Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 100 Luns, 26 de maio de 2003 Páx. 6.750

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ASUNTOS SOCIAIS, EMPREGO E RELACIÓNS LABORAIS

ORDE do 19 de maio de 2003 sobre desconcentración e delegación de competencias nos órganos da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais.

Mediante Orde do 7 de febreiro de 2003 sobre delegación de competencias en órganos centrais e periféricos da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais delegouse o exercicio de determinadas competencias legalmente atribuídas á titular da consellería na Secretaría Xeral e nos delegados provinciais no seu respectivo ámbito territorial.

A posterior publicación do Decreto 212/2003, do 3 de abril, polo que establece a estructura orgánica da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, así como a necesidade de acadar unha maior axilidade e eficacia no funcionamento da consellería no ámbito das competencias conferidas polo citado decreto, aconsellan, por unha banda, amplia-las atribucións de competencias conferidas á Secretaría Xeral no artigo 1 da citada Orde do 7 de febreiro de 2003 e, pola outra, desconcentrar nos delegados provinciais a titularidade das competencias ás que se refiren os decretos 87 e 88/1990, ámbolos dous do 15 de febreiro.

Na súa virtude, facendo uso das facultades que me confire o artigo 43.3º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, e tendo en conta o disposto nos artigos 12 e 13 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Desconcéntranse nos delegados provinciais da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, no seu respectivo ámbito territorial:

a) As atribucións que corresponden á titular da consellería como órgano de contratación para os créditos do capítulo VI nos termos e coas condicións establecidas no Decreto 87/1990, do 15 de febreiro, sobre desconcentración de competencias en materia de contratación administrativa nos delegados provinciais das consellerías da Xunta de Galicia.

b) A competencia para a concesión ou, se é o caso, a denegación das axudas e subvencións con cargo ós créditos dos capítulos IV e VII das correspondentes leis de orzamentos nos termos e coas condicións establecidas no Decreto 88/1990, do 15 de febreiro, sobre desconcentración de competencias

en materia de axudas e subvencións nos delegados provinciais ou territoriais da Xunta de Galicia.

Artigo 2º

Deléganse na Secretaría Xeral da consellería:

a) A tramitación e resolución daqueles expedientes de desconcentración dos créditos necesarios para o efectivo exercicio das funcións atribuídas ós delegados provinciais no artigo anterior.

b) A imposición de sancións pola comisión de faltas moi graves atribuída á titular da consellería polo artigo 68.3º da Lei 4/1993, do 14 de abril, de servicios sociais.

As resolucións administrativas que se adopten facendo uso das delegacións de atribucións farán constar expresamente esta circunstancia e consideraranse dictadas pola autoridade que as conferiu.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de maio de 2003.

Mª José Cimadevila Cea

Conselleira de Asuntos Sociais, Emprego

e Relacións Laborais

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA