Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 61 Xoves, 27 de marzo de 2003 Páx. 3.790

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E ADMINISTRACIÓN LOCAL

ORDE do 13 de marzo de 2003 pola que se dictan normas para a concesión de apoio ós concellos galegos consistentes na cesión de material para o Plan de Salvamento en Praias de Galicia (Sapraga), para misións de protección civil.

A Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local (artigo 25.2º, parágrafo c), así como a Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia (artigos 80, 81 e 82), determinan que o concello, como entidade básica da organización territorial do Estado, é a vía da participación dos seus cidadáns en diferentes materias e, entre elas, a protección civil xa que, ante unha situación de emerxencia que poida poñer en perigo a vida dos cidadáns ou as súas pertenzas, o concello será o primeiro en actuar tanto en tempo de resposta como en mobilización de recursos.

Así mesmo, a Lei 2/1985, do 21 de xaneiro, sobre protección civil, establece a vinculación voluntaria e desinteresada dos cidadáns á protección civil a través de organizacións que se orientarán, principalmente, á colaboración e apoio en situacións de emerxencia; actitude fundamentalmente desenvolvida polas agrupacións de voluntarios de protección civil na maior parte dos concellos para poder cumpri-la normativa vixente en materia de protección da súa comunidade veciñal.

Conforme o Decreto 147/2002, do 11 de abril, mediante o que se establece a estructura orgánica da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, correspóndelle a esta consellería, entre outras competencias, as de protección civil.

En virtude dos decretos 8/2003, do 18 de xaneiro, e 23/2003, do 20 de xaneiro, modificouse a estructura orgánica da Xunta de Galicia, de xeito que a Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local mantén as competencias sobre protección civil.

De acordo co Decreto 56/2000, do 3 de marzo, polo que se regula a planificación, as medidas de coordinación e a actuación de voluntarios, agrupacións de voluntarios e entidades colaboradoras en materia de protección civil de Galicia, a Administración autonómica colaborará na dotación de medios e recursos necesarios á Administración local para a súa actuación en materia de protección civil.

A Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local, consciente da magnitude e trascendencia dos valores que están en xogo nas situacións de emerxencia, así como das necesidades que se xeneran e os recursos humanos e materiais que é preciso mobilizar, quere dotar de medios axeitados os concellos para o cumprimento dos seus labores en materia de protección civil, para o Plan de Salvamento en Praias de Galicia (Plan Sapraga), revisado e actualizado por Resolución do 22 de maio de 2001.

No Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime

financeiro e orzamentario de Galicia e no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, establécense os requisitos xerais ás subvencións e axudas concedidas pola Administración autonómica, normativa á que en consecuencia, se adaptará esta orde, tendo en conta en todo caso os principios de publicidade, obxectividade e concorrencia.

De acordo co exposto, preténdese por medio da presente orde regula-lo procedemento e requisitos para a cesión en propiedade de material de prevención e intervención en praias ós concellos da Comunidade Autónoma galega, segundo se recolle no Plan de Salvamento en Praias de Galicia (Sapraga).

Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

A Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local, co fin de colaborar cos concellos facilitándolle-lo exercicio das súas competencias na atención e seguridade dos usuarios nas praias, cederalle material de prevención e intervención nas nel.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

Para poder acceder ós beneficios outorgados mediante esta orde, os concellos deberán cumpri-los seguintes requisitos:

a) Concellos de Galicia con praias marítimas ou concellos que teñan praias fluviais recoñecidas oficialmente.

b) Que nos seus orzamentos anuais dispoñan dunha cantidade destinada a temas de seguridade e protección civil, especialmente en salvamento de praias.

c) Dispor de medios materiais e recursos humanos propios para salvamento en praias.

d) Dispor dun número axeitado de socorristas con titulación.

e) Dispor de servicio municipal de protección civil ou, no seu defecto, de agrupación de voluntarios de protección civil.

Artigo 3º.-Crédito.

Para a consecución do obxectivo ó que se refire a presente orde, a Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local destinará ata un límite de 215.000 euros, con cargo á aplicación orzamentaria 13.04.231A.623.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma galega para o ano 2003.

Artigo 4º.-Solicitude.

1. Os concellos que desexen acollerse ós beneficios concedidos nesta orde presentarán a súa solicitude, no prazo de corenta días hábiles contados a partir do seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, empregando o modelo que se indica no anexo I desta orde, no rexistro xeral das delegacións provinciais da Consellería de Xustiza, Interior e

Administración Local, ou por calquera dos medios previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de réxime xurídico das administracións públicas e de procedemento administrativo común.

2. Xunto coa solicitude presentaranse os seguintes documentos:

2.1. Declaración do conxunto de tódalas solicitudes efectuadas, ou concedidas, para un mesmo proxecto ou actividade, perante as administracións públicas competentes ou outros entes públicos.

2.2. Certificados expedidos polo secretario do concello:

a) Se é o caso, da existencia de servicio municipal de protección civil.

b) Dos gastos correntes e de investimento considerados nos orzamentos municipais do ano 2003 destinados ás funcións de seguridade e protección civil, e concretamente para salvamento en praias.

c) Relativo ó acordo adoptado polo órgano competente polo que:

-Se acorda solicita-la cesión en propiedade, regulada na presente orde, aceptando integramente os seus termos e prescricións.

-Facúltase o alcalde do concello para acepta-la cesión en propiedade nas condicións establecidas pola consellería e para asina-la correspondente acta, no caso de resolución favorable da consellería.

2.3. Memoria asinada polo alcalde, como xefe local de protección civil, na que se indiquen:

-Número de praias atendido no seu concello no programa de Salvamento en Praias de Galicia (Sapraga), con indicación da súa lonxitude e demanda media dos usuarios.

-Número de socorristas titulados que atenderon as praias do concello nos anos 2001 e 2002, ás súas quendas diarias e horarios, así como as previsións para o ano 2003.

-Número de voluntarios de protección civil que apoiaron as tarefas do Sapraga, nos anos 2001 e 2002, as súas quendas diarias e horarios, así como as previsións para o ano 2003.

-Se é o caso, estar en trámite de creación a xunta local de protección civil.

-Se é o caso, estar elaborando o Plan de Emerxencia Municipal (Pemu).

-Ter medios de titularidade do concello destinados ó salvamento en praias con indicación detallada destes.

3. Os defectos nas solicitudes seranlles notificados ós interesados polas delegacións provinciais da Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local, concedéndolles un prazo de dez días para emenda-los erros ou omisións. Transcorrido o antedito prazo, se non se producise a dita enmenda, as peti

cións arquivaranse, de acordo co establecido na Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 5º.-Instrucción.

1. Unha vez recibida a documentación nas delegacións provinciais, os servicios de protección civil procederán ó seu exame e análise da provincia correspondente.

2. Os respectivos servicios provinciais emitirán un informe técnico en relación ás peticións recibidas, remitíndoo á Dirección Xeral de Interior e Protección Civil.

3. A comisión de avaliación, estará presidida polo director xeral de Interior e Protección Civil, e formada polos catro delegados provinciais da Consellería de Xustiza Interior e Administración Local, actuando como secretario o xefe de sección de estudios e apoio técnico xurídico da Subdirección Xeral de Protección Civil que, en ningún caso, terá dereito a voto.

4. A referida comisión fará a proposta de resolución, tendo en conta o informe técnico do servicio provincial de protección civil, e elevará posteriormente esta ó organo competente para resolver.

Artigo 6º.-Criterios de avaliación.

A concesión realizarase en réxime de concorrencia competitiva, e para a elaboración do informe técnico e da proposta de resolución, así como para a asignación de material, teranse en conta os seguintes criterios, que serán valorados segundo a graduación que en cada caso se indica:

-Xerais:

* Número de praias atendido no concello no programa de Salvamento en Praias de Galicia (Sapraga), con indicación da súa lonxitude e demanda media dos usuarios, ata un 15%.

* Número de socorristas titulados que atenderon as praias do concello nos anos 2001 e 2002 as súas quendas diarias e horarios, así como as previsións para o ano 2003, ata un 25%

* Número de voluntarios de protección civil que apoiaron as tarefas do Sapraga, nos anos 2001 e 2002 as súas quendas diarias horarios, así como as previsións para o ano 2003, ata un 10%

* Se é o caso, estar en trámite de creación a xunta local de protección civil, ata un 7%.

* Se é o caso, estar elaborando o Plan de Emerxencia Municipal (Pemu), ata un 8%.

* Ter medios de titularidade do concello destinados ó salvamento en praias con indicación detallada deste, ata un 5%.

* Se é o caso, existencia de servicio municipal de protección civil, ata un 5%.

* Gastos correntes e de investimento considerados nos orzamentos municipais do ano 2003 destinados

ás funcións de seguridade e protección civil, e concretamente para salvamento en praias, ata un 5%.

-Específicos:

* Que non dispoñan de embarcación npeumática para misións de salvamento en praias, e de contar xa con algunha, en función das características das praias do concello, se considere que poida ser necesaria unha nova embarcación como apoio da anterior ou a súa renovación, ata un 5%.

* Que non dispoñan de material específico de prevención e intervención en praias e, de contar con algún, se considere necesaria a súa renovación ou ampliación, ata un 5%.

* Praias do concello que obtiveran galardón de bandeira azul, ata un 10%.

Artigo 7º.-Resolución, publicación e notificación.

1. A resolución será adoptada polo conselleiro de Xustiza, Interior e Administración Local, tendo en conta a proposta que faga a comisión de avaliación, procedéndose á súa publicación posterior no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 96 bis do Regulamento de patrimonio da comunidade autónoma (introducido polo Decreto 238/1998, do 24 de xullo) e co disposto no artigo 11 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia supoñendo a concesión en propiedade do material para o Plan Sapraga.

2. A notificación da resolución será efectuada pola Dirección Xeral de Interior e Protección Civil, na forma prevista no artigo 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de réxime xurídico das administracións públicas e do prodecemento administrativo común.

No suposto de que, transcorridos seis meses contados desde a publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia non se dictase e notificase resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo. En todo caso, a aqueles concellos ós que non se lles conceda material, notificaráselles indicando que foi desestimada a súa petición.

3. Contra a resolución do conselleiro poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia ou recurso potestativo de reposición ante o propio conselleiro.

Artigo 8º.-Aceptación, xustificación e pagamento.

1. O alcalde do concello ó que se lle concedese material, disporá dun prazo de quince días hábiles, contados a partir da recepción da comunicación individual da resolución favorable, para comunica-la aceptación.

2. Considérase como medio de xustificación, para facer efectiva a entrega do material correspondente, a certificación do órgano que teña atribuídas as

facultades de control do cumprimento da finalidade para a que solicita a axuda e da aplicadión dos fondos destinados a tal efecto, segundo se recolle no artigo 15º.2 c) do Decreto 287/2000.

3. Transcorrido o prazo indicado no punto 1 deste artigo sen que se comunique a dita aceptación, a Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local poderá anula-la dita resolución.

Artigo 9º.-Formalización da cesión.

Para a formalización da cesión, haberá que aterse ó disposto no artigo 96.4º do Decreto 50/1989, do 9 de marzo, polo que se aproba o Regulamento do patrimonio da comunidade autónoma, e será realizado mediante acta subscrita polo secretario xeral da consellería ou funcionario en quen delegue na que constará o acordo de cesión en propiedade e a aceptación polo cesionario.

Os gastos de matriculación, seguros, impostos, mantemento, conservación do material cedido e as indemnizacións derivadas das posibles declaracións de responsabilidade civil ou criminal por uso do material, calquera que sexa a súa contía, correrán por conta dos concellos.

Artigo 10º.-Reversión dos bens na comunidade autónoma.

1. Se o material cedido non se aplicase ó fin sinalado ou deixase de estalo con posterioridade, se se descoidase ou utilizase con grave quebrantamento, ou se incumprisen as condicións que se detallan nesta orde, considerarase resolta a cesión e os bens reverterán á comunidade autónoma, que terá dereito a percibir, logo da taxación pericial, o valor dos detrimentos ou das deterioracións que experimentasen.

2. A Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local estará dotada de facultades de vixilancia e control para comproba-lo cumprimento das obrigas que leva aparelladas a cesión e, de se-lo caso, para a resolución dos expedientes de reversión.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Interior e Protección Civil para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Será de aplicación supletoria o Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Terceira.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 13 de marzo de 2003.

Antonio Pillado Montero

Conselleiro de Xustiza, Interior

e Administración Local

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA