Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 62 Venres, 28 de marzo de 2003 Páx. 3.847

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E ADMINISTRACIÓN LOCAL

ORDE do 5 de marzo de 2003 pola que se regula a concesión de axudas económicas ós concellos de Galicia para a contratación temporal de auxiliares de policía local durante a tempada de verán.

A Lei do Parlamento de Galicia 3/1992, do 23 de marzo, de coordinación das policías locais, procedeu a coordina-las policías locais de Galicia nos termos establecidos no artigo 39 da Lei orgánica de forzas e corpos de seguridade do Estado.

A Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, establece entre outros principios o de que as entidades locais galegas e a Xunta de Galicia adecuarán a súa actuación ós da colaboración, cooperación e auxilio que puidesen precisar conxunturalmente para o eficaz cumprimento das

súas tarefas; entre estas está a de seguridade en lugares públicos.

Conforme os decretos 8/2003, do 18 de xaneiro, polo que se modifica a estructura orgánica da Xunta de Galicia, e 23/2003, do 20 de xaneiro, polo que se fixa a estructura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia, e, en relación coa estructura orgánica vixente, correspóndelle á Dirección Xeral de Administración Local desta consellería as relacións coas corporacións locais, así como as convocatorias e propostas de adxudicación de axudas e subvencións ás entidades locais que sexan competencia desa dirección xeral.

Por medio da presente orde preténdese dar cumprimento ó mandato xenérico de coordinación establecido na Lei orgánica 2/1986, do 13 de marzo, de corpos e forzas de seguridade, polo que, ó abeiro

do disposto no artigo 4 da Lei 3/1992, do 23 de marzo, de coordinación de policías locais de Galicia e o Decreto 204/2000, do 21 de xullo, polo que se refunde a normativa vixente en materia de coordinación de policías locais, en tanto a coordinación abrangue entre outras medidas as de colaboración que lles permitan ós servicios de policía dos concellos galegos acadar unha acción conxunta e eficaz, regulándose por medio desta orde o procedemento para a concesión de axudas destinadas ós concellos que incrementen considerablemente a súa poboación turística na tempada de verán para a contratación temporal de auxiliares de policía local nese período; neste sentido incorpórase como requisito dos concellos beneficiarios a acreditación de incremento poboacional durante esta tempada, tal e como se vén esixindo para a declaración de municipio turístico galego polo Decreto 239/1998, do 30 de xullo.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

A Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local contribuirá cos concellos, co fin de aumenta-la eficacia dos seus corpos de policía local, no desenvolvemento das funcións que lle son propias durante a tempada de verán (xuño, xullo, agosto e setembro), convocando axudas en réxime de concorrencia competitiva, destinadas a sufraga-los custos de contratación temporal de auxiliares de policía local.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

1. Poderán solicita-los beneficios desta orde aqueles concellos que cumpran cos seguintes requisitos:

a) Que conten con corpo de policía local.

b) Aqueles nos que, pola afluencia estacional durante a tempada de verán, a media ponderada de poboación turística sexa superior ó vintecinco por cento do número de veciños ou cando o número de aloxamentos turísticos e máis de segundas residencias sexa superior ó cincuenta por cento do número de vivendas de residencia primaria durante a dita tempada de verán.

2. O número de contratos temporais que subvencionará a Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local non poderá supera-lo número de membros que integran o cadro de persoal do corpo de policía local do concello peticionario.

3. Corresponderalle ó concello peticionario o pagamento do 25% do importe total do contrato formalizado co/s auxiliar/es de policía local, sendo por conta da Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local o pagamento do 75%, incluídos custos sociais.

Artigo 3º.-Crédito.

Para a consecución deste obxectivo ó que se refire a orde, a Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local destinará ata un límite de cento oitenta mil trescentos catro euros (180.304), con cargo á aplicación orzamentaria 13.05.123.A.460.0,

correspondente ós orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o 2003.

Artigo 4º.-Iniciación.

1. No prazo de corenta días hábiles, contados a partir do seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, os concellos que reúnan os requisitos ós que se refire o artigo 2º desta orde e que desexen acollerse ós seus beneficios, deberán presenta-la solicitude que figura como anexo I no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local, no das delegacións provinciais desta consellería, ou por calquera outro dos medios ós que se refire o artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Xunto coa solicitude presentarase a seguinte documentación:

a) Certificación expedida polo secretario xeral da corporación relativa ó acordo adoptado polo órgano competente do concello polo que se acorda a contratación temporal do/s auxiliar/es de policía local, e se aceptan as condicións de financiamento e demais requisitos establecidos nesta orde.

b) Certificación expedida polo secretario xeral do concello solicitante, que acredite a constitución do corpo de policía local, conforme determina a lexislación vixente.

c) Orzamento de gastos para a realización da actividade para a que se solicita axuda, cuantificando o importe correspondente ó 75% solicitado en concepto de subvención, así como o custo total por auxiliar contratado.

d) Memoria sobre o cadro de persoal do corpo de policía local, actualizada na data de publicación desta orde, que inclúa as previsións de crecemento, as prazas vacantes existentes e a súa forma de cobertura.

e) Número de auxiliares que a corporación prevexa contratar e período de contratación.

f) Respecto á poboación deberán remitir:

-Certificación do secretario do concello do número de veciños que conforman o padrón municipal de habitantes na data do 31 de decembro de 2002.

-Memoria asinada polo órgano de goberno competente no que se cuantifique a afluencia turística anual ó concello, desagregada por meses, e na que se describirán os criterios utilizados para efectuar esa cuantificación.

Estarán exentos de presenta-las certificacións requiridas nesta letra f) aqueles concellos que fosen declarados municipio turístico galego conforme o Decreto 239/1998, do 30 de xuño, polo que se regula a declaración de municipio turístico galego.

g) Declaración de conxunto de tódalas solicitudes efectuadas ou concedidas, para un mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos (Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia) (anexo II desta orde).

Se algunha documentación das solicitadas no presente artigo xa constara en poder da Dirección Xeral de Administración Local desta consellería, e non se producise desde o momento en que foron presentadas variación que afectara ó seu contido ou á súa vixencia, non será necesario presentalas novamente, sen prexuízo de que esta dirección xeral reclame do solicitante a documentación que, se é o caso, coide oportuna.

3. Os defectos nas solicitudes seranlles notificados ós concellos interesados pola Dirección Xeral de Administración Local da Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local, concedéndoselles un prazo de dez días para emendaren erros ou omisións. Transcorrido o dito prazo, se non se producise a dita emenda, as peticións serán arquivadas conforme o disposto na Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 5º.-Criterios de avaliación.

Na avaliación das solicitudes ponderaranse os seguintes aspectos de acordo coas seguintes porcentaxes:

a) Relación de necesidades municipais reflectidas na petición. (25%).

b) Recursos humanos con que conta o corpo de policía do concello solicitante (cadro de persoal real de postos de traballo cubertos e vacantes, así como, se é o caso, posibles previsións de aumento). (25%).

c) Crecemento poboacional do concello nos meses de verán debido á súa afluencia turística. (25%).

d) Ratio existente entre o nº de auxiliares que se solicite e o aumento de poboación que o concello experimenta na tempada estival. (25%).

Artigo 6º.-Instrucción e resolución.

1. Recibidas as solicitudes e a súa documentación serán analizadas polos servicios competentes da Dirección Xeral de Administración Local, emitíndose o correspondente informe.

2. O director xeral de Administración Local elevará a correspondente proposta ó conselleiro de Xustiza, Interior e Administración Local, quen resolverá.

Artigo 7º.-Notificación.

1. A resolución da consellería seralles notificada ós solicitantes ós que se lles conceda a axuda económica, na forma prevista no artigo 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. De non notificarse resolución favorable no prazo de tres meses contados desde a publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, entenderase desestimada a petición correspondente por silencio administrativo. Todo isto sen prexuízo do establecido nos artigos 42 e 43 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Contra esta resolución, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante o conselleiro de Xustiza, Interior e Administración

Local no prazo dun mes contado a partir do seguinte ó da súa notificación, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 4/1999, de modificación da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Artigo 8º.-Aceptación.

1. O alcalde do concello beneficiario disporá dun prazo de quince días hábiles, contados a partir da recepción da resolución, para comunica-la aceptación das condicións contidas nela.

2. Transcorrido este prazo sen que se comunique a dita aceptación a Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local poderá anula-la concesión da subvención.

Artigo 9º.-Libramento de fondos.

1. Os beneficiarios da subvención, unha vez concedida esta, quedarán obrigados a destina-los fondos percibidos ó obxecto concreto para o que foron concedidos. A Dirección Xeral de Administración Local poderá comprobar, cando o considere conveniente, o cumprimento dos contratos subvencionados.

2. Para recibi-la subvención, os concellos seleccionados deberán remitir, por triplicado, á Dirección Xeral de Administración Local da Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local, antes do día 31 de outubro de 2003, os seguintes xustificantes:

a) Copia compulsada do contrato que o concello formalice co/os auxiliar/es.

b) Copia compulsada do diploma acreditativo de ter superado o curso básico para auxiliares de policía local expedido pola Academia Galega de Seguridade, de acordo co disposto na disposición adicional segunda da Lei 3/1992, do 23 de marzo, de coordinación das policías locais de Galicia.

c) Certificación do pagamento das retribucións especificadas no contrato sinalado, incluídos os gastos de Seguridade Social, conformada polo interventor do concello.

d) No momento da xustificación da execución total do proxecto e, en calquera caso, antes do derradeiro pagamento, o peticionario presentará unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para un mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades (Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia) (anexo II desta orde).

3. A Dirección Xeral de Administración Local, de atopar conforme os xustificantes, proporá o libramento dos fondos, que en ningún caso superará o 75% do importe dos xustificantes presentados.

4. O beneficiario ten a obriga de facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Interven

ción Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

5. As cantidades que resultasen sobrantes por causa de renuncia ou non presentación das xustificacións correspondentes por parte das entidades locais beneficiarias poderán dedicarse a subvencionar outras entidades locais que presentaron solicitude de subvención ó abeiro da presente orde.

6. Transcorrido o prazo establecido no parágrafo 2º sen ter presentadas as correspondentes xustificacións poderase entender que o concello renuncia á subvención, podendo esta consellería utiliza-lo dito crédito en beneficio doutros posibles beneficiarios.

Artigo 10º.-Modificación das resolucións de concesión.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda ou, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión, tal e como se establece no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 11º.-Incumprimento de obrigas.

No caso de que o beneficiario da axuda incumprise algunha das condicións ou obrigas estipuladas, a

Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local anulará os beneficios concedidos, e conforme o disposto no artigo 78.5º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, solicitará a devolución das cantidades percibidas, se as houbese, xunto cos xuros de demora que deba aquel, segundo o procedemento que establece o Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia; e, se procede, instruirá expediente sancionador conforme ó previsto no citado decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Administración Local para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-En todo o non previsto nesta orde haberá que aterse ó disposto no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Terceira.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 5 de marzo de 2003.

Antonio Pillado Montero

Conselleiro de Xustiza, Interior e Administración Local