Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 69 Martes, 08 de abril de 2003 Páx. 4.426

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ASUNTOS SOCIAIS, EMPREGO E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 27 de febreiro de 2003, da Dirección Xeral de Relacións Laborais, pola que se dispón a inscrición no rexistro e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo das empresas organizadoras do xogo do bingo.

Visto o texto do convenio colectivo de ámbito autonómico das empresas organizadoras do xogo do bingo, (código de convenio nº 8200275), que se suscribiu coa data do 6 de febreiro de 2003, entre a representación empresarial e os representantes dos traballadores, e de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do estatuto dos traballadores, e no Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo.

Esta Dirección Xeral de Relacións Laborais

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la inscrición do devandito convenio colectivo no rexistro xeral de convenios desta dirección xeral.

Segundo.-Remiti-lo texto orixinal ó correspondente servicio deste centro directivo.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de febreiro de 2003.

Pilar Cancela Rodríguez

Directora xeral de Relacións Laborais

Convenio colectivo das empresas organizadoras

do xogo do bingo

Artigo 1º.-Ámbito territorial e funcional.

Este convenio afecta á totalidade de empresas dedicadas á organización do xogo do bingo que exerzan a súa actividade, total ou parcialmente, no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, tanto ás actualmente en funcionamento como ás que nun futuro se constitúan.

Artigo 2º.-Ámbito persoal.

Este convenio afecta a tódolos traballadores/as que prestan os seus servicios nas empresas ás que fai referencia o artigo anterior e igualmente a aqueles que con posterioridade á entrada en vigor deste convenio ingresen nelas. O convenio establece as bases para as relacións laborais entre empresas e traballadores/as afectados por este, calquera que sexa a modalidade de contratación laboral.

Artigo 3º.-Vencellamento á totalidade.

As condicións pactadas neste convenio forman un todo orgánico e indivisible e para efectos da súa aplicación práctica serán considerados no seu conxunto globalmente, polo que, no suposto de que a autoridade laboral competente, no exercicio das súas facultades, non homologase algunha das súas cláusulas, quedaría sen eficacia na súa totalidade e deberíase reconsiderar todo o seu contido.

Artigo 4º.-Melloras adquiridas.

As empresas afectadas por este convenio respectarán as condicións máis beneficiosas ou vantaxosas concedidas ós seus traballadores/as, antes ou despois da súa aprobación e serán consideradas, todas elas, en cómputo anual e no seu conxunto, sen prexuízo do disposto no artigo 5º.

Artigo 5º.-Absorción e compensación.

Tódalas condicións pactadas neste convenio, son compensables na súa totalidade e no seu cómputo anual polas melloras, de calquera índole, que estean a disfruta-los traballadores/as, cando estas superen a contía total do convenio e se consideren absorbibles desde a súa entrada en vigor.

Artigo 6º.-Ámbito temporal.

Este convenio entrará en vigor a tódolos efectos o día 1 de xaneiro de 2002, con independencia da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, e finalizará o 31 de decembro do 2003, tendo por tanto unha vixencia de dous anos. En todo caso, a súa denuncia non significará ningunha modificación do texto artellado que continuará vixente ata a súa substitución por outro novo nos termos que as partes establezan.

Artigo 7º.-Características do convenio.

Tódalas condicións económicas ou doutra índole pactadas neste convenio, consideradas no seu conxunto e no seu cómputo anual, teñen a consideración de mínimas.

De mutuo acordo entre as partes poderíanse asinar acordos ou pactos entre as empresas e os seus traballadores/as a través dos seus órganos de representación sindical, estes terán o carácter de complementarios deste convenio.

Os conflictos que se orixinen, resolveranse polo tanto, segundo o previsto no Estatuto dos traballadores/as para a resolución de conflictos de normas.

Artigo 8º.-Réxime de contratación e fomento do emprego.

As empresas afectadas por este convenio cubrirán os postos de traballo dos seus cadros de persoal, conforme as normas vixentes en materia de contratación e afiliación ó réxime da Seguridade Social.

Estas empresas terán que contar cun mínimo de persoal de carácter fixo, igual o número que segundo a categoría de cada sala e con carácter mínimo preveñan as normas administrativas do xogo do bingo da Comunidade Autónoma galega.

Na sinatura dos contratos de traballo estarán presentes, cando menos, un representante legal dos traballadores/as se os houbera, ós que se lles entregará unha copia do contrato, sen prexuízo da copia correspondente ó traballador/a.

Nas salas de nova apertura, a contratación será revisada pola comisión paritaria do convenio, debendo o empresario comunicarlle á citada comisión, cunha antelación mínima de oito días á data de apertura prevista, a lista de futuros traballadores/as con indicación dos postos que van desempeñar.

Dada a actual situación de desemprego existente, a partir da entrada en vigor deste convenio, queda prohibida a contratación de persoal en réxime de pluriemprego, exceptuándose desta prohibición o traballador/a fixo de carácter descontinuo e a tempo parcial.

Os novos postos de traballo, así como as vacantes que se produzan, cubriranse en igualdade de condicións preferentemente mediante a contratación de profesionais de bingo en situación de desemprego, así como de traballadores/as que desempeñasen funcións na empresa de maneira temporal.

As empresas facultarán a formación dos seus cadros de persoal, sendo para elo propicia e aconsellable a realización de prácticas en postos de traballo de categoría superior.

Para a provisión de vacantes en categorías superiores, en caso de igualdade entre os candidatos/as seleccionados/as, gozarán de preferencia para ocupar estas, nas mesmas condicións e características que os outros seleccionados, aqueles que sexan traballadores/as fixos do cadro de persoal.

A comisión paritaria velará polo estricto cumprimento do previsto neste artigo.

Artigo 9º.-Modalidades de contratación.

Estarase ó disposto no artigo 9º do convenio estatal de bingos.

Nos contratos de interinidade, e para o caso de que o traballador/a substituído non se incorporase ó seu posto de traballo, o interino, sempre que a substitución se fixera cando menos por 12 meses ininterrumpidos, pasará a ocupar o posto de traballo que tiña o traballador/a obxecto de substitución.

Artigo 10º.-Empresas de traballo temporal.

As empresas limitarán a contratación de traballadores/as a través de empresas de traballo temporal ata un máximo do 10% do cadro de persoal de cada unha.

Artigo 11º.-Categorías profesionais.

-Categoría A:

Xefe/a de sala.

-Categoría B:

Xefe/a de mesa.

Caixeiro/a.

-Categoría C:

Locutor/a-vendedor/a.

Admisión e control.

Servicios auxiliares.

Definicións:

Xefe/a de sala. Exercerá a dirección e control xeral do funcionamento da sala, adoptando as decisións relativas á marcha das distintas operacións de acordo coas normas técnicas do bingo e marcando o ritmo adecuado daquelas; coidará do correcto funcionamento de tódolos aparellos, instalacións e servicios; exercerá a xerarquía sobre todo o persoal ó servicio da sala; será

o responsable de levar correctamente a contabilidade específica do xogo, así como a tenza e custodia da propia sala, das autorizacións precisas para o seu funcionamento e da documentación relativa ó persoal. Así mesmo, o xefe/a de sala terá a representación da empresa, tanto fronte ós xogadores como diante dos axentes da autoridade, a menos que a dita representación se teña atribuída a outra persoa e esta estea presente na sala.

Xefe/a de mesa. Será o responsable da comprobación das bólas e cartóns; levará a contabilidade dos cartóns vendidos para cada xogada ou sorteo; efectuará a determinación dos premios de liña ou bingo; comprobará os cartóns premiados, informando colectivamente de todo iso ós xogadores; será responsable e custodiará o libro de actas de rexistro e levará o control do «stock» de cartóns por partida. Contestará individualmente cantas peticións de información ou reclamacións formulen os xogadores e consignará todo iso, así como as incidencias que se produzan, na acta de cada sesión.

Caixeiro/a. Terá no seu poder os cartóns e entregaraos ordenadamente ós vendedores, indicará ó xefe de mesa o número de cartóns vendidos, así como as cantidades que correspondan ós premios de liña e bingo; recadará as cantidades correspondentes a cada premio para o seu aboamento.

Locutor/a-vendedor/a. Realizará a venda directa dos cartóns e a recadación do seu importe, que entregará xunto cos cartóns sobrantes ó caixeiro; retirará da mesa, antes de efectua-la venda dos novos cartóns, os utilizados polos xogadores na xogada anterior e repasará as series dentro da súa xornada laboral. Na súa quenda de locutor porá en funcionamento a máquina cando se inicie a xogada, lerá en voz alta o número da bóla segundo a orde de saída; apagará a máquina ó remata-lo xogo e aboaralles ós xogadores os importes de liña e bingo. Cando realice as funcións de locutor non realizará a función de venda de cartóns, aínda que poderá colaborar noutras funcións dentro da sala.

Admisión e control. Será o encargado de controla-la entrada de xogadores na sala de xogo, comprobando que o carné corresponde á persoa que o presente, e impedindo a entrada ás persoas que o tiveran prohibido, dando conta ó xefe/a de sala dos incidentes. Terá, así mesmo, como misión o levar do ficheiro de visitantes e a súa actualización.

Servicios auxiliares. Estas categorías (administración, aparcacoches, porteiros, vixilantes, cafetería, persoal de limpeza, etc.) non están comprendidas entre as técnicas do bingo, realizando as funcións propias das súas especialidades, sen que se lles poida esixir credencial de xogo ou permiso administrativo ningún.

A definición de categorías que antecede ten por obxecto delimitar o contido da prestación laboral. No que se refire a asunción de responsabilidades estarase en cada momento ó que sobre o particular determina o Regulamento autonómico do xogo do bingo.

Aquelas categorías que non aparecen recollidas expresamente, será a comisión paritaria a encargada de encadralas nunha das categorías de remuneración.

Artigo 12º.-Período de proba.

Poderá concertarse por escrito un período de proba, de acordo ós límites de duración seguintes:

Xefe/a de sala, xefe/a de mesa e caixeiro/a: sesenta días.

Locutor/a-vendedor/a e admisión e control: trinta días.

Resto de persoal: 15 días.

Só se entenderá que o traballador/a está suxeito ó período de proba se así consta por escrito.

Artigo 13º.-Liquidacións.

No caso de extinción da relación laboral por finalización de contrato, farase entrega ó traballador/a da correspondente liquidación de haberes cunha antelación de 5 días á data prevista da extinción.

En caso de incumprimento, a empresa deberá aboar, en concepto de indemnización, o importe dun día de salario por cada día que transcorra entre o prazo establecido e o día que faga entrega da liquidación.

Artigo 14º.-Xornada laboral.

A xornada laboral anual será de 1.800 horas de traballo efectivo. A partir do 1 de xaneiro de 2003 redúcese a xornada laboral en 16 horas, polo que a xornada laboral anual queda establecida en 1.784 horas. Esta reducción de xornada vén dada polo aumento de dous días de vacacións anuais.

Artigo 15º.-Xornada laboral e descansos.

Durante a vixencia deste convenio, establécese unha xornada de traballo efectivo semanal de 40 horas, e desfrutarase dun descanso semanal de dous días consecutivos, a non ser que a xornada semanal sexa inferior a 40 horas, en todo caso, aplicarase o previsto no artigo 37 do Estatuto dos traballadores/as, podendo, non obstante, pactarse entre empresas e traballadores/as calquera sistema de xornada e descansos que permita a lexislación vixente de acordo coa reducción da xornada semanal ou compensación de descansos, ben sexa estes en cómputo mensual, trimestral ou anual.

No caso de aplicarse un sistema especial, confeccionarase, non máis tarde do 15 de decembro, un calendario de actividade anual no que se especifiquen as características do citado sistema, debendo ser visado pola representación legal dos traballadores/as.

Artigo 16º.-Vacacións.

O período de vacacións anuais retribuídas será de 30 días naturais. A partir do 1 de xaneiro de 2003 o período de vacacións será de 32 días naturais. As vacacións desfrutaranse ininterrompidamente, salvo pacto en contrario entre empresa e traballadores/as. O desfrute das vacacións da parte proporcional que corresponda realizarase dentro do ano natural de que se trate. A empresa e os representantes legais dos traballadores/as elaborarán, a máis tardar, durante o mes de decembro de cada ano, o cadro de vacacións do ano seguinte, que deberá expoñerse no taboleiro de anuncios. En todo caso, o cadro de vacacións deberá

estar exposto con dous meses de antelación ó inicio do período vacacional. Este cadro elaborarase por unha soa vez, tendo en conta as preferencias marcadas pola lei, e posteriormente será por rotación exacta.

Durante o período de vacacións o traballador/a percibirá tódalas retribucións económicas que se establecen neste convenio.

No suposto de coincidencia, total ou parcial, do período vacacional con unha situación de I.T. derivada de accidente, laboral ou non, que requira unha hospitalización mínima de 4 días, a empresa sinalará novas datas para o desfrute do período vacacional, sempre dentro do ano natural ó que correspondan.

Artigo 17º.-Festivos aboables non recuperables.

Os festivos non recuperables poñeranse de mutuo acordo entre empresas e traballadores/as.

As festas aboables e non recuperables poderán, de común acordo entre empresas e traballadores/as acumularse ás vacacións anuais, ou ser desfrutadas como descanso continuado en período distinto.

No suposto de que os festivos aboables non recuperables se desfruten de forma continuada, a empresa respectará o descanso semanal, acumulando a este o número de festas.

Artigo 18º.-Festa do traballo. 1º de maio.

O día 1º de maio considerase como festivo e de non actividade laboral. Non obstante, establécense os días 24 e 31 de decembro como de non actividade laboral, en substitución do día 1º de maio. En ningún caso poderá pactarse a apertura das salas os citados días mediante acordo ou compensación ningunha.

Artigo 19º.-Prestacións de incapacidade temporal.

Os traballadores/as que se atopen en situación de incapacidade temporal, derivada de calquera causa, percibirán o 100% das súas remuneracións desde o primeiro día, incluídos tódolos conceptos económicos, tanto salariais como extrasalariais.

Artigo 20º.-Seguro colectivo.

As empresas afectadas por este convenio contarán cunha póliza de seguros que garanta ós seus traballadores/as as seguintes indemnizacións:

-Por falecemento, calquera que sexa a causa: 12.000 A.

-Por invalidez permanente total, absoluta ou grande invalidez: 12.000 A, sendo necesario para este suposto a declaración e cualificación administrativa correspondente.

Os traballadores/as terán opción de aumentar, de acordo coa compañía aseguradora, o importe da póliza de seguros, abonando o traballador/a a diferencia de custos resultante.

En caso de non ter contratada a dita cobertura, será a empresa a responsable do pagamento das sumas antes indicadas.

As modificacións deste artigo entrarán en vigor a partir do 1 de xaneiro de 2003.

Artigo 21º.-Excedencias.

Recoñecese, de acordo co establecido no Estatuto dos traballadores/as, o dereito á excedencia voluntaria dos traballadores/as afectados por este convenio, por un período mínimo dun ano e un máximo de cinco, sempre que leven máis dun ano ó servicio da empresa. O excedente non poderá traballar noutra empresa da mesma actividade. Se infrinxira esta prohibición, será causa de resolución da súa relación laboral.

En situación de excedencia dun traballador/a, xa sexa voluntaria ou forzosa, a empresa virá obrigada, no caso de cubri-la praza dentro do mes seguinte ó iniciarse a excedencia, a facelo mediante contrato de interinaxe polo tempo de duración da excedencia.

No non contemplado neste artigo estarase ó disposto no Estatuto dos traballadores/as, Lei de conciliación da vida familiar e laboral e demais normativa vixente.

Artigo 22º.-Licencias retribuídas.

Todo traballador/a afectado por este convenio terá dereito a permisos retribuídos, polos días naturais que se establecen a continuación sempre que avise coa posible antelación e se xustifiquen suficientemente.

-Por matrimonio do traballador/a: 15 días.

-Por nacemento de fillos, adopción ou acollemento: 3 días.

-Por morte, enfermidade grave, hospitalización ou accidente de parentes ata o 2º grao de consanguinidade ou afinidade: 3 días, ampliable a 5 se a circunstancia acontece fóra da Comunidade Autónoma galega.

-Por matrimonio de pais, irmáns e fillos: 1 día, ampliable a 3 se o acontecemento se produce fora da Comunidade Autónoma galega.

-Por comuñón de fillos: 1 día.

-Por bautizo de fillos: 1 día.

-Por traslado do seu domicilio habitual dentro do municipio: 1 día. Se o traslado se produce fóra do municipio: 2 días.

No caso de matrimonio do traballador/a e sempre que este teña 2 anos de antigüidade, terá dereito a percibir como premio de nupcialidade unha gratificación equivalente a 30 días de salario base e complemento ad personam (antigüidade consolidada).

Todos estes dereitos son extensibles ás parellas de feito.

Artigo 23º.-Maternidade.

As baixas por maternidade serán de acordo co establecido na Lei de conciliación da vida familiar e laboral e demais lexislación vixente. Durante o embarazo o horario de traballo axustarase á petición da traballadora, entre as 8 horas e as 22 horas.

As traballadoras terán dereito a unha pausa dunha hora no seu traballo, que poderán dividir en dúas fraccións de media hora cando a destinen á lactanción do seu fillo menor de 9 meses. Poderase substituí-la pausa ou interrupción da xornada por unha reducción

da xornada normal de media hora que, na súa opinión, a poderá aplicar ó principio ou á terminación desta.

A dita pausa ou reducción será retribuída e, no caso de lactanción artificial, pode ser solicitada por calquera dos cónxuxes, si ben a opción só pode ser exercida por un deles, en caso de que ambos traballen.

Artigo 24º.-Resolución de contratos.

Será causa suficiente para que as empresas afectadas por este convenio poidan resolve-los contratos de traballo cos seus traballadores/as, o feito da revogación das autorizacións administrativas de que son titulares para o exercicio da actividade, sempre que esta revogación non teña a súa causa en expediente sancionador consonte a lexislación vixente en materia de xogo ou solicitude da propia empresa.

De todas estas resolucións de contratos darase conta á comisión paritaria do convenio.

Artigo 25º.-Subrogación de servicios.

Será de aplicación integramente o disposto na sección segunda do Estatuto dos traballadores/as con respecto ás garantías por cambio de empresario, derivado este de calquera causa.

Artigo 26º.-Condicións económicas.

As condicións económicas e de toda índole pactadas neste convenio convéñense expresamente entre as partes, en razón entre outras, da natureza parcialmente nocturna do traballo, tendo en conta o horario administrativo que é de aplicación á actividade e entendéndose polo tanto englobados nas condicións económicas establecidas todos aqueles emolumentos e demais conceptos salariais e extrasalariais que por razón da mencionada nocturnidade puidesen corresponder legalmente.

Artigo 27º.-Roupa de traballo.

As empresas subministrarán, como mínimo, a tódolos traballadores/as dous uniformes completos por temporada, dous para a temporada de verán e dous para a temporada de inverno. No caso de empresas que utilicen a mesma uniformidade durante todo o ano, subministraranse, como mínimo, tres uniformes ó ano. Así mesmo, subministrarán todas aquelas pezas de roupa para as que as empresas establezan condicións determinadas respecto do seu modelo ou cor.

Artigo 28º.-Control horario.

As empresas disporán dun control rexistro de entradas e saídas do traballo, coa sinatura de cada traballador/a, salvo que o dito control sexa efectuado por medios informáticos.

Artigo 29º.-Dereitos sindicais do traballador/a.

Tódolos representantes legais dos traballadores/as terán dereito a:

-Difundir publicacións e avisos de carácter sindical nos locais da empresa entre os traballadores/as, fóra das horas de traballo.

-Fixar todo tipo de comunicacións e anuncios de carácter sindical no taboleiro de anuncios que para tal efecto deberá facilitar e establece-la súa localización a empresa, dentro das súas instalacións.

-Recada-las cotas sindicais dos afiliados así como calquera tipo de contribución con fins sindicais, fóra das horas de traballo.

Os traballadores/as que sexan elixidos para desempeñar cargos sindicais de ámbito superior á empresa poderán solicitar excedencia sindical por un período máximo igual ó mandato sindical para o que se atope designado, sendo obrigatoria para a empresa a súa concesión e a correspondente reserva do posto de traballo, debendo acredita-lo sindicato ó que represente de maneira fidedigna a circunstancia da elección do traballador/a e o tempo previsto inicialmente para o desempeño do mandato.

En todo caso, a dita excedencia non poderá supera-lo prazo de 4 anos, debendo en todo caso o traballador/a solicita-la súa reincorporación cun aviso previo mínimo dun mes.

Artigo 30º.-Dereitos dos representantes legais dos traballadores/as.

Os representantes legais dos traballadores/as, ademais das competencias establecidas no Estatuto dos traballadores/as, terán dereito a:

-Convocar asembleas de traballadores/as logo de notificación á empresa, nos centros de traballo e fóra da xornada laboral.

-Disporán dun saldo de 20 horas mensuais de permiso retribuído para atender asuntos de carácter laboral dos seus representados, logo de notificación á empresa e posterior xustificación. As horas sindicais poderán acumularse por empresa.

-Disporán dun permiso non retribuído de ata 8 días o ano para o exercicio de actividades sindicais a marxe da empresa, logo de notificación á empresa con 72 horas e posterior xustificación.

-Que se lles comunique ó resto de persoal o seu despedimento, en caso de producirse.

-Ser informados, con carácter previo á súa execución pola empresa da reestructuración do cadro de persoal, peches temporais ou definitivos, reducción da xornada, así como sobre os plans de formación profesional da empresa, sobre a implantación ou revisión de sistemas de organización do traballo, valoración de postos de traballo e sistemas de incentivos.

-Ser informados sobre as sancións impostas por faltas moi graves, en especial nos supostos de despedimento, así como coñece-lo índice de absentismo laboral e as súas causas.

-Ser informados pola empresa sobre a evolución xeral do sector ó que pertence esta, así como sobre o seu programa de evolución probable de emprego nesta.

Ademais, os delegados de persoal poderán exercer un labor de seguimento sobre incumprimento de normas vixentes en materia laboral e de seguridade social.

Artigo 31º.-Garantías.

Ningún membro do comité de empresa ou delegado de persoal poderá ser sancionado ou despedido sen causa xustificada durante o exercicio das súas fun

cións, nin dentro dos dous anos seguintes ó seu cesamento.

Se o despedimento ou a sanción obedecera a outras causas, deberase tramita-lo correspondente expediente disciplinario contradictorio conforme prevé a lexislación vixente.

Terán prioridade na empresa ou centro de traballo respecto dos demais traballadores/as nos supostos de suspensión ou extinción por causas tecnolóxicas ou económicas.

Non poderán ser discriminados na súa promoción económica ou profesional por causa ou razón de desempeña-la súa representación.

Artigo 32º.-Seccións sindicais.

Os sindicatos que conten cun mínimo do 50% de afiliados na empresa, e sempre que esta conte con máis de 20 traballadores/as, poderán constituír seccións sindicais dos seus afiliados ante a dirección da empresa, as seccións sindicais terán un delegado sindical que gozará dos dereitos e garantías fixados para os delegados de persoal, con excepción do referente á reserva de horas sindicais.

Tódolos traballadores/as afectados por este convenio que teñan cargos sindicais de carácter provincial terán recoñecidos tódolos dereitos que lles recoñece a Lei orgánica de liberdade sindical.

Artigo 33º.-Cotas sindicais.

Co fin de facilita-lo labor de cobramento de cotas sindicais, as empresas comprométense a descontalas directamente en nómina ós traballadores/as que o soliciten por escrito.

Artigo 34º.-Comisión paritaria do convenio.

Constitúese unha comisión paritaria que cumprirá as seguintes funcións:

-Interpretación da totalidade das cláusulas deste convenio.

-Aplicación do pactado e vixilancia do seu cumprimento.

-Seguimento daqueles acordos que se deban desenvolver en tempo e durante a vixencia destes.

-Mediación, arbitraxe e conciliación, en caso de conflictos entre empresas e traballadores/as no suposto de conflicto colectivo por instancia dun dos seus órganos se poderá solicita-la inmediata reunión desta comisión para efectos de interpoñe-la súa mediación, interpreta-lo acordado e ofrece-la súa arbitraxe.

-Elaborar e propoñer á Administración pública modificacións ou actualizacións que sexan convenientes ás normas administrativas do xogo para a súa mellor aplicación.

-Adoptar novos acordos que desenvolva o pactado neste convenio si así o requiren as circunstancias.

Artigo 35º.-Composición da comisión paritaria.

A comisión paritaria estará integrada por cinco representantes da asociación empresarial ABIGA e cinco representantes das centrais sindicais asinantes deste convenio.

As partes poderán estar asistidas por asesores, os que terán voz pero non voto.

Os acordos da comisión paritaria requirirán, en calquera caso, ser adoptados por maioría simple de votos de cada unha das partes, quedando validamente constituída a dita comisión, cando sexa convocada por calquera das partes, logo de notificación fidedigna, con alomenos 72 horas de antelación.

As partes asinantes deste convenio elaborarán un regulamento de funcionamento da mencionada comisión, coas características que as partes determinen.

Artigo 36º.-Réxime sancionador.

Estarase ó disposto no capítulo XI do convenio estatal das empresas organizadoras do xogo do bingo.

Artigo 37º.-Abuso de autoridade-procedemento.

Todo traballador/a poderá dar conta por escrito directamente a través dos seus representantes á dirección da empresa, de cantos actos supoñan abuso de autoridade dos seus compañeiros de traballo. Recibido o escrito, a dirección abrirá o oportuno expediente no prazo máximo de 10 días.

No caso contrario, os representantes legais dos traballadores/as ou o propio interesado poderán formula-las oportunas denuncias ante a delegación de traballo ou organismo competente.

Artigo 38º.-Estructura salarial.

Durante a vixencia deste convenio, a retribución do persoal por xornada laboral de traballo estará constituída polos seguintes conceptos:

Salario base.

Complemento ad personam (antigüidade consolidada).

Complemento de actividade por dereitos adquiridos.

Complemento de prolongación de xornada.

Gratificacións extraordinarias.

Gratificación extraordinaria especial.

Complementos extrasalariais.

Quebranto de moeda.

Complemento de transporte.

Horas extraordinarias.

Tódolos conceptos salariais e extrasalariais, en caso de traballadores/as a tempo parcial, fixo descontinuo ou en caso de desempeño transitorio de funcións, serán aboados na parte proporcional que corresponda a cada caso, entendéndose que as contías previstas correspóndense coa xornada normal de traballo pactada neste convenio.

Artigo 39º.-Salario base.

O salario base queda fixado, en función da categoría administrativa da sala e por categorías profesionais nas seguintes cantidades:

Ano 2002Ano 2003

Categ. ACateg. BCateg. CCateg. ACateg. BCateg. C

Sala especial941,98859,42776,85965,53880,90796,27

Sala 1859,42801,62735,58880,90821,66753,96

Sala 2776,85735,58694,29796,27753,96711,64

Sala 3714,93694,29677,78732,80711,64694,72

Artigo 40º.-Complemento ad personam.

Os traballadores/as que a 31 de decembro de 2001 viñeran percibindo o complemento ad personam, seguirano percibindo. Este complemento é de natureza salarial e de carácter non absorbible, nin compensable. Para o ano 2002 aplicarase unha subida sobre este concepto do 4,5%. No ano 2003 aplicarase o establecido no artigo 48º.

Artigo 41º.-Complemento de actividade por dereitos adquiridos.

Este complemento percibirano aqueles traballadores/as que a 31 de decembro de 2001 o viñeran percibindo, non sendo compensable nin absorbible. Para o ano 2002 aplicarase unha subida sobre este concepto do 4,5%. No ano 2003 aplicarase o establecido no artigo 48º.

Artigo 42º.-Complemento de prolongación de xornada.

Co fin de compensar economicamente a aqueles traballadores/as que por necesidades reais das salas teñan que realizar traballo fóra de horas normais, tales como peche de caixa, recollida da sala, revisión de cartóns, etc. as empresas aboarán un complemento de prolongación de xornada mensual, durante 11 meses ó ano, dos seguintes importes:

-Ano 2002:

Categoría A: 25,42.

Categoría B: 24,26.

Categoría C: 21,66.

-Ano 2003:

Categoría A: 26,06.

Categoría B: 24,87.

Categoría C: 22,20.

Sempre que se perciba este complemento, o tempo dedicado á realización dos ditos traballos, non terá a consideración de horas extraordinarias. O tempo máximo por este concepto non poderá supera-los 15 minutos por xornada laboral, non podendo dedicarse este tempo, en ningún momento, á atención de clientes.

Artigo 43º.-Gratificacións extraordinarias.

Tódolos traballadores/as percibirán tres gratificacións extraordinarias: a de xuño, a de decembro e a de vacacións.

Período de devengo:

A de xuño: de 1 de xullo a 30 de xuño.

A de decembro: de 1 de xaneiro a 31 de decembro.

A de vacacións: de 1 de xaneiro a 31 de decembro.

Data de pagamento:

A de xuño: o 30 de xuño.

A de decembro: o 20 de decembro.

A de vacacións: ó inicio do período de desfrute das vacacións.

As gratificacións extraordinarias aboaranse a razón de salario base, complemento de actividade por dereitos adquiridos e complemento ad personam.

Artigo 44º.- Gratificación extraordinaria especial.

Cada traballador/a con unha antigüidade de alomenos 10 anos na empresa, percibirá, en concepto de gratificación extraordinaria especial as seguintes contías:

-Ó cumprir 60 anos de idade: o importe equivalente a 3 meses de salario real.

-Ó cumprir 61 anos de idade: o importe equivalente a 1 mes de salario real.

-Ó cumprir 62 anos de idade: o importe equivalente a 1 mes de salario real.

-Ó cumprir 63 anos de idade: o importe equivalente a 1 mes de salario real.

-Ó cumprir 64 anos de idade: o importe equivalente a 1 mes de salario real.

-Ó cumprir 65 anos de idade: o importe equivalente a 1 mes de salario real.

As ditas gratificacións faranse efectivas dentro dos 30 días seguintes a cumprirse as idades naturais a que fai referencia este artigo.

Artigo 45º.-Quebranto de moeda.

As empresas aboaranlles a xefes/as de mesa, caixeiros/as e locutores/as-vendedores/as, e a aqueles outros traballadores/as que realicen operacións con cartos (cobramentos, pagamentos, cambios, etc.), un complemento de quebranto de moeda mensual durante 11 meses ó ano, co importe seguinte:

-Ano 2002:

Quebranto de moeda: 32,91.

-Ano 2003:

Quebranto de moeda: 33,73.

Este complemento cobrarano proporcionalmente ós días traballados, aqueles traballadores/as que realicen funcións de cambio de moeda nas máquinas recreativas e de azar instaladas nas salas de bingo.

Artigo 46º.-Complemento de transporte.

Como compensación de gastos de desprazamento e medios de transporte dentro da localidade, así como desde o domicilio ó centro de traballo e regreso, establécese un complemento de distancia e transporte nas seguintes contías; durante 12 meses ó ano e para tódalas categorías:

-Ano 2002:

Complemento de transporte: 52,65.

-Ano 2003:

Complemento de transporte: 53,96.

Artigo 47º.-Horas extraordinarias.

Ante a situación de desemprego existente e co obxecto de favorece-la creación de novos postos de traballo as partes acordan regula-las horas extraordinarias con carácter restrictivo, conforme os seguintes criterios:

1. Suprímense as horas extraordinarias con carácter habitual.

2. Unicamente se poderán realizar horas extraordinarias por necesidades de carácter estructural.

3. Cada hora extraordinaria que se realice sobre a duración máxima da xornada laboral aboarase conforme a seguinte escala:

Ano 2002Ano 2003

Categ. ACateg. BCateg. CCateg. ACateg. BCateg. C

Horas extras12,6111,8811,1412,9312,1811,42

4. O número de horas extraordinarias non poderá ser superior ó establecido na lexislación vixente.

5. A prestación de traballo en horas extraordinarias será voluntaria.

6. A realización das horas extraordinarias rexistraranse día a día e totalizarase semanalmente entregándolle copia do resumo semanal o comité de empresa ou delegado de persoal, e ó traballador/a afectado.

Artigo 48º.-Revisión salarial para 2003.

No ano 2003 aplicarase un incremento sobre tódolos conceptos económicos do convenio, equivalente ó IPC real dese ano máis o 2%. Deste incremento derivarase o correspondente ó 1% ó quebranto de moeda regulado no artigo 45º. Inicialmente, e ata que non se constate a subida real do IPC aplicarase un incremento do 2,5% sobre tódolos conceptos económicos.

Artigo 49º.-Novas aperturas e cambios de categorías de salas.

As salas de nova apertura, fixarán a estructura salarial que afecta ós seus traballadores/as, en función da categoría administrativa outorgada a esta, desde o primeiro día do seu funcionamento.

Os cambios de categoría que se produzan e que sexan autorizados pola administración competente,

suporán a partir do mes seguinte á data da súa autorización, a adaptación dos importes dos conceptos salariais e extrasalariais á nova situación xurídica.

Artigo 50º.-Horario máximo de peche.

Durante a vixencia deste convenio o horario máximo de peche das salas será o reflectido a continuación; non obstante, e con autorización expresa da autoridade competente e logo de acordo de tódalas do mesmo municipio, estes horarios poderán ser ampliados, pero nunca por período superior a un mes.

InvernoVerán

Do 1-10 ó 30-6Do 1-7 ó 30-9

Sábados e vésperas de festivos3.30 horas4 horas

Resto días3 horas3.30 horas

Artigo 51º.-Saúde laboral.

Tódalas empresas afectadas por este convenio, de conformidade co artigo 2.2º da Lei 31/1995, do 8 de novembro, comprométense ó desenvolvemento e cumprimento da normativa vixente no relativo a seguridade e saúde laboral.

Artigo 52º.-Cláusula de desvinculación.

Estarase ó disposto no artigo 76 do convenio colectivo estatal para as empresas organizadoras do xogo do bingo. Aquelas empresas que cumpran os requisitos para acollerse a cláusula de desvinculación, aplicarán o convenio vixente do ano anterior nos temas económicos, nos restantes aspectos estarase ó vixente neste convenio.

Artigo 53º.-Solución de conflictos.

As partes asinantes deste convenio, durante a súa vixencia, acordan someterse ás disposicións contidas no Acordo Interprofesional Galego sobre procedementos extraxudiciais de solución de conflictos colectivos de traballo (AGA), asinado entre a Confederación de Empresarios de Galicia e as organizacións sindicais CC.OO., UGT e CIG, nos propios termos en que están formuladas.

Disposición transitoria

Os atrasos derivados da aplicación da revisión salarial do ano 2001 e do ano 2002 serán aboados xunta coa nómina de febreiro. Os atrasos correspondentes ó ano 2003 serán aboados xunto coa nómina correspondente ó mes de marzo.