Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 62 Venres, 28 de marzo de 2003 Páx. 3.839

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E ADMINISTRACIÓN LOCAL

ORDE do 28 de febreiro de 2003 pola que se anuncian axudas económicas destinadas a subvenciona-la realización de actividades por parte das confederacións, federacións, coordinadoras ou agrupacións de asociacións de veciños de Galicia.

A Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, establece que desde a Xunta de Galicia deberá favorecerse o desenvolvemento das asociacións que se constitúan para a defensa dos intereses xerais ou sectoriais dos veciños dos concellos de Galicia, tendo as asociacións que se constitúan con esta finalidade a consideración de entidades de participación cidadá e, xa que logo, erixíndose nun dos elementos clave de vertebración da política e da vida local dos concellos galegos.

A Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local, no marco da súa liña da colaboración coa Administración local para contribuír a mellora-la calidade da vida local, e pretendendo estimular, ó mesmo tempo, a dinamización da vida interna das asociacións, na procura de ámbitos de convivencia colectiva, de harmonización social e de potenciamento dos valores e finalidades socioculturais das mesmas entidades, regula, por medio desta orde, os requisitos e o procedemento que se seguirá para a concesión de axudas económicas destinadas á realización de actividades que redunden na mellora da vida local.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto e beneficiarios.

1. Convocánse subvencións en réxime de concorrencia competitiva en favor das confederacións, federacións, coordinadoras ou agrupacións de asociacións de veciños de Galicia (en adiante entidades) con destino á programación e desenvolvemento durante o presente ano 2003 de actividades propias, adquisición de medios adecuados para o desenvolvemento dos seus fins asociativos e gastos de funcionamento corrente.

2. Estas entidades deberán, en todo caso, estar debidamente inscritas no Rexistro Central ou nos rexistros provinciais de asociacións da Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local.

3. Así mesmo, poderán subvencionarse os gastos que o funcionamento destas entidades orixinen, sempre e cando se refiran á prestación de servicios de carácter esencial para o funcionamento delas.

Artigo 2º.-Crédito.

As subvencións que se regulan ó abeiro desta orde faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria

13.05.483.0, programa 123.A ata unha contía máxima de noventa mil cento cincuenta e dous euros (90.152 A), correspondente ós orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o 2003.

A axuda económica que se conceda poderá acada-lo 90% do total do orzamento presentado, correspondendo o financiamento do importe restante á entidade beneficiaria da subvención.

Artigo 3º.-Iniciación.

1. As entidades que desexen acollerse ós beneficios desta orde elevarán petición, por medio de instancia dirixida ó conselleiro de Xustiza, Interior e Administración Local, segundo modelo que figura como anexo I desta orde, no rexistro xeral das delegacións provinciais da Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local, no da propia consellería ou por calquera dos medios a que se refire o artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, no prazo de corenta días hábiles contados a partir do seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

2. A entidade peticionaria xuntaralle á solicitude a seguinte documentación:

a) Fotocopia dos estatutos.

b) Fotocopia da tarxeta de identificación fiscal da entidade.

c) Programación da actividade que se pretende realizar con mención das persoas beneficiadas directa ou indirectamente pola axuda e o calendario fixado.

d) Orzamento detallado.

e) Nome das asociacións de veciños/federacións que forman parte da entidade.

f) Certificación do acordo asembleario no que se aproba participar nesta convocatoria de subvencións e do nomeamento do representante para as súas relacións coa Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local.

g) Declaración do representante de non estar incurso en causas de incompatibilidade ou incapacidade para contratar e percibir subvencións da Administración pública e de aceptación das bases da convocatoria.

h) Declaración de conxunto de tódalas solicitudes efectuadas ou concedidas, para o mesmo proxecto ou actividade, perante as administracións públicas competentes ou outros entes públicos (anexo II desta orde).

Se algunha documentación das solicitadas neste artigo xa constara en poder da Dirección Xeral de Administración Local desta consellería, e non se producira desde o momento en que foron presentadas variación que afectara ó contido ou á vixencia desta, non será necesario achegalas novamente, sen prexuízo de que esta dirección xeral reclame do solicitante a documentación que, se é o caso, considere oportuna.

A inscrición da entidade no Rexistro de Asociacións será verificada de oficio por parte dos correspondentes servicios da Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local.

3. O defecto na solicitude seralles notificado ós interesados pola Dirección Xeral de Administración Local e daráselles un prazo de dez días para emenda-los erros ou omisións. Transcorrido o dito prazo, se non se producise a dita emenda, as peticións serán arquivadas conforme o disposto na Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 4º.-Instrucción e resolución.

Recibidas as solicitudes de subvención e a súa documentación, serán analizadas polos servicios competentes da Dirección Xeral de Administración Local que lle elevarán o correspondente informe ó director xeral, quen elevará proposta de resolución ó conselleiro de Xustiza, Interior e Administración Local, quen resolverá.

Artigo 5º.-Notificación.

1. A resolución notificaráselles a tódolos beneficiarios da subvención, na forma prevista no artigo 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Conforme o disposto no artigo 44.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificado pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de non notificarse resolución no prazo de seis meses contados desde a publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo. Todo iso sen prexuízo do establecido nos artigos 42 e 43 da citada lei.

2. Contra esta resolución, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante o conselleiro de Xustiza, Interior e Administración Local no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da súa notificación, segundo o disposto nos artigo 116 e 117 da Lei 4/1999, de modificación da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Artigo 6º.-Aceptación.

1. O representante da entidade beneficiaria disporá dun prazo de dez días, contados a partir da recepción da resolución, para comunica-la aceptación das condicións contidas nela.

2. Transcorrido este prazo sen que se comunique a dita aceptación, de non xustificarse suficientemente a concorrencia de circunstancias excepcionais que impidan facelo, a Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local poderá anula-la resolución.

Artigo 7º.-Criterios de avaliación.

Na valoración das solicitudes presentadas polas entidades peticionarias teranse en conta as actividades que se van realizar, ponderando as seguintes circunstancias:

-Interese e obxectivos do proxecto da actividade que se propón (15%).

-Número de asociacións de veciños confederadas, federadas ou agrupadas que integran a entidade solicitante, así como o seu ámbito de actuación e número total de asociados (20%).

-Número e características das actividades, relacionadas pormenorizadamente, desenvolvidas polo peticionario durante o derradeiro ano (15%).

-Proxección social das actividades propostas (10%).

-Fomento do voluntariado (10%).

-Carencia de medios económicos e imposibilidade ou probada dificultade de obter canles de financiamento por outros medios (15%).

-Potenciaranse preferentemente aqueles proxectos para os que se obteña financiamento doutras entidades, tanto públicas como privadas(15%).

Artigo 8º.-Libramento de fondos.

1. As entidades destinatarias da subvención, unha vez aceptada esta, quedarán obrigadas a destina-los fondos percibidos ó obxecto concreto para o que foron concedidos. A Dirección Xeral de Administración Local poderá comprobar, cando o considere conveniente o cumprimento da finalidade da axuda.

2. Para o cobramento da subvención, as entidades presentarán a seguinte documentación:

1. Para a realización de actividades que xeren gastos correntes, xustificaranse mediante facturas orixinais ou copias compulsadas delas debidamente conformadas, así como certificación dos gastos realizados expedida polo secretario da entidade co visto e prace do seu presidente.

2. No caso de gastos de persoal, poderán achegarse como xustificante, tanto as nóminas acreditativas do pagamento, como os documentos xustificativos de ingreso dos seguros sociais.

3. Declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas, como as pendentes de resolución, para unha mesma programación das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

O prazo de remisión destes xustificantes remata o día 15 de outubro de 2003.

A Dirección Xeral de Administración Local, de atopar conforme a documentación xustificativa, proporá o libramento de fondos; que en ningún caso superará o 90% do importe dos xustificantes presentados.

A entidade beneficiaria ten a obriga de facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Inter

vención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

As cantidades que resultasen sobrantes por causa de renuncia ou non presentación das xustificacións correspondentes por parte das entidades beneficiarias poderán dedicarse a subvencionar a outras entidades que presentaron solicitude de subvención ó abeiro desta orde.

Transcorrido o prazo establecido neste artigo sen ter presentadas as correspondentes xustificacións poderase entender que a entidade renuncia á subvención, podendo esta consellería utiliza-lo dito crédito en beneficio doutros posibles beneficiarios.

Artigo 9º.-Modificación das resolucións de concesión.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda ou, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, tal e como se establece no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 10º.-Control.

No caso de que a entidade beneficiaria da axuda incumprise algunha das condicións ou obrigas estipuladas, a Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local anulará os beneficios concedidos, e conforme o diposto no artigo 78.5º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, solicitará a devolución das cantidades percibidas, se as houbese, xunto cos xuros de demora que deba aquel, segundo o procedemento que establece o Decreto 287/2000, do 21 de novembro; e, se procede, instruirá expediente sancionador, conforme o previsto no citado decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Administración local, para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-En todo o non previsto nesta orde, rexerá o disposto no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Terceira.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de febreiro de 2003.

Antonio Pillado Montero

Conselleiro de Xustiza, Interior

e Administración Local