Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 83 Mércores, 30 de abril de 2003 Páx. 5.464

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INNOVACIÓN, INDUSTRIA E COMERCIO

ORDE do 22 de abril de 2003 pola que se autoriza a apertura dos establecementos dedicados á venda de libros o 17 de maio de 2003, Día das Letras Galegas.

Por medio do Decreto 365/1996, do 26 de setembro, reguláronse os horarios comerciais no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, determinándose no parágrafo segundo da súa disposición adicional que regulamentariamente se poderán regula-los horarios comerciais dos establecementos dedicados exclusivamente á venda de productos culturais, e habilitando na disposición derradeira primeira o conselleiro de Innovación, Industria e

Comercio para dicta-las disposicións necesarias para a aplicación, execución e eficacia do devandito decreto.

Con motivo da conmemoración do Día das Letras Galegas, esta consellería considera conveniente autoriza-la apertura dos establecementos comerciais dedicados á venda de libros, o 17 de maio de 2003, para conseguir con isto a maior difusión, mediante a venda de libros, do patrimonio literario galego.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

Artigo único.-Autorízanse os establecementos dedicados á venda de libros a abri-lo día 17 de maio de 2003, Día das Letras Galegas.

No caso de establecementos que realicen a venda de libros simultaneamente coa doutros productos, a autorización refírese exclusivamente á venda dos devanditos artigos.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de abril de 2003.

Juan Rodríguez Yuste

Conselleiro de Innovación, Industria e Comercio