Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 91 Martes, 13 de maio de 2003 Páx. 6.002

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 21 de abril de 2003 pola que se convocan axudas económicas para a realización de actividades de formación dirixidas ó profesorado de niveis non universitarios da Comunidade Autónoma de Galicia durante o ano 2003, e organizadas polo movementos de renovación pedagóxica ou asociacións e fundacións con fins pedagóxicos, legalmente constituídas.

O Estatuto de autonomía de Galicia establece, no seu artigo 31, a súa competencia plena para o regulamento e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, no ámbito das súas competencias e sen prexuízo do disposto no artigo 27 da Constitución e nas leis orgánicas que o desenvolvan.

A Lei orgánica 10/2002, de calidade da educación, dispón que as administracións educativas promoverán a mellora continua da cualificación profesional dos profesores e a adecuación dos seus coñecementos e métodos á evolución da ciencia e das didácticas específicas (artigo 57.1º).

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, consciente da importancia que ten a formación permanente do profesorado de cara á mellora da calidade do ensino e á potenciación no uso do galego e a renovación da metodoloxía e das técnicas didácticas que se aplican nos centros docentes, e consciente da repercusión e incidencia real que teñen os movementos de renovación pedagóxica e asociacións e fundacións pedagóxicas, en canto a que contribúen ó desenvolvemento deste proceso e potencian a realización de actividades de perfeccionamento, pretende facilita-lo logro destes obxectivos a través da concesión de axudas económicas.

Na súa virtude, esta consellería

DISPÓN:

1. Convócanse axudas económicas para a organización durante o ano 2003 de actividades de formación do profesorado dirixidas a profesores que imparten a súa docencia en niveis non universitarios, que estean homologadas pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e que dinamicen o ensino en galego.

2. O importe máximo total das axudas que se conceden é de 90.152 euros, con cargo ó concepto orzamentario 07.04.322I.480.0. A cantidade máxima que se concederá por movemento de renovación pedagóxica ou asociación non será superior a 9.100 euros.

O gasto que se proxecta está condicionado á existencia do crédito adecuado e suficiente nos orzamentos do exercicio do ano 2003.

3. Poderán ser beneficiarios destas axudas os movementos de renovación pedagóxica e as asociacións e fundacións pedagóxicas legalmente constituídas e recoñecidas cando nos seus estatutos figure como fin preferente a formación do profesorado e desenvolvan as súas actividades na Comunidade Autónoma de Galicia, e sempre que teñan xustificadas as axudas concedidas en anteriores convocatorias.

4. Os movementos de renovación e as asociacións e fundacións pedagóxicas interesadas deberán dirixi-las súas solicitudes, conforme o modelo que figura no anexo I, á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais; San Caetano s/n, 15781 Santiago de Compostela.

As solicitudes deberán presentarse no rexistro xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, nas súas delegacións provinciais ou nos lugares que determina o artigo 38.4º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, xunto coa seguinte documentación:

A) Programa das actividades desenvolvidas ou que van desenvolver, conforme o modelo que figura no anexo II.

B) Orzamento, conforme o anexo IV, tendo en conta os módulos económicos e os conceptos que figuran no anexo III.

C) Copia compulsada dos documentos que acreditan a súa constitución legal.

D) Copia compulsada dos estatutos da entidade.

E) Copia do CIF.

F) Documentación acreditativa da representación que exerce o solicitante.

G) Certificación bancaria da conta corrente.

H) Declaración xurada asinada polo representante legal do movemento de renovación pedagóxica, da asociación ou da fundación indicando se recibe outras axudas para o desenvolvemento das actividades. En caso afirmativo, especifica-la contía e a entidade que a concede.

A documentación das letras C, D, E e F non terá que ser achegada polos movementos de renovación pedagóxica e asociacións e fundacións pedagóxicas que xa recibisen axudas económicas en anos anteriores, sempre e cando non tivesen variación nos seus datos.

De acordo co establecido no artigo 71 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, para aquelas solicitudes que non acheguen os documentos anteriormente sinalados, requirirase do interesado que nun prazo de dez días naturais emende as faltas ou remita os documentos preceptivos; de non facelo, considerarase que desistiu da súa petición e arquivarase o expediente.

5. O prazo para a presentación de solicitudes será de dous meses contados a partir do día seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

6. As actividades (deseño, convocatoria, publicidade, desenvolvemento, certificacións, etc.) faranse en galego e de acordo co Decreto 173/1982, sobre normativización da lingua galega, e coa disposición adicional da Lei 3/1983, de normalización lingüística, e irán dirixidas fundamentalmente a profesores en activo na Comunidade Autónoma.

7. Financiaranse prioritariamente aquelas actividades que fomenten o ensino en galego e que coincidan basicamente cos obxectivos xerais da política educativa establecidos pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, especialmente os definidos no Plan Anual de Formación e que versen sobre os seguintes temas considerados como prioritarios:

a) Deseño e desenvolvemento curricular.

b) Contidos transversais do currículo.

c) Atención á diversidade.

d) Educación de adultos.

e) Modalidades, técnicas e instrumentos de avaliación.

f) Xestión e organización de centros educativos.

g) Orientación e titoría.

8. A contía das axudas establecerase en función do número de solicitudes, da adecuación dos proxectos ó establecido no artigo 7 desta convocatoria e da dispoñibilidade orzamentaria, tendo en conta ademais que, sumadas a outros recursos que se obteñan, non excedan dos gastos orzados para as actividades

programadas, e a súa distribución farase en función dunha programación anual de actividades, tendo en conta criterios como calidade, número de horas de docencia, número de asistentes, etc.

9. Comisión de selección. Constituirase unha comisión de selección integrada por:

Presidenta: a directora xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais, ou persoa en quen delegue.

Vocais:

-O xefe do Servicio de Formación do Profesorado.

-O xefe do Servicio de Plans e Programas do Ensino da Lingua Galega da Dirección Xeral de Política Lingüística.

-Un funcionario do Servicio de Formación do Profesorado.

-Un funcionario da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria que actuará como secretario, con voz e sen voto.

-Por cada un dos sindicatos da Mesa Sectorial Docente poderá asistir un representante ás sesións da comisión con voz e sen voto. Coa debida antelación, o nome do representante sindical seralle comunicado á presidenta da comisión de selección.

10. Resolución da convocatoria. Unha vez rematado o proceso de selección, formularáselle a proposta de concesión de axudas ó conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, determinando en cada caso a contía das axudas. A orde de concesión de axudas será publicada no Diario Oficial de Galicia.

Contra esta resolución os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 4/1999 (BOE do 14 de xaneiro), de modificación da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente o recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

No suposto de non resolverse expresamente esta convocatoria no prazo de seis meses desde a súa publicación, e sen prexuízo da súa posterior resolución, as solicitudes entenderanse desestimadas.

11. O pagamento das axudas económicas concedidas farase nun só libramento, unha vez feita a debida xustificación de gastos e de realización da actividade, a xustificación farase ata o 30 de outubro de 2003 para as actividades realizadas ata o 30 de setembro, e ata o 5 de decembro de 2003 para as actividades que se realicen en outubro e novembro do mesmo ano. A devandita xustificación farase unicamente polos conceptos e módulos que figuran no anexo III, e de acordo coas instruccións que figuran no anexo V.

Cando a xustificación de gastos non se axuste ó anexo V, por presentar facturas ou recibín incom

pletos ou incorrectos, pagarase unicamente a cantidade da axuda concedida que estea correctamente xustificada.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria poderá completar estas instruccións poñéndoas en coñecemento dos interesados cando se lles comunique a contía da axuda concedida.

12. O importe da axuda, tendo en conta os recursos que xere a actividade e outras subvencións ou axudas para a mesma finalidade, poderá reducirse no suposto de que, á hora de presenta-la xustificación da axuda, houbese unha diminución dos gastos orzados que supoña que a axuda supera a diferencia entre os ingresos e os gastos reais.

13. Obrigas dos beneficiarios. Son obrigas dos beneficiarios das axudas, segundo o artigo 6 da Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa, que modifica o artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro:

a) Someterse ás actuacións de comprobación que realice a Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais e ás de control financeiro que lles corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma e ó Consello de Contas.

b) Comunicarlle á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria a obtención de calquera outra subvención ou axuda para a mesma finalidade, procedente de calquera Administración ou ente público.

14. O incumprimento das condicións establecidas nesta orde constituirá obriga de reintegro, total ou parcial, da subvención ou axuda percibida, consonte cos artigos 19 e 20 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro.

Calquera alteración das condicións tidas en conta para a concesión das axudas: número de horas, número de asistentes e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, segundo o punto 7º do artigo 6 da citada Lei 8/1999.

15. A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria poderá levar a cabo as inspeccións oportunas orientadas a comproba-la veracidade dos datos facilitados, así como a utilización dos fondos concedidos.

16. Autorízase a Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais para dicta-las instruccións necesarias para a aplicación e o desenvolvemento desta orde.

17. Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de abril de 2003.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación

Universitaria

ANEXO V

Xustificación de gastos:

-Os recibín deben especifica-la retención do 15% de IRPF, número de horas, concepto (docencia, conferencia ou coordinación, etc.).

-Tódalas facturas deben vir debidamente cubertas, sen emendas, a nome da asociación e indicando tamén nome da actividade que xera o gasto. Deben corresponder ó período que se xustifica e especificar CIF ou NIF, e IVE.

-As facturas de desprazamentos, aloxamento ou manutención dos relatores ou coordinador deben incluír: número de quilómetros, número de comidas ou número de días de utilización dun cuarto, segundo o caso.

-As facturas de material teñen que especificar: concepto, número de unidades, custo por unidade e importe total.

-Cada actividade debe xustificarse por separado.

-Presentaranse recibín, facturas e folla resumo por triplicado.

1. Xustificantes do gasto:

a) Recibín (orixinais ou copias compulsadas) dos perceptores de contías por gastos de ensino ou persoal subalterno e por desprazamentos de relatores e coordinador.

b) Facturas de aloxamento e manutención (orixinal ou copia compulsada).

c) Facturas de gastos de material (orixinal ou copia compulsada).

2. Folla resumo de ingresos e gastos de cada actividade (para achegar ás facturas e recibín):

a) Ingresos totais:

b) Gastos (desagregados):

-De ensino:-De persoal subalterno:-De material:-Outros gastos de relatores e coordinador:-De difícil xustificación:

Total gastos:

CONSELLERÍA DE POLÍTICA AGROALIMENTARIA E

DESENVOLVEMENTO RURAL