Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 92 Mércores, 14 de maio de 2003 Páx. 6.051

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE SANIDADE

DECRETO 252/2003, do 2 de maio, de modificación do Decreto 97/2001, do 22 de marzo, de regulación básica dos órganos de dirección, asesoramento, calidade e participación das institucións hospitalarias do Servicio Galego de Saúde e do Decreto 279/2002, do 18 de xullo, polo que se regulan os órganos de dirección, asesoramento, calidade e participación do Complexo Hospitalario Universitario Juan Canalejo-Marítimo Oza da Coruña.

O Decreto 97/2001, do 22 de marzo, de regulación básica dos órganos de dirección, asesoramento, calidade e participación das institucións hospitalarias do Servicio Galego de Saúde, foi publicado no Diario Oficial de Galicia nº 93, do 15 de maio, para un ámbito de aplicación que inclúe tódolos centros de atención especializada da rede pública do Servicio Galego de Saúde.

A finalidade deste regulamento foi establecer unha regulación básica sobre órganos de dirección, asesoramento, calidade e participación dos hospitais do Servicio Galego de Saúde, sen menoscabo de poder dar respostas individuais en función da diversidade dos hospitais e do seu desenvolvemento organizativo.

O obxectivo fundamental desta norma foi reforza-la calidade dos servicios sanitarios prestados polo Servicio Galego de Saúde e darlles unha maior participación ós profesionais, ás organizacións e ós propios usuarios.

Recentemente, a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, en sentencia nº 829/2002, do 27 de novembro, relativa ó recurso 1/100672001, declarou a nulidade do artigo 7 deste decreto, en canto non prevía un mínimo de esixencias de capacidade profesional para o desenvolvemento do cargo de director, en concreto na rama de xestión e servicios xerais.

No devandito artigo 7 regulábase a provisión dos postos do equipo directivo dos hospitais do Servicio Galego de Saúde, que se efectuaría polo sistema de libre designación mediante convocatoria pública no Diario Oficial de Galicia no que poderían participa-las persoas que estivesen vinculadas a calquera Administración pública por unha relación funcionarial ou estatutaria, sempre que cumprisen os requisitos esixibles en cada caso, ou conforme o réxime laboral especial de alta dirección, regulado no Real decreto 1382/1985, do 1 de agosto, e de conformidade co previsto na disposición adicional décima da Lei 30/1999, do 5 de outubro, de selección e provisión de prazas de persoal estatutario dos servicios de saúde. Sen embargo, non se prevía un míni

mo de esixencias de capacidade profesional, como titulación ou cualificación profesional dos directivos.

Por todo isto, cómpre a modificación do devandito decreto en execución de sentencia no que atinxe ás esixencias de capacidade profesional para o desenvolvemento do cargo de director, así como dos outros órganos directivos por razóns de identidade temática ou sistemática.

Por outra banda, en virtude do disposto no artigo 1.2º do Decreto 97/2001, do 18 de xullo de 2002, aprobouse o Decreto 279/2002, de regulación básica dos órganos de dirección, asesoramento, calidade e participación do Complexo Hospitalario Juan Canalejo-Marítimo Oza da Coruña, que no seu artigo 6 regula a provisión de postos do equipo directivo en consonancia coa regulación do Decreto 97/2001. A modificación deste decreto motiva a necesidade de adecuación do Decreto 279/2002 á nova regulación.

Na súa virtude, de conformidade co establecido no artigo 34.4º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, por proposta do conselleiro de Sanidade e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día dous de maio de dous mil tres,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Modificación do artigo 7 do Decreto 97/2001.

«Artigo 7º.-Provisión dos postos do equipo directivo.

1. Os postos de carácter directivo dos hospitais do Servicio Galego de Saúde proveranse polo sistema de libre designación mediante convocatoria publicada no Diario Oficial de Galicia. As convocatorias deberán requirir dos aspirantes que posúan, como requisito mínimo de capacidade profesional para o desenvolvemento do cargo de director ou subdirector a titulación esixida nos seguintes parágrafos, así como que estean vinculados a calquera Administración pública por unha relación funcionarial ou estatutaria, ou contratadas conforme o réxime laboral especial de alta dirección, regulado no Real decreto 1382/1985, do 1 de agosto, e de conformidade co previsto na disposición adicional décima da Lei 30/1999, do 5 de outubro, de selección e provisión de prazas de persoal estatutario dos servicios de saúde.

2. Para acceder ós postos de director xerente e director requirirase a titulación superior de licenciado, enxeñeiro ou arquitecto que determine cada convocatoria. Para o acceso ós postos de subdirector, ademais dos titulados superiores anteriores, poderán accede-los aspirantes que posúan titulación media de diplomado ou equivalente nos termos que se fixen na convocatoria en función do posto que se vai cubrir.

3. Da norma xeral anterior exceptúanse as convocatorias de postos de director e subdirector médico, así como de director e subdirector de enfermería.

Para estes postos as convocatorias requirirán algunha das titulacións específicas seguintes:

-Para a cobertura de director de enfermería e subdirector de enfermería: titulación de diplomado de enfermería.

As convocatorias para a cobertura de subdireccións de enfermería poderán incluír, ademais de diplomados en enfermería, outras diplomaturas ou titulacións equivalentes, nalgunhas das titulacións requiridas para o acceso ás categorías do grupo B de titulación incluídas no ámbito de aplicación do estatuto xurídico do persoal sanitario non facultativo das institucións sanitarias do Sistema Nacional de Saúde.

-Para a cobertura de director médico ou subdirector médico, ou posto equivalente con responsabilidades ou funcións na área médica: titulación de licenciado en medicina e cirurxía.

As convocatorias para a cobertura de subdireccións médicas poderán incluír, ademais de licenciados en medicina e cirurxía, algunha das titulacións requiridas para o acceso ás categorías e especialidades incluídas no ámbito de aplicación do estatuto xurídico de persoal facultativo das institucións sanitarias do Sistema Nacional de Saúde».

Artigo 2º.-Modificación do artigo 6 do Decreto 279/2002.

«Artigo 6º.-Provisión dos postos do equipo directivo.

Para a provisión dos postos de carácter directivo do Complexo Hospitalario Universitario Juan Canalejo observarase o disposto no artigo 7 do Decreto 97/2001, do 22 de marzo».

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro de Sanidade para dicta-las disposicións necesarias para o desenvolvemento e execución do establecido neste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dous de maio de dous mil tres.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Mª Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade