Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 72 Venres, 11 de abril de 2003 Páx. 4.688

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

AXENCIA TRIBUTARIA

RESOLUCIÓN do 4 de abril de 2003, da Delegación Especial da Axencia Estatal de Administración Tributaria en Galicia, pola que se delegan determinadas competencias da inspección dos tributos.

A resolución do 20 de marzo de 2003, da Presidencia da Axencia Estatal de Administración Tributaria, pola que se modifica a do 24 de marzo de 1992, sobre organización e atribución de funcións á inspección dos tributos no ámbito da competencia do Departamento de Inspección Financeira e Tributaria (BOE do 24 de marzo de 2003), establece un novo marco de organización e atribución de funcións dos órganos territoriais da inspección dos tributos, co obxectivo de incrementa-la eficacia e a eficiencia no exercicio do control.

Como consecuencia das modificacións estructurais e funcionais introducidas pola mencionada resolución e coa finalidade de lograr unha maior axilidade e eficacia na actuación dos órganos territoriais da inspección dos tributos no ámbito da competencia do Departamento de Inspección Financeira e Tributaria, considerouse conveniente proceder á delegación de determinadas competencias nos delegados da Axencia Tributaria do ámbito territorial desta delegación especial.

En virtude do exposto, de acordo co establecido na disposición adicional décimo terceira da Lei 6/1997, do 14 de abril, de organización e funcionamento da Administración xeral do Estado e no artigo 13 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e logo de aprobación polo presidente da Axencia Estatal de Administración Tributaria,

DISPOÑO:

Primeiro.-Delégase nos delegados da Axencia Estatal de Administración Tributaria na Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo, en relación coas actuacións que desenvolvan os equipos e unidades de inspección a que se refire o punto cinco.4 da Resolución do 24 de marzo de 1992, da Presidencia da Axencia Estatal de Administración Tributaria, situados na sede da Dependencia Rexional de Inspección na respectiva delegación, o exercicio das competencias seguintes:

a) As competencias previstas no artigo 37.6.b) do Regulamento xeral da inspección dos tributos, sobre requirimentos para a obtención de información.

b) A competencia prevista no artigo 38.4 do Regulamento xeral da inspección dos tributos, sobre actuacións de obtención de información sobre persoas ou entidades dedicadas ó tráfico bancario ou crediticio.

c) A competencia prevista no artigo 53.2 do Regulamento xeral da inspección dos tributos, sobre actas sen descubrimento de débeda con regularización da situación tributaria do suxeito pasivo ou reteedor.

Segundo.-A delegación de competencias contida nesta resolución é revogable en calquera momento polo órgano que a confire, quen, así mesmo, poderá avogar para si o coñecemento de calquera asunto comprendido nela cando circunstancias de índole técnica, económica, social, xurídica ou territorial o fagan conveniente.

Terceiro.-As resolucións que se adopten en uso da delegación contida nesta resolución indicarán expresamente esta circunstancia e consideraranse dictadas polo órgano que delega.

Cuarto.-Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

A Coruña, 4 de abril de 2003.

Jaime Muntaner Pedrosa

Delegado especial en Galicia

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA