Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 81 Luns, 28 de abril de 2003 Páx. 5.325

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

DECRETO 231/2003, do 11 de abril, polo que se crea un centro de educación especial en Santiago de Compostela para a atención específica de alumnado con trastornos graves de conducta.

O Estatuto de autonomía de Galicia establece a competencia plena desta Comunidade Autónoma para o regulamento e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades; competencias que lle están atribuídas á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria nos termos que figuran no artigo 2 do Decreto 114/1982, do 1 de setembro, sobre asunción

de transferencias en materia educativa, e no artigo 1 do Decreto 213/1998, do 10 de xullo, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

A Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, establece no punto 1 do seu artigo 36 que o sistema educativo disporá dos recursos necesarios para que os alumnos con necesidades educativas especiais, temporais ou permanentes, poidan acadar dentro do mesmo sistema os obxectivos establecidos con carácter xeral para tódolos alumnos.

Así mesmo, o punto 3 do artigo 37 da mencionada lei establece que a escolarización en unidades ou centros de educación especial só se levará a cabo cando as necesidades do alumnado non poidan ser atendidas por un centro ordinario.

Os artigos 44 e 47 da Lei orgánica 10/2002, do 23 de decembro, de calidade da educación, determinan que os alumnos con necesidades educativas especiais terán unha atención especializada, para o que as administracións educativas dotarán os centros de persoal e recursos necesarios para garanti-la súa escolarización, e que poderán establecerse acordos de colaboración con outras administracións.

O Decreto 320/1996, do 26 de xullo, de ordenación da educación de alumnos e alumnas con necesidades educativas especiais, determina no punto 1 do artigo 3 que a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria promoverá as medidas e recursos necesarios para atende-lo alumnado con necesidades educativas especiais durante o período de escolaridade preobrigatoria e obrigatoria, e facilitaralle a escolaridade postobrigatoria nos niveis non universitarios.

En consecuencia, procede a creación dun centro público que permita a adecuada escolarización de alumnos que requiran unha atención específica dado os graves trastornos de conducta que presentan.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día once de abril de dous mil tres,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Crear un centro de educación especial en Santiago de Compostela para a atención específica de alumnado con trastornos graves de conducta e adscribilo á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Artigo 2º

A dita consellería xunto coa Consellería de Sanidade adoptarán as medidas necesarias para o mellor cumprimento do anteriormente sinalado, e determinarán os cadros de persoal para o máis eficaz desenvolvemento das actividades do centro.

Artigo 3º

Corresponderalle á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria a dotación dos cadros de persoal docente, administrativo e subalterno. A Consellería de Sanidade proverá dos recursos humanos e materiais necesarios para a atención sanitaria.

Disposición derradeira

Única.-Este decreto entrará en vigor a partir do día seguinte a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Laias-Cenlle (Ourense), once de abril de dous mil tres.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria