Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 61 Xoves, 27 de marzo de 2003 Páx. 3.786

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E ADMINISTRACIÓN LOCAL

ORDE do 13 de marzo de 2003 pola que se dictan normas para a concesión de apoio ós concellos galegos consistentes na cesión de material quitaneves para misións de protección civil.

A Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local (artigo 25.2º, parágrafo c), así como a Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia (artigos 80, 81 e 82) determinan que o concello, como entidade básica da organización territorial do Estado, é a vía de participación dos seus cidadáns en diferentes materias e, entre elas (artigo 22.2º, parágrafo c), a protección civil xa que, ante unha situación de emerxencia que poida pór en perigo a vida dos cidadáns ou as súas pertenzas, o concello será o primeiro en actuar tanto en tempo de resposta como en mobilización de recursos.

Así mesmo, a Lei 2/1985, do 21 de xaneiro, sobre protección civil, establece a vinculación voluntaria e desinteresada dos cidadáns á protección civil a través de organizacións que se orientarán, principalmente, á colaboración e apoio en situacións de emerxencia, actitude fundamentalmente desenvolvida polas agrupacións de voluntarios de protección civil, na maior parte dos concellos para poder cumpri-la normativa vixente en materia de protección civil da súa comunidade veciñal.

Conforme o Decreto 147/2002, do 11 de abril, mediante o que se establece a estructura orgánica da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, correspóndelle a esta consellería, entre outras competencias, as de protección civil.

En virtude dos decretos 8/2003, do 18 de xaneiro, e 23/2003, do 20 de xaneiro, modificouse a estructura orgánica da Xunta de Galicia, de xeito que a Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local mantén as competencias sobre protección civil.

De acordo co Decreto 56/2000, do 3 de marzo, polo que se regula a planificación, as medidas de coordinación e actuación de voluntarios, agrupacións de voluntarios e entidades colaboradoras en materia de protección civil de Galicia, a Administración autonómica colaborará na dotación de medios e recursos necesarios á Administración local para a súa actuación en materia de protección civil.

Que, por Resolución do 16 de abril de 2002, disponse a publicación do acordo da Comisión Galega de Protección Civil pola que se aproba a revisión e actualización do Plan de Nevaradas de Galicia (Plan Nega).

A Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local, consciente da magnitude e transcenden

cia dos valores que están en xogo nas situacións de emerxencia, así como as necesidades que se xeran e os recursos humanos e materiais que é preciso mobilizar, quere dotar dos medios axeitados os concellos para o cumprimento dos seus labores en materia de protección civil, para intervención en nevaradas.

No Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia e no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, establécense os requisitos xerais ás subvencións e axudas concedidas pola Administración autonómica, normativa á que, en consecuencia, se adaptará a presente orde, tendo en conta, en todo caso, os principios de publicidade, obxectividade e concorrencia.

De acordo co exposto, preténdese por medio da presente orde regula-lo procedemento e requisitos para a cesión en propiedade de materiais para misións de protección civil, de equipamento para nevaradas, ós concellos da Comunidade Autónoma galega.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

A Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local, para colaborar cos concellos na súa misión de protección á súa comunidade veciñal e para equipar cuns medios necesarios á protección civil, cederalles en propiedade material quitaneves os concellos galegos.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

Para poder acceder ós beneficios outorgados mediante esta orde , os concellos deberán cumpri-los seguintes requisitos específicos:

a) Concellos das provincias de Ourense e Lugo pertencentes ó Plan Nega (Plan de Nevaradas de Galicia). Concellos de montaña das provincias de Pontevedra e da Coruña con maior índice de risco de nevaradas.

b) Dispor de vehículos axeitados para mobiliza-lo material quitaneves así como de recursos humanos.

Artigo 3º.-Crédito.

Para a consecución do obxectivo ó que se refire a presente orde, a Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local destinará ata un límite de 40.000 euros, con cargo a aplicación orzamentaria 13.04.231A.623.0, dos orzamentos da Comunidade Autónoma galega para o ano 2003.

Artigo 4º.-Solicitude.

1. Os concellos que desexen acollerse ós beneficios concedidos nesta orde presentarán a súa solicitude, no prazo de corenta días hábiles contados a partir do seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, empregando o modelo que se indica no anexo I desta orde, no rexistro xeral das delegacións provinciais da Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local, ou por calquera dos medios previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e de procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

2. Xunto coa solicitude presentarán os seguintes documentos:

2.1. Declaración do conxunto de tódalas solicitudes efectuadas ou concedidas, para un mesmo proxecto ou actividade, perante as administracións públicas competentes ou outros entes públicos.

2.2. Certificados expedidos polo secretario do concello:

a) Se é o caso, da existencia de servicio municipal de protección civil.

b) Dos gastos correntes e de investimento considerados nos orzamentos municipais do ano 2003 destinados ás funcións de seguridade e protección civil.

c) Relativo ó acordo adoptado polo órgano competente polo que:

-Se acorda solicita-la cesión en propiedade, regulada na presente orde, aceptando integramente os seus termos e prescricións.

-Facúltase alcalde do concello para acepta-la cesión en propiedade nas condicións establecidas pola consellería e para asina-la correspondente acta, no caso de resolución favorable da consellería.

2.3. Memoria asinada polo alcalde, como xefe local de protección civil, na que se indiquen os riscos potenciais de nevaradas no concello e limítrofes, así como a dispoñibilidade de vehículos para transporte do equipo de nevaradas.

3. Os defectos nas solicitudes seranlles notificados ós interesados polas delegacións provinciais da Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local, concedéndolles un prazo de dez días para emenda-los erros ou omisións. Transcorrido o antedito prazo, se non se producise a dita enmenda, as peticións arquivaranse, de acordo co establecido na Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 5º.-Instrucción.

1. Unha vez recibida a documentación nas delegacións provinciais, procederase ó seu exame e análise polos servicios de protección civil da provincia correspondente.

2. Os respectivos servicios provinciais, emitirán un informe técnico en relación ás peticións recibidas, remitíndoo á Dirección Xeral de Interior e Protección Civil.

3. A comisión de avaliación estará presidida polo director xeral de Interior e Protección Civil e formada polos catro delegados provinciais da Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local, actuando como secretario o xefe de sección de estudios e apoio técnico xurídico da Subdirección Xeral de Protección Civil que en ningún caso terá dereito a voto.

4. A referida comisión, en función do informe técnico referido no punto 2, fará unha proposta de resolución que será elevada posteriormente ó órgano competente para resolver.

Artigo 6º.-Criterios de avaliación.

A concesión realizarase en réxime de concorrencia competitiva, e para a elaboración do informe técnico e da proposta de resolución teranse en conta os seguintes criterios, que serán valorados segundo a graduación que en cada caso se indica:

1. Riscos potenciais existentes no concello e limítrofes, en relación co establecido no Plan Nega, no Plan Territorial de Protección Civil da Comunidade Autónoma de Galicia (Platerga), ou, se é o caso, no Plan de Emerxencia Municipal, ata un 10%.

2. Recursos humanos e medios materiais, de titularidade propia, que o concello e, se é o caso, a agrupación de voluntarios de protección civil, poida mobilizar ante unha emerxencia derivada dunha nevarada ou xeadas intensas, ata un 10%.

3. Dispor de servicio de 24 horas no servicio municipal de protección civil e/ou da agrupación de voluntarios de protección civil do concello ata un 10%.

4. Ter creada ou en trámite de creación a xunta local de protección civil, ata un 15%.

5. Ter, ou estar elaborando o seu Plan de Emerxencia Municipal (Pemu), ata un 25%.

6. Cantidade destinada polo concello no orzamento do ano 2003 a seguridade e protección civil, ata un 10% .

7. Número de colaboracións realizadas, en temas de protección civil, coa Xunta de Galicia, especialmente co Servicio de Emerxencia 112 SOS-Galicia e plans de protección civil da Comunidade Autónoma de Galicia, no sistema de protección civil de Galicia, ata un 20%.

Artigo 7º.-Resolución, publicación e notificación.

1. A resolución adóptaa o conselleiro de Xustiza, Interior e Administración Local, tendo en conta a proposta que faga a comisión de avaliación, procedéndose á súa publicación posterior no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 96 bis do Regulamento de patrimonio da comunidade autónoma (introducido polo Decreto 238/1998, do 24 de xullo) e co disposto no artigo 11 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia supoñendo a concesión en propiedade do material quitaneves.

2. A notificación ós peticionarios faraa a Dirección Xeral de Interior e Protección Civil, na forma prevista no artigo 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

No suposto de que, transcorridos seis meses contados desde a publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia non se dictase e notificase resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes. En todo caso, a aqueles concellos ós que non se lles conceda material notificaraselles indicando que foi desestimada a súa petición.

3. Contra a resolución do conselleiro poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia ou recurso potestativo de reposición ante o propio conselleiro.

Artigo 8º.-Aceptación, xustificación e pagamento.

1. O alcalde do concello ó que se lle concedese material, disporá dun prazo de quince días hábiles, contados a partir da recepción da comunicación individual da resolución favorable, para comunica-la aceptación.

2. Considérase como medio de xustificación, para facer efectiva a entrega do material correspondente, a certificación do órgano que teña atribuídas as facultades de control do cumprimento da finalidade para a que solicita a axuda e da aplicación dos fondos destinados para tal efecto, segundo se recolle no artigo 15.2º c) do Decreto 287/2000.

3. Transcorrido o prazo indicado no punto 1 deste artigo sen que se comunique a dita aceptación, a Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local poderá anula-la dita resolución.

Artigo 9º.-Formalización de cesión.

Para a formalización da cesión, rexerá o disposto no artigo 96.4º do Decreto 50/1989, do 9 de marzo, polo que se aproba o Regulamento do patrimonio da comunidade autónoma, e realizarase mediante acta subscrita polo secretario xeral da consellería ou funcionario en quen delegue na que constará o acordo de cesión en propiedade e a aceptación polo cesionario.

Os gastos de matriculación, seguros, impostos, mantemento, conservación do material cedido e as indemnizacións derivadas das posibles declaracións de responsabilidade civil ou criminal por uso do material, calquera que sexa a súa contía, correrán a cargo dos concellos.

Artigo 10º.-Reversión dos bens na comunidade autónoma.

1. Se o material cedido non se aplicase ó fin sinalado ou deixase de estalo con posterioridade, se se descoidase ou utilizase con grave quebrantamento, ou se incumprisen as condicións que se detallan nesta orde, considerarase resolta a cesión e os bens reverterán á comunidade autónoma, que terá dereito a percibir, logo da taxación pericial, o valor dos detrimentos ou das deterioracións que experimentasen.

2. A Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local estará dotada de facultades de vixilancia e control, para comproba-lo cumprimento das obrigas que leva aparelladas a cesión e, de se-lo caso, para a resolución dos expedientes de reversión.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Interior e Protección Civil para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Será de aplicación supletoria o Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Terceira .-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 13 de marzo de 2003.

Antonio Pillado Montero

Conselleiro de Xustiza, Interior

e Administración Local