Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 81 Luns, 28 de abril de 2003 Páx. 5.323

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 228/2003, do 3 de abril, polo que se acepta a cesión, a título gratuíto, dun terreo situado no concello de Cangas (Pontevedra), destinado á construcción dun edificio para xulgados.

O Pleno da Corporación Municipal do Concello de Cangas (Pontevedra), reunido en sesión realizada o día 27 de setembro de 2002, acordou cederlle á Comunidade Autónoma de Galicia un predio situado no termo municipal de Cangas destinado á construcción dun edificio para xulgados.

A Secretaría Xeral e do Patrimonio tramitou o correspondente expediente de aceptación de cesión, de conformidade co disposto nos artigos 16, 17 e 23 da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, e 33, 34 e 38 do Decreto 50/1989, do 9 de marzo, polo que se aproba o regulamento para a execución da dita lei.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Economía e Facenda, feita nos termos nos que o Concello de Cangas acordou a cesión, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día tres de abril de dous mil tres,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Acéptase a cesión a título gratuíto feita polo Concello de Cangas do predio que se describe como segue: urbano.-Parcela E-1, soar edificable na unidade de actuación 4.5 da vila de Cangas, situado con fronte á vía número 1, cunha superficie de cincocentos corenta e catro metros cadrados e un total de catrocentos trinta e cinco metros cadrados de teito, a usos equipamentais específicos na normativa do estudio de detalle polo que se rexe o proxecto de compensación. Linda: ó norte, con parcela privada situada na UA 4-1 e parcela V-1, ó sur, leste e oeste, coa parcela V-1.

Figura inscrito a nome do Concello de Cangas, ó folio 88 do tomo 1.478 libro 204 do predio 17809.

Artigo 2º

O predio cedido destinarase á construcción dun edificio para xulgados.

Artigo 3º

A Consellería de Economía e Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio, procederá á formalización da cesión no correspondente documento público e á inscrición do ben no Rexistro da Propiedade a nome da Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposición derradeira

A Consellería de Economía e Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio, levará a cabo

tódolos trámites necesarios para a efectividade deste decreto.

Santiago de Compostela, tres de abril de dous mil tres.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda