Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 72 Venres, 11 de abril de 2003 Páx. 4.674

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

ORDE do 25 de marzo de 2003 pola que se convoca e regula o réxime de concesión de axudas a empresas e a agrupacións de empresas que realicen investimentos encamiñados a protexe-lo ambiente.

O desenvolvemento sustentable permite levar a cabo calquera proxecto de modo compatible coa protección e conservación do contorno. Agora ben, desenvolvemento sustentable é máis ca un ambiente limpo. A sustentabilidade converteuse na base sobre a que debemos desenvolver cualquera iniciativa que se pretenda levar a cabo, especialmente no caso de actividades que poidan perturbar de modo considerable o ecosistema, pero é preciso ter en conta tamén as implicacións económicas e sociais da actuación ambiental cando se intenta conseguir un desenvolvemento sustentable. Se somos capaces de apoiar e impulsa-lo desenvolvemento dun mercado máis ecolóxico, as empresas e os cidadáns responderán con innovacións tecnolóxicas e de xestión que estimularán o crecemento, a competitividade, a rendibilidade e a creación de emprego.

A lexislación sobre ambiente é, e seguirá sendo, un piar fundamental da estratexia comunitaria para alcanza-los obxectivos na materia, pero para poder resolve-los problemas ecolóxicos actuais é preciso supera-la formulación exclusivamente lexislativa e adoptar un enfoque máis estratéxico para induci-los cambios necesarios nos nosos modelos de producción e consumo. É preciso que explotemos ó máximo unha gama completa de instrumentos e medidas para influír sobre as decisións que toman as empresas.

Por outra parte, a Lei 16/2002, do 1 de xullo, de prevención e control integrados da contaminación, establece medidas para evitar, ou reducir, as emisións das instalacións industriais máis contami

nantes na atmosfera, a auga e o solo, incluídos os residuos, para alcanzar un nivel elevado de protección do ambiente, considerado no seu conxunto. O control integrado da contaminación baséase na autorización ambiental integrada, figura de intervención administrativa que substitúe e aglutina un conxunto disperso de autorizacións de carácter ambiental. Na autorización ambiental integrada deberanse fixa-los valores límite de emisión das substancias contaminantes, tendo en conta as mellores técnicas dispoñibles, as características técnicas da instalación e a localización xeográfica. Para a consecución destes obxectivos, así como para promove-la utilización das mellores técnicas dispoñibles, as administracións públicas, no ámbito das súas respectivas competencias, poden establecer instrumentos de carácter económico e medidas de incentivación.

Así mesmo, tanto a Lei 1/1995, do 2 de xaneiro, de protección ambiental de Galicia, e o Decreto 185/1999, do 17 do xuño, polo que se establece o procedemento para a aplicación na Comunidade Autónoma galega dun sistema voluntario de xestión e auditoría ambiental, como o Real decreto 85/1996, polo que se establecen normas para a aplicación do Regulamento CEE 1836/1993, do consello, do 29 de xuño, polo que se permite que as empresas do sector industrial se adhiran con carácter voluntario a un sistema comunitario de xestión e auditoría ambiental, modificado polo Regulamento 761/2001 do Parlamento Europeo e o consello polo que se permite que as organizacións se adhiran a un sistema comunitario de xestión e auditoría ambiental (EMAS); inciden na importancia de incentiva-los sistemas de ecoxestión e ecoauditoría voluntarias das empresas.

Na súa virtude, e de conformidade co disposto na Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, e demais normativa de aplicación,

DISPOÑO:

Capítulo I

Cuestións xerais

Artigo 1º.-Obxecto e ámbito de aplicación.

Esta orde ten por obxecto a concesión de axudas, consonte os principios de publicidade, concorrencia e obxectividade, para o fomento da protección do ambiente, co fin de minimiza-la xeración de residuos mediante investimentos en procedementos organizativos, procesos ou instalacións industriais e mediante o deseño de novas políticas empresariais, e de obter melloras ambientais a través de cambios nas materias primas e na súa utilización, cambios organizativos, reutilización en fábrica dos residuos xerados, cambios tecnolóxicos ou cambios de productos.

2. Estas axudas concederanse para a realización das actuacións seguintes:

1) Investimentos en instalacións para a prevención e reducción da contaminación do ambiente.

2) Implantación dun sistema de xestión ambiental mediante adhesión ó sistema EMAS comunitario.

3. As actuacións obxecto desta orde non poderán ter sido iniciadas antes do 1 de xaneiro de 2003, debendo estar rematadas antes do 31 de outubro de 2003.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

Empresas e agrupacións de empresas legalmente constituídas que estean situadas en Galicia. Neste sentido e para os efectos de determinar esta localización, terase en conta o domicilio da entidade beneficiaria da subvención. Os beneficiarios deberán encargar a terceiros a realización dos correspondentes traballos, independentemente do tipo de actuación de que se trate.

Artigo 3º-Solicitudes.

1. As solicitudes irán dirixidas ó conselleiro de Medio Ambiente e deberán ser presentadas no modelo recollido para o efecto no anexo desta orde. Sen prexuízo do disposto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, as solicitudes de axuda poderán ser presentadas na Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental da Consellería de Medio Ambiente, nas delegacións provinciais ou nos servicios centrais.

2. As solicitudes haberán de ser presentadas no prazo de 30 días naturais contados a partir do día seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 4º.-Documentación xeral que hai que presentar.

Coas solicitudes achegaranse os seguintes documentos con carácter xeral:

1) A instancia de solicitude, segundo as indicacións recollidas no artigo 3º.1.

2) Acreditación da personalidade:

1.1) Persoas xurídicas.

1. Copia compulsada da certificación rexistral na que conste a súa constitución e os estatutos vixentes.

2. Copia compulsada do documento acreditativo do poder co que actúa o representante en nome da entidade, no caso de que tal poder non conste na certificación, e copia compulsada do seu documento nacional de identidade.

3. Copia compulsada da tarxeta de identificación fiscal.

1.2) Persoas físicas.

1. Copia compulsada do documento nacional de identidade do titular ou titulares solicitantes, así como do seu representante, se é o caso.

2. Copia compulsada da declaración censual de alta en obrigas tributarias (modelo 037) na Axencia Estatal Tributaria, referida a tódolos titulares, se é o caso.

3) Copia compulsada da inscrición no Rexistro Xeral de Productores e Xestores de Residuos de Galicia, cando proceda, segundo as distintas actividades recollidas no Decreto 298/2000, do 7 de decembro, polo que se regula a autorización e notificación de productor e xestor de residuos de Galicia e se crea o rexistro xeral de productores e xestores de residuos de Galicia.

4) Acreditación, cando proceda, de estar ó día no cumprimento do programa de autocontrois de emisións á atmosfera.

5) Copia compulsada de acreditación de vertedura, se é o caso, e de tódalas autorizacións necesarias para o funcionamento da actividade.

6) Declaración xurada de cumprimento da lexislación ambiental vixente.

7) Licencia de actividade municipal.

8) Certificación expedida pola entidade bancaria na que se sinale o número de conta do beneficiario onde se debe realiza-lo pagamento.

9) Declaración de conxunto de tódalas solicitudes de axuda efectuadas ou concedidas para un mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes.

10) Documentación requirida nos capítulos II e III, en función do tipo de actuación de que se trate.

Artigo 5º.-Gastos non subvencionables.

Non se considerarán subvencionables os seguintes conceptos:

1) IVE satisfeito pola adquisición de bens e en xeral calquera outro imposto pagado pola entidade.

2) Gastos financeiros derivados do investimento.

3) Gastos que non estean definidos ou que non teñan como finalidade o obxecto da subvención, así como os gastos non imputables directamente ó proxecto.

4) Gastos de adquisición de terreos e de construcción de naves industriais cando non sexan estrictamente necesarios para acada-los obxectivos ambientais do proxecto.

5) Gastos de persoal propio.

Capítulo II

Investimentos en instalacións para a prevención

e reducción da contaminación do ambiente

Artigo 6º.-Obxecto.

Concederanse axudas a aqueles investimentos destinados ás instalacións para a prevención e reducción da contaminación do ambiente. Para conseguir este obxectivo poderán ser beneficiarios de subvención aqueles proxectos que propoñan:

a) Cambio nas materias primas.

b) Medidas organizativas na empresa, exceptuando os gastos de persoal indicados no artigo anterior.

c) Reutilización ou valorización non enerxética na propia industria.

d) Mellora tecnolóxica.

e) Cambios nos productos.

Artigo 7º.-Contía.

A contía destas axudas será ata un máximo do 50% do custo dos traballos realizados.

Artigo 8º.-Documentación específica que hai que presentar.

1. Xunto co impreso de solicitude publicado como anexo, deberá presentarse a documentación xeral requirida no artigo 2º desta orde, xuntándose por duplicado un estudio que conteña:

a) Memoria técnica explicativa da acción que se vai desenvolver con mención expresa do punto do artigo 1º.2 ó que corresponda. Esta memoria técnica incluirá, como mínimo, os seguintes puntos:

-Antecedentes (datos da empresa, evolución, situación actual...).

-Obxecto do investimento (obxectivos económicos, obxectivos ambientais...).

-Descrición da situación de partida.

-Descrición das actuacións das melloras esperadas.

b) Proxecto e orzamento detallados dos traballos que hai que realizar para os obxectivos establecidos no artigo 1º.2.1, así como polo menos unha factura pro forma de cada un dos conceptos orzamentarios.

c) Análises dos beneficios económicos esperados, fluxo de caixa e cálculo do TIR (taxa de rendemento interno).

d) Calendario de prazos de execución, así como un certificado da empresa subministradora ou responsable de levar a cabo o investimento, do cumprimento destes prazos.

A documentación que hai que presentar non superará as 50 páxinas de extensión.

2. Se a solicitude de iniciación e a documentación que hai que presentar non reúne os requisitos sinalados con anterioridade requirirase o interesado para que nun prazo de 10 días emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que se así non o fixese, terase desistido da súa petición, logo de resolución que deberá ser dictada nos termos previstos no artigo 42 da LRXPAC.

No suposto de que a documentación presentada exceda de 50 páxinas de extensión será requirido o interesado para que no mesmo prazo proceda á concreción ou clarificación da dita documentación.

Artigo 9º.-Criterios de priorización.

1. As solicitudes avaliaranse en réxime de concorrencia competitiva e para avalia-la prioridade entre elas teranse en conta os seguintes criterios enumerados por orde decrecente de importancia:

a) Investimentos dirixidos á mellora tecnolóxica da instalación.

b) Investimentos dirixidos ó cambio de materias primas.

c) Investimentos dirixidos á reutilización ou valoración non enerxética na propia industria.

d) Investimentos dirixidos a tomar medidas organizativas na empresa.

e) Investimentos dirixidos ó cambio nos productos.

2. Considerando os anteriores criterios, a comisión de avaliación creada polo artigo 14º desta orde estudiará as solicitudes presentadas e avaliaraas tendo en conta as alíneas a), b), c) e d) da documentación á que se refire o artigo 8º, puntuando da seguinte forma:

Alínea a): ata un máximo de 4 puntos.

Alínea b): ata un máximo de 5 puntos.

Alínea c): ata un máximo de 2 puntos.

Alínea d): ata un máximo de 3 puntos.

As solicitudes que non obtivesen unha puntuación mínima de 7 puntos entenderanse desestimadas.

3. A porcentaxe subvencionable de cada proxecto, tendo en conta que a contía máxima non poderá supera-lo establecido no artigo 7º, determinarase do seguinte xeito:

1) Adscribirase cada solicitude admitida a un dos grupos definidos no número 1 deste artigo.

2) Clasificaranse dentro de cada un destes grupos os investimentos en función da súa contía total, de xeito que os límites de cada subgrupo correspondan ó dez por cento (+-10%) da media dos investimentos incluídos nela, aproximadamente.

3) Dentro de cada un destes subgrupos, determinarase a porcentaxe (%) de subvención, de xeito que as que obtivesen unha puntuación menor na avaliación definida no número 2 deste artigo non poidan obter unha porcentaxe superior da axuda cás de maior puntuación.

Capítulo III

Implantación dun sistema de xestión ambiental

mediante adhesión ó sistema EMAS comunitario

Artigo 10º.-Obxecto.

Concederanse axudas para a implantación dun sistema de xestión ambiental mediante adhesión ó sistema EMAS comunitario.

Artigo 11º.-Contía.

Ata un máximo do 75% do custo dos traballos realizados. En ningún caso esta cantidade será superior a 9.000 euros.

Artigo 12º.-Documentación específica que hai que presentar.

Xunto ó impreso de solicitude publicado como anexo, deberá presentarse a documentación xeral requirida no artigo 2º desta orde, xuntándose por duplicado un estudio que conteña:

a) Memoria técnica explicativa da acción que se vai desenvolver con mención expresa do punto do artigo 1º.2 ó que corresponda. Esta memoria técnica incluirá, como mínimo, os seguintes puntos:

-Política ambiental que hai que seguir (compromiso de mellora continua, prevención da contaminación e conformidade regulamentaria...).

-Planificación das accións ambientais (identificación dos aspectos ambientais, establecemento dos obxectivos e metas, elaboración do programa de xestión ambiental...).

b) Proxecto e orzamento detallados dos traballos que hai que realizar para os obxectivos establecidos no artigo 1º.2.2, así como a lo menos unha factura pro forma de cada un dos conceptos orzamentarios.

c) Beneficios ambientais esperados.

A documentación que hai que presentar non superará as 50 páxinas de extensión.

Artigo 13º.-Criterios de priorización.

1. As solicitudes avaliaranse en réxime de concorrencia competitiva e para avalia-la prioridade entre elas teranse en conta os seguintes criterios enumerados por orde decrecente de importancia:

a) Empresas que como resultado da axuda recibida poidan acredita-la súa inscrición no rexistro EMAS.

b) Empresas que como resultado da axuda recibida poidan acredita-la súa inscrición no rexistro EMAS a partir de ISO 14.001.

2. Considerando os anteriores criterios, a comisión de avaliación creada polo artigo 14º desta orde, estudiará as solicitudes presentadas e avaliaraas tendo en conta as alíneas a), b) e c) da documentación á que se refire o artigo 12º, puntuando da seguinte forma:

Alínea a): ata un máximo de 4 puntos.

Alínea b): ata un máximo de 3 puntos.

Alínea c): ata un máximo de 3 puntos.

As solicitudes que non obtivesen unha puntuación mínima de 5 puntos entenderanse desestimadas.

3. A porcentaxe subvencionable de cada proxecto, tendo en conta que a contía máxima non poderá supera-lo establecido no artigo 11º, determinarase do seguinte xeito:

a) Adscribirase cada solicitude admitida a un dos grupos definidos no número 1 deste artigo.

b) Clasificaranse dentro de cada un destes grupos os investimentos en función da súa contía total, de xeito que os límites de cada subgrupo correspondan ó dez por cento (+-10%) da media dos investimentos incluídos nela, aproximadamente.

c) Dentro de cada un destes subgrupos, determinarase a porcentaxe (%) de subvención, de xeito que as que obtivesen unha puntuación menor na avaliación definida no número 2 deste artigo non poidan obter unha porcentaxe superior da axuda cás de maior puntuación.

Capítulo IV

Tramitación, resolución, xustificación e pagamento

Artigo 14º.-Comisión de avaliación.

Presentada a solicitude xunto coa documentación correspondente, procederase á súa valoración por unha comisión de avaliación de proxectos constituída polo director xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, a subdirectora xeral de Calidade Ambiental e o subdirector xeral de Avaliación Ambiental e, no caso de carencias ou defectos de forma, requirirase o interesado para que, nun prazo de 10 días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Se non se fixese deste xeito, terase por desistido da súa petición, logo de resolución que deberá ser dictada nos termos previstos no artigo 42 da Lei 30/1992, modificada pola Lei 4/1999.

Artigo 15º.-Resolución.

1. A resolución da concesión será dictada polo conselleiro de Medio Ambiente nun prazo de tres meses a partir da publicación da convocatoria no DOG. Transcorrido o prazo máximo para resolver sen que o interesado recibise comunicación expresa, entenderanse desestimadas as súas pretensións por silencio administrativo, consonte o disposto no artigo 2 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. O outorgamento da axuda debe ser aceptado polo beneficiario no prazo de 15 días, coas condicións específicas recollidas nesta orde. No caso de que o beneficiario non comunique a súa aceptación no prazo indicado, a subvención outorgada considerarase desestimada.

3. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión.

Artigo 16º.-Control e seguimento.

1. Constitúese unha comisión de seguimento integrada polos mesmos membros da comisión de avaliación, que se encargará do control da execución da actividade obxecto da axuda.

2. A referida comisión poderá solicitar, en calquera momento, cantas aclaracións e informes considere convenientes e, no suposto de non seren satisfeitas en prazo de 10 días, a partir da notificación, consonte prevé o artigo 76 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, considerarase como incumprimento das condicións de concesión da subvención.

Artigo 17º.-Acreditación de traballos realizados.

Para proceder ó cobramento das axudas será indispensable a presentación, antes do 31 de outubro de 2003, da seguinte documentación:

a) Dous exemplares da memoria final e do custo dos traballos realizados para o seu exame e análise. Esta memoria final deberá conter, como mínimo:

-Estudios: bibliografía consultada; estudio preliminar de ideas, con explicación detallada de cada unha das fases seguidas no desenvolvemento do estudio; método seguido; ensaios realizados; resultados acadados e a súa viabilidade de aplicación, con mención expresa ó artigo 12º.2 desta orde.

-Investimentos: descrición das fases do investimento realizado; beneficios acadados para a empresa (económicos, ambientais...).

-Diagnósticos e implantacións: descrición da implantación das accións planificadas; comprobación do sistema e acción correctora e validación do funcionamento do sistema.

b) Orixinal ou copia compulsada das facturas, xustificantes bancarios dos pagamentos realizados ou outros xustificantes do investimento solicitado que deberán estar debidamente acreditados ante a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, que outorgará a súa conformidade.

c) Nas axudas relativas a sistemas de xestión e audotoría ambientais, deberá incluírse a declaración ambiental verificada polo verificador ambiental.

d) No momento da xustificación da execución do proxecto e, en calquera caso, antes do derradeiro pagamento, o peticionario presentará unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas para un mesmo proxecto, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades (Resolución do 30 de novembro de 199, acordo do consello de novembro de 1999 no que se establece o mecanismo de seguimento e control de concorrencia e acumulación das axudas públicas).

e) O beneficiario da subvención deberá acredita-lo compromiso de mante-lo investimento de que se trate ou o emprego ligado a este durante un período mínimo de 5 anos, así como non supera-las porcentaxes máximas de acumulación establecidas pola normativa europea.

Artigo 18º.-Pagamento.

1. O beneficiario deberá acreditar previamente ó cobramento:

a) Que se atope ó día das obrigas tributarias e de Seguridade Social.

b) Certificación de non ter pendente ningunha débeda por ningún concepto coa Administración da Comunidade Autónoma.

2. De acordo co establecido na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2003 poderanse efectuar pagamentos parciais á conta da liquidación, tendo en conta que cando a subvención supere a cifra de 30.000 euros e concorran os requisitos do artigo 16.2º dous do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, será obrigatorio presentar como garantía un aval bancario ou de entidade aseguradora polo importe do pagamento parcial máis os xuros vixentes polo prazo que medie entre a data de solicitude do pagamento parcial ata os dous meses seguintes ó remate do prazo de xustificación previsto.

O importe que se satisfaga mediante pagamentos parciais non pode supera-lo 80% da subvención concedida.

Artigo 19º.-Reducción do pagamento.

No suposto de que o investimento ou a actividade realizada tivese un custo inferior ó inicialmente previsto, a axuda concedida verase diminuída nunha porcentaxe proporcional.

Artigo 20º.-Aplicación orzamentaria.

Para a concesión das axudas convocadas nesta orde destinaranse ata un máximo de 463.010 euros que se imputarán na aplicación orzamentaria 15.04.342-A.770.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia do ano 2003.

Artigo 21º.-Compatibilidade de axudas.

Só serán compatibles con outras axudas as previstas no capítulo III desta orde, dentro dos límites establecidos no artigo 78 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario da Comunidade Autónoma de Galicia, na súa redacción dada pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa, no que se sinala que o importe das axudas non poderá en ningún caso, illada ou conxuntamente con outras, supera-lo custo da actividade que vai desenvolve-lo beneficiario.

Artigo 22º.-Reintegro.

Procederá o reintegro total ou parcial das axudas reguladas nesta orde e dos xuros de demora devengados desde o momento do seu pagamento, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión e, en todo caso, nos supostos previstos no artigo 19 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, e no Decreto lexislativo 1/1999, do

7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, na súa redacción dada pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa.

Artigo 23º.-Obriga de facilitar información.

Ademais da documentación complementaria que, durante a tramitación do procedemento, lles poidan esixi-los órganos correspondentes da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, os beneficiarios das axudas previstas nesta orde teñen a obriga de facilitar toda a información que lles sexa requirida polos órganos dependentes do organismo pagador, pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas públicas, así como a que lle sexa solicitada por calquera órgano comunitario de inspección ou control.

Artigo 24º.-Recursos.

A resolución da subvención porá fin á vía administrativa e contra ela poderase interpor recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Medio Ambiente, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da recepción da notificación da resolución, ou no prazo de tres meses desde que se entenda desestimada por silencio administrativo, ou ben ser impugnada directamente ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses se a resolución fose expresa ou seis meses desde que se entenda desestimada por silencio administrativo.

Disposición adicional

Ós beneficiarios das axudas reguladas nesta orde seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, na súa redacción dada pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa, así como as previsións contidas no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, que desenvolve o citado decreto lexislativo.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Calidade e Avaliación Ambiental para dictar cantas disposicións complementarias sexan precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta disposición entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 25 de marzo de 2003.

José Manuel Barreiro Fernández

Conselleiro de Medio Ambiente