Na base común 12 da Orde do 12 de marzo de 2002 (DOG do 18 de marzo) regúlase e establécese a necesidade de realizar prácticas docentes previas ó nomeamento dos interesados como funcionarios de carreira, co obxecto de valora-las aptitudes didácticas dos aspirantes que aprobaron a fase de oposición.
Na súa virtude, esta dirección xeral
RESOLVE:
Primeiro.-Para a valoración dos aspirantes ó corpo de ensino secundario serán nomeadas tres comisións cualificadoras, unha para as disciplinas de xeografía e historia, francés, música e psicoloxía e pedagoxía; outra para as disciplinas de matemáticas e tecnoloxía e outra para as disciplinas da formación profesional específica, formadas por especialistas nas respectivas áreas e que terán a seguinte composición:
-Presidente: un inspector ó servicio da Administración educativa nomeado polo director xeral de Persoal por proposta da Inspección Central.
-Un máximo de catro vocais, designados entre os profesores de ensino secundario.
Segundo.-Para a valoración dos aspirantes ó corpo de profesores técnicos de formación profesional específica será nomeada unha comisión cualificadora, formada por especialistas nas respectivas disciplinas e que terá a seguinte composición:
-Presidente: un inspector ó servicio da Administración educativa nomeado polo director xeral de Persoal por proposta da Inspección Central.
-Un máximo de catro vocais, designados entre os profesores técnicos de formación profesional.
Terceiro.-A Inspección ó servicio da Administración educativa poderá visita-lo profesorado en prácticas e emitirá un informe sobre o desenvolvemento da súa función, que será tido en conta pola comisión avaliadora.
Santiago de Compostela, 22 de abril de 2003.
Severino Somoza Gómez
Director xeral de Persoal