Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 91 Martes, 13 de maio de 2003 Páx. 6.008

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA AGROALIMENTARIA E DESENVOLVEMENTO RURAL

ORDE do 29 de abril de 2003 pola que se amplían as liñas de axuda para mellora-la formación, xestión e consolidación do asociacionismo agrario en Galicia e se convocan para o ano 2003.

A Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural ten dentro das súas prioridades o apoio ás entidades asociativas, contando con diversas liñas de apoio a elas, que se inclúen na Orde do 27 de febreiro de 2003, pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para mellora-la formación, xestión e consolidación do asociacionismo agrario en Galicia e se convocan as axudas para o ano 2003, publicada o 10 de marzo de 2003, (DOG nº 48).

Tamén considera de grande interese a correcta xestión dos residuos das explotacións agrarias galegas, e particularmente os derivados das actividades gandeiras, que debe basearse nos principios xerais de prevención, valorización e, en último termo, eliminación controlada, tal como se establece na Estratexia Comunitaria de Xestión de Residuos. Dentro desta estratexia, a valorización dos residuos a través do seu tratamento e/ou transformación adquire moita importancia por permiti-lo aforro de fertilizantes ou de enerxía, mellorando a competitividade do sector.

Así mesmo, a creación de instalacións centralizadas de tratamento permite por economía de escala aforrar custos de instalación e posterior explotación, tendo ademais, no caso de ser promovidas por entidades de base asociativa, a vantaxe das maiores garantías de subministración de productos e consecuentemente de funcionamento.

Por outra banda, e dentro da liña específica de apoio ás entidades asociativas incluída na medida 1.2 do Programa Operativo Integrado de Galicia 2000-2006, a Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural ten a posibilidade de apoia-los investimentos realizados polas devanditas entidades.

En consecuencia, esta consellería considera interesante apoia-los investimentos promovidos por entidades asociativas dirixidos á creación de instalacións centralizadas de tratamento de residuos de explotacións que supoñan unha valorización destes, ampliando para iso as liñas de axuda para mellora-la formación, xestión e consolidación do asociacionismo agrario en Galicia.

Por todo o exposto, en consonancia co establecido no artigo 30º. I. 1 e 3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e no uso das facultades que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

O obxecto desta orde é amplia-las liñas de actuación establecidas na Orde do 27 de febreiro de 2003 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para mellora-la formación, xestión e consolidación do asociacionismo agrario en Galicia e se convocan as axudas para o ano 2003, publicada o 10 de marzo de 2003, (DOG nº 48), establecendo e convocando para a presente anualidade unha nova liña de axudas para os investimentos en instalacións conxuntas de tratamento e valorización de residuos agrarios, coas características e requisitos que se sinalan a seguir.

Sección primeira.

Axudas para os investimentos en instalacións conxuntas de tratamento e valorización de residuos agrarios.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

Poderanse acoller a estas axudas as cooperativas agrarias e as súas entidades participadas, sempre que teñan a sede social na Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 3º.-Condicionantes.

1. Só se admitiran como subvencionables os investimentos destinados ó tratamento conxunto e centralizado dos residuos das explotacións agrarias, excluídos os de carácter forestal, sempre que inclúan a súa valorización.

2. Os investimentos non poden estar iniciados con anterioridade á presentación da solicitude de axuda.

Artigo 4º.-Conceptos subvencionables e contía económica.

1. Considéranse subvencionables os seguintes conceptos:

a) Construcción e adquisición de bens inmobles, excepto a compra de terreos.

b) Maquinaria e equipamentos novos, incluídos os programas informáticos e os soportes lóxicos.

c) Os gastos de proxecto, dirección de obra e estudios de viabilidade, patentes e licencias, sen que, en todo caso, superen o 12% dos custos indicados nas alíneas a e b anteriores.

2. As axudas consistirán en subvencións a fondo perdido de ata un 50% dos investimentos.

3. Estas axudas están cofinanciadas polo Feoga-Orientación nos termos establecidos no Programa Operativo Integrado de Galicia 2000-2006.

Artigo 5º.-Solicitudes e documentación.

As solicitudes de axuda presentaranse segundo o modelo do anexo I da Orde do 27 de febreiro de 2003, acompañadas da documentación de carácter xeral indicada no artigo 39 da devandita orde, así como da documentación específica que se sinala a seguir:

a) Estudio, anteproxecto ou proxecto que conteña a seguinte información:

-Datos de identificación do solicitante, capital social, relación de socios ou accionistas e actividades actuais.

-Descrición do sistema de procesamento que se vai instalar (tecnoloxía, capacidade de producción, volume e características dos residuos que se van tratar e dos productos que se van obter, comercialización dos productos finais).

-Relación desagregada e cuantificada dos investimentos que se prevé realizar.

-Análise do impacto ambiental do proxecto.

-Financiamento do proxecto, contas de explotación previsionais e análise económica do investimento.

-Planos de localización, obras e instalacións básicas, así como de distribución da maquinaria e equipamentos.

b) Xustificación do orzamento proposto mediante a presentación de ofertas, facturas pro forma ou orzamento desagregado por unidades de obra.

c) No caso de investimentos que inclúan novas construccións: xustificación da dispoñibilidade actual ou futura do terreo e da súa cualificación urbanística.

d) Copia da escritura de constitución.

Artigo 6º.-Criterios de valoración.

1. Para a aprobación das solicitudes de axuda teranse en conta como criterios preferenciais:

-A capacidade de tratamento de residuos.

-A tecnoloxía utilizada.

-A viabilidade económica e financeira.

2. Ós criterios de valoración citados anteriormente outorgaráselles ata unha puntuación máxima de dous, tres e cinco puntos, respectivamente.

Artigo 7º.-Pagamento das axudas.

1. O beneficiario poderá xustifica-lo investimento dunha soa vez ou de forma fraccionada, de acordo coas condicións establecidas na resolución, sen que en todo caso o número de pagamentos fraccionados sexa superior a tres.

2. As solicitudes de pagamento presentaranse acompañadas da seguinte documentación:

a) Xustificantes dos investimentos efectuados, que consistirán de forma xeral nas facturas orixinais,

sobre as que se realizará a toma de razón, e das que se entregará unha fotocopia. As facturas deberán estar acompañadas dos xustificantes do seu pagamento efectivo, dos que se entregará tamén unha fotocopia.

b) Relación das diferencias existentes entre os traballos previstos e os que se realizaron.

c) Declaración do beneficiario sobre outras axudas concedidas e/ou solicitadas para os mesmos investimentos, achegando, se é o caso, copia da resolución de concesión.

d) Acreditación formal actualizada de estar ó día nas obrigas tributarias ante a Axencia Estatal de Administración Tributaria e fronte á Seguridade Social, así como de non ter débedas pendentes de pagamento coa Administración pública desta Comunidade Autónoma (Consellería de Economía e Facenda). Non obstante, quedan exentas de achega-los xustificantes do cumprimento das obrigas, as entidades beneficiarias de axudas que non superen os 1.500 A, de acordo co establecido no artigo 42 da Lei 6/2002, do 27 de decembro, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2003.

e) Fotocopia do NIF e certificado bancario de existencia da conta bancaria onde se solicita que se ingrese a subvención, xunto coa ficha de domiciliación de pagamentos correspondente.

f) Calquera outra que se indique expresamente na resolución de concesión.

3. Con carácter excepcional e por resolución motivada da consellería, poderase autorizar un anticipo de ata o 50% da subvención naqueles casos en que o investimento esixa pagamentos inmediatos, sen prexuízo das limitacións que poidan existir se é o caso na normativa básica da Union Europea sobre fondos estructurais. Nese caso será necesario presentar unha garantía constituída mediante seguro de caución, prestado por unha entidade aseguradora ou mediante aval solidario da entidade de crédito ou sociedade de garantía recíproca, que deberá acadar como mínimo ata os dous meses seguintes ó remate do prazo de xustificación previsto.

A garantía deberá cubri-lo importe do anticipo, xunto cos xuros deste, que se calcularán segundo o tipo de xuro legal do diñeiro que estea vixente no momento da concesión, e polo prazo que medie entre a data da solicitude e como mínimo aquela na que se cumpran dous meses desde a data de remate do prazo de xustificación previsto. Unha vez comprobada a realización da actividade ou proxecto para o que se concedeu a subvención, liberaranse as garantías.

Artigo 8º.-Compatibilidade.

As axudas establecidas nesta orde son compatibles con calquera outras para o mesmo fin, sempre que non estean financiadas ou cofinanciadas por outros fondos estructurais da Unión Europea, e que o seus importe sumado ó concedido a través desta orde non supere o 50% de subvención total.

Sección segunda.

Convocatoria para 2003.

Artigo 9º.-Prazo de presentación .

Para o ano 2003, o prazo de presentación de solicitudes para esta liña de axuda será de 40 días hábiles contados a partir do día seguinte ó de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

As solicitudes dirixiranse ó conselleiro de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural. Presentaranse preferentemente no rexistro xeral desta consellería nos servicios centrais, ou do xeito previsto no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Artigo 10º .-Tramitación.

A tramitación, resolución, seguimento e control e réxime de recursos destas axudas, será o establecido na sección sexta da Orde do 27 de febreiro de 2003, pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para mellora-la formación, xestión e consolidación do asociacionismo agrario en Galicia e se convocan as axudas para o ano 2003, (DOG nº 48, do 10 de marzo).

Artigo 11º.-Financiamento.

As axudas previstas nesta orde financiaranse con cargo ó concepto orzamentario 09.04.713A.770.0, dotado inicialmente con 100.000 euros para o ano 2003 , así como con cargo a outros remanentes que poidan existir no mesmo concepto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Industrias e Promoción Agroalimentaria da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural para que, no ámbito das súas competencias, dicte as normas necesarias para a correcta aplicación, desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de abril de 2003.

Juan Miguel Diz Guedes

Conselleiro de Política Agroalimentaria

e Desenvolvemento Rural