Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 81 Luns, 28 de abril de 2003 Páx. 5.327

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL E TURISMO

ORDE do 22 de abril de 2003 pola que se convocan bolsas para a realización de prácticas en oficinas de información turística.

Debido á grande importancia que o sector turístico ten no desenvolvemento da nosa economía, requírese que, por parte das administracións públicas, se dediquen recursos para xerar iniciativas con tendencia a mellorar cada día o sector para así mante-la demanda existente e incrementala en todo o que sexa posible.

A Xunta de Galicia, a través da súa Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, está a adoptar unha serie de iniciativas para dedica-los fins sinalados. Entre estas medidas está a de favorecer que os estudiantes e titulados da diplomatura de turismo ou técnicos de empresas e actividades turísticas, e os técnicos superiores en información e comercialización turísticas accedan a prácticas nas oficinas de información de turismo dependentes desta consellería, así como noutras oficinas de determinados centros comarcais e da Fundación Aquae Querquennae Vía Nova (en adiante Fundación Aquae), para reforza-las tarefas de información ós visitantes. Con isto contribúese directamente tanto á formación dos técnicos como á mellora do servicio de atención ó turista, o que repercutirá de modo decisivo nunha maior satisfacción e incremento da demanda.

Por todo isto, e consonte co establecido sobre medidas de fomento no artigo 73 da Lei 9/1997, do 21 de agosto, de ordenación e promoción do turismo en Galicia, en concordancia co sinalado no artigo 74 da dita lei, esta consellería realiza unha convocatoria de bolsas para a realización de prácticas

en oficinas de información turística de acordo coas seguintes

BASES:

Primeira.-Obxecto.

Convócanse 24 bolsas para a realización durante o verán de prácticas de promoción e, información turística, nas oficinas que a continuación se relacionan e pola duración sinalada no cadro seguinte:

OficinaNº bolseirosMesesDías

Santiago de Compostela23,523 xuño-5 outubro

A Coruña23,523 xuño-5 outubro

Vigo231 xullo-30 setembro

Pontevedra231 xullo-30 setembro

Vilagarcía de Arousa121 xullo-31 agosto

Ourense221 xullo-31 agosto

Lugo221 xullo-31 agosto

Lugo-oficina do fielato121 xullo-31 agosto

Tui121 xullo-31 agosto

Ferrol121 xullo-31 agosto

Ribeira121 xullo-31 agosto

Ribadeo121 xullo-31 agosto

Fundación Aquae131 xullo-31 agosto

C. Comarcal do Carballiño121 xullo-31 agosto

C. Comarcal de Celanova121 xullo-31 agosto

C. Comarcal de Bergantiños121 xullo-31 agosto

C. Comarcal do Salnés121 xullo-31 agosto

C. Comarcal de Trives121 xullo-31 agosto

Segunda.-Beneficiarios e natureza xurídica da relación.

1. Poden optar ás bolsas de prácticas nas oficinas de información turística os técnicos superiores en información e comercialización turística, os estudiantes e titulados da diplomatura de turismo e os técnicos de empresas e actividades turísticas, sempre que nacesen con posterioridade ó 31 de decembro de 1975 e non fosen adxudicatarios desta mesma bolsa en dúas ou máis edicións anteriores.

2. Á bolsa para a realización de prácticas nas oficinas da Fundación Aquae, tamén poderán opta-los titulados superiores universitarios en historia ou arqueología.

3. A condición de bolseiro/a, en virtude desta orde, non xerará ningún tipo de relación de carácter laboral nin contractual e tampouco dará lugar á súa inclusión na Seguridade Social.

Terceira.-Crédito orzamentario e dotación das bolsas.

Para a concesión destas bolsas destinarase ata un máximo de corenta e sete mil setecentos noventa euros (47.790 A), que se imputarán á aplicación orzamentaria 10.05.751A.480.0.

A dotación económica de cada bolsa será de oitocentos dez euros (810 A) brutos mensuais. Cada bolsa comprenderá, ademais, un seguro individual de accidentes.

Cuarta.-Condicións xerais das bolsas.

1. O contido das tarefas que realizarán os bolseiros consiste en actividades relacionadas coa información a turistas e viaxeiros sobre aloxamento, transporte, espectáculos, gastronomía, bibliotecas, arquivos, museos, feiras, festas, romarías, exposicións e servicios en xeral, así como calquera outra manifestación que polas súas características ofrezan atractivos turísticos.

2. Os beneficiarios comprométense á realización das devanditas tarefas con plena dispoñibilidade, calquera día da semana, laboral ou festivo, de acordo coas indicacións e horario que se lle sinale pola correspondente delegación provincial, cun límite de 37 horas semanais.

Tódolos beneficiarios serán convocados a unha reunión na Dirección Xeral de Turismo en Santiago de Compostela con anterioridade ó comezo das súas prácticas e antes de que remate o período da bolsa, realizarán un informe sobre o traballo desenvolvido, que lle entregarán ó xefe da Oficina, que o remitirá coa súa conformidade ó Servicio Provincial de Turismo respectivo, que a súa vez o enviará cos comentarios que estime pertinentes ó Servicio de Formación, Cooperación Institucional e Documentación da Dirección Xeral de Turismo.

Quinta.-Solicitudes e documentación.

1. As solicitudes serán remitidas, conforme o modelo do anexo I, á Dirección Xeral de Turismo (Santiago de Compostela), en calquera das formas previstas na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, no prazo de corenta días hábiles, contados dende o día seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, acompañadas da seguinte documentación:

a) Fotocopia cotexada, por ámbalas caras, do DNI.

b) Curriculum vitae e fotografía.

c) Os estudiantes, certificación académica completa ou fotocopia compulsada dela.

d) Os titulados, fotocopia do título ou do recibo do depósito do título compulsadas e certificación académica completa ou fotocopia compulsada dela.

e) Certificacións ou fotocopias compulsadas dos diplomas de cursos e traballos de investigación realizados, así como da realización de prácticas en oficinas de turismo, axencias de viaxes, hoteis, campings, congresos, museos ou calquera outra empresa vencellada ó sector turístico.

f) Declaración xurada das axudas de bolsas solicitadas ou concedidas polas administracións públicas, ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades para o mesmo período.

2. Os interesados non poderán presentar máis de dúas solicitudes.

Sexta.-Criterios de adxudicación.

1. Para a valoración das solicitudes que se presenten, terase en conta o seguinte baremo:

-Nota media das cualificacións, engadíndolle 0,5 puntos por curso superado e 1 punto máis ós diplomados en turismo, TEATS e titulados superiores para a solicitude de prácticas na oficina da Fundación Aquae.

-0,5 puntos por curso de iniciación de galego e 1 por o de perfeccionamento ou título homologado.

-1 punto por curso de idiomas superado (non se valorarán os inferiores a 70 horas).

-0,25 puntos por cada mes completo de prácticas desenvolvendo actividades de atención ó público relacionadas co turismo ou con recursos patrimonias culturais (en centros de interpretación, museos ou outras entidades semellantes) para os que opten á bolsa da Fundación Aquae.

2. A comisión poderá realizar unha entrevista a tódolos aspirantes que acrediten máis de 7 puntos no anterior baremo. Versará sobre os seus méritos curriculares e terá unha duración máxima de 10 minutos. En función do contido da entrevista, a comisión poderá aumentar a puntuación asignada nun máximo do 20%.

3. No caso de que unha vez adxudicadas as bolsas de estudios xurdisen renuncias, adxudicaráselle automaticamente a axuda ó seguinte aspirante en puntuación, procedéndose do mesmo xeito en renuncias consecutivas.

Sétima.-Órganos competentes de xestión e resolución.

As solicitudes presentadas serán valoradas de acordo cos criterios mencionados no artigo anterior, por unha comisión integrada por tres funcionarios da Dirección Xeral de Turismo: a subdirectora de Ordenación do Turismo, que a presidirá, o xefe da Sección de Cooperación e Documentación e a xefa do Servicio de Formación, Cooperación Institucional e Documentación, que actuará como secretaria.

No prazo máximo dun mes dende a finalización do período de presentación de instancias, exporase nos taboleiros de anuncios da Dirección Xeral de Turismo. e das dependencias onde se sitúen os servicios provinciais de Turismo da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, a relación de solicitantes para cada unha das oficinas, coa puntuación acadada.

Á vista da proposta de resolución da Comisión de Valoración, o conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo resolverá a adxudicación das bolsas de conformidade co establecido nesta orde. A dita resolución esgota a vía administrativa e contra ela poderá interpoñerse potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que a dictou ou ser impugnada directamente ante a xurisdicción contencioso-administrativa, de acordo co artigo 116 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do

procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Oitava.-Obrigas dos beneficiarios.

Unha vez recibidas as notificacións de concesión das bolsas polos beneficiarios, estes, no prazo de cinco días naturais, comunicaranlle por escrito á Dirección Xeral de Turismo a súa aceptación ou renuncia. No caso de aceptación xuntarase coa mesma certificación bancaria da conta onde desexa que se lle aboe o importe da bolsa.

Se transcorridos os sinalados cinco días non se fixese manifestación en ningún sentido, tal feito entenderase como renuncia á subvención, declarándose concluso o procedemento.

Por outra parte, os beneficiarios terán que facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Consellería, Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas ou o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino da bolsa obxecto desta orde (artigo 78.6.i da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia).

Novena.-Aboamento das axudas.

As axudas aboaranse con periodicidade mensual e na contía correspondente, unha vez recibido o infome que debe emiti-la persoa competente nas delegacións provinciais da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, ou o presidente da Fundación Aquae, sobre a asistencia regular e aproveitamento das prácticas polos adxudicatarios.

Décima.-Incidencias.

A directora xeral de Turismo resolverá tódalas dúbidas e incidencias que poidan xurdir na aplicación desta convocatoria.

O incumprimento dos compromisos adquiridos de acordo coas bases precedentes dará lugar á revogación da axuda concedida e, se é o caso, á reclamación das cantidades xa pagadas de conformidade co disposto na lexislación vixente. Así mesmo, toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da bolsa obxecto desta orde e a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes privados nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Disposicións derradeiras

1. Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

2. Facúltase a directora xeral de Turismo para dictar cantas disposicións considere oportunas no desenvolvemento e interpretación desta orde.

Santiago de Compostela, 22 de abril de 2003.

Jesús Pérez Varela

Conselleiro de Cultura, Comunicación

Social e Turismo