do curso 2003-2004 e seguintes nas mesmas condicións que se recollen no artigo 1º desta orde.

Este alumnado elixirá unha ou dúas das vías de acceso establecidas no número 4º do artigo 8 do Real decreto 1640/1999, coa modificación establecida polo Real decreto 1025/2002 e que se recollen no anexo I.

Disposicións adicionais

Primeira.-O disposto nesta orde será de aplicación ó alumnado de bacharelato nas diferentes modalidades da educación de adultos.

Segunda.

1. O alumnado de educación de adultos que no ano académico 2002-2003 ou anteriores seguira ensinanzas de segundo curso de bacharelato por materias, sen telo finalizado, cursará tódalas materias das que se matricule nos anos académicos 2003-2004 e 2004-2005 segundo os currículos establecidos no anexo do Decreto 231/2002 (DOG do 15 de xullo), agás no caso da materia de historia da filosofía, que se axustará ó currículo publicado no DOG do 31 de agosto de 1994, vixente ata a entrada en vigor do Real decreto 3474/2000.

2. As correspondentes probas de acceso a estudios universitarios axustaranse ó disposto no punto 2 do artigo 2º da presente orde.

Terceira.-A resolución de calquera situación non prevista nesta orde corresponderá á Dirección Xeral de Centros e Ordenación Educativa.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízanse as direccións xerais de Centros e Ordenación Educativa, de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais e de Universidades para dictar cantas normas sexan oportunas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de maio de 2003.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

Anexo I

Vía Científico-Tecnolóxica: matemáticas II e física.

Vía de Ciencias da Saúde: bioloxía e química.

Vía de Humanidades: latín e historia da arte.

Vía de Ciencias Sociais: matemáticas aplicadas ás ciencias sociais e xeografía.

Vía de Artes: debuxo artístico e historia da arte.

Anexo II

Vía Científico-Tecnolóxica: matemáticas e física.

Vía de Ciencias da Saúde: bioloxía e química.

Vía de Humanidades: latín e historia da filosofía.

Vía de Ciencias Sociais: matemáticas aplicadas ás ciencias sociais e xeografía.

Vía de Artes: debuxo artístico e historia da arte.