Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 56 Xoves, 20 de marzo de 2003 Páx. 3.375

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE SANIDADE

DECRETO 186/2003, do 6 de marzo, polo que se fixa o procedemento, os requisitos e as condicións de autorización dos centros hospitalarios da Comunidade Autónoma de Galicia.

A Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade, no seu artigo 29, establece a necesidade de que tódolos centros e establecementos sanitarios conten coa autorización administrativa previa para a súa instalación e funcionamento, así como para as modificacións que respecto da súa estructura e réxime inicial poidan establecerse.

En virtude do establecido no artigo 33.1º do Estatuto de autonomía de Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, correspóndelle á Comunidade Autónoma de Galicia o desenvolvemento lexislativo e a execución da lexislación básica do estado en materia de sanidade interior.

O Decreto 77/2001, do 29 de marzo, sobre centros, servicios e establecementos sanitarios da Comunidade Autónoma de Galicia, determina, no seu artigo 4, unha serie de obrigas entre as que figuran, tanto o cumprimento dos requisitos técnicos e condicións mínimas establecidos para o seu correcto funcionamento, como a adaptación da súa estructura, organización e funcionamento ó establecido para cada clase ou tipo de centro, servicio ou establecemento sanitario, se é o caso. Por outra banda, na súa disposición derradeira primeira, faculta a Consellería de Sanidade e Servicios Sociais (hoxe Consellería de Sanidade) para dicta-las normas e adopta-las medidas oportunas para o desenvolvemento e aplicación do establecido nel.

A Orde do 29 de marzo de 2001, pola que se regula actualmente a autorización de centros, servicios e establecementos sanitarios, determina este procedemento para aqueles que non teñan un específico, establecendo os datos documentais dos expedientes correspondentes que permitan coñece-las súas características, trámites administrativos e competencia para a súa resolución, coa finalidade de mellora-la calidade da atención sanitaria ofertada ós usuarios, respectando o principio de liberdade de empresa.

Con anterioridade, e ata a entrada en vigor do Decreto 77/2001, era o Decreto 99/1984, sobre centros, servicios e establecementos sanitarios, derrogado pola disposición derrogatoria do devandito Decreto 77/2001, a norma reguladora desta materia, desenvolta pola Orde do 7 de novembro de 1984, pola que se regulaba, ata este momento, o procedemento para solicita-la autorización destes centros, servicios e establecementos sanitarios, e pola Orde do 24 de setembro de 1986, na que se fixaban os requisitos e condicións necesarias para a autorización dos centros de asistencia hospitalaria na Comunidade Autónoma de Galicia, e a partir da súa entrada en vigor destes requisitos e condicións foron tidos

en conta para a autorización dos centros hospitalarios de nova construcción.

O Decreto 77/2001, do 29 de marzo, é unha norma xenérica que fixa uns requisitos mínimos que poderán ser particularizados para cada tipo de establecementos por normas posteriores de igual rango, como é o caso do presente decreto, que prevé un procedemento específico para os centros hospitalarios, distinto do establecido na Orde do 29 de marzo de 2001, para os centros, servicios e establecementos sanitarios en xeral.

Recentemente, o Decreto 52/2001, do 22 de febreiro, polo que se regula a acreditación dos centros hospitalarios da Comunidade Autónoma de Galicia, establece os procedementos e criterios que, superando os requisitos técnicos e as condicións mínimas para a súa autorización, deban cumpri-los centros hospitalarios, có obxecto de mellorar, de forma progresiva, a calidade destes e das súas prestacións sanitarias.

Como consecuencia destas recentes modificacións nesta materia, derrogados o Decreto 99/1984 e a Orde do 7 de novembro de 1984, mantivo, nembargantes, a súa vixencia a Orde do 24 de setembro de 1986.

Polo tanto, é preciso proceder á adecuación normativa, actualizando e adaptando o regulado pola Orde do 24 de setembro de 1986, pola que se fixan os requisitos e condicións necesarias para a autorización dos centros de asistencia hospitalaria na Comunidade Autónoma de Galicia.

Por outro lado, e dada a importancia e consecuencias da asistencia sanitaria prestada nos hospitais desta comunidade, é necesario facer unha nova e actual regulación dos seus requisitos técnicos e condicións mínimas para o seu funcionamento, que sexa de aplicación tanto para os centros hospitalarios de nova creación como para os que xa estean en funcionamento, dando a estes últimos un prazo razoable para a súa adaptación, todo iso coa finalidade de garanti-la calidade dos servicios que prestan.

En consecuencia, oídos os colexios oficiais de médicos, así coma os centros hospitalarios públicos e privados da Comunidade Autónoma, por proposta do conselleiro de Sanidade, de acordo co dictame 722/2002, do Consello Consultivo de Galicia, do 17 de xaneiro de 2003, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día seis de marzo de dous mil tres,

DISPOÑO:

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Ámbito de aplicación e obxecto.

1. A presente disposición é de aplicación ós centros hospitalarios públicos e privados situados no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. O obxecto deste decreto é regula-lo seu procedemento de autorización e establece-los requisitos e as condicións mínimas para o seu funcionamento.

Artigo 2º.-Concepto de centro hospitalario.

Enténdese por centro hospitalario, para os efectos deste decreto, aquel centro destinado a proporcionar asistencia sanitaria en áreas médicas e/ou cirúrxicas, en réxime de internamento por un tempo superior a 24 horas, e ambulatorio, coa finalidade de realizar un diagnóstico e tratamento dos pacientes que atenda.

Capítulo II

Requisitos e procedemento

Artigo 3º.-Requisitos e condicións de funcionamento.

Os centros hospitalarios deberán cumpri-los requisitos e as condicións mínimas sinalados no anexo I deste decreto, en función da asistencia sanitaria que presten.

Artigo 4º.-Solicitude de autorización previa de creación.

A solicitude para obte-la autorización previa de creación dun centro hospitalario será presentada na correspondente delegación provincial da Consellería de Sanidade, e será subscrita pola persoa física ou xurídica titular ou polo seu representante legal. Así mesmo, a solicitude axustarase ó modelo que figura no anexo II, o que se lle xuntará a seguinte documentación:

a) Documento acreditativo da personalidade do solicitante (DNI) e , se é o caso, da representación que teña.

b) Cando o solicitante se constitúa como persoa xurídica, CIF, copia compulsada da dita constitución e certificación da súa inscrición no rexistro mercantil, se é o caso.

c) Nome comercial do centro hospitalario.

d) Documento acreditativo da propiedade ou dispoñibilidade do espacio inmoble.

e) Memoria da natureza do centro hospitalario na que conste, polo menos:

-Oferta de servicios sanitarios en función da titulación e especialidade recoñecida dos profesionais sanitarios cos que contará.

-Descrición das unidades de hospitalización.

-Previsión do cadro de persoal sanitario e non sanitario, especificando as titulacións e especialidades sanitarias recoñecidas oficialmente.

-Plan de equipamento.

f) Planos a escala de conxunto e detalle que permitan coñece-la localización, a identificación, o destino e o tamaño das dependencias e das súas diferentes áreas, así como a localización do equipamento máis sobresaínte.

g) Calqueraoutra que, tanto por parte do interesado como da administración sanitaria, se considere necesaria e resulte axeitada e proporcionada ós fins que xustifican a súa solicitude para aclara-lo expediente de autorización.

h) Xustificante de ter aboada a taxa correspondente.

Artigo 5º.-Tramitación e resolución da autorización previa de creación.

1. Recibida a solicitude xunto coa correspondente documentación, os servicios competentes da delegación provincial da Consellería de Sanidade comprobarán a adecuación do centro hospitalario ó disposto nesta norma e a aqueloutra que sexa de aplicación, así como o cumprimento dos requisitos e condicións de carácter estructural recollidos no anexo I.

2. Posteriormente, a delegación provincial realizará informe proposta e remitirá a totalidade do expediente á Secretaría Xeral da Consellería de Sanidade, para que o secretario xeral resolva ó respecto.

Artigo 6º.-Solicitude de autorización de funcionamento.

Rematadas as obras, a instalación do material e equipamento, e a dotación de recursos humanos, e antes de inicia-la actividade, o interesado procederá a solicitar, na delegación provincial correspondente da Consellería de Sanidade, a autorización de funcionamento segundo o modelo que se indica no anexo II, xuntando a seguinte documentación:

a) Identificación do director ou xerente e do médico responsable da área asistencial, e documentos que acrediten a súa conformidade.

b) Cadro de persoal e, no caso de persoal sanitario, xustificación documental da titulación e especialidade correspondente que habilita para levar a cabo as actividades sanitarias, e a súa vinculación co centro.

c) Documentación acreditativa das autorizacións e requisitos que precisen as instalacións ou equipamento conforme a súa normativa de aplicación.

d) Memoria dos aspectos funcionais dos 25 puntos nos que está estructurado o anexo I, agás dos números 7 de críticos, 8 de obstetricia, 9 de diálise hospitalaria, 10 de rehabilitación, e 13 de bloque cirúrxico, cando non conten con esas unidades.

e) Xustificación da presentación do plan de xestión intracentro de residuos sanitarios na Dirección Xeral de Saúde Pública para a súa aprobación.

f) Se é o caso, modificacións dos planos do centro hospitalario respecto ó seu proxecto inicial.

g) Calqueraoutra que, tanto por parte do interesado como da administración sanitaria, se considere necesaria e resulte axeitada e proporcionada ós fins que xustifican a súa solicitude para aclara-lo expediente de autorización.

h) Xustificante de ter aboada a taxa correspondente.

Artigo 7º.-Tramitación e resolución da autorización de funcionamento.

1. Completada a documentación pertinente, a delegación provincial da Consellería de Sanidade remitirá a totalidade do expediente á Dirección Provincial do Servicio Galego de Saúde, para que se proceda á visita de inspección.

2. A Dirección Provincial de Servicio Galego de Saúde, tras comproba-lo cumprimento das condi

cións e requisitos esixidos nesta disposición e naqueloutras que sexan de aplicación, e tras realiza-la visita de inspección, da que se redactará acta, remitirá o expediente e o informe proposta á Secretaría Xeral da Consellería de Sanidade, para que o secretario xeral resolva ó respecto.

3. No caso de que na visita de inspección se observasen deficiencias, a Dirección Provincial do Servicio Galego de Saúde poderalle conceder ó interesado un prazo para a súa emenda. Transcorrido o prazo sinalado sen que fosen corrixidas, comunicarallo á Secretaría Xeral da Consellería de Sanidade para que resolva ó respecto.

4. A autorización de funcionamento comporta a inclusión do centro hospitalario no rexistro de centros, servicios e establecementos sanitarios.

Artigo 8º.-Modificacións.

1. As modificacións substanciais, como ampliacións físicas ou reformas e novas especialidades non previstas na autorización inicial, entre outras, que se pretendan realizar nos centros hospitalarios xa autorizados, poñeranse previamente en coñecemento da delegación provincial correspondente, para o que se xuntará unha memoria explicativa sobre a súa adecuación, así como unha descrición detallada dos cambios que se pretendan levar a cabo en relación coa situación existente.

2. Á vista da documentación, a delegación provincial valorará a necesidade dunha autorización expresa das modificacións e, en tal caso, comunicarallo ó interesado para que inicie o procedemento correspondente. Se no transcurso de tres meses o interesado non recibe ningunha comunicación ó respecto, entenderá que as modificacións non requiren autorización expresa.

3. Os cambios efectuados na titularidade, denominación e director ou xerente do centro hospitalario, serán comunicados no prazo máximo dun mes, xuntando os documentos acreditativos ó respecto.

Artigo 9º.-Comunicación do peche.

Deberáselle dar conta do peche dun centro hospitalario á delegación provincial correspondente, como mínimo con tres meses de antelación. Así mesmo, deberán xuntarse as actuacións que se levarán a cabo para garanti-la protección da saúde das persoas.

Artigo 10º.-Caducidade, revogación e prazo máximo de resolución.

1. A autorización previa de creación dun centro hospitalario entenderase caducada se, transcorridos dous anos desde a data da súa concesión, non fose solicitada a autorización de funcionamento. En tal caso, a Administración advertirá o interesado que, transcorridos tres meses sen solicita-la devandita autorización, se acordará o arquivo das actuacións, notificándollo ó interesado. Contra a resolución que declare a caducidade procederá recurso de alzada. Non obstante, cando existan causas motivadas que impidan a instalación neste prazo, logo de solicitude do interesado e presentación da documentación que o xustifique, poderá acordarse por resolución do

secretario xeral que continúe vixente a autorización no tempo que se sinale na devandita resolución.

2. A autorización de funcionamento entenderase revogada se, no prazo de tres meses, contados desde a data da notificación da resolución, non se iniciase a actividade do centro hospitalario, ou permanecese interrompida máis de seis meses unha vez iniciada. Tamén se entenderá revogada se se procede ó peche do centro hospitalario ou se alterasen substancialmente as condicións orixinarias que serviron de base para o seu outorgamento

3. O prazo máximo para resolve-la solicitudes será de seis meses. Transcorrido o dito prazo sen resolución expresa, entenderase denegada a autorización.

Artigo 11º.-Vixencia e renovación.

A autorización de funcionamento e a conseguinte inscrición no rexistro de centros, servicios e establecementos sanitarios deberá ser obxecto de renovación cada dez anos. Para tal efecto, o interesado deberá solicita-la conseguinte renovación segundo modelo que figura no anexo III, cunha antelación mínima de tres meses á data límite da súa vixencia. A non solicitude de renovación no prazo previsto será sancionable consonte o disposto na Lei xeral de sanidade.

Artigo 12º.-Traslado.

O traslado dun centro hospitalario deberá segui-los mesmos trámites que a creación dun novo. A súa autorización de funcionamento implica o peche da anterior localización.

Artigo 13º.-Recursos administrativos.

Contra as resolucións que, de acordo con este decreto, dicte o secretario xeral poderase interpor recurso de alzada ante o conselleiro de Sanidade na forma e prazos establecidos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro e pola Lei 24/2001, do 27 de decembro.

Disposición transitoria

Os centros hospitalarios que na entrada en vigor deste decreto estean en funcionamento e conten coa preceptiva autorización, dispoñerán dun prazo de dous anos para adaptarse ós requisitos e condicións recollidos nesta disposición e solicita-la súa renovación.

O mesmo prazo de adaptación e renovación esixirase ós centros hospitalarios que estean tramitando a devandita autorización no momento da entrada en vigor deste decreto.

O incumprimento do disposto nesta disposición transitoria terá os efectos previstos no artigo 11º deste decreto.

Disposición derrogatoria

Queda derrogada a Orde do 24 de setembro de 1986, pola que se fixan os requisitos e condicións necesarias para a autorización dos centros de asistencia hospitalaria na Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposición derradeira

A presente disposición entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela o seis de marzo de dous mil tres.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Mª Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade

ANEXO I

Requisitos e condicións mínimas de autorización de centros hospitalarios

1. Dirección.

1.1. Calquera centro hospitalario debe ter unha área de dirección cunha organización adecuada para garanti-lo cumprimento das funcións xerais do centro, dispondo de:

-Un director ou xerente como máximo representante do centro e un médico responsable da área asistencial. Estas funcións poden ser desempeñadas pola mesma persoa.

-Un organigrama funcional.

1.2. Tódolos centros deben ter datos actualizados do cadro de persoal, así como a acreditación documental da relación do persoal co centro.

1.3. A dirección do centro debe dispor dunha carteira de servicios que especifique as prestacións sanitarias que oferta. Nela debe estar prevista a atención continuada dos enfermos ingresados.

2. Admisión e xestión de pacientes.

2.1. Tódolos centros hospitalarios deben ter unha unidade central de admisión, a cal será responsable de:

-Dar información xeral e programa-la atención ós pacientes.

-Xestiona-lo traslado, identificación, localización dos pacientes e ocupación do centro.

2.2. Organización do transporte sanitario de pacientes desde o hospital a outros centros ou ós seus domicilios.

3. Calidade asistencial.

3.1. Os centros hospitalarios deben ter un plan de calidade adaptado ás características do centro, que permita constata-lo nivel de calidade asistencial obtido e as actuacións que se leven a cabo, co obxecto de corrixi-las desviacións que se poidan producir.

4. Atención ó pacente.

4.1. O centro hospitalario contará cunha organización que garanta os dereitos e deberes do paciente, segundo a normativa vixente de aplicación.

4.2. O centro debe garanti-la diferenciación de estamentos do persoal, mediante un uniforme e unha identificación persoal, co fin de que os pacientes e familiares que teñan contacto directo con el poidan, en todo momento, distingui-lo estamento e as persoas que os asisten.

4.3. O centro hospitalario debe contar con procedementos para canaliza-los problemas que poidan formula-los pacientes e tramita-la súa solución.

5. Estructura física, instalacións, seguridade e mantemento.

5.1. O hospital debe cumpri-las normas de construcción de instalacións e de seguridade previstas na normativa vixente e, en particular, os regulamentos de seguridade que lle sexan de aplicación, referentes a:

a) Aparellos á presión.

b) Ascensores.

c) Equipos de instalacións frigoríficas.

d) Almacenamento de productos químicos e biolóxicos.

e) Calefacción, climatización e auga quente sanitaria.

f) Prevención da contaminación atmosférica.

g) Utilización e almacenamento de combustibles gasosos, líquidos e licuados.

h) Baixa e alta tensión.

Igualmente, o hospital debe cumpri-la lexislación en materia de protección contra incendios para establecementos sanitarios e a normativa vixente para a prevención de riscos laborais.

5.2. O hospital cumprirá as seguintes especificacións no referente a estructura física e instalacións:

a) Tódolos cuartos e áreas nas que haxa presencia continuada de persoas deben estar provistos de calefacción e debidamente ventilados.

b) As seguintes áreas (en caso de que existiren) deben recibir aire tratado debidamente de acordo coas necesidades de asepsia de cada unha delas: quirófanos, zonas de illamento, unidades de coidados críticos, unidades de queimados e outras áreas que o precisen.

c) Será necesario que as entradas principais ó hospital e os percorridos interiores sexan adecuados para calquera persoa en situación de minusvalidez, existindo sistemas de sinalización que faciliten a circulación de persoas.

d) Os hospitais de máis dunha planta disporán como mínimo de dous aparellos de comunicación vertical con capacidade suficiente para unha padiola e un acompañante.

e) Debe existir un sistema de comunicación telefónica exterior e interior. As comunicacións interiores deben incluír un sistema rápido de conexión con todo o persoal de garda, o servicio de mantemento, a persoa responsable de enfermería e a persoa responsable do plan de emerxencia e seguridade.

5.3. En tódolos centros hospitalarios estará prevista a subministración alternativa de electricidade e auga a tódolos equipos e instalacións que atenden funcións vitais, cunha autonomía que garanta a cobertura dos riscos que se pretenden cubrir.

5.4. Estará prohibido fumar no recinto hospitalario, adaptándose á normativa vixente de aplicación.

5.5. Os hospitais terán asegurada a asistencia de mantemento durante as 24 horas e cada día do ano

5.6. O centro disporá de planos completos actualizados, con especificación de tódalas dependencias e instalacións, que deben poderse consultar permanentemente.

6. Hospitalización.

6.1. Defínese como unidade de hospitalización a estructura que, situada nunha planta do centro, depende dun control de enfermería. A capacidade máxima da unidade de hospitalización non excederá de 50 camas. Por cada unidade poderanse habilitar, en número suficiente, cuartos individuais por prescrición facultativa.

6.2. A presencia mínima de persoal de enfermería por quenda será de dúas persoas. O 50% do devandito persoal debe ser DUE/ATS, podendo rebaixarse tal porcentaxe ó 40% no caso de unidades de coidados mínimos.

6.3. O persoal de enfermería debe dispor como mínimo de sistemas de rexistro para a planificación e execución de coidados, prescricións médicas e constantes vitais.

6.4. Tódolos cuartos deben de ter unha capacidade que asegure o acceso á cama ou camas por ámbolos lados. As portas deben permiti-lo paso de padiolas e de camas. Debe haber iluminación natural e ventilación adecuada. Os cuartos de máis dunha cama deben poder asegura-la intimidade do enfermo cando sexa necesario.

Por cada cama debe disporse cando menos de:

-Unha mesiña.

-Una cadeira.

-Un armario.

-Un dispositivo de aviso de enfermería.

-Un sistema eléctrico adecuado.

6.5. Os servicios mínimos de cada unidade de hospitalización deben ser:

-Un servicio de aseo completo por cuarto.

-Un local para o baño ou a ducha adecuado ás necesidades dos enfermos por planta de hospitalización.

6.6. Cada unidade debe dispor de locais de traballo e descanso do persoal. Deben existir espacios diferenciados e adecuados para as tarefas médicas e de enfermería, e como mínimo:

-Control de enfermería con visibilidade e sistema de comunicación acústico e/ou luminoso con cada un dos cuartos.

-Zonas limpas e sucias claramente diferenciadas.

-Almacéns de medicación, roupa e material diverso.

-Área de curas (pode ser común a varias unidades, sempre que estean situadas na mesma planta).

-Despacho (pode ser común a varias unidades, sempre que estean situadas na mesma planta).

-Sala de estar para pacientes e familiares (pode ser común a varias unidades sempre que estas estean situadas na mesma planta).

6.7. As unidades de hospitalización deben te-los requisitos necesarios no referente a mobiliario e instalacións, de acordo coa idade e características físicas e psíquicas dos pacientes ós que se destinan.

6.8. Debe existir un sistema que garanta a subministración individual de osíxeno e baleiro.

6.9. Tódalas unidades deben dispor de material, equipamento e medicación de reanimación cardiorrespiratoria e rápido acceso a un monitor desfibrilador.

7. Críticos.

7.1. O centro que dispoña de unidade ou unidades de coidados críticos debe constar basicamente do seguinte:

-Control de enfermería, que debe permiti-la fácil visualización dos enfermos e o rápido acceso a estes, para a súa atención inmediata.

-Cada un dos cubículos/cuartos ha permiti-los movementos do persoal e material para realiza-las actividades médicas e de enfermería requiridas polos pacientes.

-As camas deben ser móbiles para permiti-lo seu desprazamento. Debe poderse acceder ó enfermo desde os catro lados da cama.

-Cada unha das camas estará equipada cun monitor eléctrico na cabeceira cun sistema de alarma e con posibilidade de electrocardiograma, PO2 e tensión arterial, dúas tomas de osíxeno e baleiro, un manómetro de presión, unha toma de aire comprimido, iluminación suficiente para realiza-las técnicas utilizadas normalmente e un número de enchufes suficiente (como mínimo, seis enchufes por cada cama).

-A unidade contará como mínimo con desfibrilador eléctrico, electrocardiógrafo, respirador volumétrico, marcapasos externo e carro de reanimación cardio-pulmonar.

-O centro debe dispor de laboratorio durante as 24 horas do día, así como ter dispoñibilidade de sangue.

-A unidade debe dispor como mínimo dun médico especialista, coa titulación adecuada, que poida corresponder en presencia física na unidade as 24 horas do día e da asistencia permanente dun DUE/ATS por cada catro camas, así como persoal auxiliar necesario.

8. Obstetricia.

8.1. O centro que dispoña de unidade de obstetricia deberá ter establecidas normas que regulen a atención ó parto, puerperio e neonato, e unha correcta coordinación cunha unidade de neonatoloxía.

8.2. Calquera muller en proceso de parto debe ser atendida como mínimo por un enfermeiro especialista en obstetricia-xinecoloxía (matronas) e debe existi-la posibilidade de asistencia de médico especialista. A unidade de partos debe ter un acceso inmediato ó quirófano.

8.3. O centro debe dispor de incubadoras fixas e portátiles.

8.4. O neonato debe ser identificado de inmediato e sometido a revisión pediátrica dentro das 24 horas posteriores ó nacemento.

8.5. O neonato que ingresa debe dispor de documentación clínica, débeselles dar informe de alta ós pais e, no caso de que sexa trasladado a outro centro, debe ir acompañado dun informe.

9. Diálise hospitalaria.

9.1. O centro que dispoña de unidade de diálise terá que dispor, polo menos, das áreas seguintes:

-Área de diálise adecuada cun aparello como mínimo en reserva para enfermos agudos.

-Área de diálise específica para pacientes portadores de xermes de especial risco de contaxio.

-Vestiarios e servicios.

9.2. A unidade de diálise debe dispor de instalacións de tratamento de augas que permitan atende-las necesidades en tódolos aparellos.

9.3. Debe dispor cando menos dun médico especialista en nefroloxía responsable da unidade, con dispoñibilidade, ben de presencia física ou localizada, durante a permanencia de pacientes na unidade.

9.4. Na área de diálise para enfermos crónicos debe haber como mínimo un DUE/ATS en presencia física permanente por cada quenda de diálise, así como persoal auxiliar necesario.

10. Rehabilitación.

10.1. O hospital que dispoña de unidade de rehabilitación debe ter un médico rehabilitador responsable, e contar con instalacións e persoal preciso.

10.2. Os tratamentos prescritos polo médico especialista deben ser realizados polos terapeutas adecuados.

10.3. As unidades onde se presten tratamentos de rehabilitación non deben ter barreiras arquitectónicas, debendo dispor polo menos das seguintes áreas:

-Sala de espera.

-Consulta médica.

-Específicas para o tratamento das distintas terapias.

-Vestiarios e servicios.

10.4. Debe contar con equipamento e instalacións necesarios para as diferentes modalidades de tratamentos ofertados polo centro.

11. Consultas externas.

11.1. A área de consultas externas debe contar con espacio suficiente que permita a espera e a función de admisión e información durante o seu horario de funcionamento. Esta área debe dispor de teléfono e de aseos para a utilización dos pacientes.

11.2. Cada despacho de consulta debe te-lo material e persoal necesarios para unha adecuada exploración física en función da súa finalidade, salvagardando a intimidade dos pacientes.

11.3. A área de consultas externas debe estar libre de barreiras arquitectónicas, tanto nos accesos coma no seu interior.

12. Urxencias.

12.1. A unidade de urxencias debe contar cos espacios físicos seguintes: recepción e sala de espera, boxes asistenciais, despacho médico, áreas de almacén suficientes e espacios de descanso para o persoal; así mesmo, disporá de aseos para os pacientes e zona sucia.

12.2. Cada box asistencial disporá de padiola provista de varandas, tomas de osíxeno e baleiro, lámpada de exploración individual e enchufes suficientes.

12.3. A unidade de urxencias debe estar dotada do equipamento e medicación necesarios para emerxencias cardiorrespiratorias e outras situacións que impliquen alto risco vital ou necesiten actuación inmediata.

12.4. Para atende-las urxencias internas, o hospital debe dispor permanentemente de material de recuperación de parada cardíaca, o cal ha de estar preparado e situado de manera que poida ser utilizado e trasladado en calquera momento, e no tempo límite de risco.

12.5. Calquera centro hospitalario debe ter, como mínimo, un médico de presencia física as 24 horas do día, co fin de atende-las necesidades internas.

12.6. Deben estar localizados os especialistas que garantan a cobertura da carteira de servicios do hospital, tanto para a urxencia interna como externa. En ningún caso o tempo de presentación do médico será superior a trinta minutos.

12.7. A unidade de urxencias externas debe estar dotada do persoal necesario para atender a calquera hora as emerxencias que se produzan. Debe estar dispoñible, de maneira permanente e inmediata, polo menos un médico e un DUE/ATS co persoal auxiliar necesario.

12.8. Os servicios de radioloxía, laboratorio e quirófano de urxencias deben estar en condicións de ser utilizados en calquera momento.

12.9. A unidade de urxencias disporá de acceso diferenciado e específico adecuadamente sinalizado, accesible para vehículos e sen barreiras arquitectónicas para usuarios.

12.10. A unidade de urxencias debe dispor da lista de nomes e especialidades dos médicos de garda en presencia física ou localizables.

13. Bloque cirúrxico.

13.1. O hospital que realice actividade cirúrxica debe ter normas escritas de organización e de funcionamento do bloque cirúrxico aprobadas pola dirección do centro.

13.2. Debe dispor permanentemente dun quirófano destinado á actividade urxente non programada.

13.3. A área cirúrxica debe estar claramente delimitada con sinalización das barreiras de acceso e con circulación diferenciada dos fluxos xerais do hospital, e existirán normas de funcionamento segun

do o seu deseño arquitectónico e o seu modelo organizativo.

13.4. A área cirúrxica disporá de mecanismos de control de factores ambientais e seguridade con soporte técnico que garantan os seguintes aspectos:

-Control da contaminación microbiolóxica.

-Iluminación apropiada nos quirófanos, tomas centralizadas de gases aire comprimido e baleiro.

-Instalación eléctrica en toda a área conectada a un grupo electróxeno e adaptada á normativa legal vixente (paneis de illamento, solos antiestáticos e tomas de equipotencialidade) e sistemas de detección de lume.

-Sistema de climatización individualizado de cada quirófano que asegure un grao de humidade e de temperatura adecuado, renovacións de aire, sobrepresión da área limpa sobre a sucia e correcta dirección da saída do fluxo do aire.

14. Dietética.

14.1. Tódolos hospitais disporán dunha área de dietética responsable da adecuada nutrición dos pacientes e da hixiene da alimentación, colaborando, para este traballo, co responsable do almacén de víveres e da cociña.

14.2. Debe haber como mínimo unha persoa con titulación específica en dietética.

14.3. Ademais da dieta normal ou basal do centro, estarán protocolizadas as dietas especiais. As dietas deben contar cun sistema identificativo para evitar confusións.

14.4. A unidade debe ter unha planificación de menús para un tempo determinado que, como mínimo, será semanal.

14.5. Os hospitais deben dispor dun petitorio, con especificación de tódalas dietas, para ser consultado nas unidades de hospitalización.

15. Diagnóstico por imaxe.

15.1. As instalacións mínimas de calquera hospital deben contar con equipamentos para realizar radioloxía simple. Tamén deben dispor dun aparello portátil de radiografías, sen prexuízo doutros medios que sexan necesarios para cubri-las necesidades asistenciais ofertadas na carteira de servicios do centro.

15.2. Debe contar polo menos coas seguintes instalacións:

-Sala de exploracións.

-Zona de espera para pacientes, diferenciada a de ambulantes e hospitalizados.

-Zona de estudio e información das exploracións realizadas.

-Vestiarios e servicios.

-Accesos adecuados para pacientes en padiolas e cadeiras de rodas.

15.3. Debe haber como mínimo un médico especialista en radiodiagnóstico, responsable do servicio.

15.4. Os informes das exploracións deben ser emitidos por escrito e asinados por un especialista en radiodiagnóstico.

15.5. A unidade de diagnóstico por imaxe do hospital debe estar en condicións de ser utilizada as 24 horas do día ou, no seu defecto, garanti-la realización das probas radiolóxicas que se requiran.

15.6. O hospital debe cumpri-la normativa vixente sobre protección contra radiacións ionizantes, tanto no que se refire ós espacios e equipamento da unidade coma ó persoal que traballa nela e ós usuarios.

16. Análises clínicas.

16.1. O hospital contará cunha unidade de laboratorio, xa sexa propia ou externa vinculada, capacitada para realiza-las determinacións básicas de análises clínicas de forma continuada, sen prexuízo doutras determinacións que sexan necesarias de acordo coa carteira de servicios do centro.

16.2. O laboratorio adaptarase á normativa vixente específica sobre esta materia da Comunidade Autónoma de Galicia.

17. Anatomía patolóxica.

17.1. Calquera centro hospitalario que desenvolva actividade cirúrxica debe dispor da posibilidade de realizar estudios anatomopatolóxicos.

17.2. O hospital debe ter prevista a posibilidade de realizar estudios post mortem.

17.3. A unidade de anatomía patolóxica adaptarase á normativa específica vixente nesta materia da Comunidade Autónoma de Galicia.

18. Hemoterapia.

18.1. O hospital debe ter asegurado o tratamento hemoterápico durante as 24 horas do día, axustándose ó regulado pola normativa vixente específica.

19. Farmacia.

19.1. Todo centro hospitalario debe garanti-la atención farmacéutica necesaria para a utilización racional e eficiente dos medicamentos, mediante o establecemento dun servicio de farmacia hospitalaria ou dun depósito de medicamentos, que deben cumpri-los requisitos fixados pola normativa vixente en materia de regulación dos servicios farmacéuticos nos hospitais.

19.2. Existirán por escrito normas e procedementos que regulen, cando menos, as seguintes funcións recollidas na normativa específica vixente: selección, adquisición, almacenaxe, dispensación, distribución, elaboración e conservación de medicamentos.

20. Documentación clínica.

20.1. A historia clínica é o conxunto de documentos nos que se conteñen os datos, as valoracións e as informacións de calquera tipo sobre a situación e evolución clínica dos pacientes ó longo do seu proceso asistencial, e adaptarase ó disposto na Lei 3/2001, do 28 de maio, reguladora do consentimento informado e da historia clínica dos pacientes.

20.2. Disporase dunha historia clínica única que acumulará toda a información clínica xerada en cada episodio asistencial e integrará os diferentes episodios do paciente, así como outros datos relevantes que estean directamente relacionados. Os rexistros deben ser obxectivos, intelexibles e o máis completos posible.

21.3. Na historia clínica poderá ser usado calquera dos soportes adecuados para a súa utilización, sempre e cando garantan a súa autenticidade, integridade, seguridade e conservación.

20.4. Toda historia clínica debe incluír como mínimo:

a) Datos suficientes para a adecuada identificación do paciente.

b) Datos suficientes para a adecuada identificación do médico responsable.

c) Datos que identifiquen o proceso de atención sanitaria.

d) Datos relativos ó proceso, que incluirán, se é o caso:

-Anamnese e exploración física.

-Ordes médicas.

-Folla de evolución e de planificación de coidados de enfermería.

-Evolución clínica.

-Informe sobre os procedementos diagnósticos ou terapéuticos e interconsultas realizadas.

-Informe de alta do episodio de atención.

-Documento asinado de consentimento informado.

-Documento asinado de alta voluntaria.

20.5. O arquivo de documentación clínica funcionará de maneira centralizada para todo o hospital, garantindo o acceso a el de forma continuada.

20.6. A xestión das historias clínicas e a codificación dos procesos adecuarase á normativa vixente.

20.7. Haberá unha persoa responsable do arquivo de historias clínicas.

21. Esterilización.

21.1. O hospital debe dispor dunha área de esterilización, da que será responsable un profesional sanitario.

21.2. Debe haber normativa escrita referente ó tipo de tratamento a que se somete o material, sistema de embalaxe, período límite de utilización de material e sistemas de control de material estéril.

21.3. Deberán levarse a cabo periodicamente controis bacteriolóxicos.

21.4. A área de esterilización estará organizada en áreas diferenciadas de acordo cos diferentes niveis de contaminación.

21.5. O material estéril debe estar embalado individualmente por cada acto cirúrxico. En xeral, o material estéril de uso para outras actividades estará embalado en unidades de consumo.

22. Limpeza.

22.1. Os hospitais deben dispor dun servicio de limpeza, xa sexa propio ou alleo vinculado.

22.2. Debe haber no propio centro un responsable encargado de supervisa-la limpeza.

22.3. Debe haber unha normativa escrita sobre o funcionamento deste servicio, con incidencia nas áreas de máis risco e os sistemas utilizados respecto a: identificación de material sucio e contaminante e almacenamento, transporte e eliminación de residuos, conforme coa normativa vixente.

22.4. Existirá un plan xeral de limpeza, desinsectación e desratización.

23. Cociña.

23.1. O hospital disporá dunha unidade de cociña propia ou vinculada allea. Haberá unha persoa responsable que supervisará todo o proceso de preparación dos alimentos.

23.2. A unidade debe dispor de espacios que permitan realiza-las seguintes funcións:

-Almacenamento de víveres.

-Refrixeración-conxelación dos alimentos.

-Preparación de alimentos, cocción e disposición nos pratos.

-Lavado de vaixela e utensilios.

-Eliminación de lixo e residuos.

23.3. Disporase do seguinte equipamento:

-Cámaras frigoríficas e conxeladores con aparellos de control de temperatura e humidade.

-Extractores de fumes nas zonas de producción destes e en número adecuado ó volume de traballo.

-Lavamáns distribuídos nas zonas próximas ás áreas de manipulación de alimentos.

-Todo o persoal de cociña disporá de carné de manipulador de alimentos actualizado.

-Deben existir normas sobre as medidas hixiénicas necesarias para a correcta preparación e distribución dos alimentos, para a súa conservación en almacéns e cámaras frigoríficas e para asegura-la distribución deles á temperatura e presentación adecuadas.

-O lixo debe eliminarse directamente ó exterior ou ser transportado en bolsas seladas.

24. Lencería e lavandería.

24.1. O hospital disporá dunha unidade de lavandería que pode ser propia ou vinculada allea. En calquera dos casos haberá unha persoa responsable da unidade no propio centro.

24.2. Haberá unha área diferenciada para o almacenamento de roupa limpa.

24.3. Disporase dun número suficiente de pezas para poder cambiar diariamente a roupa da cama e de uso persoal dos pacientes as veces que sexa necesario.

24.4. Disporase de normativa específica sobre embalaxe, identificación, transporte e tratamento da roupa, diferenciándose a roupa contaminada do resto.

25. Biblioteca.

25.1. Os hospitais disporán de espacio e medios necesarios destinados a biblioteca.

25.2. Os hospitais garantirán o acceso e a dispoñibilidade ós fondos documentais e bibliográficos que se precisen.