Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 80 Venres, 25 de abril de 2003 Páx. 5.260

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ASUNTOS SOCIAIS, EMPREGO E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 28 de febreiro de 2003, da Delegación Provincial da Coruña, pola que se dispón o depósito e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo do Concello de Porto do Son.

Visto o expediente do convenio colectivo do Concello de Porto do Son (código convenio 1503992), que tivo entrada nesta delegación provincial o día 8-1-2003, complementado o 26-2-2003, subscrito en representación da parte económica polo Concello de Porto do Son, e, da parte social, pola delegada de persoal, o día 27-12-2003, co acordo favorable do Pleno da Corporación adoptado o 20-12-2002, de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro, rexistro de convenios colectivos de traballo, que consta nesta delegación provincial, e notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

A Coruña, 28 de febreiro de 2003.

Elisa Madarro González

Delegada provincial da Coruña

Convenio colectivo do persoal laboral do Concello de Porto do Son

Exposición de motivos.

O obxectivo deste convenio colectivo é a regulación das condicións de emprego do conxunto do persoal do Concello de Porto do Son; unha única regulación válida, para conseguir unha administración galega máis homoxénea.

Por todo iso e de conformidade co disposto nas leis e na normativa legal aplicable, as partes negociadoras acordan que se subscriban como convenio colectivo as condicións de emprego do persoal ó servicio do Concello de Porto do Son.

Artigo 1º.-Ámbito funcional.

Este convenio colectivo aplicarase a tódolos traballadores e traballadoras pertencentes ó Concello de Porto do Son con relación de persoal laboral, en calquera das modalidades legalmente establecidas.

Artigo 2º.-Ámbito temporal, vixencia e denuncia.

O convenio colectivo entrará en vigor o día en que sexa aprobado polo Pleno da Corporación, independentemente da data de publicación preceptiva no BOP. O seu período de vixencia abranguerá desde o 1 de xaneiro ata o 31 de decembro de 2002, período que se entenderá prorrogado por anualidades, de non existir denuncia dalgunha das partes ata a entrada en vigor do novo convenio que substitúa o anterior, trala oportuna negociación. De se producir prórroga, os salarios incrementaranse na mesma porcentaxe que se estableza para os funcionarios do concello.

Ámbalas partes conveñen en que o convenio se considerará denunciado cando se faga con tres meses de antelación á finalización da súa vixencia ou da de calquera prórroga, co fin de inicia-las negociacións e deliberacións do novo convenio nunha data non posterior a un mes contado a partir daqueloutra data da denuncia.

Denunciado o convenio, e mentres non se dea chegado a un acordo expreso, prorrogarase en todo o seu articulado e aplicarase un incremento sobre tódolos conceptos retributivos igual ó que lle corresponda ó resto dos empregados funcionarios do concello.

Artigo 3º.-Garantía ad personam. Condicións máis beneficiosas.

Respectaranse as condicións superiores e máis beneficiosas que puidese gozar calquera traballador ou traballadora; estas consolidaranse como complemento persoal non absorbible.

Artigo 4º.-Irrenunciabilidade.

Considerarase nula e non feita a renuncia que fagan os traballadores e traballadoras de calquera beneficio establecido no convenio.

Artigo 5º.-Publicidade do convenio colectivo.

Con independencia da súa aprobación polo Pleno municipal, será publicado no BOP da Coruña. Esta publicidade será por conta do concello.

Artigo 6º.-Conflictividade laboral.

Antes de adoptaren medidas disciplinarias ou actitudes conflictivas de carácter colectivo, as partes asinantes do convenio comprométense a esgota-la vía do diálogo, dentro da propia institución.

Artigo 7º.-Xornada laboral.

A xornada laboral será de 37,5 horas semanais, de acordo co establecido para o persoal dependente das administracións públicas. A xornada laboral anual fíxase en 1.760 horas efectivas de traballo.

Dadas as características dos diversos servicios que presta o persoal laboral do concello, a xornada poderá desenvolverse durante os sete días da semana, garantindo un descanso ininterrompido de, polo menos, un día e medio.

Artigo 8º.-Vacacións.

Tódalas traballadoras e traballadores pertencentes ó concello gozarán de 30 días naturais de vacacións anuais, retribuídos con tódolos emolumentos ós que se teña dereito nun mes de traballo.

Artigo 9º.-Pagas extraordinarias.

As traballadoras e traballadores percibirán dúas pagas extraordinarias ó ano, unha o 30 de xuño e a outra o 24 de Nadal de cada ano. Cada unha das devanditas

pagas extraordinarias será igual a un mes de retribución ordinaria.

Artigo 10º.-Nocturnidade.

Aqueles traballadores ou traballadoras que desenvolvan o seu traballo entre as 10 da noite e as 6 da mañá recibirán unha compensación equivalente ó 30% sobre o seu salario base.

Artigo 11º.-Complemento de antigüidade.

Os traballadores e traballadoras terán dereito ó complemento de antigüidade coa mesma contía cá establecida para o persoal funcionario e segundo a categoría profesional.

Artigo 12º.-Incapacidade temporal.

No suposto de incapacidade temporal, calquera que sexa a causa, terase dereito a percibi-los ingresos sen mingua ningunha, tanto na nómina mensual coma nas pagas extraordinarias.

Artigo 13º.-Licencias retribuídas.

O concello concederá licencias retribuídas, como se dun día de traballo se tratar, a tódolos traballadores e traballadores que a soliciten, polos seguintes motivos:

-Por matrimonio: vinte días.

-Por matrimonio de fillos ou irmáns: un día.

-Por enfermidade grave do cónxuxe ou parella de feito, pais ou fillos; por parto da muller ou compañeira; por morte do cónxuxe, pais ou irmáns: tres días. Se o suceso é fóra da localidade: catro días (deberán achegarse os xustificantes).

-Por enfermidade grave ou morte de irmáns políticos, sogros, avós, netos, xenros ou noras: dous días. Se for fóra da localidade: tres días (deberán achegarse os xustificantes).

-Por cumprimento dun deber público ou para asistir ó médico: o tempo necesario.

-Por cambio de domicilio: un día natural. Se o desprazamento for fóra da localidade: dous días naturais.

-Por exame: o tempo necesario.

Artigo 14º.-Licencias non retribuídas.

Durante o ano concederanse sete días de licencia non retribuídos, segundo as necesidades dos traballadores e traballadoras.

Artigo 15º.-Roupas de traballo.

O concello facilitará a roupa de traballo e mailos medios de protección necesarios para o desenvolvemento do traballo.

Artigo 16º.-Estabilidade no emprego.

O concello asume que cómpre adopta-las medidas necesarias para acada-la maior estabilidade posible no emprego dos seus traballadores e traballadoras; con tal fin, durante a vixencia deste convenio, cubrirá os postos de necesidade estable polos procedementos concursais establecidos legalmente, de xeito que estes postos sexan cubertos por persoal laboral fixo e fixo descontinuo, segundo as especificidades do traballo desempeñado.

O concello recoñecerá suficientemente os servicios prestados polos actuais traballadores e traballadoras.

Artigo 17º.-Gastos de transporte.

O concello compensará o gasto de transporte daqueles traballadores e traballadoras que teñan que desprazarse para desempeñaren o seu labor.

Táboa de salarios ano 2002

CategoríaSalario

mensual

Bruto

anual

Titulado superior1.167,7316.348,23

Coordinador servicios sociais1.249,8617.498,07

Director coordinador deportivo1.211,8216.965,00

Profesor de baile1.381,9019.346,60

Animador deportivo777,6810.888,38

Administrativo889,5012.453,00

Auxiliar administrativo777,6810.888,38

Delineante777,6810.888,38

Auxiliar de turismo777,6810.888,38

Auxiliar de biblioteca663,309.286,20

Limpador663,309.286,20

Auxiliar axuda a domicilio663,309.286,20

Oficial de 1ª oficios varios889,5012.453,00

Conductor motobomba contraincendios999,9013.998,60

Peón forestal contraincendios817,3811.443,32

Conductor rozadora786,2711.007,78

Peón servicios varios663,309.286,20

Lector contadores auga663,309.286,20

Xardineiro889,5012.453,00

Artigo 18º.-Comisión paritaria.

A comisión paritaria estará composta polo alcalde, ou en quen este delegue, e pola persoa delegada de persoal. Terá como funcións a consulta e a interpretación que corresponda do asinado neste convenio.