Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 85 Luns, 05 de maio de 2003 Páx. 5.614

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INNOVACIÓN, INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 23 de abril de 2003, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se autoriza administrativamente, se declara de utilidade pública e se aproba o proxecto de execución da liña aérea de transporte de enerxía eléctrica a 132 kV, parque eólico Goia-Peñote apoio número 6 da L.A.T. 132 kV parque eólico Lomba-parque eólico Ventoada, nos termos municipais de Xermade, Vilalba e Muras, provincia de Lugo. (Expediente 011/2001 A.T.).

Examinado o expediente instruído por pedimento da empresa Gamesa Energía, S.A., con enderezo para efectos de notificacións en avda. do Cruceiro da Coruña 201-A, 15705 Santiago de Compostela, resultan os seguintes:

Antecedentes de feito.

Primeiro.-Con data 8 de maio de 2001 a citada empresa solicita a autorización administrativa, aprobación do proxecto de execución e a declaración de utilidade pública da citada instalación; presentando o preceptivo proxecto de instalacións a que fai referencia o Real decreto 1995/2000, do 1 de

decembro, polo que se regulan as actividades de trasporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, así como a relación concreta e individualizada de bens e dereitos afectados pola instalación que determina o artigo 53 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico.

As características técnicas básicas da instalación son as seguintes:

Liña de alta tensión (L.A.T.) aérea a 132 kV desde o parque eólico Goia Peñote ata o apoio nº 6 da L.A.T. parque eólico Lomba-parque eólico Ventoada, sobre apoios metálicos de celosía, composta por un circuíto cun conductor por fase LA-180 e cable de terra OPGW, de 7.707 metros de lonxitude, nos concellos de Xermade, Vilalba e Muras (Lugo).

Segundo.-A Delegación Provincial da Consellería de Innovación, Industria e Comercio de Lugo someteu o citado proxecto de instalacións, xunto coa relación de bens e dereitos afectados, a trámite de información pública mediante Resolución do 27 de marzo de 2002, publicada no DOG do 16 de abril, no BOP de Lugo do 16 de abril e no diario El Progreso do 16 de abril, no taboleiro de anuncios dos concellos de Xermade, Vilalba e Muras e na Delegación Provincial de Lugo; así mesmo, a delegación provincial notificou individualmente a mencionada solicitude a cada un dos interesados que figuran na dita relación.

Separadamente presentáronse aquelas partes do proxecto que afectan a bens, instalacións, obras ou servicios, centros ou zonas dependentes doutros organismos públicos ou corporacións, co fin de que, se é o caso, establecesen o condicionado procedente.

Terceiro.-Durante o período en que se someteu a trámite de información pública formuláronse as seguintes alegacións:

1. Eladio Camba López manifesta que existe un erro na titularidade do predio nº 4.

2. Digna Carballido Reigosa e, separadamente, Aquilino Cuba Camba, alegan que a utilidade pública non pode prevalecer sobre a conservación dun hábitat natural prioritario que está proposto para a súa inclusión na Rede Natura 2000. Propoñen unha traza alternativa para reduci-lo impacto ambiental e sinalan que unha liña subterránea tería menos impacto visual, e solicitan que se realice esta variante.

3. Rafael Corral Bellas, en representación do grupo ecoloxista Guerrilleiros das Fragas-F.E.G., considera que o plan sectorial eólico de Galicia, e como tal, a presente liña de evacuación dun parque eólico, ten grandes deficiencias en materia de protección ambiental, e que o presente proxecto constitúe un exemplo máis desta cuestión, situándose no espacio natural Serra do Xistral, proposto como LIC. Apunta cuestións relativas ó estudio ambiental, sinalando unha serie de carencias, e alega impactos sobre a

rede hidrolóxica, vexetación arbórea, hábitats naturais, emisión de ruídos, campos electromagnéticos e impacto sobre a avifauna por colisión e electrocución.

4. Jesús Prieto Carballal, Orlando Pena Chao, Pablo Fernández Pena, Pablo Fernández Ladra, Pedro Trinidad Paz, Celestino Mouriño Ramudo, Manuel Pernas Gómez e José María Pardo Vérez, comuneiros da CMVMC de Lousada (Xermade) alegan que se debería ter incluído á comunidade na relación de bens e dereitos afectados, dado que na asemblea xeral non se adoptou acordo ningún en relación coa liña, senón só co parque.

Cuarto.-O 12 de febreiro de 2003, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental resolveu aproba-la declaración de impacto ambiental da citada liña, publicada no DOG del 14 de marzo de 2003, notificándose ó promotor o 5-3-2003.

Quinto.-A solicitude obxecto deste expediente está informada favorablemente pola Delegación Provincial de Lugo, comprobándose mediante inspección sobre o terreo o trazado proposto para a instalación desta liña, que nos bens afectados, sobre os que se solicitan os beneficios de expropiación, para os efectos da servidume de paso, non se dan as prohibicións nin limitacións previstas no artigo 57 le a Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico.

Fundamentos de dereito.

Primeiro.-A Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas é a competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia, o Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, o Decreto 132/1982, do 4 de novembro, o Decreto 8/2003, do 18 de xaneiro, e o Decreto 15/2002, do 24 de xaneiro, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Innovación, Industria e Comercio, modificado polos decretos 8/2003, do 18 de xaneiro, e 23/2003, do día 20 do mesmo mes, en relación co Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro e a Lei 54/1997, do 27 de novembro, xa citados.

Segundo.-O proxecto cumpre o disposto no Decreto 3151/1968, do 28 de novembro, polo que se aproba o Regulamento de liñas eléctricas de alta tensión e, en concreto, nos seus artigos 5 e 6.

Terceiro.-Á vista das alegacións presentadas, da contestación a elas por parte da empresa promotora e o resto da documentación que consta no expediente, queda de manifesto que:

1. Con respecto ás alegacións referidas a posibles erros na determinación de servidumes así como na natureza dos terreos afectados, estas tomaranse en consideración cando se proceda ó levantamento de actas de ocupación incluíndose na correspondente folla de aprecio.

2. En relación cos cambios de titularidade nas parcelas, a empresa beneficiaria tomará razón delas e procederase a tramita-lo expediente de expropiación forzosa cos alegantes. Non obstante, durante a fase do levantamento de actas previas á ocupación,

á que serán convenientemente notificados, deberán presenta-la documentación acreditativa da dita titularidade.

3. As alegacións de carácter ambiental foron tidas en conta na declaración de impacto ambiental do proxecto.

4. Non podemos aceptar a alegación formulada por Digna Carballido Reigosa e Aquilino Cuba Camba, relativa á variante subterránea, dado que non se dan as condicións establecidas no artigo 153 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

5. En relación coa alegación formulada por Jesús Prieto Carballal, Orlando Pena Chao, Pablo Fernández Pena, Pablo Fernández Ladra, Pedro Trinidad Paz, Celestino Mouriño Ramudo, Manuel Pernas Gómez e José María Pardo Vérez, comuneiros da CMVMC de Lousada (Xermade), consta no expediente un acordo asinado por Luis Caamaño Martínez (representante de Gamesa Energía, S.A.) e por Artemio García Baamonde (presidente da CMVMC de Lousada), constituíndo unha servidume de paso de enerxía eléctrica da citada liña, en escritura pública ante o notario Juan Cora Guerreiro. Polo que procede a súa desestimación.

Cuarto.-No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites regulamentarios.

Esta dirección xeral, de acordo con todo o que antecede e no exercicio das competencias que ten atribuídas.

RESOLVE:

1. Autoriza-la liña aérea de transporte de enerxía eléctrica a 132 kV, parque eólico Goia-Peñote apoio número 6 da L.A.T. 132 kV parque eólico Lomba-parque eólico Ventoada, nos termos municipais de Xermade, Vilalba e Muras (Lugo).

2. Aproba-lo proxecto de execución da instalación eléctrica que se cita.

3. Declara-la utilidade pública, en concreto, da instalación eléctrica que se autoriza, o que implica a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licencias ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, cabe interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Innovación, Industria e Comercio no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da notificación desta resolución, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que estimen pertinente.

Santiago de Compostela, 23 de abril de 2003.

Ramón Ordás Badía

Director xeral de Industria, Enerxía e Minas

CONSELLERÍA DE POLÍTICA AGROALIMENTARIA

E DESENVOLVEMENTO RURAL