Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 64 Martes, 01 de abril de 2003 Páx. 3.994

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

ORDE do 24 de marzo de 2003 pola que se regula a concesión de axudas a entidades locais para formulación de planeamento urbanístico.

Como continuación do programa dirixido ás entidades locais para fomento da realización de traballos de redacción de planeamento urbanístico municipal, procede a publicación dunha nova convocatoria de axudas que complete os fins inicialmente establecidos. Así mesmo, a entrada en vigor da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, leva consigo a necesidade de adapta-los traballos actualmente en redacción, polo que se poderán solicitar axudas para afronta-los costes derivados da adaptación.

A experiencia proporcionada por aplicación de ordes precedentes, aconsella mante-los mesmos criterios básicos nela contidos, se ben, se incorporan a esta mecanismos encamiñados ó perfeccionamento do procedemento de xestión para mellora-la eficacia finalista das axudas.

A experiencia amosa as dificultades de xestión das axudas, derivada do específico proceso de elaboración e tramitación do planeamento urbanístico. Por esta razón, regúlase especialmente o procedemento para a xustificación do investimento por parte dos beneficiarios. E por ese mesmo motivo, sumado ás consecuencias da entrada en vigor da nova Lei 9/2002, procede introducir, excepcionalmente, a posibilidade de que as axudas cubran os importes correspondentes a fases concretas de traballos xa subvencionados, que fosen deixados sen efecto por non ter sido xustificadas nos prazos establecidos.

Polo tanto, en uso das facultades que teño atribuídas e para a debida aplicación dos créditos orzamentarios para a finalidade para a que foron establecidos,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto e destinatarios.

1. Constitúe o obxecto desta orde a concesión de axudas, en réxime de concorrencia competitiva a entidades locais que o soliciten, para a realización de traballos de redacción de planeamento urbanístico, de acordo co disposto no seguinte punto.

2. Poderán ser obxecto de axuda.

a) A redacción de plans xerais de ordenación municipal, ben sexa como figura de nova formulación ou como revisión ou adaptación dos instrumentos de planeamento vixentes ou en tramitación.

b) A redacción de plans especiais de protección e plans especiais de protección, rehabilitación e mellora do medio rural.

c) A execución de cartografía analítica para a redacción de planeamento urbanístico, sempre que non forme parte dos programas de contratación da consellería e resulte compatible tecnicamente cos sistemas de execución empregados nestes programas.

3. Poderán acollerse ás axudas previstas, aqueles concellos da Comunidade Autónoma que á entrada en vigor desta orde tiveran contratados ou en fase de contratación traballos dos considerados anteriormente, sempre que a dita contratación se axuste ó disposto no artigo 9º desta orde con respecto ós pregos de prescricións técnicas.

Artigo 2º.-Financiamento.

As axudas outorgadas conforme o disposto nesta orde serán financiadas con cargo á aplicación orzamentaria 06 02 332 A 760 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2003 e cun importe de seiscentos trece mil (613.000 euros). Esta cantidade poderase incrementar, se as dispoñibilidades económicas o permiten. Así mesmo destinaranse á finalidade desta orde, os importes que, se é o caso, se produzan como cosecuencia da renuncia e/ou anulación de axudas concedidas ó abeiro de ordes de anos anteriores.

As axudas poderán ser de carácter plurianual cos límites e porcentaxes establecidos no punto 3 do artigo 58 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

En todo caso, a concesión da axuda estará condicionada á existencia de crédito suficiente para o seu financiamento.

Artigo 3º.-Criterios de adxudicación das axudas.

1. Para establecer prioridades na selección de solicitudes que presenten os concellos, establécese a seguinte orde de prevalencia:

-Redacción de Plan Xeral de Ordenación Municipal en concellos que carecen de planeamento urbanístico, así como a cartografía que, se ó o caso, resultase precisa.

-Revisión e/ou adaptación á Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, de planeamento municipal vixente ou en tramitación, así como a cartografía que, se é o caso, resultase precisa.

-Redacción de plans especiais de protección ou plans especiais de protección, rehabilitación e mellora do medio rural, así como a cartografía que, se é o caso, resultase precisa.

Para o caso de plans especiais, deberá estar vixente ou en tramitación simultánea o planeamento xeral que aqueles desenvolven.

2. Para resolve-las solicitudes que se presenten teranse presentes os seguintes criterios principais, graduados segundo a súa importancia.

-Priorizarase a elaboración de figuras de planeamento de carácter supramunicipal. Neste caso, a solicitude deberá estar subscrita por tódolos concellos afectados.

-Priorizaranse os concellos incluídos nas zonas especialmente afectadas polo accidente do buque Prestige.

-Priorizaranse os concellos polos que discorren os Camiños de Santiago.

En todo caso, valorarase a antigüidade do planeamento vixente así como a entidade do concello (poboación, dimensión e complexidade do/os núcleo/os urbano/os), o seu historial urbanístico, a influencia da aprobación do planeamento urbanístico para acadar intereses públicos concretos, a situación en áreas de alta conflictividade urbanística e a existencia de bens de interese cultural ou espacios naturais declarados polo organismo competente.

As cuestións anteriormente apuntadas deberán ser expostas motivadamente pola entidade local solicitante na memoria á que se refire o artigo 5º.

Artigo 4º.-Contía das axudas.

1. As subvencións que se outorguen serán dun 70% do orzamento de contratación previsto.

2. O orzamento ó que fai referencia este artigo será, en todo caso, o calculado ou aceptado pola Dirección Xeral de Urbanismo, unha vez informado pola Subdirección Xeral de Urbanismo. Para estes efectos, tomaranse como referencia os honorarios resultantes dos baremos aprobados polo Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, coas actualizacións que, de darse o caso, fose preciso introducir.

3. A suma das axudas e subvencións recibidas por unha entidade local para a redacción de instrumentos de planeamento urbanístico, que proveñan de entes públicos ou privados e percibidas coa mesma finalidade, non poderán nunca supera-lo 100% do orzamento de contratación global.

Para tal fin, a entidade subvencionada deberá poñer en coñecemento da Dirección Xeral de Urbanismo, o importe doutras axudas para igual fin outorgadas por outros entes públicos ou privados.

Artigo 5º.-Prazo de presentación de solicitudes e documentación.

1. No prazo de corenta días hábiles, contados a partir do día seguinte ó da plublicación desta orde, as entidades locais interesadas deberán presentar no rexistro da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, no da súas delegacións provinciais, ou mediante calquera das formas previstas no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, unha soli

citude de acordo co modelo que figura como anexo I a esta orde, acompañada da seguinte documentación:

a) Memoria na que se xustifique a necesidade e oportunidade dos traballos para os que se solicita subvención, con expresión detallada daquelas circunstancias das expostas no artigo 3º desta orde que a entidade solicitante considere de aplicación.

b) Orzamento estimado de elaboración de cada un dos traballos para os que se solicita a axuda, especificando xustificadamente o método de valoración empregado.

c) Para o caso previsto no artigo 1.3 desta orde, certificación na que se faga consta-la existencia do contrato de elaboración dos traballos e o seu importe e forma de pagamento contractual.

d) Declaración do conxunto de tódalas solicitudes efectuadas ou concedidas, para o mesmo proxecto, ante as administracións públicas competentes ou outros entes públicos.

Artigo 6º.-Resolución.

1. Deléganse no director xeral de Urbanismo, o exercicio das competencias para resolve-los procedementos de concesión, aprobación do gasto e demais actuacións para o desenvolvemento das axudas obxecto desta orde. Así como o recoñecemento de obrigas e proposta ó conselleiro de Economía e Facenda da ordenación dos correspondentes pagamentos que procedan.

Para tal efecto a Subdirección Xeral de Urbanismo procederá, de acordo co disposto no artigo 9 do Decreto 287/2000, polo que se regulan axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, á avaliación das peticións recibidas, con base nos criterios establecidos no artigo 3º desta orde, e formulará unha proposta de concesión, ata os límites dos créditos orzamentarios destinados para tal fin.

2. Nas resolucións de concesión das subvencións, que serán motivadas de acordo cos criterios de outorgamento e porán fin á vía administrativa de acordo co artigo 10 do Decreto 287/2000, indicarase o obxecto e contía da subvención, as fases en que se desenvolverán os traballos e o programa de pagamentos correspondente a estas.

3. O prazo para resolver e notifica-las solicitudes ó abeiro da presente orde será de seis meses, que se computarán a partir do seguinte ó de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

De acordo co artigo 44.1º da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, o vencemento do prazo máximo establecido, sen que se dictase e notificase resolución expresa, determinará que os solicitantes poidan entender desestimadas as súas pretensións por silencio administrativo.

Sen prexuízo do potestativo recurso de reposición ante o órgano que o dictou, no prazo establecido

no artigo 117 da Lei 30/1992 de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, contra a resolución poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia na forma e nos prazos establecidos na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativo.

Artigo 7º.-Aceptación da subvención.

1. A entidade local beneficiaria disporá do prazo dun (1) mes, contado a partir da recepción da notificación da resolución de concesión, para comunica-la aceptación da subvención. Para tal efecto deberá uni-la seguinte documentación:

a) Certificación do acordo do órgano competente da entidade local polo que se acepte a subvención nos termos e prescricións desta orde e da resolución de concesión, e se manifeste o compromiso de efectua-lo libramento dos fondos correspondentes á entidade local con anterioridade ás achegas da consellería.

b) Certificación na que se faga constar que non existen outras subvencións aplicables ós traballos obxecto da axuda ou, de existir, que tódalas subvencións aplicables ós citados traballos non superan a totalidade do seu orzamento.

c) Certificación de que existen os fondos necesarios para facer fronte ás achegas que deberá realiza-la entidade local.

d) Acordo do órgano municipal competente que contemple os seguintes dous puntos:

-Autorización á Dirección Xeral de Urbanismo, para a utilización do documento de planeamento, obxecto da axuda, na súa totalidade ou parcialmente, para publicación de xeito convencional ou a través de páxina web, podendo percibir a citada Dirección Xeral de Urbanismo, de se-lo caso, os importes para o resarcimento dos servicios prestados pola publicación e/ou venda de contidos do documento citado.

-Compromiso de entrega, á Dirección Xeral de Urbanismo, en soporte dixital (CD ou DVD preferentemente) de toda a documentación que integra o traballo subvencionado, en tódalas súas fases, especialmente os documentos definitivos. Esta entrega deberá realizarse, para o planeamento, no prazo máximo de dous meses desde que se produza o acto administrativo de aprobación definitiva, e para a cartografía, con anterioridade ó derradeiro aboamento correspondente a esta.

2. Transcorrido o prazo indicado no punto anterior sen que se produza a dita comunicación, e de non xustificarse suficientemente a concorrencia de circunstancias excepcionais que impidan facelo, dictarase resolución deixando sen efecto a concesión da axuda. Esta resolución será recorrible nos mesmos termos que se establecen no úlimo punto do artigo 6º desta orde.

Artigo 8º.-Obriga de cumprimento de prazos.

1. A entidade local vén obrigada a xustificar ante a Dirección Xeral de Urbanismo, o cumprimento de execución das fases que dean lugar a libramentos parciais, segundo se estableza nos documentos contratuais que o concello teña asinados para a redacción da correspondente figura de planeamento. O importe dos libramentos xustificados acadará alomenos o total da anualidade establecida na resolución de concesión.

Todo isto de conformidade co establecido no artigo 15.c e 16.dous do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, DOG nº 238 do 11 de decembro.

2. O incumprimento dos prazos parciais, comprendidos na anualidade establecida na resolución de concesión da axuda determinará que o órgano concedente proceda á apertura do correspondente procedemento para, logo da audiencia ó interesado, resolve-la reducción da súa contía polo importe correspondente ó prazo incumprido, salvo circunstancias excepcionais debidamente acreditadas pola entidade local beneficiaria da subvención e que xustificarán suficientemente ante a Dirección Xeral de Urbanismo con anterioridade ó vencemento do prazo indicado.

Artigo 9º.-Pregos de prescricións técnicas.

As entidades beneficiarias das subvencións empregarán, con carácter preferente, no proceso de contratación dos traballos os pregos de prescricións técnicas facilitados para o efecto pola Dirección Xeral de Urbanismo. Para o caso de que os pregos sexan elaborados directamente polos concellos, deberán contar co informe favorable dos servicios técnicos da Dirección Xeral de Urbanismo.

Artigo 10º.-Garantías e xustificación do investimento e pagamentos.

1. Para garanti-lo investimento e rendemento das axudas concedidas ó amparo desta orde, establécense as seguintes regras:

a) A entidade local deberá acreditar, ante a Dirección Xeral de Urbanismo, o compromiso de gasto da totalidade da achega que lle corresponde, como requisito previo para o pagamento da axuda.

b) O pago da axuda efectuarase conforme o programa de execucións por fases establecido nos documentos contratuais que o concello teña asinados para a redacción da correspondente figura de planeamento.

c) Para proceder ó aboamento das achegas parciais, a entidade beneficiaria deberá xustificar ante a Dirección Xeral de Urbanismo a realización da correspondente fase dos traballos e demais requisitos establecidos nesta orde.

Para tal efecto, o concello deberá presentar certificación detallada, expedida polo director do tra

ballo, nomeado polo concello entre o seu persoal técnico para estes efectos, relativa ó cumprimento da fase, dos pregos de prescricións do contrato subscrito e ó pagamento proporcional que lle corresponde ó concello con respecto á fase citada. A dita certificación, se fose o caso, tamén incluirá a xustificación de ter realizado o pagamento, ó adxudicatario do contrato, do total da axuda recibida para a fase anterior.

Así mesmo, en cada fase, a entidade beneficiaria deberá achegarlle á Dirección Xeral de Urbanismo copia en soporte dixital dos traballos efectuados.

2. Os libramentos correspondentes realizaranse, se é o caso, de acordo coas prescricións establecidas no artigo 42 da Lei 6/2002, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comundade Autónoma de Galicia para o ano 2003.

3. Coa aceptación da subvención a corporación local asume os seguintes compromisos:

-Reintegrarlle á Comunidade Autónoma, de acordo co artigo 78.9º do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, a cantidade total ou parcial da axuda establecida, e dos xuros de demora devengados desde o momento do seu pagamento, para o caso de incumprimento das condicións establecidas na resolución de concesión.

-Facilitarlle, se fose o caso, toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas de Galicia, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas obxecto da presente orde.

-Comunicarlle á Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, se fose o caso, as alteracións das condicións tidas en conta para a concesión da axuda obxecto desta orde e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións, entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais para os efectos de propoñer, se procedese, a modificación das condicións establecidas na resolución de concesión da axuda.

-Asumir, pola súa consideración de beneficiario segundo o artigo 78.4º do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia tódalas obrigas que, para este, establece o citado artigo.

4. As entidades beneficiarias das axudas reguladas por esta orde quedan obrigadas, ademais de ás actuacións que acorde a entidade concedente, ó disposto no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia e o réxime de infraccións e sancións que establece o artigo 79 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

5. A Dirección Xeral de Urbanismo poderá supervisa-la execución dos traballos, co obxecto de comproba-lo cumprimento dos requisitos establecidos. Para tal fin o concello deberá comunica-lo nomeamento do director dos traballos, co fin de que as unidades administrativas dependentes da consellería teñan acceso á información necesaria durante o desenvolvemento das distintas fases.

Disposicións adicionais

Primeira.

1. De xeito excepcional, as entidades locais beneficiarias de axudas concedidas ó abeiro de ordes precedentes que quedaran sen efecto, de acordo co establecido nelas, poderán solicitar, ó abeiro desta orde, unha nova axuda polo importe correspondente ás fases non xustificadas das ditas axudas, así como, se é o caso, o custo da adaptación do instrumento de planeamento en tramitación á Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia. Neste caso, deberá acompañarse un cronograma de execución dos traballos que reflicta de xeito inequívoco, as fases e prazos de execución pendentes de formalizar.

2. Neste caso, a documentación achegada polo concello ó expediente orixinado pola subvención que quedou sen efecto, quedará incorporada ó novo expediente.

3. As axudas concedidas ó abeiro desta disposición rexeranse polo disposto na presente orde.

Segunda.

A Dirección Xeral de Urbanismo poderá realizar, durante o prazo de vixencia da orde, os reaxustes das anualidades orzamentarias, que razoadamente considere oportunas, en función do cumprimento dos prazos inicialmente establecidos na resolución de adxudicación. O dito reaxustamento non poderá modifica-lo importe total da subvención, nin no seu conxunto, as porcentaxes que, sobre investimento plurianual, establece o artigo 3 da Lei 5/2000, do 28 de decembro, de medidas fiscais e de réxime orzamentario e administrativo, que modifica o apartado 3º do artigo 58, do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro. Destes actos darase traslado ás entidades locais afectadas.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 24 de marzo de 2003.

Alberto Núñez Feijóo

Conselleiro de Política Territorial,

Obras Públicas e Vivenda

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E ADMINISTRACIÓN

LOCAL