Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 81 Luns, 28 de abril de 2003 Páx. 5.333

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E ADMINISTRACIÓN LOCAL

ORDE do 4 de abril de 2003 pola que se aproban os estatutos do Colexio de Economistas da Coruña e se dispón a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Por Real decreto 981/1979, do 9 de marzo, créase o Colexio de Economistas da Coruña.

O dito colexio, reunido en Xunta Xeral, que tivo lugar o día 27 de xuño de 2002, procedeu á aprobación dos seus estatutos, comunicándollos á Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local para os efectos da súa aprobación definitiva, inscrición no rexistro de colexios e publicación no Diario Oficial de Galicia.

De acordo co disposto no artigo 18.1º parágrafo terceiro da Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia,

DISPOÑO:

Artigo único.-Aprobar e ordena-la publicación no Diario Oficial de Galicia dos estatutos do Colexio de Economistas da Coruña, que figuran como anexo á presente orde.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor ós vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de abril de 2003.

Antonio Pillado Montero

Conselleiro de Xustiza, Interior e Administración

Local

Estatutos do Colexio de Economistas da Coruña

TÍTULO I

Do colexio

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º

O Colexio Oficial de Economistas da Coruña é unha corporación de dereito público, amparada pola lei e recoñecida polo Estado, con personalidade xurídica propia e plena capacidade xurídica. Réxese

polos presentes estatutos e pola lexislación vixente en materia de colexios profesionais, especialmente pola Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia, ademais de polas disposicións que regulan a profesión de economista e a súa organización profesional.

A súa estructura interna e réxime de funcionamento réxense por principios democráticos.

Capítulo II

Obxecto

Artigo 2º

O obxecto do presente estatuto é concreta-las normas de actuación dos órganos do colexio e os dereitos e deberes dos colexiados, establecendo, así mesmo, os procedementos que se seguirán na tramitación dos asuntos de acordo coa lexislación vixente.

Capítulo III

Fins e funcións

Artigo 3º

1. Fins:

O colexio ten como fins esenciais a ordenación do exercicio da profesión de economista dentro do marco legal correspondente, a representación de quen exercite a citada profesión e a defensa dos intereses profesionais dos colexiados.

Ademais, terá os seguintes fins:

a) Velar pola satisfacción dos intereses xerais relacionados co exercicio da profesión de economista.

b) Logra-la constante mellora do nivel de calidade das prestacións dos colexiados, promovendo a súa formación e perfeccionamento.

c) Cooperar na mellora dos estudios conducentes á obtención de títulos que habiliten para o exercicio da profesión de economista.

d) Colaborar coas administracións públicas no exercicio das súas competencias, nos termos previstos na lexislación vixente.

2. Funcións:

Para o cumprimento dos seus fins, o colexio exercerá as funcións encomendadas na lexislación básica do Estado e, como propias, as seguintes:

a) Exercer no seu ámbito a representación e defensa da profesión.

b) Ordenar no marco da súa competencia a actividade dos colexiados, velando pola súa ética e dignidade profesional e conciliando os seus intereses co interese social e cos dereitos dos cidadáns.

c) Exerce-la potestade disciplinaria sobre os profesionais nos termos previstos na normativa vixente e nos presentes estatutos.

d) Exercita-las accións legais e adopta-las medidas necesarias para evita-lo intrusismo profesional e a competencia desleal.

e) Establecer baremos profesionais con carácter orientativo.

f) Establecer e esixi-las contribucións económicas dos colexiados.

g) Elaborar e aproba-los orzamentos anuais de ingresos e gastos, así como as contas e liquidacións orzamentarias.

h) Organizar actividades dirixidas á formación e ó perfeccionamento profesional dos colexiados.

i) Participar de forma activa coas entidades de formación dos futuros titulados na mellora dos plans de estudios e na súa preparación.

j) Organizar actividades e servicios comúns de carácter profesional, cultural, asistencial, de previsión e análogos que sexan de interese para os colexiados, así como de cobertura de posibles responsabilidades civís contraídas por eles no exercicio da súa profesión.

k) Intervir como mediador nos conflictos profesionais que xurdan entre os colexiados.

l) Relacionarse e coordinarse con outros colexios profesionais, así como cos consellos galegos de colexios.

m) Emitir informe sobre aqueles proxectos de normas que elaboren as administracións públicas que afecten ós profesionais integrados no colexio ou se refiran ós fins ou funcións a eles encomendados.

n) Participar nos órganos consultivos da Administración de Galicia cando esta o requira ou así se estableza na normativa vixente e designar representantes en calquera xulgado ou tribunal nos que se esixan coñecementos relativos a materias específicas, sempre que sexan requiridos para iso nos termos establecidos na Lei de axuizamento civil.

o) Emitir informes e dictames, de carácter non vinculante, nos procedementos xudiciais ou administrativos nos que se susciten cuestións que afecten a materias da competencia profesional.

p) Colaborar coas administracións públicas en materia das súas competencias, de acordo coas disposicións vixentes.

q) Exerce-las funcións administrativas que sexan atribuídas pola lexislación estatal e autonómica e as competencias administrativas que sexan delegadas por parte do correspondente órgano da Administración, sempre que o acto de delegación estea autorizado mediante unha disposición legal ou regulamentaria.

r) Realizar cantas actividades de carácter material, técnico ou de servicios sexan encomendadas pola Comunidade Autónoma de Galicia a través do correspondente convenio, segundo os termos da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

s) Realizar cantas actividades de interese común e para a promoción de actuacións orientadas á defen

sa do interese público se recollan, se é o caso, mediante convenio de colaboración coa Comunidade Autónoma de Galicia, en especial aquelas que sexan de interese para os usuarios dos servicios profesionais dos colexiados.

t) Garanti-la prestación da función polos profesionais colexiados.

u) Actuar como árbitro nos conflictos entre os colexiados e terceiros, cando así o soliciten ámbalas dúas partes.

v) Cantas outras funcións repercutan en beneficio dos intereses profesionais dos colexiados e se encamiñen ó cumprimento dos fins colexiais.

Capítulo IV

Denominación, domicilio, sede, delegacións e

ámbito territorial

Artigo 4º

1. O Colexio de Economistas da Coruña ten a súa sede na Coruña e o seu domicilio na rúa Caballeros, 29, 1º desta cidade. O seu ámbito territorial comprende a provincia da Coruña.

2. Este colexio ten, así mesmo, unha delegación en Santiago de Compostela e o seu domicilio na Rúa Nova, 33, 2º desta cidade, e outra delegación en Ferrol, rúa María, 152, baixo.

3. O órgano rector da delegación estará constituído por unha Xunta de Goberno integrada por: presidente, secretario, tesoureiro e tres vocais, elixidos polos colexiados da delegación. A renovación dos cargos producirase mediante elección convocada de forma simultánea á convocatoria para a renovación da Xunta de Goberno do colexio, e rexerase polo disposto no título III, capítulo IV dos presentes estatutos. A dita renovación producirase tamén no caso de disolución anticipada da Xunta de Goberno ou do órgano rector da delegación.

4. Os presidentes das delegacións formarán parte da Xunta de Goberno do Colexio de Economistas con carácter de vocais natos, sen que se consideren computados entre os vinte vocais da Xunta de Goberno.

TÍTULO II

Dos colexiados

Capítulo I

Da incorporación

Artigo 5º

O colexio estará integrado, sen ningunha limitación, por quen cumpra os requisitos esixidos para o exercicio da profesión e non teña ningún impedimento legal.

Serán requisitos necesarios para pertencer ó colexio, e acreditaranse de forma fidedigna, os seguintes:

1. Ser español ou estranxeiro con dereito a reciprocidade en canto ó exercicio profesional.

2. Estar en posesión dos títulos de doutor ou licenciado en ciencias políticas e económicas (sección de económicas), doutor ou licenciado en ciencias económicas e/ou empresariais, en economía, en administración e dirección de empresas, en investigación e técnicas de mercado, de intendente mercantil ou, de actuario, ou outro título superior do Estado español ou doutros estados membros da Unión Europea, legalmente homologado con algún dos anteriores segundo disposicións vixentes, que supoña que se obtiveron os coñecementos académicos para exerce-las funcións propias da profesión de economista recoñecidas no R.D. 871/1977, do 26 de abril, e demais normas que o complementen, modifiquen ou substitúan.

Artigo 6º

Todo colexiado poderá utiliza-lo nome de economista, tanto se é con exercicio libre ou sen el. Considerarase exercente libre, para os efectos que determine o presente estatuto, aquel colexiado que como profesional estea dado de alta no imposto de actividades económicas.

Artigo 7º

Son competencias do economista aquelas establecidas e sinaladas no seu estatuto profesional vixente.

Artigo 8º

A colexiación será obrigatoria para o exercicio da profesión de economista, en calquera das súas formas.

Artigo 9º

Para obte-la colexiación o interesado deberá presentar na secretaría do colexio:

a) A ficha de colexiación debidamente cuberta.

b) O xustificante de ter pagada a cota de entrada ou de estar exento do seu pagamento.

c) Fotocopia compulsada do título ou títulos ós que se fai referencia no artigo 5º no seu punto 2, e o correspondente certificado de estudios.

Artigo 10º

En cada reunión da Xunta de Goberno o secretario dará conta das solicitudes de colexiación recibidas desde a anterior reunión, e logo do exame daquelas, que deberán conter tódolos requisitos esixidos, o solicitante poderá ser considerado como alta no colexio.

Aprobada a nova solicitude, o secretario procederá á súa inscrición no libro rexistro de colexiados, con data da reunión da Xunta de Goberno na que foi admitida.

Tamén dará conta das solicitudes de baixa, así como das propostas de baixa colexial polas razóns estipuladas nos presentes estatutos.

Artigo 11º

A incorporación ó colexio será denegada ó solicitante sempre que concorra nel algunha das seguintes circunstancias:

a) Non cumpri-los requisitos esixidos no artigo 5º dos presentes estatutos.

b) Estar legalmente impedido para o exercicio da profesión.

c) Que fose condenado por sentencia firme, e sen que fose rehabilitado posteriormente, a penas que son motivo de baixa no colexio conforme co previsto nestes estatutos.

d) Que fose expulsado doutro colexio por sentencia firme ou suspendido no exercicio da profesión sen que transcorrese o prazo da suspensión.

Artigo 12º

As solicitudes de colexiación, unha vez aprobadas ou denegadas, deberán ser notificadas ós interesados dentro do prazo de 15 días, a partir da reunión da Xunta de Goberno. As notificacións deberán ir sempre asinadas polo decano-presidente e o secretario, e a denegación deberá ser sempre razoada.

Capítulo II

Dereitos e deberes dos colexiados

Artigo 13º

Son dereitos do colexiado:

1. A súa defensa polo colexio ante as autoridades, entidades, empresas ou particulares no exercicio profesional ou con motivo deste.

2. A representación e apoio pola Xunta de Goberno nas súas xustas reclamacións e nas negociacións motivadas por diferencias que xurdan con ocasión do exercicio profesional. En todo caso, a Xunta de Goberno velará e tomará as medidas oportunas para o máis estricto recoñecemento e defensa da competencia profesional do colexiado.

3. Exerce-las funcións propias de ocupacións do economista incluídas na clasificación uniforme de ocupacións na Oficina Internacional do Traballo (0IT) aprobada por España en todo o territorio nacional, sen que poidan esixi-los colexios nos que o seu ámbito territorial non radique o domicilio do colexiado habilitación ningunha nin o pagamento de contraprestacións económicas distintas daquelas que esixa habitualmente ós seus colexiados pola prestación dos servicios dos que sexan beneficiarios e que non estean cubertos pola cota colexial. O anterior enténdese sen prexuízo de que os estatutos xerais ou, se é o caso, autonómicos poidan establece-la obriga dos profesionais que exerzan nun territorio diferente ó da colexiación de comunicarlles ós colexios distintos ós da súa inscrición a actuación no seu ámbito territorial.

4. Elixir e ser elixido para ocupar cargos nas xuntas de goberno e comisións especiais, se é o caso.

5. Utilizar cantos servicios estableza o colexio tralas condicións que se sinalen.

6. Comisionar ó colexio nos casos en que este teña establecidos os servicios de asesoría xurídica para o cobro de soldos, remuneracións ou minutas profesionais.

7. Coñece-la marcha do colexio por medio de follas informativas, boletíns, publicacións, anuarios, circulares e xuntas regulamentarias.

8. Participar nos labores de cultura e no gozo das facultades ou prerrogativas do colexio que se lle recoñezan.

9. Ostenta-las cores da muceta e barrete propios e as insignias da profesión de conformidade coa lexislación vixente.

10. Realizar reunións de carácter colexial nas dependencias do colexio, cando se dispoña delas, aténdose ás normas que dicte ó respecto a Xunta de Goberno.

11. Os colexiados terán dereito a concorrer a tódolos actos de confraternidade para estreita-los lazos de solidariedade e compañeirismo; a usa-la biblioteca e outros servicios que estableza o colexio; a participar nos labores de cultura e a gozar en xeral de tódalas facultades e prerrogativas establecidas polos estatutos ou en calquera norma aplicable.

Artigo 14º

Son obrigas dos colexiados:

1. Exerce-la profesión con moralidade e decoro, debendo ter como guía o servicio á comunidade e o cumprimento das obrigas deontolóxicas.

2. Cumprir fielmente o que se dispón nos presentes estatutos e as súas normas regulamentarias, acata-las resolucións das asembleas e da Xunta de Goberno, sen prexuízo dos recursos pertinentes, comparecer ante o decano ou os seus delegados, sen prexuízo dos recursos pertinentes; e comunicar á Xunta de Goberno no prazo de 15 días os cambios de residencia, agás escusas admisibles.

3. Aboar dentro do prazo regulamentario as cotas e taxas que procedan, dando conta ó colexio cando se producisen cambios de domiciliación bancaria.

4. Non publicar anuncios nin efectualos de forma ningunha, relacionados co exercicio profesional, sen someter previamente o texto á aprobación da Xunta de Goberno do colexio, ou das persoas nas que esta delegue esta facultade, que adoptará unha resolución dentro do prazo máximo de 7 días.

5. Non colaborar con quen realice actos de intrusismo profesional.

6. Cobra-los honorarios no exercicio da profesión, aténdose ás tarifas orientativas fixadas polo colexio.

7. En xeral serán igualmente obrigas do colexiado:

a) Participar ó colexio os cambios de domicilio, translación de veciñanza e as ausencias de máis de 6 meses consecutivos.

b) Para que un colexiado se poida encargar dun asunto que iniciase outro, necesitará a venia deste último para garda-las regras de consideración. No caso de que a dita venia non se producise, a Comisión de Asuntos Profesionais dictaminará o máis axiña posible.

c) A Xunta de Goberno poderá establecer regras ou instruccións para determinada publicidade dos colexiados que serán de carácter xeral, afectando a tódolos colexiados e nunca a un grupo particular.

A publicidade profesional deberá cumpri-las normas éticas e morais elementais e non dar lugar a interpretacións enganosas. A Xunta de Goberno poderá sanciona-las actuacións contrarias ó espírito da profesión.

d) A Xunta de Goberno corrixirá disciplinariamente os colexiados que por conta propia ou allea presten servicios, establezan ou actúen en consultorios de calquera clase ofrecendo facilidades ou economías excesivas que dean motivo para supoñer que se deprime o decoro profesional.

Todo o anterior enténdese sen prexuízo de respectar aquelas iniciativas que respondan a actuacións de carácter benévolo pola índole do suxeito a quen se presten, e como protección e axuda a necesitados. Estas excepcións haberán de ser consideradas e aprobadas pola Xunta de Goberno.

e) Está prohibido asinar asuntos, ou escritos que non sexan en nome propio. Exceptúanse os casos de axencias de negocios, oficinas xestoras, despachos colectivos de persoas físicas ou xurídicas, consultorios ou similares, cando o economista sexa o titular ou un dos titulares destes. O titular dunha entidade xurídica, para estes efectos, deberá ser en todo caso, socio dela, cunha participación non testemuñal en función do capital que represente. En caso de existir socios, non economistas, en entidades xurídicas do tipo antes citado, a participación dos economistas, para poder asinar asuntos no nome da firma, deberá ser como mínimo do 50% ou en todo caso ser unha participación maioritaria na entidade. En todo caso só os economistas poderán realiza-los actos propios da súa profesión.

f) Os colexiados están obrigados a levanta-las cargas que se lles impuxeran e a satisface-las cotas ordinarias e extraordinarias tanto para soste-las propias do colexio como para atende-las do Consello Xeral de Colexios de Economistas de España e do Consello Galego de Colexios de Economistas, en caso de que se constituíse e se formase parte del, así como para fins de mutualidade, viuvez, orfandade, vellez e outras que establecese o dito organismo ou o propio do colexio.

g) Os colexiados que deixasen de satisface-las cotas ordinarias ou extraordinarias acordadas pola Xunta de Goberno e ratificadas pola Xunta Xeral dentro dos prazos sinalados no artigo 15º, serán eliminados das listas do colexio, e perderán todo dereito de colexiado ata que satisfagan as cotas e as suce

sivas que se impuxesen ós demais colexiados durante o tempo da súa eliminación. Tomaranse iguais medidas cando o colexiado estea obrigado ó pagamento de cotas impostas por organismos superiores ou cando se acordasen entre o colexio e aqueles.

Non obstante, a Xunta de Goberno poderá aprecia-la existencia de motivos que impidan ó colexiado a satisfacción das cotas nos prazos establecidos, neste caso desculpará momentaneamente o colexiado desta obriga sen perda de dereitos e sen que por isto se considere extinguida a débeda.

h) Os colexiados deberán prestarse axuda, colaboración e amparo entre si, no desenvolvemento da súa actividade, pero respectando en todo caso non lesiona-los intereses de terceiros ou clientes.

i) Os colexiados que exerzan a profesión de forma libre, poderán realiza-los seus traballos en papel do colexio e marcalos con selo deste, se así o desexan.

j) O colexio proverá a tódolos seus membros, tanto non exercentes como exercentes, do carné que acredite a súa colexiación, o cal deberán mostrar sempre que se lles requira ó concorrer a actos ou usar servicios promovidos polo colexio.

k) É obriga de tódolos colexiados comunicarlle ó colexio calquera incidencia ou noticia da que teña coñecemento, e sexa de incumbencia daquel. Así mesmo, deberán colaborar co colexio na loita para erradica-lo intrusismo profesional.

l) Todo economista que exerza a súa profesión deberá garda-lo segredo profesional de tódolos asuntos nos que interveña.

Capítulo III

Da suspensión e perda de condición de colexiado

Artigo 15º

A condición de colexiado perderase polas causas seguintes:

a) Defunción.

b) Incapacidade legal.

c) Separación ou expulsión como consecuencia do cumprimento de sanción disciplinaria que a comporte.

d) Baixa voluntaria comunicada por escrito.

e) Baixa forzosa por incumprimento das obrigas económicas.

Neste último caso, será precisa a instrucción dun expediente, logo do requirimento por escrito ó afectado para que nun prazo máximo de 2 meses regularice a súa situación, no que se inclúa unha proposta de resolución que se dirixirá á Xunta de Goberno. A resolución da xunta deberá notificarse de forma expresa ó interesado.

A condición de colexiado só poderá suspenderse, por prazo determinado, como consecuencia do cumprimento de sanción disciplinaria que a comporte,

trala instrucción do expediente tramitado de conformidade cos presentes estatutos.

TÍTULO III

Dos órganos do colexio

Capítulo I

Da xunta xeral (asemblea)

Artigo 16º

Os órganos de deliberación e execución do colexio son a Xunta Xeral, a Xunta de Goberno e o órgano presidencial composto polo decano-presidente ou quen faga as súas funcións. Ademais, por acordo da Xunta de Goberno, poderanse constituír comisións de traballo que realizarán as funcións que lles sexan encomendadas por aquela.

O órgano supremo do colexio é a Xunta Xeral, composta por tódolos colexiados. A Xunta Xeral asume tódalas competencias colexiais, se ben a Xunta de Goberno exercerá as súas propias con independencia da Xunta Xeral.

Artigo 17º

Os colexiados terán dereito de asistencia con voz e voto ás reunións das xuntas xerais ordinarias e extraordinarias que se realicen.

Artigo 18º

A Xunta Xeral reunirase con carácter ordinario dúas veces ó ano, para coñecer e resolve-los asuntos seguintes:

No primeiro semestre, para dar conta do cumprimento, desenvolvemento e previsión do programa de actividades do ano actual, da aprobación do informe sobre as contas anuais (ingresos e gastos e balance de situación), do informe de auditoría do ano anterior, e de rogos e preguntas, así como calquera outro punto da orde do día previamente comunicado. No cuarto trimestre, para coñecer, discutir e aproba-lo orzamento que para o exercicio propoña a Xunta de Goberno; lectura e votación das propostas ou dictames da propia xunta que se consignen na convocatoria, nomeamento de auditores, rogos e preguntas e calquera outro punto da orde do día previamente comunicado.

Son competencias exclusivas da Xunta Xeral:

a) A aprobación e reforma dos estatutos e das normas deontolóxicas colexiais.

b) A elección do órgano de goberno e do seu presidente, e a remoción deles por medio da moción de censura. A moción de censura deberá ser proposta a trámite por, polo menos, o vintecinco por cento dos colexiados, mediante solicitude de convocatoria expresamente cursada para o dito fin con esta única orde do día. A súa aprobación requirirá o voto favorable da metade máis un do número total de colexiados, tanto presentes como ausentes. A aprobación da moción de censura levará consigo a realización dentro do prazo máximo dun mes, de nova elección do órgano de goberno e do seu presidente, polo que

continuarán uns e outro en funcións ata a toma de posesión dos novos cargos electos.

c) A aprobación dos orzamentos e das contas do colexio.

d) A aprobación da xestión do órgano de goberno e do seu presidente.

Artigo 19º

A Xunta Xeral reunirase con carácter extraordinario por iniciativa do decano, por resolución da Xunta de Goberno, ou por solicitude do vintecinco por cento dos colexiados, con expresión das causas que o xustifiquen e o asunto ou asuntos concretos que deban discutirse nela.

En ningún caso poderán tratarse asuntos que non fosen expresa e claramente incluídos na convocatoria.

Artigo 20º

As xuntas xerais haberán de ser convocadas por escrito con expresión da orde do día, cunha antelación mínima de 20 días para as ordinarias. O dito prazo poderá reducirse a 8 días para as extraordinarias se, a xuízo do decano, razóns de urxencia así o aconsellasen.

As convocatorias para as xuntas xerais realizaranse por comunicación escrita remitida por correo ordinario; poderá, no caso de xuntas extraordinarias, ser substituída a dita convocatoria persoal pola súa publicación en dous periódicos locais.

Na secretaría do colexio durante as horas de despacho estarán á disposición dos colexiados os antecedentes dos asuntos que teñan que tratarse, así como a acta da xunta precedente.

Dez días antes da realización das xuntas ordinarias, os colexiados que representen como mínimo o dez por cento do censo total do colexio poderán formular proposicións para ser sometidas á deliberación e decisión da Xunta Xeral.

Para a formulación de rogos e preguntas o prazo reducirase a cinco días e o número de asinantes ó cinco por cento do censo do colexio.

Artigo 21º

As xuntas xerais convocadas conforme o establecido nos presentes estatutos constituiranse validamente de acordo co que expresa o art. 27º. Nos debates concederanse tres quendas a favor e outras tantas en contra dunha proposición ou asunto e, unha vez esgotadas aquelas, someterase a votación. Se a importancia ou gravidade do asunto o esixise, a iniciativa do decano poderase acorda-la ampliación do número de intervencións e a concesión de palabras para rectificacións e alusións, que deberán limitarse ó punto concreto que as motivase.

Artigo 22º

O decano dirixirá os debates, concederá a palabra e as quendas e chamará á orde ós colexiados que se excedan na extensión ou alcance das súas inter

vencións, que non se ateñan á materia obxecto do debate ou que falten ó respecto á súa autoridade, a outros colexiados ou á Xunta de Goberno e retirará a palabra ou a quenda ou expulsará do local a quen, chamado á orde tres veces, o desobedecese.

Artigo 23º

Os acordos tomaranse por maioría de votos dos asistentes, e corresponderá a cada colexiado un voto. A votación só será secreta cando o solicite o 10% dos asistentes.

Artigo 24º

Os acordos son obrigatorios para tódolos colexiados. Non obstante, se a Xunta de Goberno estimase que algún acordo da Xunta Xeral fose contrario á lei ou ós presentes estatutos poderá suspende-la súa execución e dar conta ó Consello Xeral ou ó Consello Galego de Colexios de Economistas no caso de que se constituíse e se formase parte deste, e manterase a suspensión ata a súa resolución.

Artigo 25º

A Xunta Xeral poderá acorda-la constitución de comisións delegadas con funcións informativas ou de asesoramento en materias concretas, que se determinarán no mesmo acordo e relacionadas con algún ou algúns dos puntos da orde do día.

A designación dos membros que constituirán a comisión pode realizala a citada asemblea ou encargala á Xunta de Goberno, sen prexuízo da iniciativa desta de nomeala.

Artigo 26º

O secretario do colexio redactará a acta da sesión e coidará da súa custodia. As actas estarán necesariamente depositadas na secretaría do colexio para a súa consulta pública. A acta da última sesión da Xunta Xeral deberá estar igualmente depositada, en todo caso, desde o día no que se notifique a convocatoria de nova Xunta Xeral ordinaria ou extraordinaria.

Artigo 27º

A Xunta Xeral quedará constituída en primeira convocatoria cando concorra a maioría absoluta dos colexiados e en segunda, calquera que sexa o número dos asistentes, media hora máis tarde. Adoptará os seus acordos por maioría simple, e resolverá en caso de empate o voto do decano-presidente.

Artigo 28º

Admítese o voto por delegación, que deberá ter carácter fidedigno e comunicarse ó decano-presidente antes da realización da xunta, e nela expresarase concretamente o sentido no que se emite o voto delegado e a persoa en quen se delega.

Non é válida a representación cando se trate de elixi-los membros da Xunta de Goberno.

Capítulo II

Da Xunta de Goberno

Artigo 29º

A Xunta de Goberno asumirá a dirección e administración do colexio, subordinando a súa actuación

ó establecido no presente estatuto, estatutos unificados de colexios de economistas, e demais normativa vixente reguladora do funcionamento dos colexios oficiais de economistas.

Artigo 30º

A Xunta de Goberno estará integrada por un decano - presidente, un presidente adxunto, catro vicedecanos, un secretario xeral, un vicesecretario, un tesoureiro, un contador e ata vinte vocais, elixidos pola Xunta Xeral ante a cal responderá da súa xestión.

Para os efectos de substitución e para aplica-las normas de renovación nos cargos da Xunta de Goberno os vicedecanos designaranse da seguinte forma: vicedecano primeiro, vicedecano segundo, vicedecano terceiro e vicedecano cuarto. Igualmente para os efectos de substitución os vocais designaranse como: vocal primeiro, vocal segundo, vocal terceiro e así sucesivamente.

Artigo 31º

A Xunta de Goberno, baixo a presidencia do decano ou quen o substitúa legalmente, reunirase obrigatoriamente seis veces ó ano, sempre que o considere necesario o decano ou cando así o solicite a terceira parte dos seus compoñentes en escrito dirixido ó decano, quen necesariamente a convocará.

Artigo 32º

A convocatoria deberá facerse por escrito mediante notificación individual a cada un dos membros da Xunta de Goberno e indicar nela o día, a hora e o lugar de reunión, así como a orde do día que se vai tratar. A antelación mínima da dita convocatoria será de corenta e oito horas e se esta fose solicitada por parte dos membros da Xunta de Goberno, deberá incluírse igualmente a relación deles.

Artigo 33º

Constituirase en primeira convocatoria coa concorrencia polo menos da metade dos seus membros, presentes ou representados, e en segunda convocatoria, que se realizará media hora despois da primeira, en igual local e día, coa asistencia de, polo menos, cinco dos seus membros, dos cales un deberá se-lo decano ou persoa que legalmente houbese de substituílo.

Os acordos da Xunta de Goberno tomaranse sempre por maioría de votos dos asistentes ou representados, e de cada reunión o secretario ou vicesecretario redactará unha acta que será asinada ademais de por el mesmo, por quen presidise a sesión, e unha vez que a acta fose aprobada.

Artigo 34º

Os membros da Xunta de Goberno que non poidan asistir a algunha das súas reunións escusarán a ausencia mediante comunicación dirixida ó decano.

Tres faltas sen xustificación poderán dar lugar ó cesamento no cargo que posúe. O dito cesamento

será acordado na reunión da Xunta de Goberno que se realice nun prazo non inferior a 60 días nin superior a 90 días, que se contarán a partir da data da reunión da Xunta de Goberno á cal o interesado non asistise. Ó membro da Xunta de Goberno que estea na situación proposta de cesamento por faltas de asistencia sen xustificar seralle comunicada por escrito esta situación para o seu coñecemento e oportunas alegacións, as cales deberán figurar en poder do colexio dentro do prazo de trinta días naturais a partir da data de comunicación.

Artigo 35º

Serán motivos de baixa da Xunta de Goberno os seguintes:

a) Falecemento.

b) Enfermidade que incapacite para o normal exercicio do cargo.

c) Renuncia.

d) Traslado de residencia fóra do ámbito do colexio.

e) Resolución firme en expediente disciplinario.

f) Faltas de asistencia ás reunións da Xunta de Goberno, conforme se indica no artigo 34º.

g) Baixa como colexiado.

Artigo 36º

As vacantes que se produzan na Xunta de Goberno serán provistas por proposta do decano mediante acordo desta que requirirá a aprobación por maioría simple dos asistentes. O nomeamento deberá ser necesariamente ratificado na primeira Xunta Xeral por maioría simple dos asistentes. No caso de non ser ratificado, o decano proporá á Xunta Xeral unha terna de tres candidatos por cada vacante, e será elixido membro da Xunta de Goberno o candidato proposto para cada posto que obtivese o maior número de votos. O número de membros da Xunta de Goberno non poderá ser inferior a once.

Artigo 37º

Corresponden á Xunta de Goberno as seguintes funcións:

1. Con relación ós colexiados:

a) Resolver sobre a admisión dos que desexen incorporarse ó colexio; poderá, en caso de urxencia, delegar esa facultade, pero a decisión será provisional ata que sexa sometida á ratificación da xunta.

b) Repartir equitativamente as cargas entre os colexiados, fixando as cotas ordinarias que procedan.

c) Comunicar ós colexiados as normas que deben observar para o exercicio da profesión.

d) Facilitar ós tribunais, conforme as leis, a relación dos colexiados que sexan requiridos para intervir como peritos nos asuntos xudiciais, tanto civís como laborais ou criminais.

e) Oí-los colexiados nas súas reclamacións, asesoralos nas que formulen contra os particulares e representalos se fose oportuno.

f) Exerce-la facultade disciplinaria vixiando a actuación no exercicio profesional.

g) Velar pola independencia e liberdade necesarias para que os colexiados poidan cumprir fielmente cos seus deberes profesionais e por que se lles garde toda clase de consideracións debidas ó prestixio da profesión.

h) Actuar para que haxa o debido respecto entre compañeiros en temas relacionados coa profesión.

i) Impedi-lo exercicio da profesión a quen non cumpriu os requisitos de orde legal e económicos establecidos para o efecto e perseguir, se é o caso, ante os tribunais de xustiza os infractores. Para estes efectos, os colexiados están obrigados a dar conta á Xunta de Goberno dos casos que coñezan de intrusismo.

j) Convocar a elección os cargos da Xunta de Goberno e as xuntas ordinarias e extraordinarias, sinalando a orde do día para cada unha destas.

k) Resolver por laudo a instancia das partes interesadas as discrepancias que poidan xurdir sobre o cumprimento das condicións pactadas nos traballos realizados polos colexiados no exercicio libre da profesión.

l) Intentar consegui-lo maior nivel de emprego e categoría profesional dos economistas.

m) Facilita-lo cobro das remuneracións e honorarios profesionais cando o colexiado así o solicite, ou cando, pola importancia do asunto, a Xunta de Goberno o dispoña.

n) Cumprir e facer cumprir ós seus colexiados as normas que dicten a Presidencia do Goberno, o Consello Xeral dos Colexios de Economistas, o Consello Galego de Colexios de Economistas, no caso de que se constituíse e se formase parte del, a Xunta Xeral ou a propia Xunta de Goberno.

2. Con relación ós organismos públicos:

a) Defender, cando o estime procedente e xusto, os colexiados no desempeño das funcións da profesión ou con motivo destas.

b) Promove-lo emprego do economista ante toda clase de organismos públicos.

c) Promover cerca das autoridades canto se considere beneficioso para os intereses do Estado e para a economía nacional ou rexional.

d) Dirixir peticións ás autoridades conforme a legalidade vixente.

e) Participar na elaboración de plans de estudio das facultades de ciencias económicas e empresariais.

f) Mante-lo necesario contacto coa universidade co fin de colaborar con ela en programas ou acti

vidades beneficiosas para a profesión, a ciencia económica ou os intereses xerais do país.

g) Manter igualmente os contactos necesarios con centros docentes, comisións, fundacións, asociacións e calquera entidade para potencia-lo estudio e o ensino da ciencia económica, colaborando con eles en todo o preciso ó respecto.

h) Intervir na elaboración dos programas e designar vocais para os tribunais de oposicións que deban realizarse no territorio da súa xurisdicción nos que os títulos facultativos esixidos sexan os necesarios para ingresar no colexio, ben con carácter exclusivo, ben en concorrencia con outros.

No caso de tribunais de oposicións ós corpos xerais do Estado, as designacións faraas o Consello Xeral de Colexios de Economistas ou o Consello Galego de Colexios de Economistas no caso de que se constituíse e se formase parte del.

i) Fomenta-la investigación das ciencias económicas.

j) Tramita-las consultas sobre a política económica que soliciten os poderes públicos e informar no nome do colexiado daqueles proxectos ou iniciativas da Administración que o requiran, ou ben que sexan solicitados.

k) Concorrer en representación do colexio ós actos oficiais.

l) Solicita-lo cesamento dos que exerzan calquera cargo reservado ós economistas sen estar en posesión do título correspondente.

m) Dicta-las normas de orde interna que xulgue conveniente, que poderán ser revisadas pola Xunta Xeral.

n) Designa-los colexiados para formar parte das comisións especiais de municipalización (ou de maior ámbito).

ñ) Nomear representantes no Consello Xeral de Colexios de Economistas de España.

o) Nomear representantes no Consello Galego de Colexios.

3. Con relación ós recursos económicos do colexio:

a) Recadar, distribuír e administra-los fondos do colexio.

b) Redactar orzamentos e rende-las contas anuais do colexio.

c) Propoñer á Xunta Xeral o investimento dos fondos sociais.

4. Como norma xeral:

Cantas outras funcións se prevexan nos presentes estatutos e todas aquelas non sometidas de maneira explícita á Xunta Xeral.

Artigo 38º

Funcións do decano-presidente:

O decano-presidente velará polo cumprimento das normas regulamentarias e dos acordos que dicten

os órganos superiores e o propio colexio, e terá ademais, as seguintes funcións:

1. A plena representación do colexio ante calquera entidade, organismos e persoas públicas ou privadas.

2. Exerce-las funcións de vixilancia que os estatutos ou os regulamentos reserven ó seu cargo.

3. Convocar e presidir tódalas reunións da Xunta de Goberno e as das xuntas xerais, e abrir, dirixir e cerrar tales reunións.

4. Ratifica-las comisións aprobadas pola xunta, presidíndoas cando o estime conveniente.

5. Autorizará coa súa sinatura os documentos que se expidan no colexio.

6. En definitiva, velará polo cumprimento dos acordos que se adopten en xuntas de Goberno ou xerais e por canto afecte ó prestixio e decoro do colexio e dos colexiados na orde profesional.

Para tódalas súas facultades, o decano-presidente terá a máxima autoridade e por iso as súas disposicións deberán ser acatadas sen prexuízo dos recursos que, se é o caso, se poidan interpoñer contra elas.

Artigo 39º

Funcións de mediación do decano:

O colexiado ó que lle sexa encargado promover ou preparar actuacións de calquera tipo en contra doutro economista sobre responsabilidades relacionadas co exercicio profesional dirixirase previamente ó decano do colexio para que leve a cabo un labor de mediación, se el o considera oportuno.

Con independencia da obriga regulada no parágrafo anterior, o decano actuará como mediador naquelas diferencias que ámbalas dúas partes sometan á súa consideración.

Artigo 40º

Funcións do presidente adxunto:

Corresponde ó presidente adxunto colaborar co decano na xestión do colexio.

Así mesmo, o presidente adxunto substituirá o decano nos casos de enfermidade, ausencia, imposibilidade ou vacante, e exercerá tódalas funcións que este lle delegue.

Artigo 41º

Funcións dos vicedecanos:

Correspóndelles ós vicedecanos asumi-la dirección e coordinación das áreas funcionais que a Xunta de Goberno lles asigne, ante a que darán conta da súa xestión.

Colaborarán co decano e co presidente adxunto na xestión do colexio.

Substituirán o presidente adxunto no caso de ausencia, enfermidade ou vacante, para o cal vén

determinada a orde de suplencias pola mesma orde dos vicedecanatos.

Artigo 42º

Funcións do secretario xeral:

O secretario xeral, como fedatario dos actos e acordos do colexio, terá como misión:

1. Redactar e dirixi-las citacións para as convocatorias a xuntas de Goberno e xerais, así como para calquera acto do colexio conforme as ordes que reciba do decano-presidente.

2. Redacta-las actas das xuntas xerais e das sesións da Xunta de Goberno, coidando de que se copien despois de aprobadas no libro correspondente. As actas das sesións serán redactadas polo secretario actuante ou quen o substitúa, dentro dos cinco días seguintes á reunión da sesión do órgano de que se trata, e quedarán inmediatamente aprobadas, con plena executividade, por efecto da súa subscrición polo secretario xeral, sen prexuízo de que esa aprobación haxa de ser referendada na sesión seguinte do órgano do que se trate.

3. Levar dous libros de actas, un para xuntas de goberno e outro para as xerais.

4. Levar ou coidar que se leven os libros de rexistro de correspondencia de entrada e saída así como o arquivo da documentación do colexio.

5. Recibir toda a correspondencia e solicitudes que se dirixan ó colexio, e dar conta delas ó presidente, co seu informe verbal ou escrito sobre o seu contido.

6. Expedir toda a correspondencia e solicitudes que se dirixan ós colexiados.

7. Prepara-la relación de asuntos que haxa de servir ó decano para determina-la orde do día de cada convocatoria.

8. Exerce-la xefatura do persoal necesario para a realización das tarefas colexiais.

9. Cumprir ou facer cumpri-las decisións do decano e os acordos das xuntas.

10. Convocar, por orde do decano-presidente, as reunións das xuntas xerais e de goberno, actuando como moderador nas primeiras.

11. Corresponde ó secretario xeral a coordinación das actividades que acorde executa-la Xunta de Goberno.

Artigo 43º

Funcións do vicesecretario:

Corresponde ó vicesecretario substituí-lo secretario xeral nos casos de ausencia, enfermidade, imposibilidade ou vacante, así como exercer tódalas funcións que este lle delegue.

Artigo 44º

Funcións do tesoureiro:

1. Leva-lo libro de caixa.

2. Leva-la conta corrente co banco ou bancos que acorde a Xunta de Goberno, custodiando os talóns e cheques e a documentación pertinente.

3. Autorizar coa súa sinatura o movemento de fondos responsabilizándose deles.

4. Vixia-la marcha económica do colexio.

5. Render contas á Xunta de Goberno, e responder das cantidades que recibise.

6. Levar a cabo as actuacións precisas e realiza-las xestións para o cobro das cantidades que pertenzan ou poidan pertencer ó colexio.

Artigo 45º

Funcións do contador:

1. Leva-los libros de contabilidade que sexan precisos.

2. Elabora-los orzamentos de ingresos e gastos que deberán aprobarse en Xunta Xeral.

3. Face-lo inventario de bens e utensilios do colexio.

4. Presentar en Xunta de Goberno detalle de pagamentos que non estean previstos no orzamento, que efectuará o tesoureiro unha vez aprobados.

5. Leva-lo ficheiro de colexiados.

Artigo 46º

Os vocais desempeñarán no seo da xunta as funcións que esta respectivamente lles encomenda.

A orde de suplencias no caso de ausencia, enfermidade ou vacante do decano-presidente, presidente adxunto, vicedecanos, secretario xeral, vicesecretario, tesoureiro e contador, no non previsto expresamente, virá determinado pola mesma orde das vocalías.

Artigo 47º

Os membros da Xunta de Goberno poderán ser retribuídos polas actividades que desenvolvan para o colexio no exercicio das súas funcións, deberá acorda-la xunta en cada caso concreto a posible remuneración.

Capítulo III

Das comisións de traballo

Artigo 48º

A Xunta de Goberno poderá crea-las comisións de traballo que considere convenientes para atende-las necesidades do colexio e prepara-los dictames, informes, estudios, etc., que sexan precisos. As súas propostas tomaranse sempre por maioría dos seus membros, e non será válida representación ningunha.

Artigo 49º

Á fronte de cada comisión haberá un vocal da Xunta de Goberno, o cal presidirá as súas reunións, impulsará e designará os seus traballos e dará conta periodicamente á Xunta de Goberno do labor realizado.

Artigo 50º

Sen prexuízo de canto antecede, os colexiados poderán propoñer ó decano-presidente a constitución doutras comisións para o estudio de cantos problemas profesionais estimen convenientes, e aquel deberá dirixi-la súa proposta á xunta, que a aceptará para toda clase de fins relacionados cos propios do colexio.

Artigo 51º

A Xunta de Goberno poderá designar baixo a súa directa dependencia e como cargo executivo do colexio a un secretario técnico e fixa-la retribución e as condicións de traballo que estime convenientes, de conformidade coa lexislación aplicable.

Corresponderanlle ó secretario técnico as funcións que lle atribúa a Xunta de Goberno, e en todo caso a organización do traballo administrativo do colexio, a execución dos acordos da Xunta de Goberno que se lle ordenen, a xefatura do persoal ó servicio do colexio.

Artigo 52º

O secretario técnico estará obrigado a asistir a reunións da Xunta de Goberno cando sexa requirido para iso polo decano-presidente, e informar dos asuntos da súa incumbencia.

Artigo 53º

A Xunta de Goberno poderá conferirlle ó secretario-técnico apoderamentos xerais ou específicos para a execución das funcións que se lle atribúan.

Capítulo IV

Do réxime electoral

Artigo 54º

Os cargos da Xunta de Goberno renovaranse cada catro anos, mediante votación directa, na que terán dereito e deber de participar, na forma que máis adiante se regula, tódolos colexiados que estean en pleno uso dos seus dereitos civís. A perda da condición de colexiado suporá a baixa de forma automática no censo electoral.

Admítese a reelección indefinida dos cargos.

Artigo 55º

O censo dos colexiados con dereito a voto para as eleccións dos membros da Xunta de Goberno será posto de manifesto na secretaría dentro dos cinco días seguintes ó anuncio das eleccións. Dentro dos cinco días inmediatos á exposición do censo poderán formularse as reclamacións que procedesen, que serán resoltas no prazo máximo de tres días pola Xunta de Goberno.

Artigo 56º

Para poder ser candidato a calquera dos cargos da Xunta de Goberno esíxese estar ó corrente do pagamento das cotas.

Entenderase que o colexiado non está ó corrente do pagamento cando fose requirido formalmente de pagamento polo colexio baixo apercibimento de ser dado de baixa da súa condición de colexiado, e non satisfixese o importe debido no prazo de 15 días.

Artigo 57º

As candidaturas, que necesariamente conterán nomes para cubrir tódolos cargos da Xunta de Goberno, deberán presentarse na secretaría do colexio cunha antelación mínima de trinta días ó día das eleccións, que non será computado para estes efectos.

Tras examina-la Xunta de Goberno as candidaturas presentadas e comproba-lo cumprimento polos aspirantes de tódolos requisitos para optar ó cargo, serán proclamadas o primeiro día hábil posterior ó de finalización do prazo da citada presentación.

A relación de candidaturas será exposta no taboleiro de anuncios do colexio, e remitiranse por correo as distintas papeletas a tódolos colexiados con dereito a voto.

Se só se presentase unha candidatura, a proclamación equivale á elección e releva a necesidade de someterse a elas.

Calquera candidatura poderá ser retirada se llo comunica á Xunta de Goberno tres días antes, polo menos, do sinalado para a elección.

Artigo 58º

Cada candidatura poderá nomear dous interventores, que deberán ser colexiados, non candidatos, e o nomeamento dos cales deberá comunicarse á secretaría do colexio cunha antelación mínima de tres días ó da votación.

Artigo 59º

A secretaría técnica encargarase de edita-las papeletas que deberán ser exactamente iguais para tódalas candidaturas, así como os sobres nos que deberán introducirse. Non se admitirán papeletas confeccionadas polos propios candidatos.

Encargarase igualmente a secretaria técnica de que o día da elección haxa suficientes papeletas de cada candidatura.

Artigo 60º

O voto poderá emitirse por correo, que deberá enviarse exclusivamente á secretaría do colexio, non ás delegacións, introducindo o sobre electoral noutro no que constarán os datos identificativos do colexiado, fotocopia do DNI e a súa sinatura subscrita na tarxeta de recoñecemento facilitada polo colexio. A remisión por correo poderá ser substituída por entrega directa na secretaría do colexio, onde se habilitará un libro rexistro e unha tarxeta de recoñecemento de sinatura que subscribirán cada un dos que entreguen os votos.

Artigo 61º

O voto por correo só será válido se é recibido no colexio ata as 20 h do día anterior á votación.

Artigo 62º

No día sinalado para a votación constituirase a Mesa Electoral no local que ó respecto se anuncie, durante un tempo de polo menos seis horas. A Mesa Electoral estará formada por tres colexiados, designados por sorteo entre os que non sexan candidatos nin interventores. O sorteo realizarase, con convocatoria previa dos membros das candidaturas para que asistan ou deleguen nos seus interventores, dentro dos tres días seguintes á proclamación de candidatos. No sorteo tamén se elixirán tres suplentes, e designarase un presidente e un secretario.

Artigo 63º

Durante todo o tempo que permaneza constituída a Mesa Electoral deberán estar presentes polo menos dous dos seus membros.

O presidente da mesa, que será substituído polo vocal nas ausencias, custodiará a urna e depositará nela as papeletas. O secretario levará, coa axuda do persoal do colexio, a listaxe dos votos emitidos.

Artigo 64º

Os votantes deberán acreditar ante a mesa a súa personalidade. A mesa comprobará a súa inclusión no censo electoral, e o presidente pronunciará en voz alta o nome e apelido do votante, indicando que vota. O presidente introducirá o sobre que contén a papeleta na urna.

Os membros da mesa serán os últimos en votar.

Artigo 65º

Rematado o prazo de votación, os membros da mesa procederán ó escrutinio lendo en voz alta tódalas papeletas, coa exclusiva presencia dos interventores e do secretario técnico do colexio.

En primeiro lugar computaranse os votos depositados na urna, e escrutaranse despois os realizados por correo de acordo co disposto nestes estatutos. Se resultase que algún colexiado votou na furna e tamén remitiu o seu voto por correo, este último será considerado como non existente. Así mesmo, serán considerados nulos os votos nos que aparezan riscadelas ou emendas, e os sobres que conteñan máis dunha papeleta.

Para a admisión dos votos emitidos por correo ou depositados con anterioridade no colexio será necesaria a plena identificación do votante, ben por exhibición do libro rexistro e a tarxeta de recoñecemento, ben por identificación do secretario técnico.

Rematado o escrutinio, o presidente da mesa fará público o resultado da elección e redactarase acta desta. A acta deberá recoller tódalas incidencias da xornada electoral, deberá ser asinada polos membros da mesa, e ofrecida á sinatura ós compromisarios que poderán face-las excepcións que consideren necesarias.

Artigo 66º

A Xunta de Goberno dará conta ó Consello Xeral e ó Consello Galego, no caso de que se constituíse e o colexio estivese nel integrado, do resultado da votación nos tres días seguintes. Igualmente, de acordo co establecido na Lei de colexios profesionais de Galicia, comunicarase a composición da Xunta de Goberno á consellería competente en materia de colexios profesionais e á consellería ou consellerías competentes por razón da profesión.

Artigo 67º

As vacantes que se produzan na Xunta de Goberno serán cubertas pola esta con carácter provisional ata a súa ratificación na primeira Xunta Xeral que se realice, seguindo os trámites previstos no artigo 36º dos estatutos para o caso de que non se obtivese aquela. Esta ratificación tamén será preceptiva para as reestructuracións internas que se producisen.

Cando as vacantes que se vaian cubrir superen a cuarta parte do número de membros, deberá convocarse Xunta Xeral Extraordinaria para abrir un proceso electoral para tódolos membros da Xunta de Goberno.

Sen prexuízo do prevido no parágrafo primeiro, se a vacante producida é a do decano-presidente, será substituído polo presidente adxunto, no seu defecto polos vicedecanos, segundo a orde de prelación, e no seu defecto polo membro da xunta de máis idade.

Artigo 68º

Contra os actos suxeitos ó dereito administrativo emanados do órgano de goberno do Colexio de Economistas caberá recurso de alzada perante o Consello Xeral de Colexios de Economistas ou perante o Consello Galego de Colexios de Economistas no caso de que se constituíse e se formase parte del.

A resolución do Consello Xeral ou do Consello Galego de Colexios de Economistas terminará a vía administrativa colexial e quedará expedita a contencioso-administrativa.

TÍTULO IV

Dos membros de honra e de mérito

Artigo 69º

A Xunta de Goberno, por acordo tomado por maioría absoluta, poderá designar colexiado de honra a aquela persoa, española ou estranxeira, economista ou non, co fin de recoñece-los seus eminentes servicios ó colexio ou á profesión ou o seu labor no desenvolvemento da ciencia económica.

Igualmente, a Xunta de Goberno poderá designar por maioría absoluta, colexiado de mérito a aquel compañeiro ou colexiado que estea na situación exposta no anterior parágrafo.

Esta designación non comportará outros dereitos cós simplemente honoríficos.

TÍTULO V

Do réxime económico e financeiro

Artigo 70º

O colexio terá plena capacidade xurídica no ámbito económico e patrimonial para o cumprimento dos seus fins.

Os recursos económicos serán os seguintes:

1. As cotas de incorporación.

2. As cotas mensuais ou extraordinarias.

3. Os dereitos por expedición de documentos, legalización de sinaturas, laudos, dictames, etc.

4. Os dereitos por venda de impresos para uso oficial dos colexiados.

5. Os beneficios que lles reporten as súas edicións.

6. Os intereses de capital, pensións e beneficios de toda especie que poidan produci-los bens que constitúan o seu patrimonio.

7. Os honorarios que correspondan ós informes, dictames ou peritaxes que lle pidan á Xunta de Goberno os tribunais de xustiza, a Administración ou os organismos estatais e que ela mesma formule.

8. As subvencións ou donativos que se conceden ó colexio polo Estado ou corporacións oficiais ou persoas xurídicas e naturais.

9. As cantidades que por calquera concepto lle corresponda percibir ó colexio.

10. Os préstamos que se soliciten e concedan.

O colexio proporá ó Consello Xeral, ou ó Consello Galego de Colexios de Economistas no caso de que se constituíse e se formase parte del, o importe das cotas de incorporación, as mensuais e extraordinarias e os dereitos e taxas enumerados nos parágrafos anteriores.

Artigo 71º

Se os orzamentos non se aprobasen antes do primeiro día do exercicio económico no que haxan de rexer consideraranse automaticamente prorrogados por doceavos os do exercicio anterior ata a aprobación dos novos, coa única adición das partidas que sexan obrigadas como consecuencia do cumprimento das disposicións legais vixentes sobre persoal ou outras materias.

Artigo 72º

Os libramentos para a disposición de fondos do colexio serán expedidos polo decano-presidente, e intervirá en tódalas operacións o contador e o tesoureiro ou os que fagan as súas veces.

Artigo 73º

1. O colexio someterá anualmente as súas contas a informe de auditoría, sen prexuízo da función fiscalizadora que lles corresponde ós organismos públicos legalmente habilitados para iso.

2. O colexio e o Consello Galego de Colexios de Economistas no caso de que se constituíse e se formase parte del, deberán ser auditados cando se produza a renovación ordinaria, total ou parcial, dos seus órganos directivos, sen prexuízo da función fiscalizadora que corresponde ós organismos públicos legalmente habilitados para iso.

TÍTULO VI

Xurisdicción disciplinaria

Artigo 74º

Con independencia de que poidan incorrer noutras responsabilidades, os economistas están suxeitos á facultade disciplinaria do colexio para aqueles actos ou omisións previstos como faltas nos presentes estatutos e no caso de infracción dos seus deberes profesionais.

Artigo 75º

A Xunta de Goberno, logo da tramitación do oportuno expediente, poderá acorda-la imposición de sancións ós colexiados por actos ou omisións nos que incorran que lles sexan imputables como contrarios ós deberes que os estatutos lles impoñen, á moral, ó prestixio e competencia profesional, á honorabilidade da profesión ou ó respecto debido ós seus compañeiros.

As sancións deberán ser acordadas pola Xunta de Goberno logo das audiencias do interesado, se comparece en tempo e forma, permitíndoselle achegar probas e defenderse oralmente ou por escrito.

As sancións ás que se refire o parágrafo anterior serán as seguintes:

1. Privación do dereito a asistir dunha a tres xuntas xerais ou actos públicos do colexio.

2. Apercibimento por oficio.

3. Amoestación privada.

4. Amoestación pública.

5. Suspensión do exercicio profesional por un prazo determinado.

6. Expulsión do colexio e baixa no exercicio profesional.

Estas sancións imporanse segundo a normativa seguinte:

1. Para faltas leves:

a) Apercibimento por oficio.

b) Amoestación.

2. Para faltas graves:

Suspensión no exercicio da profesión por un prazo non superior a tres meses.

3. Para faltas moi graves:

a) Suspensión no exercicio da profesión por un prazo superior a tres meses e por un período determinado, por un prazo máximo dun ano.

b) Expulsión do colexio.

Artigo 76º

O procedemento desenvolverase conforme ó previsto na Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (artigos 127 a 138).

Artigo 77º

Terán a consideración de faltas leves:

a) A falta de respecto ós membros da Xunta de Goberno no exercicio das súas funcións, cando non constitúa falta grave ou moi grave.

b) A neglixencia no cumprimento das normas estatutarias.

c) As infraccións leves ós deberes que a profesión impón.

d) Os actos enumerados no artigo 78º que non revestisen entidade suficiente para ser considerados como graves.

Artigo 78º

Terán a consideración de faltas graves:

a) O incumprimento grave das normas estatutarias, deontolóxicas da profesión ou dos acordos adoptados polo colexio, cando non constitúa falta de entidade superior.

b) A falta de respecto por acción e omisión ós compoñentes da Xunta de Goberno, cando estes actúen no exercicio das súas funcións.

c) A competencia desleal.

d) Os actos de desconsideración manifesta cara ós compañeiros no exercicio da actividade profesional.

e) Os actos e as omisións descritos nos catro primeiros puntos do artigo 79º, se non revestisen entidade suficiente para ser considerados como moi graves.

f) A reiteración de faltas leves.

Artigo 79º

Terán a consideración de faltas moi graves:

a) A prestación de servicios profesionais con incumprimento dos requisitos enumerados nos presentes estatutos e calquera outra infracción que nestes teña a cualificación de falta moi grave.

b) Os actos e as omisións que constitúan ofensa grave á dignidade da profesión ou as regras éticas que a rexen.

c) O atentado contra a dignidade e a honra dos compañeiros que constitúan a Xunta de Goberno cando estes actúen no exercicio das súas funcións e en contra dos demais compañeiros con motivo do exercicio profesional.

d) A realización de actividades e a constitución ou pertenza a asociacións que teñan como fin ou que realicen funcións propias do colexio.

e) A infracción das disposicións e as prohibicións en materia de incompatibilidades.

f) O encubrimento do intrusismo profesional.

g) A comisión de delictos dolosos, en calquera grao de participación como consecuencia do exercicio profesional.

h) A comisión de infraccións que polo seu número ou gravidade resultasen moralmente incompatibles co exercicio profesional.

i) A reiteración de falta grave.

Artigo 80º

As sancións comportarán o efecto correspondente a cada corrección. A súa imposición notificaraa a secretaría e contra ela poderá interpoñerse recurso de alzada ante o Consello Xeral dos Colexios de Economistas de España ou ante o Consello Galego de Colexios de Economistas no caso de que se constituíse e se formase parte del.

Artigo 81º

As sancións disciplinarias impostas polo colexio ós membros faranse constar sempre nos expedientes daqueles.

Artigo 82º

As faltas determinantes de sanción disciplinaria corporativa prescribirán ós seis meses as leves, ós dous anos, se fosen graves e, ós tres anos se fosen moi graves, contados desde o día no que a infracción se cometese.

Artigo 83º

Os sancionados poderán solicita-la súa rehabilitación coa conseguinte cancelación da nota do seu expediente persoal nos prazos seguintes, que se contarán desde o cumprimento da sanción:

a) Ós seis meses, no caso de faltas leves.

b) Ós dous anos, se a falta fose grave.

c) Ós catro anos se a falta fose moi grave.

d) Ós cinco anos se a sanción consistise na expulsión.

A rehabilitación solicitarase á Xunta de Goberno do colexio. No último caso o interesado achegará probas de rectificación da conducta para que poidan ser apreciadas ponderadamente polos compañeiros que a teñan que xulgar en calquera dos trámites no ámbito corporativo. Os trámites de rehabilitación levaranse a cabo da mesma maneira cós de axuizamento e sanción das faltas e serán susceptibles dos mesmos recursos.

Igualmente, a Xunta de Goberno do colexio remitirá ó Consello Xeral de Colexios de Economistas de España, ou ó Consello Galego de Colexios de Economistas no caso de que se constituíse e se formase parte del, unha copia da resolución dos acordos tomados nos expedientes de rehabilitación.

TÍTULO VII

Do réxime xurídico dos actos e a súa impugnación

Artigo 84º

1. Fronte a calquera acto da Xunta de Goberno, o colexiado poderá interpoñer recurso de alzada perante o Consello Xeral dos Colexios de Economistas de España, ou ante o Consello Galego de Colexios de Economistas no caso de que se constituíse e se formase parte del, no prazo dun mes.

2. No suposto de actos e resolucións dictados no exercicio de competencias administrativas delegadas haberase que ater ós termos da propia delegación en canto ó órgano competente para coñecer, se é o caso, do recurso correspondente.

Artigo 85º

En todo o demais, e en canto á nulidade ou anulación ou suspensión de actos colexiais, estarase ó disposto na Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

TÍTULO VIII

Da disolución e liquidación do colexio

Artigo 86º

A disolución do colexio poderá acordarse nos seguintes supostos:

a) Cando a profesión perda, de acordo coa lei ou a norma que o regule, o seu carácter de colexiable.

b) Por acordo da Xunta Xeral, convocada exclusivamente para o efecto, adoptado como mínimo pola metade máis un dos colexiados.

c) Por unión, fusión ou absorción por outro colexio.

d) Por falta de colexiados que non permita cubri-los postos previstos do órgano de goberno sen simultanear ou duplicar cargos.

Artigo 87º

O Consello Xeral dos Colexios de Economistas de España, ou o Consello Galego de Colexios de Economistas no caso de que se constituíse e se formase parte del, será parte no proceso de disolución, tomando as medidas que as circunstancias aconsellen e autorizando o destino do patrimonio cando sexa procedente.

O acordo de disolución será comunicado á consellería competente en materia de colexios profesionais, para os efectos da súa aprobación, inscrición no Rexistro de Colexios e publicación no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 88º

O patrimonio social destinarase en primeiro lugar a cubri-lo pasivo. Ó activo restante daráselle o destino que acordase a Xunta Xeral, e na súa ausencia, o que dispoña o Consello Xeral de Economistas de España ou o Consello Galego de Colexios de Economistas no caso de que se constituíse e se formase parte del.