Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 81 Luns, 28 de abril de 2003 Páx. 5.326

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 9 de abril de 2003 pola que se autoriza a apertura e posta en funcionamento do centro autorizado de danza profesional Liceo La Paz, da Coruña, para impartir, con carácter definitivo, as ensinanzas dos graos elemental e medio de danza.

Segundo o disposto no artigo 31 do Estatuto de autonomía de Galicia, é competencia da Comunidade Autónoma galega a regulamentación e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades e, de acordo co artigo 1 do Decreto 213/1998, do 10 de xullo (Diario Oficial de Galicia do 23 de xullo), a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria é o órgano da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia ó que lle corresponden estas competencias.

Nesta consellería recibiuse solicitude de autorización para apertura e posta en funcionamento dun centro autorizado de danza profesional denominado Liceo La Paz, na Coruña, para impartir, con carácter definitivo, as ensinanzas dos graos elemental e medio de danza que establece a Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo (Boletín Oficial del Estado do 4 de outubro).

A Delegación Provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Coruña informa do cumprimento dos requisitos mínimos que establece o Real decreto 389/1992, do 15 de abril (BOE do 28 de abril), para os centros que impartan as ensinanzas artísticas regradas previstas no capítulo primeiro do titulo II da Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, e de que a estructura e planificación académica do centro se axusta ó disposto no Decreto 260/1994, do 29 de xullo, polo que se establece o currículo do grao elemental das ensinanzas de danza (DOG do 16 de agosto) e no Decreto 9/2002, do 10 de xaneiro, polo que se establece o currículo

do grao medio das ensinanzas de danza e o acceso ós ditos graos (DOG do 29 de xaneiro).

Cumpridos tódolos trámites regulamentarios e tendo en conta o anteriormente exposto, esta consellería, por proposta da Dirección Xeral de Centros e Ordenación Educativa,

DISPÓN:

Primeiro.-Autorizar para impartir, con carácter definitivo, as ensinanzas correspondentes ós graos elemental e medio de danza establecidas na Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo ó centro autorizado de danza profesional Liceo La Paz, da Coruña, segundo os datos que figuran no anexo a esta orde.

Segundo.-En cumprimento do que establece a disposición adicional terceira do Decreto 253/1995, do 29 de setembro (DOG do 11 de outubro), o centro autorizado de danza profesional Liceo La Paz, da Coruña, queda adscrito, para efectos administrativos, ó conservatorio profesional de danza da Deputación Provincial da Coruña.

Terceiro.-A presente autorización para imparti-las ensinanzas dos graos elemental e medio de danza terá efectos a partir do curso académico 2003-2004.

Cuarto.-O mencionado centro queda obrigado ó cumprimento da lexislación vixente e a solicita-la oportuna revisión da autorización cando teña que modificarse calquera dos datos sinalados nesta orde.

Quinto.-A presente orde, que esgota a vía administrativa, poderá ser obxecto de recurso potestativo de reposición perante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ó da publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto na Lei 4/1999, do 13 de xaneiro (BOE do 14 de xaneiro), de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (BOE do 27 de novembro), ou ben os interesados poderán presentar directamente recurso contencioso administrativo perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ó da súa publicación, conforme se establece na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa (BOE do 14 de xullo).

Disposición derradeira

Facúltanse as direccións xerais de Centros e Ordenación Educativa e de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais para dicta-las disposicións necesarias para o desenvolvemento da presente orde.

Santiago de Compostela, 9 de abril de 2003.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación

Universitaria

ANEXO

Provincia: Coruña, A.

Concello: Coruña, A.

Localidade: Coruña, A.

Enderezo: rúa As Cernadas, 20 (Polígono Matogrande).

Código do centro: 15032297.

Titulares: Carlos Pérez Roca e Antonio Pintor Vidal.

Denominación xenérica: centro autorizado de danza profesional.

Denominación específica: Liceo La Paz.

Número de postos escolares autorizados:-Grao elemental: 80.-Grao medio: 90.

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL

E TURISMO