Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 56 Xoves, 20 de marzo de 2003 Páx. 3.386

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 6 de marzo de 2003 pola que se convocan bolsas e axudas para a asistencia a congresos ou similares e cursos de verán, destinadas a estudiantes universitarios.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 31, establece como competencia plena da Comunidade Autónoma de Galicia a regulación e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, no ámbito das súas competencias.

O Real decreto 1754/1987, do 18 de decembro (BOE do 19 de xaneiro de 1988, DOG do 17 de febreiro) transferiulle á comunidade autónoma competencias en materia de universidades. Estas competencias foron asumidas pola comunidade autónoma e asignadas á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria no Decreto 62/1988, do 17 de marzo (DOG do 8 de abril).

A Lei 11/1989, do 20 de xullo (DOG do 16 de agosto), de ordenación do sistema universitario de Galicia, determina a constitución do sistema universitario de Galicia con tres niversidades: a Universidade de Santiago de Compostela, a Universidade da Coruña e a Universidade de Vigo.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria pretende continuar, con esta orde, a política de bolsas e axudas para a asistencia a congresos ou similares e cursos de verán destinadas a estudiantes universitarios.

Polo que antecede, esta consellería

DISPÓN:

Artigo 1º.-Obxecto.

A presente convocatoria ten por obxecto facilitarlles ós estudiantes universitarios de segundo e terceiro ciclo (etapa de formación) ou recentemente titulados, tanto licenciados como diplomados universitarios, nalgunha das universidades do sistema universitario de Galicia, a asistencia a congresos ou similares e cursos de verán organizados por universidades públicas e privadas ou outras institucións de recoñecido prestixio académico, e nos que se traten aspectos relacionados coas materias obxecto de estudio na súa titulación ou doutoramento.

Artigo 2º.-Orzamento.

Para a concesión das axudas convocadas na presente orde destinarase a cantidade total de 36.781,94 euros, para a que existe crédito adecuado e suficiente na aplicación orzamentaria 07.05.322C.480.2 de acordo coa Lei 6/2002, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2003.

As cantidades antes citadas poderán incrementarse de acordo coas dispoñibilidades orzamentarias.

Artigo 3º.-Beneficiarios.

Poderán optar a estas bolsas e axudas:

-Os estudiantes universitarios de segundo ciclo.

-Os estudiantes universitarios de terceiro ciclo na etapa de formación, é dicir, ós que fai referencia o artigo 6 do Real decreto 778/1998, do 30 de abril, polo que se regula o terceiro ciclo de estudios universitarios.

-Os universitarios recentemente titulados no curso académico 2001-2002, tanto licenciados como diplomados universitarios, nalgunha das tres universidades do sistema universitario de Galicia.

O importe de cada bolsa será como máximo de 1.000 euros segundo as circunstancias e o lugar no que se vaia realiza-la actividade, concedéndose como máximo, dúas bolsas por solicitante.

Só se concederán axudas para aquelas actividades que teñan unha duración mínima de 30 horas.

Quedan excluídos aqueles solicitantes que anteriormente recibiran outras axudas para o mesmo concepto por parte da Xunta de Galicia. Se fose concedida por outro organismo, a contía global da axuda recibida non poderá supera-lo importe máximo de 3.000 euros. Procederase ó reintegro do exceso percibido nos supostos en que o importe da subvención, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou doutras entidades públicas ou privadas, nacionais ou internacionais, supere o custo da actividade que vai desenvolve-lo beneficiario ou, se é o caso, a porcentaxe máxima do investimento subvencionable que se estableza, segundo o disposto no artigo 19 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Esta bolsa é incompatible coa realización dun traballo remunerado de tipo estable.

Artigo 4º.-Período.

As actividades que se subvencionan nesta convocatoria serán realizadas durante o período comprendido entre o 1 de xaneiro e o 30 de novembro de 2003.

Artigo 5º.-Solicitudes.

1. As solicitudes, segundo o modelo que se publica como anexo á presente orde, presentaranse no rexistro xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria ou ben en calquera dos centros previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, para a presentación de instancias. Se no uso deste dereito, a solicitude é remitida por correo, presentarase en sobre aberto, para que sexa datada e selada polo funcionario de correos antes de que proceda á súa certificación.

2. As solicitudes deberán ir acompañadas da seguinte documentación:

-Copia do DNI/NIF do solicitante.

-Certificado da universidade correspondente facendo consta-los estudios que está a realizar no presente curso.

-Programa das actividades do evento, especificando horas de duración, lugar e datas de celebración.

-Comunicacións ou pósters que, se é o caso, presente o solicitante.

-Declaración xurada do solicitante na que conste a vinculación existente entre as materias obxecto de estudio e as actividades ás que quere asistir.

-Orzamento dos gastos que, previsiblemente, puidera ocasiona-la asistencia do interesado ó evento.

-Declaración de conxunto de tódalas axudas solicitadas ou concedidas para o mesmo concepto das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos ou privados.

-Documento facilitado pola entidade bancaria na que conste o código de conta cliente do solicitante.

3. O prazo de presentación de solicitudes será desde o día seguinte da publicación da presente convocatoria no Diario Oficial de Galicia ata o día 15 de maio de 2003. En todo caso, o prazo mínimo establecido será o estipulado no artigo 43 da Lei 6/2002, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2003.

Artigo 6º.-Comisión de avaliación.

A selección dos bolseiros será realizada por unha comisión de avaliación integrada por:

Presidente: o director xeral de Universidades ou, por delegación, o subdirector xeral de Universidades.

Vocais:

-Pola Universidade de Santiago de Compostela, o vicerrector competente na materia.

-Pola Universidade da Coruña, o vicerrector competente na materia.

-Pola Universidade de Vigo, o vicerrector competente na materia.

-Un representante do Servicio de Coordinación do Sistema Universitario de Galicia.

Secretario: un representante da Dirección Xeral de Universidades, que actuará con voz e voto.

En caso de empate, decidirá o voto de calidade do presidente.

Artigo 7º.-Tramitación e resolución.

1. Os servicios da Dirección Xeral de Universidades comprobarán que tódalas solicitudes reúnen os requisitos establecidos nesta orde e exporán a lista de solicitudes, admitidas e excluídas, sinalando as causas de exclusión, nos taboleiros de anuncios da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e nos das súas delegacións provinciais, no centro de información administrativa da Consellería da Presidencia e Administración Pública, nos vicerrectorados de estudiantes das universidades de Galicia, nos campus de Ferrol,

Ourense, Lugo e Pontevedra e na Internet no enderezo http://www.xunta.es/conselle/ceoug/dxu/pub/bol.htm.

Esta lista estará exposta do 27 de maio ó 5 de xuño de 2003 podendo os interesados, durante ese mesmo prazo, formular reclamación para emendar erros e falta de documentos, ante a Dirección Xeral de Universidades, achegando, se é o caso, a documentación necesaria. Transcorrido este prazo sen que se emenden as causas de exclusión, considerarase que o interesado desiste da súa petición logo de resolución, nos termos establecidos no artigo 71 da Lei 30/1992.

2. Posteriormente a comisión avaliadora elaborará unha relación de bolseiros beneficiarios, concedendo as axudas, preferentemente, a aqueles solicitantes que presenten comunicacións ou pósters. Para a valoración poderanse ter en conta:

a) Lugar de celebración e duración do evento.

b) Expediente académico dos solicitantes.

3. Efectuada a selección pola comisión, esta elevará, a través da Dirección Xeral de Universidades, un informe-proposta ó conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, quen emitirá resolución na que constará a relación de beneficiarios, a lista de suplentes e a de solicitudes excluídas coas causas de exclusión.

4. Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes a partir do día seguinte ó da publicación da resolución no DOG, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 4/1999 (BOE nº 12, do 14 de xaneiro) de modificación da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Artigo 8º.-Xustificación.

Os beneficiarios, no prazo de 10 días naturais posteriores á finalización da actividade ou desde a publicación da resolución, no caso de terse celebrada esta antes da súa publicación, deberán presenta-la seguinte documentación:

1. Unha declaración complementaria do conxunto das axudas, tanto as concedidas como as pendentes de resolución.

2. Certificado ou acreditación de asistencia.

3. Xustificantes dos gastos ocasionados (matrícula, desprazamentos, aloxamento, manutención, etc.), segundo se especifica no artigo 15 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 9º.-Pagamento.

As axudas concedidas faranse efectivas mediante libramento único e directo ós beneficiarios, trala presentación, dentro do prazo establecido, da documentación xustificativa de asistencia ó evento solicitado. Non se poderá esixi-lo pagamento da axuda

ou subvención concedida e procederá ó reintegro total ou parcial da contía percibida xunto cos xuros de demora devengados desde o seu pagamento, nos casos indicados no artigo 19 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposicións adicionais

Primeira.-A concesión de axudas reguladas nesta orde terá como límite global o crédito asignado nos orzamentos para este fin.

Segunda.-O incumprimento total ou parcial de calquera das condicións establecidas na presente orde constituirá causa determinante de revogación da axuda e do seu reintegro polo beneficiario ou solicitante, segundo o disposto na Lei 7/2002, do 27 de decembro, de medidas fiscais e de réxime administrativo, que modifica o artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, e en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Terceira.-As renuncias que se produzan poderán ser substituídas pola Dirección Xeral de Universidades de acordo coa lista de suplentes que se estableza na resolución.

Cuarta.-Se por calquera causa, no momento en que a comisión avaliadora teña que examina-las solicitudes, algún dos compoñentes non puidese asistir, será substituído pola persoa que para o efecto se nomee. O dito nomeamento deberá recaer noutra persoa da dirección xeral ou da universidade correspondente en virtude da súa representación.

Quinta.-Para os efectos establecidos no artigo 44.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999 (BOE nº 12, do 14 de xaneiro), de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, o prazo máximo para resolve-las solicitudes correspondentes ás accións especificadas nesta orde será de seis meses, contados a partir do día seguinte da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia, producindo efectos desestimatorios a falta de resolución.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Universidades para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 6 de marzo de 2003.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria