Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 80 Venres, 25 de abril de 2003 Páx. 5.256

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ASUNTOS SOCIAIS, EMPREGO E RELACIÓNS LABORAIS

ORDE do 14 de abril de 2003 pola que se establece a convocatoria pública para a participación na programación de cursos de carácter presencial do Plan Autonómico de Formación de Formadores de formación profesional ocupacional correspondente ó ano 2003.

O Plan Autonómico de Formación de Formadores consiste nun conxunto de accións de formación dirixidas ós profesionais que participen como docentes nos plans de formación profesional ocupacional da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais tendentes a capacitar para programar, impartir e avaliar cursos de formación profesional ocupacional.

No Plan Galego de Formación Profesional para o período 2002-2006 recóllense os seguintes obxectivos para o establecemento dunha estructura integrada de formación do profesorado: a disposición dunha estructura estable que garanta a formación e actualización continua e permanente do profesorado público de FP; a homoxeneización e nivelación da formación e actualización do profesorado dos diferentes subsistemas de FP, facilitando a súa dispoñibilidade e eventual adaptación docente a calquera das modalidades de oferta e, por último, a mellora do rendemento das estructuras de formación que require a formación e actualización tecnolóxica do profesorado de FP.

O Decreto 292/2000, do 21 de decembro, sobre formadores de formación ocupacional, establece no seu artigo 3 que a programación das accións a que fai referencia o citado decreto será realizada pola Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, con carácter anual e mediante convocatoria pública, con medios persoais e materiais propios ou alleos contratados para estes efectos.

Unha vez aprobada a programación de cursos de cada provincia, tanto os cursos de formación metodolóxica, de acordo co previsto no certificado de profesionalidade de formador ocupacional, regulado polo Real decreto 1646/1997, do 31 de outubro, como os cursos de carácter monográfico, procédese agora á súa publicación no Diario Oficial de Galicia, en cumprimento daquel mandato regulamentario, e á apertura da convocatoria pública para a presentación das solicitudes para participar neles.

Consecuentemente con todo o anterior, consultados o Consello Galego de Formación Profesional e o Consello Galego de Relacións Laborais, en exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto e ámbito de aplicación.

1. O obxecto desta orde é a convocatoria e programación dos cursos, na modalidade presencial, de

formación de formadores de formación profesional ocupacional e o establecemento dos requisitos, condicións e criterios de selección dos alumnos, así como determinar cáles son os cursos ofertados e os lugares de impartición.

2. Estas accións formativas poderán ser cursos de formación metodolóxica, de acordo co previsto no certificado de profesionalidade de formador ocupacional, e cursos de carácter monográfico, especialmente dirixidos á especialización e actualización docente.

3. Os cursos de formación metodolóxica que se ofertan son os seguintes: Planificación e deseño de programas de formación (DOFF17): 80 horas; Dirección de procesos de aprendizaxe (DOFF13):180 horas; Avaliación da formación (DOFF14): 70 horas; Procesos de mellora da calidade da formación (DOFF15): 50 horas.

4. Impartiranse, así mesmo, de acordo co establecido no artigo 2.2 a) do Decreto 292/2000, do 21 de decembro, sobre formadores de formación ocupacional, os seguintes cursos de carácter monográfico: Intelixencia emocional. Power Point. Internet. Resolución de conflictos. Habilidades sociais e autoestima.

5. Os cursos ofertados, así como as datas e lugares de realización, veñen recollidos no anexo I desta orde.

Artigo 2º.-Convocatoria.

1. A convocatoria dos cursos de formación metodolóxica que se vai realizar en cada provincia deberá difundirse mediante anuncio nun dos xornais de maior tiraxe nela, a través da súa exposición nos taboleiros de anuncios das delegacións provinciais da consellería e das oficinas de emprego. Os cursos monográficos deberán publicarse, ademais, en xornais de difusión autonómica.

2. A programación de cursos ofertada nesta orde poderá modificarse, á vista das solicitudes presentadas, por resolución dos respectivos/as delegados/as provinciais. Estas modificacións, como mínimo, deberán ser expostas nos taboleiros de anuncios das delegacións provinciais desta consellería.

Artigo 3º.-Solicitudes.

1. Os interesados en participar nestas accións formativas deberán presenta-la solicitude no modelo normalizado que se publica como anexo II a esta orde, no rexistro das delegacións provinciais da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais correspondente á provincia da súa residencia, ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

2. No suposto de quereren participar en accións formativas en diferentes provincias, deberán formalizar unha solicitude independente para cada delas, tendo en conta que poderán solicitar ata un máximo de catro cursos en toda a comunidade autónoma.

3. Coa solicitude deberá achegarse a documentación acreditativa dos requisitos sinalados no artigo seguinte. Non obstante, non estarán obrigados a presentala os solicitantes que xa o fixesen na anterior convocatoria; neste caso, deberán achegar exclusivamente a xustificación dos méritos non acreditados anteriormente, de se-lo caso.

4. O prazo de presentación de solicitudes será de trinta días contados a partir do seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 4º.-Requisitos e criterios de selección dos alumnos.

1. Requisitos de titulación.

Os aspirantes deberán posuí-la titulación académica e/ou a capacitación profesional esixida nos certificados de profesionalidade. No caso de non existir programas, seguiranse os criterios que establezan os servicios competentes.

2. Os criterios para o acceso ós cursos que se convocan nesta orde serán os seguintes, por orde de prelación e con carácter excluínte:

Cursos: DOFF17 e DOFF13.

a) Docentes que estean impartindo ou impartisen cursos do Plan FIP no ano 2003 e que non teñan feito nin validado o curso de metodoloxía didáctica de 150 horas ofertado pola Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais en anos anteriores.

b) Docentes de escolas obradoiro, casas de oficios e talleres de emprego participantes en proxectos que se desenvolvan ou finalicen no ano 2003 e que non teñan feito nin validado o curso de metodoloxía didáctica de 150 horas ofertado pola Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais en anos anteriores.

c) Docentes que impartisen cursos do Plan FIP outros anos que non teñan feito nin validado o curso de metodoloxía didáctica de 150 horas ofertado pola Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais en anos anteriores.

d) Docentes de escolas obradoiro, casas de oficios e talleres de emprego que impartisen docencia outros anos e que non teñan feito nin validado o curso de metodoloxía didáctica de 150 horas ofertado pola Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais en anos anteriores.

e) Docentes do Plan FIP ou de escolas obradoiro, casas de oficios ou talleres de emprego que non estean en ningún dos casos anteriores.

f) Outros docentes dos subsistemas de formación profesional.

Cursos: DOFF14 e DOFF15.

a) Docentes que estean impartindo ou impartisen cursos do Plan FIP no ano 2003 e que teñan feito ou validado o curso de metodoloxía didáctica de 150 horas ofertado pola Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais en anos anteriores.

b) Docentes de escolas obradoiro, casas de oficios e talleres de emprego participantes en proxectos que se desenvolvan ou finalicen no ano 2003 que teñan feito ou validado o curso de metodoloxía didáctica de 150 horas ofertado pola Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais en anos anteriores.

c) Docentes que impartisen cursos do Plan FIP outros anos que teñan feito ou validado o curso de metodoloxía didáctica de 150 horas ofertado pola Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais en anos anteriores.

d) Docentes de escolas obradoiro, casas de oficios e talleres de emprego que impartisen docencia outros anos e que teñan feito ou validado o curso de metodoloxía didáctica de 150 horas ofertado pola Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais en anos anteriores.

e) Docentes do Plan FIP ou de escolas obradoiro, casas de oficios ou talleres de emprego que non estean en ningún dos casos anteriores.

f) Outros docentes dos subsistemas de formación profesional.

3. Para establece-la orde de prelación dos candidatos para cada un dos colectivos especificados no punto anterior, no caso de que o número de aspirantes sexa superior ó de prazas ofertadas, valoraranse os seguintes aspectos:

a) A pertenza ó catálogo de expertos da Xunta de Galicia: 15 puntos.

b) A experiencia profesional durante os últimos dez anos na especialidade ou especialidades nas que o aspirante imparte ou pretenda impartir cursos, valorándose con tres puntos cada ano acreditado.

c) A impartición de cursos de formación profesional ocupacional, valorándose por cada cincuenta horas impartidas un punto, sempre que o curso sexa do Plan FIP ou dos impartidos en escolas obradoiro, casas de oficios e talleres de emprego, acreditada a través de certificación do responsable das entidades impartidoras na que se faga consta-la denominación dos cursos, datas de impartición, número de horas impartidas e programación á que corresponde.

d) A impartición de cursos de formación continua, valorándose por cada cincuenta horas impartidas un

punto, sempre que o curso fose realizado ó abeiro dos acordos nacionais de formación continua, acreditada a través da certificación do responsable da entidade impartidora, na que se faga consta-la denominación da acción formativa, datas de impartición, número de horas impartidas, número de plan e ano de convocatoria.

e) En caso de empate coa puntuación obtida nas alíneas b), c) e d), terán preferencia os aspirantes que teñan maior puntuación na alínea c).

4. Para a asistencia ós cursos monográficos será requisito imprescindible ter experiencia docente na impartición de cursos incluídos nos plans de formación profesional ocupacional da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais. Na selección dos asistentes terase en conta a experiencia profesional, de acordo cos criterios sinalados nas alíneas b), c) e d) do punto anterior.

5. No caso de que queden prazas vacantes, unha vez aplicados os criterios recollidos neste artigo, poderán acceder á impartición de cursos monográficos docentes de calquera dos outros dous subsistemas de formación profesional.

Artigo 5º.-Resolución.

1. A selección definitiva dos alumnos asistentes ós cursos realizarase por resolución do/a respectivo/a delegado/a provincial da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais no prazo de tres meses contados desde o día seguinte ó da publicación desta orde, notificándoselles persoalmente ós interesados. Transcorrido o citado prazo sen que recaese resolución expresa, esta entenderase desestimatoria.

2. Contra as resolucións dos delegados provinciais poderá interpoñerse recurso de alzada ante a conselleira de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ó da súa notificación.

Artigo 6º.-Diplomas.

Para ter dereito a diploma acreditativo de ter realizado calquera dos cursos que se regulan nesta convocatoria será preciso asistir, como mínimo, ó 90% das súas horas lectivas.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o director xeral de Formación e Colocación para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instruccións necesarias para o desenvolvemento e execución desta orde.

Segunda.-Esta disposición entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de abril de 2003.

Mª José Cimadevila Cea

Conselleira de Asuntos Sociais, Emprego

e Relacións Laborais

ANEXO I

Programación Formación de Formadores 2003

Clave

do curso

Denominación

Mes aproximado

de inicio e

horario (1)

Lugar de

impartición

C-1DOFF15-Procesos de mellora da calidade da formaciónXuño/mañásLabañou (A Coruña)

C-2DOFF17-Planificación e deseño de programas de formaciónSetembro/mañásLabañou (A Coruña)

C-3DOFF13-Dirección de procesos de aprendizaxeNovembro/mañásLabañou (A Coruña)

C-4DOFF15-Procesos de mellora da calidade da formaciónOutubro/mañásSantiago de Compostela

C-5DOFF14-Avaliación da formaciónNovembro/mañásSantiago de Compostela

LU-1DOFF14-Avaliación da formaciónXuño/mañásLugo

LU-2DOFF13-Dirección de procesos de aprendizaxeSetembro/mañásLugo

LU-3DOFF15-Procesos de mellora da calidade da formaciónDecembro/tardesLugo

OU-1DOFF17-Planificación e deseño de programas de formaciónMaio/mañásOurense

OU-2DOFF17-Planificación e deseño de programas de formaciónMaio/mañásOurense

OU-3DOFF14-Avaliación da formaciónXuño/tardesOurense

OU-4DOFF14-Avaliación da formaciónSetembro/tardesOurense

OU-5DOFF15-Procesos de mellora da calidade da formaciónOutubro/tardesOurense

OU-6DOFF15-Procesos de mellora da calidade da formaciónNovembro/mañásOurense

OU-7DOFF13-Dirección de procesos de aprendizaxeMaio/tardesOurense

OU-8DOFF17-Planificación e deseño de programas de formaciónXuño/mañásOurense

OU-9DOFF13-Dirección de procesos de aprendizaxeSetembro/mañásOurense

PO-1DOFF14-Avaliación da formaciónXuño/mañásVigo

PO-2DOFF17-Planificación e deseño de programas de formaciónXuño/mañásVigo

PO-3DOFF13-Dirección de procesos de aprendizaxeSetembro/mañásVigo

PO-4DOFF13-Dirección de procesos de aprendizaxeSetembro/tardesVigo

PO-5DOFF14-Avaliación da formaciónNovembro/tardesVigo

PO-6DOFF15-Procesos de mellora da calidade da formaciónDecembro/tardesVigo

Cursos monográficos

Clave

do curso

Denominación

Mes aproximado

de inicio e

horario (1)

Lugar de

impartición

C-M-1Intelixencia emocionalDecembro/mañásSantiago de Compostela

OU-M-1InternetXullo/mañásOurense

OU-M-2Power PointDecembro/mañásOurense

PO-M-1Resolución de conflictosDecembro/mañásVigo

PO-M-2Habilidades sociais e autoestimaDecembro/mañásVigo

(1) Tanto os meses de inicio como o horario dos cursos poderán variar en función da planificación das accións formativas.