Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 72 Venres, 11 de abril de 2003 Páx. 4.682

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ASUNTOS SOCIAIS, EMPREGO E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 3 de febreiro de 2003, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se dispón o rexistro, o depósito e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo do sector de venda por xunto de tecidos, mercería e paquetería.

Visto o texto do convenio colectivo do sector de venda por xunto de tecidos, mercería e paquetería, con nº de código 3601445, que tivo entrada nesta delegación provincial o día 20-1-2003, subscrito en representación da parte económica pola Asociación Provincial de Empresarios del Comercio Mayorista Textil de Pontevedra, e da parte social, polas centrais sindicais CC.OO. e UGT, en data 16-1-2003. De conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, que consta nesta delegación provincial, e a notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Vigo, 3 de febreiro de 2003.

Joaquín Macías Sánchez

Delegado provincial de Pontevedra

Artigo 1º.-Partes asinantes.

Son partes asinantes deste convenio as centrais sindicais UGT e CC.OO. en representación dos traballadores e a Asociación Provincial de Empresarios del Comercio Mayorista Textil en representación dos empresarios do sector.

Artigo 2º.-Ámbito de aplicación.

Este convenio regulará as relacións laborais de tódalas empresas da provincia de Pontevedra que, rexidas pola ordenanza de comercio, estean encadradas no sector de venda por xunto de tecidos, mercería e paquetería en xeral, roupa confeccionada, alfombras e tapices, zapatos, quincallería etc. e as que no futuro se encadren.

Artigo 3º.-Vixencia, duración e prórroga.

O convenio entrará en vigor o día do seu asinamento, aínda que os seus efectos económicos se retrotraerán ó 1 de maio de 2002.

Terá unha duración de dous anos contados a partir do 1 de maio de 2002 e os seus efectos finalizarán o 30 de abril de 2004. Non obstante, considerarase prorrogado tacitamente por períodos anuais, en caso de non ser denunciado por calquera das partes, con tres meses de anticipación ó seu vencemento.

Artigo 4º.-Condicións máis beneficiosas.

O persoal que con anterioridade ó convenio viñese desfrutando dunhas condicións económicas e laborais máis beneficiosas cás aquí pactadas, deberaas conservar, facéndose o cálculo polo conxunto anual de tódalas percepcións.

Artigo 5º.-Compensación de melloras.

As melloras económicas que se implantan en virtude deste convenio, así como as voluntarias que no futuro se establezan, poderán ser compensadas e absorbidas, ata onde alcancen, cos aumentos ou melloras que actualmente teñan establecidas as empresas ou que no futuro se establezan con carácter xeral mediante disposición legal.

Artigo 6º.-Formación no traballo.

A idade mínima para a contratación de traballadores en formación será de 16 anos. A duración dos ditos contratos será, como máximo, de dous anos.

Estes traballadores, en todo caso, ó cumpriren o período de formación estipulado, pasarán automaticamente á categoría de axudantes.

Artigo 7º.-Xornada de traballo.

A xornada legal será de corenta horas semanais de traballo efectivo.

A xornada do sábado efectuarase só pola mañá e finalizará ás 12.30 horas, salvo naquelas empresas que pactasen co seu persoal calquera outro horario, mais respectándose a dita xornada semanal.

Malia o sinalado no parágrafo anterior, nos meses de xullo e agosto a xornada laboral realizarase de

luns a venres, respectándose as condicións máis beneficiosas que se veñan dando nas empresas.

Artigo 8º.-Vacacións.

Todo o persoal afectado por este convenio desfrutará dunhas vacacións anuais retribuídas de trinta días naturais entre os meses de xuño e setembro (ambos incluídos).

En cada empresa establecerase, dentro de cada categoría, unha orde rotativa de preferencia, de tal forma que, quen foi primeiro para elixir quenda, pasa a ser último no ano seguinte.

As empresas confeccionarán o cadro de vacacións xunto cos representantes legais dos traballadores, dentro dos tres primeiros meses do ano, o cal será exposto no taboleiro de anuncios para coñecemento do persoal.

Artigo 9º.-Retribucións.

As retribucións salarias para o primeiro ano do convenio (1-5-2002 ó 30-4-2003) son as que, para cada categoría, se fixan na táboa salarial anexa.

Para o segundo ano de vixencia do convenio (do 1-5-2003 ó 30-4-2004) incrementaranse as táboas vixentes o 30-4-2003, no IPC real do período 1-5-2002 ó 30-4-2003 máis un cuarto de punto.

Artigo 10º.-Antigüidade.

A antigüidade comezarase a computar a partir da data de entrada do traballador na empresa.

Artigo 11º.-Aumentos por antigüidade.

Os aumentos periódicos por tempo de servicio consistirán en cuadrienios na contía de seis por cento acumulativos, os cales se encontran recollidos na táboa salarial anexa.

Malia o anterior, a partir do 1-5-2002 o límite máximo de percepción por este complemento será do 30% do salario base do convenio, para o cómputo do cal se terán en conta non só os devengados a partir da dita data, senón tamén tódolos cuadrienios consolidados con anterioridade a ela.

Artigo 12º.-Gratificacións extraordinarias.

Todo o persoal afectado por este convenio terá dereito a percibir tres pagas extraordinarias dunha mensualidade completa máis a antigüidade, se é o caso, en cada un dos meses seguintes: marzo (paga de beneficios), xullo e decembro.

Nos supostos de entrada ou cesamento do traballador no transcurso do ano, serán rateadas todas elas.

Artigo 13º.-Enfermidade ou accidente.

Durante as situacións de incapacidade temporal derivadas de enfermidade ou accidente, as empresas completarán as prestacións económicas correspondentes da Seguridade Social ata o cento por cento da súa retribución.

Artigo 14º.-Preferencia para fillos de traballadores.

Os fillos de traballadores da empresa gozarán de preferencia para optar ás vacantes que se produzan no seu cadro de persoal, sempre que reúnan as condicións mínimas precisas para o posto de traballo.

Artigo 15º.-Indemnización por cesamento.

Todos traballador que cese voluntariamente na empresa e que conte cunha antigüidade de, polo menos, 10 anos ininterrompidos nela, terán dereto a percibir desta por unha soa vez unha indemnización de catro mensualidades que se calculará en función do salario base de convenio e a antigüidade, se é o caso, e aboarase unha vez producido o cesamento.

As partes acordan expresamente que as indemnizacións pactadas nacen exclusivamente como consecuencia da extinción da relación laboral e que non ten, en ningún caso, o carácter de complemento de pensión que, se é o caso, lle puidese corresponder ó traballador, da Seguridade Social, nin a natureza de mellora voluntaria das prestacións públicas, nin supoñen compromiso ningún de pensión de ningunha clase.

Artigo 16º.-Axuda por defunción.

En caso de falecemento do traballador en activo con dez anos, polo menos, de servicio na empresa, esta queda obrigada a satisfacerlles ós seus herdeiros con parentesco de consaguinidade de primeiro grao inclusive, o importe íntegro de seis mensualidades.

Se, polo contrario, os herdeiros do traballador non tivesen con el o parentesco sinalado no parágrafo anterior, unicamente terán dereito á indemnización indicada se dependían economicamente do traballador ou convivían habitualmente con el.

Esta axuda farase efectiva en seis prazos mensuais a partir do mes en que se produza o óbito.

Artigo 17º.-Axuda por locomoción.

Tódolos traballadores afectados por este convenio percibirán unha axuda para a locomoción que para o primeiro ano de vixencia do convenio (1-5-2002 ó 30-4-2003) consistirá en 90,94 euros e para o segundo ano de vixencia (1-5-2003 ó 30-4-2004) na cifra que resulte de lle incrementar á sinalada para o primeiro ano o IPC do período 1-5-2002 ó 30-4-2003 máis un cuarto de punto.

En todo caso, a cantidade que se percibirá por este concepto para o primeiro e segundo ano de vixencia do convenio, non poderá supera-lo 20% do SMI fixado para cada ano polo Goberno, debendo cotizar pola diferencia segundo o previsto no Real decreto 2064/1995.

Artigo 18º.-Licencias.

Conforme o disposto no artigo 37.3º do Estatuto dos traballadores, o persoal, logo de aviso e xustificación, poderase ausentar do traballo con dereito a remuneración por algún dos motivos seguintes:

a) 15 días naturais en caso de matrimonio.

b) 5 días naturais en caso de separación.

c) 1 día por traslado de domicilio actual.

d) Ata 10 licencias ó ano para asistir a exames para a obtención dun título académico en centros oficiais.

e) Ata 5 días naturais, nos casos de morte, do cónxuxe, ascendentes, descendentes ou irmáns e parto de esposa, así como enfermidade grave de cónxuxe, pais e fillos, téndose en conta para a súa

concesión os desprazamentos que o traballador teña que realizar e as demais circunstancias que concorran no caso.

f) Así mesmo, o traballador terá dereito a unha licencia retribuída dun día, sen necesidade de ser xustificada. A dita licencia no poderá ser acumulable a períodos vacacionais e deberá ser solicitada cunha anticipación de cinco días, polo menos.

Esta última licencia desaparecerá automaticamente do convenio no suposto de se producir, con carácter xeral e no ámbito nacional, unha reducción da xornada.

g) As traballadoras, por lactación dun fillo menor de nove meses, terán dereito a unha hora de ausencia no traballo, que poderán dividir en dúas fraccións. A muller, pola súa propia vontade, poderá substituír este dereito por unha reducción da súa xornada en media hora coa mesma finalidade. Este permiso poderá ser desfrutado indistintamente pola nai ou polo pai en caso de ambos traballaren.

h) Quen por razóns de garda legal teña ó seu coidado directo algún menor de seis anos ou un minusválido físico, psíquico ou sensorial, que non desempeñe unha actividade retribuída, terá dereito a unha reducción da xornada de traballo, coa diminución proporcional do salario entre, polo menos, un tercio e un máximo da metade da duración daquela.

Terá o mesmo dereito quen precise encargarse do coidado directo dun familiar, ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade, que por razóns de idade, accidente ou enfermidade non se poida valer por si mesmo, e que non desempeñe actividade retribuída.

A reducción de xornada contemplada neste punto constitúe un dereito individual dos traballadores, homes ou mulleres. Non obstante, se dous ou máis traballadore da mesma empresa xerasen este dereito polo mesmo suxeito causante, o empresario poderá limita-lo seu exercico simultáneo por razóns xustificadas de funcionamento da empresa.

A concreción horaria e a determinación do período de desfrute do permiso de lactación e da reducción da xornada, previstos nas letras g) e h) deste artigo, correspóndelle ó traballador, dentro da súa xornada ordinaria. O traballador deberá avisa-lo empresario con quince días de antelación da data en que se reincorporará á súa xornada ordinaria.

As discrepancias xurdidas entre o empresario e o traballador sobre a concreción horaria e a determinación dos períodos de desfrute previstos nas letras g) e h) deste artigo serán resoltas pola xurisdicción competente a través do procedemento establecido no artigo 138 bis da Lei de procedemento laboral.

Nas letras b) e h) deste artigo transcríbese para efectos informativos o disposto no ET no artigo 37.4º, 5º e 6º (conforme a redacción do artigo 2.2º e 3º da Lei 39/1999, sobre conciliación da vida familiar e laboral) de tal xeito que deberá modificarse automaticamente ó mesmo tempo e na mesma liña en que o faga o texto legal citado.

Os dereito en materia de permisos retribuídos recoñecidos ós cónxuxes na letra e) deste artigo, estenderanse ás parellas de feito inscritas no rexistro do organismo que competa, debendo acreditar un período de convivencia mínimo dun ano.

Artigo 19º.-Días 24 e 31 de decembro.

Os traballadores afectados por este convenio desfrutarán de descanso as tardes dos días 24 e 31 de decembro.

As citadas tardes consideraranse aboables e non recuperables. Non obstante o anterior, no suposto de que se produza con carácter xeral e no ámbito nacional unha reducción na xornada semanal actual de 40 horas, as oito horas que supoñen o descanso destas dúas tardes recuperaranse ó longo do ano na forma que determinen a empresa e os seus traballadores.

Artigo 20º.-Excedencias.

Para efectos informativos transcríbese o disposto no artigo 46.3º do ET (conforme a redacción establecida no artigo 4 da Lei 39/1999, sobre conciliación da vida familiar e laboral) de tal maneira que se modificará automaticamente na forma en que se modifique o texto legal.

Os traballadores terán dereito a un período de excedencia de duración non superior a tres anos para atende-lo coidado de cada fillo, tanto cando o sexa por natureza, como por adopción, ou nos supostos de acollemento, tanto permanente como preadoptivo, contado desde a data de nacemento ou, se é o caso, da resolución xudicial administrativa.

Tamén terán dereito a un período de excedencia, de duración non superior a un ano, agás que se estableza unha duración maior por negociación colectiva, os traballadores para atenderen o coidado dun familiar, ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade, que por razóns de idade, accidente ou enfermidade non poida valerse en por si, e non desempeñe actividade retribuída.

A excedencia contemplada neste punto constitúe un dereito individual dos traballadores, homes ou mulleres. Non obstante, se dous ou máis traballadores da mesma empresa xerasen este dereito polo mesmo suxeito causante, o empresario poderá limita-lo seu exercicio simultáneo por razóns xustificadas de funcionamento da empresa.

Cando un novo suxeito causante dese dereito a un novo período de excedencia, o inicio dela dará fin ó que, se é o caso, se viñese desfrutando.

O período en que o traballador permaneza en situación de excedencia conforme o establecido neste artigo será computable para efectos de antigüidade e o traballador terá dereito á asistencia a cursos de formación profesional, á participación dos cales deberá ser convocado polo empresario, especialmente con ocasión da súa incorporación. Durante o primeiro ano terá dereito á reserva do seu pasto de traballo. Transcorrido este prazo, a reserva quedará referida a un posto de traballo do mesmo grupo profesional ou categoría equivalente.

Artigo 21º. Suspensión con reserva do posto de traballo.

Para efectos informativos transcríbese o disposto no artigo 48.4º do ET (conforme a redacción establecida no artigo 5 da Lei 39/1999, sobre conci

liación da vida familiar e laboral) de tal maneira que se modificará automaticamente na forma en que se modifique o texto legal.

1. No suposto de parto, a suspensión terá unha duración de dezaseis semanas, que se desfrutarán de forma ininterrompida, apliables no suposto de parto múltiple en dúas semanas máis por cada fillo a partir do segundo. O período de supensión distribuirase a opción da interesada sempre que seis semanas sexan inmediatamente posteriores ó parto. En caso de falecemento da nai, o pai poderá facer uso da totalidade ou, se é o caso, da parte que falte do período de suspensión.

Malia o anterior, e sen prexuízo das seis semanas inmediatas posteriores ó parto de descanso obrigatorio para a nai, no caso de que o pai e maila nai traballen, esta ó iniciarse o período de descanso por maternidade, poderá optar por que o pai desfrute dunha parte determinada e ininterrompida do período de descanso posterior ó parto, ben de forma simultánea ou sucesiva co da nai, agás que no momento da súa efectividade a incorporación ó traballo da nai supoña un risco para a saúde.

Nos supostos de adopción e acollemento, tanto preadoptivo como permanente, de menores de ata seis anos, a suspensión terá unha duración de dezaseis semanas ininterrompidos, ampliable no suposto de adopción ou acollemento múltiple en dúas semanas máis por cada fillo a partir do segundo, contada á elección do traballador, ben a partir da decisión administrativa ou xudicial de acollemento, ben a partir da resolución xudicial pola que se constitúe a adopción. A duración da suspensión será, así mesmo, de dezaseis semanas no supostos de adopción ou acollemento de menores maiores de seis anos de idade cando se trate de menores discapacitados ou minusválidos ou que polas circunstancias e experiencias persoais ou porque por provir do estranxeiro, teñan especiais dificultades de inserción social e familiar debidamente acreditadas polos servicios sociais competentes. En caso de que a nai e o pai traballen, o período de suspensión distribuirase a opción dos interesados, que poderán desfrutalo de

forma simultánea ou sucesiva, sempre con períodos ininterrompidos e cos límites sinalados.

Nos casos de desfrute simultáneo de períodos de descanso, a suma deles non poderá exceder das dezaseis semanas previstas nos puntos anteriores ou das que correspondan en caso de parto múltiple.

Os períodos ós que se refire este artigo poderán desfrutarse en réxime de xornada completa ou a tempo parcial, logo de acordo entre os empresarios e os traballadores afectados, nos termos que regulamentariamente se determinen.

Nos supostos de adopción internacional, cando sexa necesario o desprazamento previo dos pais o país de orixe do adoptado, o período de suspensión previsto para cada caso neste artigo poderá iniciarse ata catro semanas antes da resolución pola que se constitúe a adopción.

2. No suposto de risco durante o embarazo, nos termos previstos no artigo 26, puntos 2º e 3º da Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais, a suspensión do contrato finalizará

o día en que se inicie a suspensión do contrato por maternidade biolóxica ou desapareza a imposibilidade da traballadora de reincorporarse ó seu posto anterior ou a outro compatible co seu estado.

Artigo 22º.-Recoñecemento médico.

Tódalas empresas afectadas por este convenio, por instancia do traballador, deberán solicitar das súas mutuas patronais un recoñecemento médico anual.

Artigo 23º.-Acción sindical.

Aplicarase o que dispón sobre a materia o Estatuto dos traballadores.

Artigo 24º.-Representantes sindicais.

Os representantes legais dos traballadores poderán difundir nos seus centros de traballo comunicados e publicacións, así como recadar cotas sindicais, sempre que este labor no perturbe a orde e a producción da empresa.

Porase ó dispor dos ditos representantes un taboleiro de anuncios na empresa.

Por outra parte, os delegados de persoal ou, se for o caso, o comité de empresa, serán informados de tódalas sancións impostas ós traballadores por faltas moi graves.

Artigo 25º.-Comisión paritaria.

Para a vixilancia do cumprimento das estipulacións deste pacto, así como para a súa interpretación, créase unha comisión paritaria que estará integrada por catro membros de cada unha das partes, elixidos de entre os compoñentes da comisión deliberadora.

Artigo 26º.-Lexislación subsidiaria.

En todo o non especificado expresamente, aplicarase o que dispón o Acordo Marco de Comercio, o Estatuto dos traballadores e as demais disposicións legais de xeral aplicación.

Disposición adicional

Co fin de evita-los prexuízos que ós empresarios e traballadores causa o aboamento de atrasos salariais, as partes asinantes deste convenio comprométense a inicia-las negociacións do próximo convenio antes do día 15 de abril de 2004.

Vigo, 16 de xaneiro de 2003.

Vixencia do 1 de maio de 2002 ó 30 de abril de 2003

CategoríasEuros/mesCuadrienio

Director868,4052,10
Xefes de: división, persoal, compras, vendas e encargado xeral868,4052,10
Xefe de sucursal, de almacén e de grupo782,1746,93
Xefe de sección e encargado de establecemento760,2445,61
Dependente705,1342,31
Viaxante705,1342,31
Axudante563,8733,83
Traballadores en formación por 34 horas semanais de traballo efectivo (Real decreto 488/1998)492,2829,54
Xefe administrativo825,3449,52
Contable742,6144,56
Xefe administrativo (sección)742,6144,56
Oficial administrativo717,3143,04
Auxiliar administrativo de máis de 5 anos de antigüidade667,5940,06

CategoríasEuros/mesCuadrienio

Auxiliar administrativo de menos de 5 anos de antigüidade629,0137,74
Auxiliar de caixa528,5731,71
Profesional de oficio de 1ª629,0137,74
Profesional de oficio de 2ª609,0936,55
Mozo e mozo especializado (1)609,0936,55
Cobrador541,8432,51
Persoal de limpeza:

Xornada ata 2 horas ó día5,090,31
Xornada de 3 e 4 horas ó día3,870,23
Xornada completa516,7331,00

(1) O mozo especializado con carné de conducir que habitualmente realice reparto de mercadoría percibirá a retribución correspondente ó de oficio de 1ª.