Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 83 Mércores, 30 de abril de 2003 Páx. 5.472

V. ADMINISTRACIÓN DE XUSTIZA

XULGADO DE PRIMEIRA INSTANCIA E INSTRUCCIÓN NÚMERO UN DE SANTIAGO DE COMPOSTELA

CÉDULA de notificación de sentencia (311/2002).

En Santiago de Compostela o 18 de marzo de 2003.

Vistos por min, Pura Caaveiro Ameneiro, maxistrada-xuíza do Xulgado de Primeira Instancia e Instrucción número un de Santiago de Compostela e o seu partido, estes autos seguidos ante este xulgado baixo o número 311/2002, por instancia de Servanda López Díaz, representada pola procuradora Sra. Alfonsín Somoza, contra Miguel Alejandro Fernández Quintana, non comparecido e en situación procesual de rebeldía, sobre disolución do matrimonio por divorcio. Foi parte o Ministerio Fiscal.

Antecedentes de feito.

Primeiro.-A procuradora Sra. Alfonsín Somoza, na representación acreditada, presentou demanda de divorcio, que lle correspondeu en quenda a este xulgado e foi admitida a trámite polo auto do 14 de xuño de 2002.

Segundo.-Emprazados tanto o demandado Sr. Fernández Quintana como o Ministerio Fiscal, contestou a demanda o segundo, e non así o primeiro, en ignorado paradoiro e emprazado por medio de edicto no DOG, que foi declarado en situación de rebeldía procesual. Convocadas as partes á oportuna vista, esta tivo lugar o 12 de marzo de 2003, co resultado

que consta en autos, que quedaron vistos para sentencia.

Fundamentos de dereito.

Primeiro.-A parte demandante exerce acción de divorcio contra Miguel Alejandro Fernández Quintana, invocando para iso como causas legais as previstas nos números 3º a) e 4º do artigo 86 do Código Civil e terminando por suplicar que se declare a disolución do matrimonio formado por Miguel Alejandro Fernández Quintana e Servanda López Díaz. Acordáronse como medidas regulatorias da nova situación, que a filla menor común de ambos quede baixo a custodia da nai, establecéndose a suspensión do réxime de visitas do pai mentres non se pronuncie sobre o seu contido e a súa vontade de exercicio, sen realizar especial pronunciamento sobre o uso da vivenda familiar.

O demandado non compareceu no procedemento, polo que foi declarado en situación procesual de rebeldía.

Segundo.-Da documental achegada coa demanda despréndese que, con data do 28-11-1990, este xulgado dictou sentencia de separacion do matrimonio formado polos litigantes deste procedemento, apreciándose a concorrencia das causas previstas nos números 1, 2 e 3 do artigo 82 do Código Civil, polo que, tendo en conta esta documental e o resultado da testifical practicada coa filla menor do matrimonio, quen declarou no acto de xuízo que hai máis de dez anos que non ten ningún contacto co seu pai, se debe aprecia-la concorrencia das causas de divorcio invocadas pola demandante. Debe ser acollida, xa que logo, a petición de divorcio e, polo tanto, o único que haberá que determinar nesta litis é a procedencia ou improcedencia das medidas solicitadas na demanda e que, en definitiva, veñen coincidir parcialmente coas acordadas na sentencia de separación.

En relación coa medida relativa á atribución da garda e custodia da filla menor dos litigantes, débese mante-la medida acordada na sentencia de separación e atribuírlle, polo tanto, á nai a garda e custodia da filla, Belén Fernández López, manténdose o resto das funcións inherentes á patria potestade en forma compartida, polo que ámbolos proxenitores deberán actuar de común acordo en todas aquelas cuestións relevantes para a formación, desenvolvemento integral e prevención da saúde da súa filla, absténdose de adoptar decisións unilaterais e sometendo á decisión xudicial as controversias que poidan xurdir no exercicio da patria potestade.

En idénticos termos debe concluírse no referente á suspensión da fixación dun réxime de visitas, comunicación e estadías da filla menor co proxenitor non convivente, por canto que se descoñece o actual paradoiro do pai e debe terse en conta que o lapso de tempo transcorrido desde as últimas noticias que se tiveron del aconsellan a adopción de tal medida, sen prexuízo, desde logo, de que en fase de execución se poida fixar un réxime mínimo se así o solicita

o proxenitor e non concorren circunstancias que aconsellen a privación dese dereito a relacionarse coa filla menor.

Terceiro.-Falta pronuciarse respecto á petición relativa á prestación alimenticia a prol da filla menor por conta do demandado, petición deducida polo Ministerio Fiscal e tamén pola parte demandante no acto da vista, malia que inicialmente se solicitara que non se fixese ningún pronunciamento ó respecto. Pois ben, toda vez que constitúe deber ineludible do proxenitor non convivente coa filla menor sufraga-las súas necesidades por razón de alimentos, atendidos os seus medios económicos, considérase procedente fixar, como contribución económica do pai en concepto de prestación alimenticia a prol da filla menor, Belén, a cantidade de 200 euros mensuais, malia carecer de elementos de xuízo que permitan deduci-la súa capacidade económica, xa que o principio do favor filii aconsella a fixación dunha cantidade mínima por razón de alimentos co designio de que se poida facer efectiva tal prestación no momento en que se teña coñecemento de que o pai dispón de recursos económicos suficientes

para afrontar tal obriga.

Cuarto.-Dada a especial natureza destes procedementos, non procede facer especial pronunciamento respecto ás custas.

Vistos os preceptos legais citados e demais de xeral e pertinente aplicación, decido:

Que, estimando integramente a demanda de divorcio formulada pola procuradora Sra. Alfonsín Somoza, en nome e representación de Servanda López Díaz contra Miguel Alejandro Fernández Quintana, quen foi declarado en situación procesual de rebeldía, debo declarar e declaro con efectos constitutivos a disolución do matrimonio formado por Miguel Alejandro Fernández Quintana e Servanda López Díaz, que tivo lugar en Vegadeo o 27 de agosto de 1972, acordando en consecuencia as seguintes medidas reguladoras da nova situación que se constitúe:

1º Atribúeselle a garda e custodia de filla menor, Belén Fernández López, a Servanda López Díaz, manténdose o resto das funcións da patria potestade en forma compartida por ámbolos proxenitores.

2º Deixar en suspenso a fixación dun réxime de visitas, comunicación e estadías do pai coa súa filla menor Belén, sen prexuízo de que, se resultar procedente, se poida acordar, en sede de execución, a efectividade deste dereito do pai, sempre e cando non concorran circunstancias que aconsellen a súa privación.

3º Establécese pensión alimenticia a prol da filla menor Belén Fernández López, e con cargo a Miguel Alejandro Fernández Quintana na contía de 200 euros mensuais. Esta contribución económica deberá ser ingresada, nos cinco primeiros días de cada mes, na conta que Servanda López Díaz designe, e deberá ser actualizada, sen necesidade de requirimento previo, polo obrigado ó pagamento, conforme as variacións que experimente o IPC correspondente.

E todo isto sen que proceda realizar pronunciamento sobre custas.

En canto sexa firme esta sentencia, líbrese exhorto ó Rexistro Civil de Vegadeo, onde consta inscrito o matrimonio, co fin de que se proceda á súa anotación marxinal, para o cal se expedirá testemuño desta resolución, debéndose comunicar a este xulgado a práctica desta anotación.

Líbrese e únase certificación desta resolución ás actuacións, con inclusión da orixinal no libro de sentencias.

Notifíqueselles esta resolución ás partes, e fágaselles saber que non é firme e que poden interpor recuso de apelación para ante a Audiencia Provincial da Coruña, que, de se-lo caso, se deberá interpor perante este xulgado, no prazo de cinco días hábiles contados desde o seguinte ó da súa notificación.

Así, por esta miña sentencia, pronúncioo, mándoo e asínoo.

Publicación. A anterior sentencia foi lida e publicada pola maxistrada-xuíza que a dictou, que estaba celebrando audiencia pública no mesmo día da súa data. Dou fe.

E para a súa inserción no Diario Oficial de Galicia, por ser descoñecido o domicilio actual do demandado Miguel Alejandro Fernández Quintana, expido esta cédula.

Dado en Santiago de Compostela o vintecinco de marzo de dous mil tres.

El/La secretario/a

Rubricado

XULGADO DE PRIMEIRA INSTANCIA E INSTRUCCIÓN NÚMERO TRES

DE SANTIAGO DE COMPOSTELA