Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 83 Mércores, 30 de abril de 2003 Páx. 5.463

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

DECRETO 236/2003, do 24 de abril, polo que se acepta o cambio de titularidade, a favor da Comunidade Autónoma, dun treito da estrada provincial EP-7013 Orosa-Orazo, desde a intersección coa N-640 en Orosa ata a intersección co eixe da autoestrada Santiago de Compostela-Ourense, situada na Bandeira, no concello de Silleda (Pontevedra).

A Subdirección Xeral de Estradas, con data 16 do de setembro de 2002, remite informe favorable do cambio de titularidade, a prol da Comunidade Autónoma de Galicia dun treito da estrada provincial EP-7013, baseándose en criterios de rápida comunicación entre a autoestrada Santiago de Compostela-Ourense e a poboación da Estrada e a comarca de Arousa.

O Pleno da Deputación Provincial de Pontevedra aprobou definitivamente, en sesión ordinaria con data do 28 de febreiro de 2003, o expediente de cambio de titularidade, a favor da Comunidade Autónoma de Galicia, dun treito da estrada provincial Orosa-Orazo (sita no termo municipal de Silleda) que vai desde a intersección coa N-640 en Orosa ata a intersección co eixe da autoestrada Santiago de Compostela-Ourense.

Con data do 26 de marzo de 2003 asinouse o acordo de cambio de titularidade da mencionada estrada entre o presidente da Deputación Provincial de Pontevedra e o conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda.

Conforme o sinalado no artigo 5 da Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia, tralo acordo entre as administracións afectadas, por proposta do conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na reunión do día vintecatro de abril de dous mil tres,

DISPÓN:

Artigo 1º

Apróbase o cambio de titularidade, a favor da Comunidade Autónoma de Galicia, do treito da estrada provincial EP-7013 Orosa-Orazo, sita no concello de Silleda, que ten unha lonxitude de 3 km con orixe na estrada nacional N-640 e final na autoestrada A-53, Santiago de Compostela-Ourense.

Artigo 2º

A estrada incorporarase á relación de estradas de titularidade autonómica como sinala o artigo 4 da Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia.

A mencionada estrada estará catalogada funcionalmente dentro da categoría da rede primaria básica e pasará a denominarse: PO-505, Orosa (N-640)-enlace da Bandeira (autoestrada Santiago de Compostela-Ourense).

Artigo 3º

Correspóndenlle á Xunta de Galicia, a partir da formalización da entrega, tódalas actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación da vía; así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que lle puidese corresponder como nova Administración titular da estrada.

Artigo 4º

De acordo cos artigos 78 e 79 da Lei 3/1985, do patrimonio da Comunidade Autónoma, e 150 a 152 do seu regulamento, a estrada deberase incorporar ó inventario xeral de bens da Comunidade Autónoma, quedando adscrita á Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda.

Disposición derradeira

Facúltase o conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda para dicta-los actos que sexan precisos para a efectividade deste decreto.

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vintecatro de abril de dous mil tres.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Alberto Núñez Feijóo

Conselleiro de Política Territorial,

Obras Públicas e Vivenda