Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 62 Venres, 28 de marzo de 2003 Páx. 3.843

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E ADMINISTRACIÓN LOCAL

ORDE do 3 de marzo de 2003 pola que se anuncian axudas económicas destinadas a subvenciona-la realización de estudios e proxectos por parte das entidades locais de Galicia para o fomento do asociacionismo municipal, así como para a fusión ou incorporación voluntaria de municipios.

Á Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local compételle, entre outras materias, o relativo ás relacións coas corporacións locais, que en cumprimento do establecido nos artigos 120 e 136 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, vén colaborando coas entidades locais galegas, para fomenta-la constitución de mancomunidades de municipios e áreas metropolitanas, co fin de favorece-lo asociacionismo municipal. Co obxecto de reforzar estas fórmulas de asociacionismo e colaboración, nesta convocatoria inclúese, ó abeiro do artigo 152 desta lei, a posibilidade de subven

cionar tamén estudios e proxectos para a constitución de consorcios locais; ademais, e neste contexto, considérase tamén necesario por mandato do artigo 13 da Lei de Administración local de Galicia, fomentar proxectos de fusión de municipios ou para a incorporación voluntaria a outros. Todo isto para favorecer mecanismos de xestión dos intereses locais que permitan facer fronte ás novas esixencias de servicios públicos demandados polos veciños con organizacións fortes e dotadas de medios suficientes.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto e beneficiarios.

Establécense subvencións en réxime de concorrencia competitiva en favor das entidades locais de Galicia, destinadas á realización de estudios e proxectos que sexan necesarios para a constitución de mancomunidades, áreas metropolitanas e consorcios a que se refiren os artigos 120, 136 e 152 da

Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, así como para a fusión de municipios ou para a incorporación voluntaria a outros prevista no artigo 13 desta lei.

Así mesmo, poderán subvencionarse entidades xa constituídas, no que se refira ós gastos de funcionamento que estas orixinen, sempre e cando se refiran á prestación de servicios de carácter obrigatorio para os municipios asociados.

Artigo 2º.-Crédito.

Estas subvencións faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 13.05.461.0, programa 123.A, ata unha contía máxima de setenta e cinco mil novecentos cincuenta e nove euros con cincuenta e dous céntimos (75.959,52 A) correspondente ós orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2003.

A axuda económica que se conceda poderá acada-lo 80% do total do orzamento presentado, e o financiamento do importe restante corresponderalle á entidade beneficiaria da subvención.

Artigo 3º.-Iniciación.

1. As entidades locais que desexen acollerse ós beneficios desta orde elevarán petición, por medio de instancia dirixida ó conselleiro de Xustiza, Interior e Administración Local, segundo modelo que figura como anexo I desta orde, e presentarana no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local, no das delegacións provinciais ou en calquera outro dos que establece o artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, no prazo de corenta días hábiles, contados a partir do día seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

2. Xunto coa solicitude presentarase a seguinte documentación:

a) Certificación do acordo da entidade local ou entidades locais interesadas polo que se acorda realiza-lo/s proxecto/s ou estudio/s, así como as súas condicións e a aceptación de tódolos requisitos establecidos nesta orde.

b) Memoria xustificativa do proxecto ou estudio incluíndo as determinacións previstas na Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, para a iniciativa de que se trate.

c) Orzamento detallado do estudio ou proxecto, ou gasto solicitado.

d) Memoria detallada na que se recollan as previsións de actividades que se van realizar, cunha valoración estimativa do que as ditas actividades van xerar.

e) Declaración de conxunto de tódalas solicitudes efectuadas ou concedidas, para un mesmo proxecto ou actividade, perante as administracións públicas competentes ou outros entes públicos (anexo II desta orde).

Se algunha documentación das solicitadas neste artigo xa constase en poder da Dirección Xeral de Administración Local desta consellería, e non se producise desde o momento en que foron presentadas variación que afectase o contido ou a vixencia desta, non será necesario achegalas novamente, sen prexuí

zo de que esta dirección xeral reclame do solicitante a documentación que, se é o caso, considere oportuna.

3. A licitación, se é o caso, e adxudicación dos proxectos ou estudios será realizada polas entidades locais conforme a súa propia normativa, dándolle conta deste acto á Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local mediante certificación expedida polo secretario xeral da corporación.

4. O defecto na solicitude seralles notificado ós interesados pola Dirección Xeral de Administración Local e daráselles un prazo de dez días para emenda-los erros ou omisións. Transcorrido o dito prazo, se non se producise a dita emenda, as peticións serán arquivadas conforme o disposto na Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 4º.-Criterios de avaliación.

A valoración das solicitudes presentadas basearase nos seguintes criterios, valorándose de acordo coas seguintes porcentaxes:

1. Respecto ás entidades de nova creación:

a) O número de núcleos de poboación que abarque (35%).

b) Número e calidade dos servicios que terá que desenvolve-lo novo ente. A este respecto serán especialmente ponderados aqueles que a normativa local cualifique como de obrigatoria prestación, ou que a través da documentación presentada xunto coa solicitude quede demostrada unha economía nos custos de prestación así como unha mellora na calidade desta, en comparación á que se produciría se os servicios fosen prestados por cada concello individualmente (35%).

c) Así mesmo, serán obxecto dunha especial ponderación aqueles proxectos que se refiran á fusión de municipios ou á incorporación voluntaria a outros (30%).

2. Respecto das entidades xa constituídas:

a) Valoraranse especialmente aquelas solicitudes que se refiran a servicios, que cumprindo o esixido no artigo 1º desta orde, respecto dos cales, a través da memoria presentada se deduza así mesmo un aforro nos custos de prestación e un aumento na calidade, en comparación coa prestación individual por cada concello (35%).

b) Así mesmo, serán especialmente ponderadas aquelas actividades que supoñan unha actuación da que se derive unha dinamización xeral do conxunto dos servicios que prestan os concellos asociados (30%).

c) Data e contía da subención anterior concedida á entidade local (35%).

Artigo 5º.-Resolución e notificación.

1. Recibidas as solicitudes de subvención e a súa documentación, serán analizadas polos servicios competentes da Dirección Xeral de Administración Local da Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local, que emitirán o correspondente informe.

2. O director xeral de Administración Local elevará a correspondente proposta ó conselleiro de Xustiza, Interior e Administración Local, quen resolverá.

A resolución notificaráselles a tódolos beneficiarios da subvención na forma prevista no artigo 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Conforme o disposto no artigo 44.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificado pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de non notificarse resolución no prazo de seis meses contados desde a publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo. Todo iso sen prexuízo do establecido nos artigos 42 e 43 da devandita lei.

Contra esta resolución os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante o conselleiro de Xustiza, Interior e Administración Local no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ó da súa notificación, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 4/1999, de modificación da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Artigo 6º.-Aceptación.

1. O representante da entidade local beneficiaria disporá dun prazo de quince días, contados a partir da recepción da resolución, para comunica-la aceptación das condicións contidas nela.

2. Transcorrido este prazo sen que se comunique a dita aceptación, de non xustificarse suficientemente a concorrencia de circunstancias excepcionais que impidan facelo, a Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local poderá anula-la resolución.

Artigo 7º.-Libramento de fondos.

1. Os beneficiarios das subvencións, unha vez aceptadas estas, quedarán obrigados a destina-los fondos percibidos co obxecto concreto para o que foron concedidos. A Dirección Xeral de Administración Local poderá comprobar, cando o considere conveniente, o cumprimento da finalidade da axuda.

2. Os beneficiarios da subvención presentarán copia do proxecto ou estudio redactado, así como facturas orixinais do gasto, ou copias compulsadas delas, por triplicado, antes do 15 de outubro de 2003, inescusablemente.

3. Así mesmo, no momento da xustificación da execución total do proxecto e, en calquera caso, antes do derradeiro pagamento, o peticionario presentará unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para un mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou das súas entidades vinculadas ou dependentes (Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia).

4. No caso de que a subvención se solicite para a realización de gastos correntes, será necesaria a presentación dunha certificación acreditativa da súa realización, así como as súas facturas xustificativas. Así mesmo, presentarase unha memoria na que se

detallen as actuacións e realizacións nas que estes se produciron.

5. O beneficiario ten a obriga de facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

6. En todo caso, o libramento de fondos por parte da Comunidade Autónoma non superará o 80% do importe dos xustificantes presentados.

7. As cantidades que resultasen sobrantes por causa de renuncia ou non presentación das xustificacións correspondentes por parte das entidades locais beneficiarias, poderán dedicarse a subvencionar outras entidades locais que presentaron solicitude de subvención ó abeiro desta orde.

8. Transcorrido o prazo establecido no punto 2º sen ter presentadas as correspondentes xustificacións, poderase entender que a entidade local renuncia á subvención, podendo esta consellería utiliza-lo dito crédito en beneficio doutros posibles beneficiarios.

Artigo 8º.-Modificación das resolucións de concesión.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda ou, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, tal como se establece no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 9º.-Control.

No caso de que o beneficiario da axuda incumprise algunha das condicións ou obrigas estipuladas, a Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local anulará os beneficios concedidos, e conforme o disposto no artigo 78.5º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, solicitará a devolución das cantidades percibidas, se as houbese, xunto cos xuros de demora que deba aquel, segundo o procedemento que establece o Decreto 287/2000, do 21 de novembro; e, se procede, instruirá expediente sancionador, conforme o previsto no citado decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Administración Local, para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-En todo o non previsto nesta orde haberá que se ater ó disposto no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Terceira.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 3 de marzo de 2003.

Antonio Pillado Montero

Conselleiro de Xustiza, Interior e Administración Local