Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 83 Mércores, 30 de abril de 2003 Páx. 5.464

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA, XUVENTUDE E VOLUNTARIADO

ORDE do 14 de abril de 2003 pola que se regula o réxime de concesión de subvencións para a organización de actividades, construcción ou reforma de instalacións náuticas e compra de equipamento náutico deportivo.

A Consellería de Familia, Xuventude e Voluntariado a través da Dirección Xeral para o Deporte, tendo en conta a constante mellora que se vén producindo en Galicia na área dos deportes náuticos, con modalidades incluídas no calendario olímpico, e a importancia destas actividades náuticas na nosa comunidade, tendo en conta, así mesmo, o custo que representa dispoñer de instalacións e equipamento específico axeitado, en constante avance técnico con implantación de novos materiais, e co fin de impulsa-la actividade e evita-lo estancamento neste eido, convoca ó abeiro da presente orde, axudas económicas ás entidades deportivas para o desenvolvemento dos seus programas deportivos, así como

para a construcción ou reforma de instalacións e compra de equipamento náutico deportivo.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Serán obxecto de subvención as seguintes accións:

A) Organización da actividade deportiva federada e outras actividades de especial relevancia, promovidas polos clubs galegos dos deportes náuticos olímpicos, (piragüismo, remo e vela), inscritos no Rexistro de Asociacións Deportivas e Deportistas de Galicia da Dirección Xeral para o Deporte que participen en competicións de carácter oficial na presente tempada, e tivesen actividades na de 2001-2002.

B) Mellora de infraestructuras, construcción de instalacións náuticas ou realización de obras de reforma das xa existentes que teñan un orzamento que non exceda de sesenta mil cen euros (60.100 euros), promovidas polos clubs ós que se refire a alínea A) deste artigo.

C) Adquisición de material deportivo de competición ou adestramento. Neste epígrafe, ademais dos clubs referenciados na letra A) do presente artigo, poderán solicita-las respectivas federacións deportivas galegas de deportes náuticos olímpicos (piragüismo, remo, vela), inscritas no rexistro antes mencionado.

Artigo 2º.-Estas solicitudes serán atendidas con cargo ás aplicacións orzamentarias seguintes:

Para os solicitantes da letra A), cun crédito de trescentos dezaseis mil catrocentos oitenta e seis euros (316.486 euros), da aplicación orzamentaria 04.03.355A.480.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2003, e para os solicitantes das letras B) e C), cun crédito de douscentos setenta e cinco mil euros (275.000 euros), da aplicación orzamentaria 04.03.355A.780.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2003. Estes créditos poderán variarse en función das solicitudes presentadas, sen que en ningún caso superen os orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2003, nos referidos conceptos.

Os créditos referidos no presente artigo, poderán ser incrementados con achegas económicas destinadas para estes efectos por outras institucións públicas, para apoiar calquera dos programas que regula a presente orde, e que sexan resultado de convenios que se formalicen con cada unha delas.

Artigo 3º.-As solicitudes presentaranse nos impresos oficiais, segundo o modelo que se achega á presente orde como anexo.

Achegarase tamén:

Para os solicitantes da letra A) do artigo 1º:

-Proxecto e orzamento detallado da actividade que se vai realizar na presente tempada.

Para os solicitantes da letra B) do artigo 1º:

-Documento acreditativo da propiedade dos terreos ou, no seu defecto, do dereito de utilización durante un mínimo de dez anos e o permiso do propietario para a realización das obras.

-Anteproxecto ou memoria valorada da obra que se pretende realizar.

Para os solicitantes da letra C) do artigo 1º:

-Orzamento e relación do equipamento que se pretende adquirir.

Os clubs poderán facer solicitudes diferenciadas para cada un dos puntos anteriores. En calquera caso, achegarán ademais da documentación solicitada para cada un dos puntos unha memoria da entidade solicitante na que se incluirán entre outros:

-Participación en competicións oficiais e resultados acadados.

-Cadro de técnicos do club.

-Programas desenvolvidos de promoción ou tecnificación.

-Certificación do número de licencias por sexos e categorías, correspondente á ultima tempada, (ano 2002), expedida pola correspondente federación galega.

Os peticionarios das axudas presentarán, coa solicitude inicial, unha declaración de conxunto de tódalas solicitudes efectuadas ou concedidas, para un mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes.

Artigo 4º.-As solicitudes presentaranse no rexistro xeral da Consellería de Familia, Xuventude e Voluntariado, (edificio administrativo de San Caetano. 15781 Santiago de Compostela), ou ben por calquera outro dos medios previstos no artigo 38.4º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

O prazo de presentación das solicitudes será de corenta días hábiles contados a partir do día seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 5º.-Unha vez recibida a documentación das solicitudes de subvención, a Dirección Xeral para o Deporte convocará a comisión avaliadora encargada de xulgalas, que estará formada polas seguintes persoas:

Presidente: director xeral para o Deporte.

Vocais:

Subdirector xeral de Deportes

Xefe do Servicio de Coordinación Deportiva.

Xefe do Servicio de Deportes da Delegación Provincial na Coruña.

Xefe do Servicio de Deportes da Delegación Provincial en Lugo.

Xefe do Servicio de Deportes da Delegación Provincial en Ourense.

Xefe do Servicio de Deportes da Delegación Provincial en Pontevedra.

Secretario: un funcionario da Dirección Xeral para o Deporte.

Así mesmo, para aqueles programas nos que outras administracións públicas participen mediante convenios de cooperación, e exclusivamente no que respecte ós seus correspondentes ámbitos territoriais, formarán parte desta comisión dous representantes designados por cada unha daquelas.

Unha vez estudiadas pola comisión avaliadora as documentacións dos solicitantes, a Dirección Xeral para o Deporte poderá presentarlles ás distintas entidades os reparos ou obxeccións que crea necesarios para axustalas ós obxectivos desta orde, co fin de que se realicen as oportunas correccións nun prazo de dez días hábiles a partir da data de notificación.

Para a concesión das subvencións a comisión avaliadora terá en conta os seguintes criterios:

Para as axudas ás que fan referencia as letras A) e C) do artigo 1º:

-Interese do proxecto valorado da actividade para o ano 2003, antigüidade do club.

-Número de licencias e resultados acadados polo club nas últimas dúas tempadas.

-Interese dos eventos programados polo club.

-Participación en competicións federadas.

Para as axudas ás que fai referencia a letra B), do artigo 1º:

-Ademais do anterior, terase en conta que o solicitante sexa propietario dos terreos ou instalacións onde se pretenda a realización das obras ou reformas, ou no seu defecto, a duración do dereito da súa utilización.

A comisión avaliadora, a través do seu presidente elevará proposta á conselleira de Familia, Xuventude e Voluntariado para a resolución definitiva das subvencións que será diferenciada por epígrafes.

Non obstante, á vista da documentación presentada e ante a súa complexidade, a comisión avaliadora poderá elevar propostas de resolución por puntos e, dentro destes, por ámbitos territoriais, co fin de lles dar cumprimento ós convenios ós que se refire o artigo 2º desta orde.

A concesión de subvencións ás que se refire a presente orde efectuarase en réxime de concorrencia competitiva.

Artigo 6º.-A resolución das subvencións seralles notificada ós solicitantes nun período de catro meses, contado desde a data de publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia. Esgotado o dito prazo sen resolución expresa, deberá entenderse desestimada a petición correspondente (artigo 43.2º, a contrario sensu, da Lei de réxime xurídico das

administracións públicas e do procedemento administrativo común).

Esta convocatoria, as súas bases e cantos actos administrativos se deriven dela, poderán ser impugnados polos interesados nos casos e na forma establecida na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Polo tanto, o recurso de reposición potestativo interporase conforme os artigos 116 e 117 da devandita lei.

O recurso contencioso-administrativo rexerase pola Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa e, particularmente no concernente ós prazos para interpolo, polo artigo 46 da dita lei.

Os promotores dos expedientes aprobados das letras B) e C) do artigo 1º, estarán obrigados a presentar, no prazo de trinta días naturais, unha declaración de que aceptan a axuda, así como os condicionamentos ós que quedan sometidos pola presente orde e os xustificantes do cumprimento das obrigas as que se refire o artigo 78 do texto refundido de Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia (Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro). Así mesmo, os beneficiarios de axudas ós que se refire a letra B) do artigo 1º quedan na obriga de presentar ante a Dirección Xeral para o Deporte as autorizacións administrativas necesarias para a realización do programa subvencionado.

Por solicitude do interesado, o proxecto poderá ser modificado porcentualmente á axuda recibida co visto e prace da conselleira de Familia, Xuventude e Voluntariado, sempre e cando se cumpra a finalidade ou función para a que foi promovida.

Naqueles casos nos que non se produza contestación ou non presenten a documentación solicitada no prazo indicado, entenderase que se renuncia á subvención. A comisión avaliadora reunirase de novo para propoñer nova concesión de subvencións, con cargo ás renuncias que se produzan.

Artigo 7º.-Os beneficiarios das axudas das accións A e C, deberán xustifica-lo cumprimento da finalidade dos programas subvencionados antes do 31 de outubro de 2003. Os beneficiarios das axudas da acción B, deberán xustifica-lo cumprimento da finalidade dos programas subvencionados antes do 15 de novembro de 2003.

O incumprimento do prazo de xustificación das subvencións ó que se refire o punto anterior dará lugar á perda do dereito a percibi-la axuda outorgada e posibilitará a reasignación de tales créditos nos termos previstos no último parágrafo do artigo 6º.

Aqueles beneficiarios de subvencións correspondentes á letra A) do artigo 1º desta orde, que individualmente superen o importe de seis mil dez euros, poderán recibir ata un máximo do oitenta por cento da contía concedida como pagamentos parciais. Para o seu cobramento, as entidades remitirán á Dirección Xeral para o Deporte certificación expedida polo

seu secretario, co visto e prace do presidente, na que se faga consta-lo importe do pagamento que solicitan, coa relación detallada do gasto realizado, segundo o proxecto aprobado, na que se especifiquen os perceptores, co número de CIF ou NIF, contía e motivo do gasto.

Para a percepción do resto da subvención, unha vez rematada a actividade, no prazo dun mes, os beneficiarios presentarán memoria da actividade realizada e certificación expedida polo seu secretario, co visto e prace do seu presidente, na que se faga consta-la aplicación definitiva dos fondos. Na certificación especificaranse os perceptores, co número de CIF ou NIF, contía e motivo do gasto. Os xustificantes orixinais dos gastos deberán ser custodiados pola correspondente entidade e quedarán á disposición da Dirección Xeral para o Deporte para posibles comprobacións.

Os beneficiarios, para percibi-las axudas correspondentes ás letras B) e C) do artigo 1º desta orde, quedan na obriga de presenta-las facturas acreditativas de ter realizadas as obras ou adquirida a subministración do equipamento deportivo, sen que se efectúe ningún anticipo antes da oportuna xustificación completa da actuación. Unha vez rematadas as obras ou adquirido o equipamento deportivo, procederase á súa recepción, acto ó que deberá asistir un representante da Dirección Xeral para o Deporte e do que quedará constancia por medio da oportuna acta.

Así mesmo, no momento da xustificación da execución total do proxecto e en calquera caso antes do último pagamento, o peticionario presentará unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para un mesmo proxecto das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

Artigo 8º.-Obrigas das entidades ás que se lles conceden subvencións:

Asumir ó seu cargo os aumentos que se produzan, no caso de que o custo das obrigas resulte superior á valoración prevista no orzamento, ou ben por revisión dos prezos adicionais, prórrogas e outros supostos.

Non poderán modifica-lo programa aprobado da actividade subvencionada sen a expresa autorización da Dirección Xeral para o Deporte.

Comunicarlle á Dirección Xeral para o Deporte a obtención de subvencións ou axudas para as mesmas finalidades, procedentes de calquera administración ou de entes públicos.

A Dirección Xeral para o Deporte poderá facer comprobación e control das actividades que se subvencionan con cargo á presente orde. Así mesmo, os beneficiarios de subvención quedan sometidos ás actuacións de control financeiro que lle correspondan á Consellería de Economía e Facenda e ás previstas na lexislación do Consello de Contas.

Emprega-lo distintivo Deporte Galego da Dirección Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia en tódalas actividades e comunicacións que promovan, e demais obrigas que se adopten nos convenios previstos no artigo 1º da presente orde.

Artigo 9º.-No caso de que o beneficiario da subvención incumprise o disposto nesta orde, a Consellería de Familia, Xuventude e Voluntariado poderá emenda-la subvención concedida, logo da audiencia do interesado. Neste caso, o beneficiario non poderá solicitar outra subvención mentres non sexa devolta a anterior, no suposto de que fose revogada, de acordo co réxime previsto no artigo 78.9º do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia (Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro).

Artigo 10º.-Nos aspectos non contidos na presente orde, haberá que aterse ó disposto no artigo 78º do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia (Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro), ó Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia e demais normativa vixente.

Disposicións adicionais

Primeira.-Os créditos que amparan a presente orde figuran no programa 355A, fomento da actividade deportiva, da Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2003.

Segunda.-A suma dos créditos empregados para atende-la letra A) da presente orde cos empregados para atende-la orde pola que se regula o réxime de concesión de subvencións ás federacións deportivas galegas e agrupacións deportivas escolares comarcais ou de zona para o ano 2003, non poderá exceder dos créditos consignados na aplicación orzamentaria 04.03.355A.480.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma galega para o ano 2003.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autoriza-lo director xeral para o Deporte para dicta-las disposicións necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de abril de 2003.

Pilar Rojo Noguera

Conselleira de Familia, Xuventude e Voluntariado