Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 92 Mércores, 14 de maio de 2003 Páx. 6.052

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE SANIDADE

DECRETO 253/2003, do 2 de maio, polo que se modifica o Decreto 44/2002, do 8 de febreiro, que establece a estructura orgánica da Consellería de Sanidade.

O Decreto 44/2002, do 8 de febreiro, estableceu a estructura orgánica da Consellería de Sanidade,

adaptándoa ós cambios operados polos decretos 306/2001 e 310/2001, do 16 e 17 de decembro respectivamente, que determinaron a estructura orgánica da Xunta de Galicia e dos seus departamentos.

No devandito Decreto 44/2002, do 8 de febreiro, procedeuse por primeira vez á regulación, nunha mesma norma, dos órganos centrais e periféricos da Consellería de Sanidade, dedicando o capítulo II a establece-la regulación dos seus órganos periféricos.

O primeiro dos artigos deste capítulo II (artigo 15) refírese ás delegacións provinciais da Consellería de Sanidade, e recolle no seu punto terceiro as competencias que serán exercidas polos delegados provinciais.

Na letra g) do citado artigo 15.3º establecíase a competencia dos delegados provinciais da Consellería de Sanidade para incoar e tramita-los expedientes sancionadores derivados da comisión de infraccións administrativas no ámbito das súas competencias, e a resolución daqueles que lle atribúe a normativa vixente.

No mesmo punto transcrito facíase referencia tamén á competencia dos delegados provinciais, en materia de saúde pública, para propoñerlle ó conselleiro de Sanidade «a clausura e suspensión temporal ou definitiva de establecementos ou actividades, sen prexuízo de acorda-la suspensión provisional con carácter de urxencia», dándolle conta inmediata ó conselleiro de Sanidade.

Esta alusión expresa ós supostos de adopción de medidas cautelares viña suscitando na práctica dúbidas interpretativas xeradas principalmente polo teor literal do precepto, por canto empregaba dous termos distintos: «suspensión temporal» e «suspensión provisional» de establecementos ou actividades.

En relación co anterior, os artigos 26 e seguintes da Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade, prevían a posibilidade de que as autoridades sanitarias adopten motivadamente as medidas preventivas pertinentes co obxecto evitar riscos inminentes e extraordinarios para a saúde pública, citando entre estas medidas a incautación ou inmobilización de productos, a suspensión do exercicio de actividades, o peche de empresas ou das súas instalacións, a intervención de medios materiais e persoais, e outras que resulten sanitariamente xustificadas. Todo isto sen prexuízo doutras medidas do mesmo carácter que resulten procedentes de conformidade coa lexislación específica de cada actividade obxecto de control sanitario.

Co obxecto de clarifica-la redacción do punto en cuestión e solucionar definitivamente as dúbidas interpretativas, así como os problemas prácticos de tramitación dos expedientes sancionadores cando levan consigo a adopción deste tipo de medidas, cómpre establecer unha nova redacción do precepto citado.

Polo anterior, en virtude do disposto na Lei 1/1983, do 22 de febreiro (modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro), reguladora da Xunta e do seu presidente, por proposta do conselleiro de Sanidade, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día dous de maio de dous mil tres,

DISPOÑO:

Artigo único.-Modifícase a redacción da letra g) do artigo 15.3º do Decreto 44/2002, do 8 de febreiro, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Sanidade, que queda redactado do xeito seguinte:

«g) Incoar e tramita-los expedientes sancionadores derivados da comisión de infraccións administrativas no ámbito das súas competencias, e a resolución daqueles que lle atribúa a normativa vixente, así como acorda-la suspensión temporal do exercicio de actividades, a incautación ou inmobilización de productos, a intervención de medios e outras de carácter cautelar, nos supostos e coas condicións establecidas na Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade, e noutras normas sectoriais que resulten de aplicación».

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro de Sanidade para dictar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento do disposto neste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dous de maio de dous mil tres.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Mª Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade