Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 72 Venres, 11 de abril de 2003 Páx. 4.686

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 3 de abril de 2003 pola que se convoca un curso de informática de xestión municipal para persoal de corporacións locais da Comunidade Autónoma galega.

Dentro do Plan de Actividades da EGAP para o 2003, e conforme coas funcións atribuídas pola Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da escola, e pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, de modificación da anterior, convócase o curso que figura no anexo, dirixido ó persoal de corporacións locais da Comunidade Autónoma galega, que deberá desenvolverse de acordo coas seguintes bases:

Primeira.-Solicitudes.

O persoal que desexe participar no curso programado no anexo I, deberá solicitalo coa presentación da instancia que segundo modelo oficial figura como anexo II a esta resolución, e cubrila en tódolos seus epígrafes.

As solicitudes irán dirixidas ó director da EGAP, e presentaranse no Rexistro da Escola Galega de Administración Pública, r/ Madrid, 2-4, 15707 Santiago de Compostela, ou tramitaranse por calquera das outras formas previstas no artigo 38.4.º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Admitiranse tamén inscricións por telefax: 981 54 63 30, sen prexuízo da necesidade de remisión da solicitude orixinal por correo ordinario.

Segunda.-Prazo.

O prazo de presentación de solicitudes rematará dez días naturais antes do comenzo do curso.

Terceira.-Selección.

Os criterios de selección suxeitaranse ás directrices sinaladas na Resolución do 27 de xuño de 1994, pola que se fan públicos os criterios de participación nas actividades da EGAP (DOG nº 149, do 3 de agosto).

Seguidamente, efectuarase a selección dos participantes e esta notificaráselles directamente ós admitidos e publicarase na páxina web: www.e gap.xunta.es.

Cuarta.-Modificacións.

A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolve-las incidencias que puidesen xurdir no desenvolvemento do curso, así como a de anulalo se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización.

Quinta.-Certificado de asistencia.

Outorgaráselles certificado de asistencia ós alumnos que participen con reguralidade no curso, e é obrigatoria a asistencia a tódalas sesións. Toda inasistencia deberá ser xustificada convenientemente, sen que poida exceder en ningún caso do 15% das horas lectivas programadas.

Unha inasistencia superior ó 15% das horas lectivas programadas, aínda que sexa xustificada, impedirá a expedición do correspondente certificado.

Santiago de Compostela, 3 de abril de 2003.

Domingo Bello Janeiro

Director da Escola Galega

de Administración Pública

ANEXO I

Curso: programa de xestión de presentacións. Microsoft Power Point.

1. Obxectivos.

Iniciar nos coñecementos teóricos sobre Power Point. Manexo e seguemento informático destes.

2. Destinatarios.

Persoal de corporacións locais da Comunidade Autónoma galega.

3. Desenvolvemento.

3.1. Duración: 10 horas.

3.2. Lugar: Pontevedra.

3.3. Datas: 15 e 16 de maio de 2003.

3.4. Horarios: de 9 a 14 horas.

3.5. Prazas: 20.

4. Contido.

-Conceptos básicos: barras de ferramentas. Vistas e elementos dunha presentación

-Creación dunha presentación: cambia-lo fondo. Inserir e modificar texto, imaxes predeseñadas, debuxos, obxecto WordArt, táboa Word, folla de cálculo de Excel, organigramas.

-Imprimir diapositivas.

-Organiza-las diapositivas: efectos de animación. Clasificación de diapositivas. Transiccións de diapositivas.

-Textos modelo: aplicación e modificación de textos modelo.

-Inserir sons e películas.

-Asistente para autocontido.

-Creación dunha presentación para Internet.