Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 64 Martes, 01 de abril de 2003 Páx. 4.004

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E ADMINISTRACIÓN LOCAL

ORDE do 13 de marzo de 2003 pola que se dictan normas para a cesión en propiedade de equipos de comunicación bases e móbiles de radio trunking ós concellos de Galicia para misións de protección civil.

A Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local (artigo 25.2º, parágrafo c), así como a Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia (artigos 80, 81 e 82) determinan que o concello, como entidade básica da organización territorial do Estado, é a vía de participación dos seus cidadáns en difentes materias e, entre elas (artigos 22.2º, parágrafo c), a protección civil xa que, ante unha situación de emerxencia que poida poñer en perigo a vida dos cidadáns ou as súas pertenzas, o concello será o primeiro en actuar tanto en tempo de resposta como en mobilización de recursos.

Así mesmo, a Lei 2/1985, do 21 de xaneiro, sobre protección civil, establece a vinculación voluntaria e desinteresada dos cidadáns á protección civil a través de organizacións que se orientarán, principalmente, á colaboración e apoio en situacións de emerxencia: actitude fundamentalmente desenvolvida polas agrupacións de voluntarios de protección civil, na maior parte dos concellos para poder cumpri-la normativa vixente en materia de protección civil da súas comunidade veciñal.

Conforme o Decreto 147/2002, do 11 de abril, mediante o que se establece a estructura orgánica da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, correspóndelle a esta consellería entre outras competencias, as de protección civil.

En virtude dos decretos 8/2003, do 18 de xaneiro, e 23/2003, do 20 de xaneiro, modificouse a estructura orgánica da Xunta de Galicia, de xeito que a Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local mantén as competencias sobre protección civil.

De acordo co Decreto 56/2000, do 3 de marzo, polo que se regula a planificación, as medidas de coordinación e actuación de voluntarios, agrupacións de voluntarios e entidades colaboradoras en materia de protección civil de Galicia, a Administración autonómica colaborará na dotación de medios e recursos necesarios á Administración local para a súa actuación en materia de protección civil.

A Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local, consciente da magnitude e transcendencia dos valores que están en xogo nas situacións de emerxencia, así como as necesidades que se xeran e os recursos humanos e materiais que é preciso mobilizar, quere dotar dos medios axeitados os concellos para o cumprimento dos seus labores en materia de protección civil, para comunicacións.

No Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia e no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, establécense os requisitos xerais ás subvencións e axudas concedidas pola Administración autonómica, normativa á que en consecuencia, se adaptará esta orde, tendo en conta, en todo caso os principios de publicidade, obxectividade e concorrencia.

De acordo co exposto, preténdese por medio desta orde regula-lo procedemento e requisitos para a cesión en propiedade de equipos de comunicacións

bases e móbiles de radio trunking para misións de protección civil ós concellos de Galicia.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto

A Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local, para colaborar cos concellos na súa misión de protección á súa comunidade veciñal e para equipar cuns medios necesarios á protección civil, cederalles en propiedade equipos de comunicación bases e/ou móbiles de radio trunking ós concellos galegos.

Artigo 2º.-Beneficiarios

Para poder acceder ós beneficios outorgados mediante esta orde, os concellos de Galicia deberán dispor de agrupación de voluntarios de protección civil, que deberá estar debidamente rexistrada conforme o Decreto 56/2000, e non dispor no momento da publicación desta orde, dun equipo de comunicación base de radio trunking.

Poderanse solicitar equipos móbiles trunking para os vehículos destinados a prestar servicios de protección civil que estean ó servicio da agrupación de voluntarios de protección civil, e que no momento da publicación desta orde non dispoñan destes equipamentos.

Artigo 3º.-Crédito.

Para a consecución do obxectivo ó que se refire a presente orde, a Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local destinará ata un límite de 30.000 euros, con cargo á aplicación orzamentaria 13.04.231A.623.0, dos orzamentos da Comunidade Autónoma galega para o ano 2003.

Artigo 4º.-Solicitude

1. Os concellos que desexen acollerse ós beneficios concedidos nesta orde presentarán a súa solicitude, no prazo de corenta días hábiles contados a partir do seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, empregando o modelo que se indica no anexo I desta orde, no rexistro xeral das delegacións provinciais da Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local, ou por calquera dos medios previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

2. Xunto coa solicitude presentarán os seguintes documentos:

2.1. Declaración do conxunto de tódalas solicitudes efectuadas, ou concedidas, para un mesmo proxecto ou actividade, perante as administracións públicas competentes ou outros entes públicos.

2.2. Certificados expedidos polo secretario do concello:

a) Se é o caso, da existencia de Servicio Municipal de Protección Civil.

b) Dos gastos correntes e de investimento considerados nos orzamentos municipais do ano 2003 destinados ás funcións de seguridade e protección civil.

c) Relativo ó acordo adoptado polo órgano competente polo que:

-Se acorda solicita-la cesión en propiedade, regulada na presente orde, aceptando integramente os seus termos e prescricións.

-Facúltase o alcalde do concello para acepta-la cesión en propiedade nas condicións establecidas pola consellería e para asina-la correspondente acta, no caso de resolución favorable da consellería.

2.3. Se se solicita equipo móbiles trunking deberá engadirse unha memoria explicativa na que se indique en que vehículo/s irá destinado, especificando as súas características, misións que ten asignadas, matrícula e servicios de protección civil que presta.

3. Os defectos nas solicitudes seranlles notificados ós interesados polas delegacións provinciais da Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local, concedéndolles un prazo de dez días para enmenda-los erros ou omisións. Transcorrido o antedito prazo, se non se producise a dita enmenda, as peticións arquivaranse, de acordo co establecido na Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 5º.-Instrucción.

1. Unha vez recibida a documentación nas delegacións provinciais, procederase ó seu exame e análise polos servicios de protección civil da provincia correspondente.

2. Os respectivos servicios provinciais emitirán un informe técnico en relación ás peticións recibidas, remitíndoo á Dirección Xeral de Interior e Protección Civil.

3. A comisión de avaliación estará presidida polo director xeral de Interior e Protección Civil, e formada polos catro delegados provinciais da Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local, actuando como secretario o xefe de sección de estudios e apoio técnico xurídico da Subdirección Xeral de Protección Civil que en ningún caso terá dereito a voto.

4. A referida comisión, en función do informe técnico referido no punto 2, fará unha proposta de resolución que será elevada posteriormente ó órgano competente para resolver.

Artigo 6º.-Criterios de avaliación.

A concesión realizarase en réxime de concorrencia competitiva, e para a elaboración do informe técnico e da proposta de resolución, teranse en conta os seguintes criterios, que serán valorados segundo a graduación que en cada caso se indica:

A. Xerais (para bases e móbiles): número de colaboracións realizadas en materia de protección civil

coa Xunta de Galicia, especialmente co Servicio de Emerxencias 112 SOS-Galicia, e nos plans de protección civil da Comunidade Autónoma de Galicia, no sistema de protección civil de galicia, ata un 40%.

B. Específicas para bases trunking: non dispor anteriormente de base ou que esta se encontre inoperativa ou fóra de servicio, ata un 35%; ser unha agrupación de voluntarios de nova creación, ata un 25%

C. Específicas para móbiles trunking: servicios de protección civil e a súa tipoloxía que fan ó ano no vehículo no que se vai instala-lo novo equipo, ata un 40%; índices de risco no concello ou nos limítrofes onde poida prestar servicio o vehículo que leve o novo equipo, ata un 20%.

Artigo 7º.-Resolución, publicación e notificación.

1. A resolución será adoptada polo conselleiro de Xustiza, Interior e Administración Local, tendo en conta a proposta que faga a comisión de avaliación, procedéndose á súa publicación posterior no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 96 bis do Regulamento de patrimonio da Comunidade Autónoma (introducido polo Decreto 238/1998, do 24 de xullo) e co disposto no artigo 11º do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia supoñendo a concesión en propiedade dos equipos de comunicación bases e móbiles de radio trunking.

2. A notificación ós peticionarios será feita pola Dirección Xeral de Interior e Protección Civil, na forma prevista no artigo 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de réxime xurídico das administracións públicas e do prodecemento administrativo común.

No suposto de que, transcorridos 6 meses contados desde a publicación desta orde, non se dictase e notificase resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencia administrativo e en todo caso a aqueles concellos ós que non se lles conceda o material, notificaráselles indicando que foi desestimada a súa petición.

3. Contra a resolución do conselleiro poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia ou recurso potestativo de reposición ante o propio conselleiro.

Artigo 8º.-Aceptación.

1. O alcalde do concello ó que se lle concedese material, disporá dun prazo de quince días hábiles, contados a partir da recepción da comunicación individual da resolución favorable, para comunica-la aceptación.

2. Considérase como medio de xustificación, para facer efectiva a entrega do material correspondente, a certificación do órgano que teña atribuídas as facultades de control do cumprimento da finalidade para a que solicita a axuda e da aplicación dos fondos destinados para tal efecto, segundo se recolle no artigo 15.2º c) do Decreto 287/2000

3. Transcorrido o prazo indicado no punto 1 deste artigo sen que se comunique a dita aceptación, a Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local poderá anula-la dita resolución.

Artigo 9º.-Formalización da cesión.

Para a formalización da cesión, haberá que aterse ó disposto no artigo 96.4º do Decreto 50/1989, do 9 de marzo, polo que se aproba o Regulamento do patrimonio da Comunidade Autónoma, e realizarase mediante acta subscrita polo secretario xeral da consellería ou funcionario en quen delegue, na que constará o acordo de cesión en propiedade e a aceptación polo cesionario.

Os seguros, impostos, mantemento, conservación do material cedido e as indemnizacións derivadas das posibles declaracións de responsabilidade civil ou criminal por uso do material, calquera que sexa a súa contía, correrán a cargo dos concellos.

Artigo 10º.-Reversión dos bens na Comunidade Autónoma

1. Se o material cedido non se aplicase ó fin sinalado ou deixase de estalo con posterioridade, se se descoidase ou utilizase con grave quebrantamento, ou se incumprisen as condicións que se detallan nesta orde, considerarase resolta a cesión e os bens reverterán á Comunidade Autónoma, que terá dereito a percibir, logo da taxación pericial, o valor dos detrimentos ou das deterioracións que experimentasen.

2. A Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local estará dotada de facultades de vixilancia e control para comproba-lo cumprimento das obrigas que leva aparelladas a cesión e, de se-lo caso, para a resolución dos expedientes de reversión.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Interior e Protección Civil para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Será de aplicación supletoria o Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Terceira.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 13 de marzo de 2003.

Antonio Pillado Montero

Conselleiro de Xustiza, Interior

e Administración Local