Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 61 Xoves, 27 de marzo de 2003 Páx. 3.781

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E ADMINISTRACIÓN LOCAL

ORDE do 13 de marzo de 2003 pola que se dictan normas para a concesión de apoio ós concellos galegos consistentes na cesión de equipos de excarceración para misións de protección civil.

A Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local (artigo 25.2º, parágrafo c), así como

a Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia (artigos 80, 81 e 82), determinan que o concello, como entidade básica da organización territorial do Estado, é a vía da participación dos seus cidadáns en diferentes materias e, entre elas (artigo 22.2º parágrafo c), a protección civil xa que, ante unha situación de emerxencia que poida poñer en perigo a vida dos cidadáns ou as súas pertenzas, o concello será o primeiro en actuar tanto en tempo de resposta como en mobilización de recursos.

Así mesmo, a Lei 2/1985, do 21 de xaneiro, sobre protección civil, establece a vinculación voluntaria e desinteresada dos cidadáns á protección civil a través de organizacións que se orientarán, principalmente, á colaboración e apoio en situacións de emerxencia; actitude fundamentalmente desenvol

vida polas agrupacións de voluntarios de protección civil, na maior parte dos concellos para poder cumpri-la normativa vixente en materia de protección da súa comunidade veciñal.

Conforme o Decreto 147/2002, do 11 de abril, mediante o que se establece a estructura orgánica da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, correspóndenlle a esta consellería entre outras competencias, as de protección civil.

En virtude dos decretos 8/2003, do 18 de xaneiro, e 23/2003, do 20 de xaneiro, modificouse a estructura orgánica da Xunta de Galicia, de xeito que a Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local mantén as competencias sobre protección civil.

De acordo co Decreto 56/2000, do 3 de marzo, polo que se regula a planificación, as medidas de coordinación e a actuación de voluntarios, agrupacións de voluntarios e entidades colaboradoras en materia de protección civil de Galicia, a Administración autonómica colaborará na dotación de medios e recursos necesarios á Administración local para a súa actuación en materia de protección civil.

No Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia e no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, establécense os requisitos xerais ás subvencións e axudas concedidas pola Administración autonómica, normativa á que, en consecuencia, se adaptará a presente orde, tendo en conta, en todo caso, os principios de publicidade, obxectividade e concorrencia.

A Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local, consciente da magnitude e transcendencia dos valores que están en xogo nas situacións de emerxencia, así como as necesidades que se xeran e os recursos humanos e materiais que é preciso mobilizar, quere dotar de medios axeitados os concellos para o cumprimento dos seus labores en materia de protección civil, para intervención en excarceración.

De acordo co exposto, preténdese por medio da presente orde regula-lo procedemento e requisitos para a cesión en propiedade de materiais para misións de protección civil ós concellos da Comunidade Autónoma galega.

Por todo isto.

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

A Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local, para colaborar cos concellos na súa misión de protección á súa comunidade veciñal e para equipar cuns medios necesarios a protección civil, cederalles en propiedade equipos de excarceración e/ou material auxiliar de excarceración ós

concellos galegos que conten con servicio municipal de protección civil e/ou agrupación de voluntarios de protección civil, sexa municipal ou teña subscrito un convenio co concello e ademais estean inscritas no Rexistro de Protección Civil da Comunidade Autónoma de Galicia conforme o Decreto 56/2000, do 3 de marzo.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

Para poder acceder ós beneficios outorgados mediante esta orde, os concellos deberán cumpri-los seguintes requisitos:

I. Para novos equipos de excarceración:

a) Non dispor de equipo de excarceración.

b) Dispor de medios de transporte axeitados para este tipo de material, así como recursos humanos que estean operativos as 24 horas do día e os 365 días do ano.

c) Ter no seu termo municipal e ámbito comarcal vías de comunicación con alto índice de sinistralidade.

d) Estar afastados un mínimo de 15 quilometros dun parque contraincendios e salvamento e/ou dun servicio municipal de protección civil que dispoña de equipo de excarceración.

II. Para material auxiliar de excarceración.

a) Dispor dun equipo en propiedade ou cedido en uso.

b) Que o material do que se dispón no momento de face-la solicitude non sexa suficiente para atende-la demanda da poboación.

c) Precisar renova-lo material que estea deteriorado polo uso, ou novo material que non se teña na actualidade.

Artigo 3º.-Crédito.

Para a consecución do obxectivo ó que se refire a presente orde, a Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local destinará ata un límite de 110.000 euros, con cargo a aplicación orzamentaria 13.04.231A.623.0, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma galega para o 2003.

Artigo 4º.-Solicitude.

1. Os concellos que desexen acollerse ós beneficios concedidos nesta orde presentarán a súa solicitude, no prazo de corenta días hábiles contados a partir do seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, empregando o modelo que se indica no anexo I desta orde, no rexistro xeral das delegacións provinciais da consellería de Xustiza, Interior e Administración Local, ou por calquera dos medios previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

2. Xunto coa solicitude presentaranse os seguintes documentos:

2.1. Declaración do conxunto de tódalas solicitudes efectuadas ou concedidas, para un mesmo proxecto ou actividade, perante as administracións públicas competentes ou outros entes públicos.

2.2. Certificados expedidos polo secretario do concello:

a) Se é o caso, da existencia de servicio municipal de protección civil.

b) Dos gastos correntes e de investimento considerados nos orzamentos municipais de 2003 destinados ás funcións de seguridade e/ou protección civil.

c) Relativo ó acordo adoptado polo órgano competente polo que:

-Se acorda solicita-la cesión en propiedade, regulada na presente orde, aceptando integramente os seus termos e prescricións.

-Se faculta o alcalde do concello para acepta-la cesión en propiedade nas condicións establecidas pola consellería e para asina-la correspondente acta, no caso de resolución favorable da consellería.

2.3.Memoria asinada polo alcalde como xefe local de protección civil, na que se indiquen:

2.3.1. Para os que soliciten novos equipos de excarceración:

-Índices de sinistralidade nas vías de comunicación terrestre existentes no ámbito territorial do concello, e dos concellos colindantes.

-Accidentes ocorridos nos derradeiros anos nas vías de comunicación terrestre existentes no ámbito territorial do concello e concellos colindantes nos que foi preciso empregar medios de rescate.

-Medios materiais e recursos humanos dos que dispón o concello, necesarios para actuar en rescates.

-Cumpri-los requisitos específicos indicados no artigo 2º, punto I), especificando cada un dos puntos.

-Se é o caso, estar en trámite de creación a xunta local de protección civil, e estar elaborando o Plan de Emerxencias Municipal (Pemu).

2.3.2. Para material auxiliar de excarceración:

-Equipo de excarceración do que se dispón actualmente, indicando o material complementario del.

-Material auxiliar de excarceración que se precisa (indicando se este é de reposición ou novo).

-Cumpri-los requisitos específicos indicados no artigo 2º, punto II).

-Se é o caso, estar en trámite de creación a Xunta Local de Protección Civil, e estar elaborando o Plan de Emerxencias Municipal (Pemu).

3. Os defectos nas solicitudes seranlles notificados ós interesados polas delegacións provinciais da Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local, concedéndoselles un prazo de dez días para emendaren erros ou omisións. Transcorrido o antedito prazo, se non se producise a dita emenda, as peticións arquivaranse, de acordo co establecido na Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 5º.-Instrucción.

1. Unha vez recibida a documentación nas delegacións provinciais, procederase ó seu exame e análise polos servicios de protección civil da provincia correspondente.

2. Os respectivos servicios provinciais emitirán un informe técnico en relación coas peticións recibidas, remitíndoo á Dirección Xeral de Interior e Protección Civil.

3. A comisión de avaliación estará presidida polo director xeral de Interior e Protección Civil e formada polos catro delegados provinciais da Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local, actuando como secretario o xefe de sección de estudios e apoio técnico xurídico da Subdirección Xeral de Protección Civil que en ningún caso terá dereito a voto.

4. A referida comisión fará a proposta de resolución, tendo en conta o informe técnico do servicio provincial de protección civil e elevará posteriormente a mesma ó órgano competente para resolver.

Artigo 6º.-Criterios de avaliación.

A concesión realizarase en réxime de concorrencia competitiva, e para a elaboración do informe técnico e da proposta de resolución, así como para a asignación de material, teranse en conta os seguintes criterios, que serán valorados segundo a graduación que para cada caso se indica:

1. Riscos potenciais existentes no concello e limítrofes conforme o establecido no Plan Territorial de Protección Civil da Comunidade Autónoma de Galicia (Platerga), ou se é o caso, no Plan de Emerxencia Municipal (Pemu), ata un 8%.

2. Índices de sinistralidade nas vías de comunicación terrestre existentes no ámbito territorial do concello, e dos concellos colindantes, ata un 8%.

3. Accidentes ocorridos nos derradeiros anos nas vías de comunicación terrestre existentes no ámbito territorial do concello e concellos colindantes nos que foi preciso empregar medios de rescate, ata un 7%.

4. Ter creada ou en trámite de creación a xunta local de protección civil, ata un 10%.

5. Ter ou estar elaborando o seu Plan de Emerxencia Municipal (Pemu), ata un 20%.

6. Cantidade destinada polo concello nos seus orzamentos anuais para actuacións obxecto desta orde, ata un 7%.

7. Cumpri-los requisitos específicos indicados no artigo 2º, punto I), especificando cada un dos puntos, ata un 25%.

8. Número de colaboracións realizadas, en temas de protección civil, coa Xunta de Galicia, especialmente co Servicio de Emerxencia 112 SOS-Galicia e Plans de Protección Civil da Comunidade Autónoma no sistema de protección civil de Galicia, ata un 15%.

Artigo 7º.-Resolución, publicación e notificación.

1. A resolución adoptaraa o conselleiro de Xustiza, Interior e Administración Local, tendo en conta a proposta que faga a comisión de avaliación, procedéndose á súa publicación posterior no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 96 bis do Regulamento de patrimonio da comunidade autónoma (introducido polo Decreto 238/1998, do 24 de xullo) e co disposto no artigo 11º do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, supoñendo a concesión a cesión en propiedade do material de excarceración.

2. A notificación ós peticionarios faraa a Dirección Xeral de Interior e Protección Civil, na forma prevista no artigo 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de réxime xurídico das administracións públicas e do prodecemento administrativo común.

No suposto de que, transcorridos seis meses contados desde a publicación desta orde no DOG non se dictase e notificase resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo e en todo caso, a aqueles concellos ós que non se lles conceda material notificaráselles indicando que foi desestimada a súa petición.

3. Contra a resolución do conselleiro, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia ou recurso potestativo de reposición ante o propio conselleiro.

Artigo 8º.-Aceptación, xustificación e pagamento.

1. O alcalde do concello ó que se lle concedese material disporá dun prazo de quince días hábiles, contados a partir da recepción da comunicación individual da resolución favorable, para comunica-la aceptación.

2. Considerase como medio de xustificación, para facer efectivo a entrega do material corespondente, a certificación do órgano que teña atribuídas as facultades de control do cumprimento da finalidade para a que solicita a axuda e da aplicación dos fondos

destinados para tal efecto, segundo se recolle no artigo 15.2º c) do Decreto 287/2000.

3. Transcorrido o prazo indicado no punto 1º deste artigo sen que se comunique a dita aceptación, a Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local poderá anula-la dita resolución.

Artigo 9º.-Formalización da cesión.

Para a formalización da cesión, rexerá o disposto no artigo 96.4º do Decreto 50/1989, do 9 de marzo, polo que se aproba o Regulamento do patrimonio da comunidade autónoma, e realizarase mediante acta subscrita polo secretario xeral da consellería ou funcionario en quen delegue na que constará o acordo de cesión en propiedade e a aceptación polo cesionario.

Os gastos de seguros, impostos, mantemento, conservación do material cedido e as indemnizacións derivadas das posibles declaracións de responsabilidade civil ou criminal por uso do material, calquera que sexa a súa contía, correrán a cargo dos concellos.

Artigo 10º.-Reversión dos bens na comunidade autónoma.

1. Se o material cedido non se aplicase ó fin sinalado ou deixase de estalo con posterioridade, se se descoidase ou utilizase con grave quebrantamento, ou se incumprisen as condicións que se detallan nesta orde, considerarase resolta a cesión e os bens reverterán á comunidade autónoma, que terá dereito a percibir, logo da taxación pericial, o valor dos detrimentos ou das deterioracións que experimentasen.

2. A Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local estará dotada de facultades de vixilancia e control, para comproba-lo cumprimento das obrigas que leva aparelladas a cesión e, se é o caso, para a resolución dos expedientes de reversión.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Interior e Protección Civil para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Será de aplicación supletoria o Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Terceira.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 13 de marzo de 2003.

Antonio Pillado Montero

Conselleiro de Xustiza, Interior

e Administración Local