Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 91 Martes, 13 de maio de 2003 Páx. 6.002

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE INNOVACIÓN, INDUSTRIA E COMERCIO

DECRETO 250/2003, do 8 de maio, polo que se modifica o Regulamento de organización e funcionamento do Instituto Enerxético de Galicia (Inega).

A Lei 3/1999, do 11 de marzo, de creación do Instituto Enerxético de Galicia, e o Decreto 280/1999, do 4 de novembro, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do dito ente de dereito público, regulan a súa estructura básica. A referida normativa recolle, á súa vez, as distintas clases de persoal do instituto.

No ámbito da Administración pública en xeral e dos entes públicos en particular, débese intentar estructurar unha regulación da cobertura de postos de traballo desde as perspectivas dos intereses do sector público, que deben coincidir co ben común, e buscando a súa optimización, con base nos principios xerais que rexen a teoría da organización administrativa, os de racionalidade, eficiencia e economía.

Todo isto debe levarse a cabo sen esquece-la homoxeneidade co resto do persoal ó servicio do aludido sector público.

Polo tanto, as relacións de carácter laboral no Inega regúlanse polo preceptuado na lexislación laboral e no seu acordo empresa e, por conseguinte, para os efectos de propiciar unha axeitada mobilidade do persoal laboral que facilite unha maior axilidade na cobertura de prazas reservadas a ese persoal, lévase a cabo a modificación do artigo 9.1º do Decreto 280/1999, do 4 de novembro, que aproba o Regulamento de organización e funcionamento do Instituto Enerxético de Galicia.

En consecuencia, por proposta do conselleiro de Innovación, Industria e Comercio, de conformidade co dictame do Consello Consultivo de Galicia e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día oito de maio de dous mil tres,

DISPOÑO:

Artigo único.-O artigo 9.1º do Decreto 280/1999, do 4 de novembro, que aproba o Regulamento de organización e funcionamento do Instituto Enerxético de Galicia, terá, no sucesivo, a seguinte redacción:

«Artigo 9º.-Persoal do instituto.

1. O personal da entidade estará integrado, conforme a relación de postos de traballo que aprobe o Consello de Administración, por:

a) O persoal laboral que sexa contratado de acordo cos requisitos establecidos pola normativa vixente, e o procedente da Administración da Xunta de Gali

cia que se adscriba ó Instituto, sen alteración da súa situación laboral.

b) O persoal funcionario ó servicio da Administración da Xunta de Galicia que se adscriba ó instituto a través dos sistemas de provisión de postos de traballo previstos na normativa vixente, sen alteración da súa situación administrativa.

c) O persoal de alta dirección, ó que lle será de aplicación o réxime previsto na Lei 10/1996, do 5 de novembro, sobre actuación de entes e empresas nas que ten participación maioritaria a Xunta de Galicia. Excluirase especificamente do contrato deste persoal todo tipo de cláusula de blindaxe ou indemnizatoria similar por resolución contractual anticipada, de conformidade coas previsións que poidan introducir ó respecto as leis de orzamentos.».

Disposición derradeira

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, oito de maio de dous mil tres.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Juan Rodríguez Yuste

Conselleiro de Innovación, Industria e Comercio