Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 72 Venres, 11 de abril de 2003 Páx. 4.673

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA, XUVENTUDE E VOLUNTARIADO

ORDE do 3 de abril de 2003 pola que se modifica a do 18 de marzo de 2003, pola que se establecen as bases que rexen as axudas para actividades programadas por entidades xuvenís e entidades prestadoras de servicios á xuventude e se procede á súa convocatoria.

De conformidade co disposto no artigo 78.3º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba a Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, na súa redacción dada pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais,

orzamentarias, de función pública e actuación administrativa, e o artigo 2 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, son órganos competentes para a resolución dos procedementos de concesión de axudas e subvencións, así como do acordo do seu reintegro, os conselleiros, os presidentes ou directores dos demais entes segundo as súas leis de creación ou normativa específica, sen prexuízo da delegación das ditas atribucións, así como o Consello da Xunta de Galicia nos supostos legalmente previstos.

A necesidade de acadar unha axeitada axilización administrativa que redunde en beneficio da Administración e dos administrados, sen mingua do respecto ás garantías xurídicas que a tutela dos intereses públicos esixe e ós principios que informan a actividade administrativa, aconsella agora delega-la competencia da conselleira de Familia, Xuventude e Voluntariado na resolución dos procedementos de concesión das subvencións convocadas pola Orde do 18 de marzo de 2003, pola que se establecen as bases que rexen as axudas para actividades programadas por entidades xuvenís e entidades prestadoras de servicios á xuventude (DOG nº 62, do 28 de marzo), así como o acordo do seu reintegro, en relación coas solicitudes de entidades de ámbito provincial ou inferior, nos delegados provinciais da consellería, circunstancia que leva consigo a modificación da antedita disposición.

Así, facendo uso das facultades que me confiren os artigos 34, 43.3º e 44 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, segundo a redacción dada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, o artigo 78.3º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba a Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e 13 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, e demais disposicións de xeral aplicación,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Modificación do artigo 7 da Orde do 18 de marzo de 2003.

Modifícase o punto segundo do artigo 7 da Orde do 18 de marzo de 2003, que terá a seguinte redacción:

«2. No caso de entidades de ámbito provincial ou inferior, o informe previo e a proposta serán emitidos polos servicios técnicos da correspondente delegación provincial da Consellería de Familia, Xuventude e Voluntariado e a resolución será dictada polos delegados provinciais da consellería, por delegación da conselleira de Familia, Xuventude e Voluntariado».

Artigo 2º.-Nova disposición adicional da Orde do 18 de marzo de 2003.

Engádese unha disposición adicional terceira á Orde do 18 de marzo de 2003, que terá a seguinte redacción:

«Terceira.-Apróbase a delegación de atribucións da conselleira de Familia, Xuventude e Voluntariado nos delegados provinciais, no seu respectivo ámbito territorial, para resolve-la concesión, denegación, modificación ou outras incidencias das subvencións previstas nesta orde para entidades de ámbito provincial ou inferior, así como para autoriza-los gastos e ordena-los correspondentes pagamentos».

Disposición derradeira

Única.-Esta orde entrará en vigor ó día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 3 de abril de 2003.

Pilar Rojo Noguera

Conselleira de Familia, Xuventude e Voluntariado