Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 75 Mércores, 16 de abril de 2003 Páx. 4.862

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

RESOLUCIÓN do 4 de abril de 2003, da Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais, pola que se convocan probas de madurez para o acceso ó nivel III da formación deportiva regulada pola Orde ECD/3310/2002, do 16 de decembro.

O artigo 55.1º da Lei 10/1990, do 15 de outubro, do deporte, o artigo 1 do Real decreto 1913/1997, do 19 de decembro (BOE do 23 de xaneiro 1998), e o artigo 7.3º da Lei orgánica 10/2002, do 23 de decembro, da calidade na educación (BOE do 24 de decembro) configuran como ensinanzas de réxime especial as ensinanzas deportivas.

A Orde ECD/3310/2002, do 16 de decembro (BOE do 30 de decembro), regula os aspectos curriculares, os requisitos xerais e os efectos da formación en materia deportiva, ós que se refire a disposición transitoria primeira do Real decreto 1913/1997.

De acordo co disposto no punto sexto, no punto dous.1 da devandita orde, establécese a posibilidade de acceso ás ensinanzas de materia deportiva a través da superación dunha proba de madurez, sen cumpri-los requisitos de titulación de bacharelato establecidos para o acceso ó nivel III.

Segundo o establecido pola Orde do 24 de marzo de 2003, que regula as probas de madurez e de carácter específico para o acceso ás ensinanzas deportivas reguladas polo Real decreto 1913/1997, do 19 de decembro, para o ámbito da súa competencia, esta dirección xeral

RESOLVE:

Primeiro.-Convocatoria.

Convoca-la proba de madurez para o acceso ás ensinanzas deportivas de nivel III reguladas pola Orde ECD/3310/2002, do 16 de decembro.

Segundo.-Requisitos de acceso.

A esta proba unicamente poderán concorrer aquelas persoas que teñan cumpridos 20 anos de idade ou os cumpran durante o ano 2003 e non reúnan os requisitos académicos que permitan o acceso directo a estas ensinanzas.

Terceiro.-Contidos e elaboración da proba.

A proba adecuarase ós currículos vixentes do bacharelato e acreditará a madurez en relación cos seus obxectivos, fundamentalmente en contidos procedimentais.

Exercicios:

a) Lingua galega e literatura.

b) Lingua castelá e literatura.

c) Lingua estranxeira (opción inglés ou francés).

d) Matemáticas: sobre contidos comúns ás matemáticas e ás matemáticas aplicadas ás ciencias sociais.

A proba de madurez será elaborada pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, de acordo co establecido na Orde do 24 de marzo de 2003, pola que se regulan as probas de madurez e de carácter específico para o acceso ás ensinanzas deportivas reguladas polo Real decreto 1913/1997, do 19 de decembro.

Cuarto.-Solicitudes de exención.

As persoas que acrediten ter superadas totalmente as probas de acceso á universidade para maiores de vintecinco anos, poderán quedar exentas de realizar esta proba, en parte ou na súa totalidade, en función do grao de afinidade da proba de acceso á universidade coa formación de base necesaria para cursar estas ensinanzas. A solicitude de exención deberá formularse no momento da inscrición; para tal efecto a persoa que a solicita deberá achega-lo certificado de acceso á universidade para maiores de 25 anos, no que conste a opción efectuada e a puntuación acadada.

As solicitudes de exención serán resoltas polo tribunal avaliador que se indica no punto sexto da Orde do 24 de marzo de 2003, segundo o modelo do anexo II.

Unha copia da resolución deberá incorporarse ó expediente académico do alumno/a. No caso de resolución denegatoria, esta deberá ser motivada (artigo 54.a da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do

procedemento administrativo común) e contra ela poderase interpor recurso de alzada no prazo dun mes ante a Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, segundo o disposto nos artigos 114 e 115 da Lei 4/1999, de modificacións da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Quinto.-Inscrición e realización.

1. A inscrición farase na secretaría dos institutos de educación secundaria nos que se impartan ensinanzas de formación profesional, no prazo comprendido desde o día seguinte ó da publicación da convocatoria no DOG ó día 29 de abril, segundo o modelo do anexo I.

2. Os solicitantes de exención xuntarán o certificado de acceso á universidade para maiores de 25 anos citado no artigo cuarto.

3. Os solicitantes de proba adaptada deberán presenta-lo correspondente certificado acreditativo da condición de minusválido emitido polos equipos de valoración e orientación da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais.

4. A relación provisional de persoas inscritas será exposta no taboleiro de anuncios dos centros onde se realizou a inscrición a partir do día 30 de abril de 2003.

5. A relación definitiva de inscritos será exposta a partir do día 13 de maio de 2003 no centro onde se realizará a proba.

6. A proba realizarase no IES As Fontiñas da cidade de Santiago de Compostela o día 20 de maio, no horario seguinte:

a) Lingua galega e literatura: 9 a 10 horas.

b) Lingua castelá e literatura: 10 a 11 horas.

c) Lingua estranxeira (opción inglés ou francés): 11.30 a 12.30 horas.

d) Matemáticas: sobre contidos comúns ás matemáticas e ás matemáticas aplicadas ás ciencias sociais, de 12.30 a 14 horas.

Sexto.-Tramitación de solicitudes.

1. Os centros terán de prazo ata o día 6 de maio para enviar á Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais a relación de persoas inscritas para realiza-la proba, xunto coa documentación presentada, debendo facer constar expresamente as que solicitan exención a esta e proba adaptada.

2. No caso de alumnos que soliciten exención á proba ou proba adaptada, a documentación correspondente ós solicitantes deberá ser remitida á Dirección Xeral pola vía de urxencia, garantindo a dirección do centro a recepción desta antes do día 6 de maio, indicando así mesmo o nome dos solicitantes de exención e proba adaptada, separadamente.

Sétimo.-Resolución de exencións e cualificación da proba.

1. A resolución de exención farase pública no IES onde se realice a proba e na páxina web www.edu.xunta.es/ciclos antes do día 13 de maio de 2003.

2. O resultado provisional da proba de acceso farase público antes do día 27 de maio de 2003 no taboleiro do centro educativo onde se realizou e na páxina web www.edu.xunta.es/ciclos.

3. As actas serán remitidas polo tribunal único ós servicios provinciais de Inspección Educativa que procederán ó seu arquivo. Así mesmo unha copia autentificada remitirase ó centro onde se realizou a proba, segundo o modelo que figura no anexo III, para o coñecemento dos interesados, arquivo e emisión das certificacións correspondentes.

4. A superación da proba acreditarase mediante unha certificación expedida pola secretaría do centro no que se realizou, segundo o modelo que figura no anexo IV. Esta acreditación deberá retirala a persoa interesada na secretaría do centro no que realizou a proba.

Tal como se establece no artigo 12 do Real decreto 1913/1997, do 19 de decembro, a certificación de ter superada a proba terá validez como requisito de acceso en todo o Estado, mantendo a súa vixencia sempre que non se modifique o título e o ensino deportivo correspondente.

Oitavo.-Reclamacións.

1. Contra a cualificación provisional da proba de acceso poderase presentar reclamación durante os dous días seguintes á publicación das cualificacións provisionais ante o presidente do tribunal. A cualificación definitiva será publicada antes do día 4 de xuño de 2003.

2. Contra a cualificación definitiva, poderase interpor recurso de alzada ante a directora xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais, na forma prevista no artigo 114.2º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro). A resolución deste recurso, que pon fin á vía administrativa, poderá ser obxecto de recurso contencioso-administrativo perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Disposición derradeira

Esta resolución entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de abril de 2003.

Mª Pilar del Mar Pérez Marsó

Directora xeral de Formación Profesional

e Ensinanzas Especiais

ANEXO II

Vista a solicitude de exención á proba de madurez para o acceso ó nivel III da formación deportiva regulada pola Orde ECD/3310/2002, do 16 de decembro que formula o tribunal avaliador, D./Dª...

Vista a certificación que xunta a persoa interesada.

Considerando o grao de afinidade da proba de acceso á universidade para maiores de vintecinco anos realizada polo solicitante e a súa relación coa ensinanza deportiva á que desexa acceder.

Este tribunal avaliador resolve:

-Declarar exento/a de realiza-la proba de madurez.

-Que a persoa interesada deberá realiza-los seguintes exercicios da proba polas razóns que se indican:...

En..., ... de... de...

O tribunal avaliador

ANEXO IV

D./Dª..., secretario/a do IES... de..., provincia de..., certifica:

Que D./Dª... superou, coa cualificación de..., a proba de madurez para o acceso ó nivel III da formación deportiva regulada pola Orde ECD/3310/2002, do 16 de decembro.

En..., ... de... de...

O/A secretario/a do centro docente

Visto e prace

O/A director/a

Selo do centro docente