Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 64 Martes, 01 de abril de 2003 Páx. 3.999

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E ADMINISTRACIÓN LOCAL

ORDE do 13 de marzo de 2003 pola que se regula o réxime de concesión de subvencións ás agrupacións de voluntarios de protección civil.

O Decreto 56/2000, do 3 de marzo, polo que se regula a planificación, as medidas de coordinación e a actuación de voluntarios, agrupacións de voluntarios e entidades colaboradoras en materia de protección civil de Galicia, regula no artigo 72º a posibilidade de que a Xunta de Galicia poida conceder subvencións ás agrupacións de voluntarios de protección civil.

Conforme o Decreto 147/2002, do 11 de abril, mediante o que se establece a estructura orgánica da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, correspóndelle a esta consellería entre outras competencias, as de protección civil.

En virtude dos decretos 8/2003, do 18 de xaneiro, e 23/2003, do 20 de xaneiro, modificouse a estructura orgánica da Xunta de Galicia, de xeito que a Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local mantén as competencias sobre protección civil.

Esta consellería, a través da Dirección Xeral de Interior e Protección Civil, co obxecto de que as agrupacións de voluntarios de protección civil de Galicia poidan levar adiante o seu labor, regula o réxime de concesión de subvencións a estas para o ano 2003, e para tal efecto, na Lei dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o 2003 con cargo á aplicación orzamentaria 13.04.231A.480.0 existe partida orzamentaria para as axudas que se establecen na orde, reservándose para tal efecto un crédito de 601.015 euros.

No Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia e no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, establécense os requisitos xerais ás subvencións e axudas concedidas pola Administración autonómica, normativa á que, en consecuencia, se adaptará a presente orde, tendo en conta en todo caso, os principios de publicidade, obxectividade e concorrencia.

Na súa virtude, no uso das facultades que teño atribuídas,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

1. O obxecto da presente orde é establece-las bases que rexerán para a concesión de axudas e subvencións por importe de 601.015 euros, ás agrupacións de voluntarios de protección civil de Galicia, segundo recolle o artigo 72º do Decreto 56/2000, do 3 de marzo, polo que se regula a planificación, as medidas de coordinación e a actuación de voluntarios, agrupacións de voluntarios e entidades colaboradoras en materia de protección civil de Galicia.

2. Estas axudas, compatibles entre sí, son de dous tipos:

a) De carácter xeral: para tódalas agrupacións de voluntarios de protección civil, as que se destinarán 541.015 euros.

b) De carácter específico: para aquelas agrupacións de voluntarios de protección civil, que dispoñan de terminais remotos da Central de Emerxencias 112-SOS-Galicia a través da subscrición dun protocolo de colaboración coas autoridades de protección civil, ou estea en trámite de subscrición na data de publicación desta orde, para as que se destinarán 60.000 euros.

Artigo 2º.-Beneficiarias.

1. Poderán ser beneficiarias das subvencións de carácter xeral, ás que se refire o artigo 1º.2 a), as agrupacións de voluntarios de protección civil de Galicia legalmente constituídas, sen fins de lucro, que no día da publicación desta orde cumpran os seguintes requisitos:

a) Estar inscritas ou ter solicitada a súa inscrición no Rexistro de Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil segundo se establece no artigo 59 e concordantes do Decreto 56/2000, do 3 de marzo, polo que se regula a planificación, as medidas de coordinación e a actuación de voluntarios, agrupacións de voluntarios e entidades colaboradoras en materia de protección civil de Galicia.

b) Teñan dependencia co seu concello respectivo ou mancomunidade de concellos.

c) Aquelas que recibindo subvencións en anos anteriores, xustifiquen o seu investimento e liquidación, segundo o que dispón o artigo 78 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e artigo 15 e concordantes do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, de tal forma que a non xustificación do dito investimento e liquidación leva consigo non poder optar ás subvencións nos seguintes exercicios.

2. Poderán ser beneficiarias das subvencións de carácter específico, ás que se refire o artigo 1º.2 b), as agrupacións de voluntarios de protección civil que cumprindo os requisitos antes citados, teñan subscrito o referido protocolo de colaboración coas autoridades de protección civil, para dispoñer dun terminal remoto ou que estean en trámite de subscrición na data de publicación desta orde.

Artigo 3º.-Destino das axudas.

A. As axudas de carácter xeral poderán ser investidas en:

1. Material de intervención inmediata e outro que estea relacionado con protección civil (tele-comunicación, mergullo, incendios, equipamentos e material de urxencias e de primeiros auxilios).

2. Equipamento persoal, así como equipos de prevención e protección.

3. Gastos ocasionados durante as actuacións levadas a cabo pola agrupación en materia de protección civil, así como os ocasionados pola conservación e mantemento da súa base.

4. Pagamento de seguros do voluntariado de protección civil ou outro tipo de seguros relacionados co desenvolvemento do traballo e das tarefas da agrupación de voluntarios de protección civil.

5. Gastos ocasionados pola formación dos seus compoñentes.

Estes gastos non poderán acumularse con outras subvencións ou axudas, nas que se solicite o mesmo.

Os gastos para xustificar nos puntos 3, 4, e 5 non poderán supera-lo 75% do total da subvención concedida.

B. As axudas de carácter específico poderán ser investidas en:

1. Gastos de conservación e mantemento dos equipos de información e comunicación, así como nos gastos telefónicos derivados das tarefas de colaboración coa Central de Emerxencias 112 SOS-Galicia.

2. Gastos ocasionados pola formación específica dos seus compoñentes, para este tipo de tarefas.

Artigo 4º.-Solicitudes.

1. Os beneficiarios que se indican no artigo 2º que queiran acollerse a esta orde deberán presenta-la solicitude de subvención, segundo o modelo que se indica no seu anexo I, no rexistro das delegacións provinciais da Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local, directamente, ou ben por calquera dos procedementos previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. A correspondente solicitude, dirixida ó delegado provincial, presentarase dentro do prazo de corenta días hábiles, a partir da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, á que se lle xuntará, necesariamente, a seguinte documentación:

a) Declaración do conxunto de tódalas solicitudes efectuadas ou concedidas, para un mesmo proxecto ou actividade, perante as administracións públicas competentes ou outros entes públicos.

b) Memoria das actuacións levadas a cabo pola agrupación no ano 2002, integradas no sistema de protección civil de Galicia, segundo o anexo II.

c) Previsión de gastos e dos medios que se van adquirir cos seus custos.

d) Fotocopia compulsada do NIF ou CIF para as agrupacións de nova creación.

e) Xustificante orixinal da entidade bancaria co número de conta que teña aberta esa agrupación.

Artigo 5º.-Exame e análise da documentación.

Unha vez recibida a documentación nas delegacións provinciais, procederase ó seu exame e análise polos servicios de protección civil da provincia correspondente e, no caso de que non se axuste ó que se establece no artigo 4º desta orde, comunicaráselle ó peti

cionario para que no prazo de dez días, segundo o disposto no artigo 71 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, repare os erros ou omisións. De non facelo así, terase por desistido da súa petición, o que se lle comunicará segundo se establece no artigo 42 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Artigo 6º.-Informe técnico provincial das peticións recibidas.

Cumpridos os requisitos esixidos, e unha vez examinada e analizada a solicitude correspondente, os respectivos servicios provinciais farán un informe técnico dela, remitíndoo á Dirección Xeral de Interior e Protección Civil.

Artigo 7º.-Comisión de avaliación e proposta de resolución.

1. A comisión de avaliación estará presidida polo director xeral de Interior e Protección Civil e formada polos catro delegados provinciais da Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local, actuando como secretario o xefe de sección de estudios e apoio técnico xurídico da Subdirección Xeral de Protección Civil que en ningún caso terá dereito a voto.

2. A referida comisión, en función do informe técnico referido no artigo anterior, fará unha proposta de resolución que será elevada posteriormente ó órgano competente para resolver.

Artigo 8º.-Criterios de valoración para a elaboración do informe técnico provincial e proposta de resolución.

A concesión realizarase en réxime de concorrencia competitiva, e para a elaboración do informe técnico e da proposta de resolución, así como a contía da axuda, teranse en conta os seguintes criterios, que serán valorados segundo a graduación que en cada caso se indica:

A. Para as axudas de carácter xeral:

a) Ser unha agrupación de voluntarios de protección civil de nova creación, ata un 10%.

b) Índices de risco nas zonas de actuación da agrupación, conforme o establecido no Plan Territorial de Protección Civil de Galicia (Platerga), nos plans especiais e específicos ou, se é o caso, no Plan de Emerxencia Municipal (Pemu), ata un 5%.

c) Accións de colaboración e de información prestadas en emerxencias ou urxencias requiridas a través da Central de Emerxencias 112 ou polos servicios provinciais de protección civil da Dirección Xeral de Interior e Protección Civil, ata un 30%.

d) Ter servicio de 24 horas, ata un 15%.

e) Participación e colaboración en plans de protección civil da Comunidade Autónoma de Galicia, ata un 10%.

f) Accións formativas que ten previsto realizar durante o ano 2003 e as realizadas no ano anterior 2002, ata un 5%.

g) Número de voluntarios inscritos na sección de voluntariado de protección civil do Rexistro de Protección Civil da Comunidade Autónoma, ata un 5%.

h) Estar creada ou en trámite de creación a xunta local de protección civil, ata un 7%.

i) Que o concello conte con Plan de Emerxencia Municipal (Pemu) ou estea elaborandoo, ata un 8%.

j) Que a agrupación participe en actividades de colaboración na atención de peregrinos das rutas xacobeas, ata un 5%.

B. Para as axudas de carácter específico, ademais dos criterios anteditos (ata un 10%), teranse en conta:

-A comunicación e información á Central de Emerxencias 112 SOS-Galicia, das intervencións e operativos que realicen, demandados pola Central de Emerxencias, ata un 30%.

-A operatividade de funcionamento as 24 horas durante os 365 días do ano, en comunicación permanente coa Central de Emerxencias 112 SOS-Galicia, ata un 20%.

-Os protocolos activados, así como as incidencias que sexan xestionadas a través do terminal remoto, ata un 40%.

Artigo 9º.-Resolución.

1. A resolución será adoptada polo conselleiro de Xustiza, Interior e Administración Local, tendo en conta a proposta que faga a comisión de avaliación.

2. A resolución das solicitudes de subvención notificaráselles a tódolos peticionarios na forma prevista no artigo 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de réxime xurídico das administracións públicas e do prodecemento administrativo común.

No caso de que, transcorridos seis meses contados desde a publicación desta orde non se dictase e notificase resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

3. Contra a resolución do conselleiro poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia ou recurso potestativo de reposición ante o propio conselleiro.

Artigo 10º.-Publicación.

Os resultados das concesións seranlles comunicados a cada unha das agrupacións de voluntarios de protección civil, a través das delegacións provinciais da Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local, e ademais publicarase no Diario Oficial de Galicia un extracto das resolucións de concesión de acordo co establecido no artigo 11º do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 11º.-Obrigas dos beneficiarios.

1. Recibida polos beneficiarios a concesión de axudas, deberán:

a) Comunicar por escrito, ás delegacións provinciais da Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local, a súa aceptación ou renuncia no prazo de 15 días; de non facelo así entenderase que renuncia á subvención.

b) Xustifica-lo emprego da subvención no prazo de 30 días desde a resolución de concesión, mediante o envío das facturas (orixinal e copia compulsada) das casas subministradoras de material, conformadas polo presidente da agrupación, así como os gastos dos epígrafes 3, 4 e 5 do artigo 3º desta orde, debidamente conformados polo presidente da agrupación.

c) Presentar unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, aprobadas ou concedidas pendentes de resolución, para un mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou de calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

2. Toda a documentación que deba ser enviada remitirase inexorablemente no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da súa notificación, procedéndose no caso contrario ó arquivo das actuacións.

Artigo 12º.-Envío de xustificantes.

Unha vez percibido o importe da subvención pola devandita agrupación, esta deberá enviar ó servicio de protección civil da provincia que corresponda, no prazo de trinta días, os xustificantes de pagamento das mencionadas casas subministradoras de acordo coas anteriores facturas, segundo o modelo do anexo III desta orde. Se os pagamentos non se aboan directamente, deberán enviar xustificantes da entidade financeira a través da que se fixo a correspondente transferencia bancaria.

O servicio de protección civil da provincia correspondente, unha vez examinada e comprobada toda a documentación requirida e que cumpre co indicado nesta orde, emitirá un informe de conformidade da documentación que será remitido, xunto con toda a documentación, á Dirección Xeral de Interior e Protección Civil.

Artigo 13º.-Modificación da resolución.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión, e en todo caso, a obtención concorrente de axudas e subvencións outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, poderá dar lugar á modificación de resolución de concesión.

Artigo 14º.-Reintegro das axudas.

No caso de incumprimento da obrigación de xustificación, do destino da axuda a unha finalidade distinta para a que foi concedida, así como no suposto de que resultase que a agrupación no reúne os requisitos esixidos nesta orde e demais disposicións aplicables, procederá ó reintegro a esta comunidade autónoma das axudas percibidas e dos xuros.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Interior e Protección Civil para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 13 de marzo de 2003.

Antonio Pillado Montero

Conselleiro de Xustiza, Interior

e Administración Local