Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 56 Xoves, 20 de marzo de 2003 Páx. 3.389

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 6 de marzo de 2003 pola que se convocan bolsas e axudas ó estudio de carácter especial para estudiantes galegos, descendentes de galegos ou residentes en Galicia que cursen estudios universitarios de primeiro ou segundo ciclo no curso 2003-2004, cunha necesidade urxente de recursos económicos motivada por causas sobrevidas e imprevistas.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 31, establece como competencia plena da Comunidade Autónoma de Galicia a regulación e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, no ámbito das súas competencias.

O Real decreto 1754/1987, do 18 de decembro (BOE do 19 de xaneiro de 1988, DOG do 17 de febreiro) transferiulle á comunidade autónoma competencias en materia de universidades. Estas competencias foron asumidas pola comunidade autónoma e asignadas á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria no Decreto 62/1988, do 17 de marzo (DOG do 8 de abril).

A Lei 11/1989, do 20 de xullo (DOG do 16 de agosto), de ordenación do sistema universitario de Galicia, determina a constitución do sistema universitario de Galicia con tres universidades: a Universidade de Santiago de Compostela, a Universidade da Coruña e a Universidade de Vigo.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, a través da Dirección Xeral de Universidades, está a levar a cabo diversas accións de apoio económico ós estudiantes de ensino universitario, coas que se pretende favorece-la calidade, a competencia, a igualdade de oportunidades e a excelencia no rendemento académico ós estudiantes universitarios. Tradicionalmente, estas axudas e accións de apoio económico ós estudiantes universitarios viñan sendo destinadas a aqueles alumnos que acreditaban os mellores expedientes académicos como recoñecemento ó seu esforzo, e non se valoraba na mesma medida a necesidade urxente de recursos económicos, moitas veces motivada por causas sobrevidas e imprevistas.

Neste sentido, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria pretende continua-la política de axudas e bolsas de carácter especial para estudiantes galegos, descendentes de galegos ou residentes en Galicia, que cursen estudios universitarios de primeiro ou segundo ciclo, que teñen unha finalidade simplemente paliativa e van destinadas a facer fronte a causas sobrevidas que, polas súas circunstancias, requiren dunha atención perentoria na obtención de recursos económicos que permitan a continuidade dos estudios universitarios dos alumnos afectados, sen pretender solucións plenas á problemática que poidan presentar.

Polo que antecede, esta consellería

DISPÓN:

Artigo 1º.-Obxecto.

Convócanse bolsas e axudas ó estudio de carácter especial para estudiantes galegos, descendentes de

galegos ou residentes en Galicia que cursen estudios universitarios de primeiro ou segundo ciclo no curso 2003-2004 cunha necesidade urxente de recursos económicos, motivada por causas sobrevidas e imprevistas, que lle impidan ou dificulten a continuidade dos seus estudios, sempre que as causas excepcionais non estean cubertas por outras convocatorias específicas.

Artigo 2º.-Orzamento.

Para a concesión das axudas convocadas nesta orde destinarase a cantidade total de 153.258,09 euros, con cargo á aplicación orzamentaria 07.05.322C.480.2, de acordo co disposto na Lei 6/2002, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2003.

As cantidades antes citadas poderán incrementarse de acordo coas dispoñibilidades orzamentarias.

Artigo 3º.-Beneficiarios.

Poderán optar a estas axudas os estudiantes universitarios galegos, descendentes de galegos ou residentes en Galicia cun mínimo de tres anos consecutivos e anteriores á data desta convocatoria que cursen estudios universitarios de primeiro ou segundo ciclo no curso 2003-2004, e que xustifiquen documentalmente que as súas condicións socioeconómicas actuais se deben a causas sobrevidas e imprevistas que lle impidan ou dificulten continua-los seus estudios, sempre que as causas excepcionais non estean cubertas por outras convocatorias específicas.

Artigo 4º.-Importe e incompatibilidades.

a) O importe anual de cada bolsa será como máximo de 3.005 euros.

b) Estas axudas son compatibles co aproveitamento de calquera outro tipo de bolsas ou axudas, tanto de institucións públicas como privadas, sempre que a contía global non supere o importe anual máximo de 4.205 euros. Procederase ó reintegro do exceso percibido nos supostos en que o importe da subvención, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou doutras entidades públicas ou privadas, nacionais ou internacionais, supere o custo da actividade que vai desenvolve-lo beneficiario ou, se é o caso, a porcentaxe máxima do investimento subvencionable que se estableza, segundo o disposto no artigo 19 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 5º.-Solicitudes e documentación.

a) As solicitudes, segundo o modelo que se publica como anexo a esta orde, presentaranse no rexistro xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, ou ben en calquera dos centros previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, para a presentación de instancias. Se no uso deste dereito, a solicitude é remitida por correo, presentarase en sobre aberto, para que sexa datada e selada polo funcionario de correos antes de que proceda á súa certificación.

b) As solicitudes deberán ir acompañadas da seguinte documentación:

-Copia do DNI/NIF do solicitante.

-Certificación académica ou copia compulsada do curso 2002/2003, para aqueles solicitantes beneficiarios desta axuda o pasado curso.

-Certificado da universidade correspondente, no que consten os estudios e o curso que pretende realizar no período académico 2003-2004, para aqueles solicitantes que non obtivesen esta axuda o pasado curso.

-Certificado de empadroamento na Comunidade Autónoma de Galicia para os alumnos descendentes de galegos ou que non sexan galegos.

-Copia compulsada da declaración da renda correspondente ó exercicio de 2002 ou documento acreditativo actualizado da Axencia Tributaria de non estar suxeito á declaración ante a Facenda.

Aquelas persoas que, no momento de face-la súa solicitude, non teñan presentada a declaracción da renda correspondente ó exercicio de 2002, presentarán a do 2001.

-Declaración xurada asinada polo solicitante especificando os ingresos percibidos por tódolos membros que compoñen a unidade familiar durante o ano 2002.

-Informe do asistente social do concello no que estea empadroado que recolla a situación socioeconómica da unidade familiar e as causas sobrevidas e imprevistas que motivan a necesidade urxente de recursos económicos.

-Documento facilitado pola entidade bancaria a nome do interesado, no que conste o código de conta cliente.

-Declaración xurada do solicitante con expresión das axudas solicitadas ou concedidas por parte doutros organismos públicos ou privados.

-Declaración xurada do solicitante na que xustifique a causa sobrevida e imprevista que fundamentan a petición da bolsa, acompañando tódolos documentos que o proben.

O prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto desde o día seguinte da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia e ata o día 30 de setembro de 2003. En todo caso, o prazo mínimo establecido será o estipulado no artigo 43 da Lei 6/2002, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2003.

Artigo 6º.-Comisión de avaliación.

A selección dos candidatos será realizada por unha comisión de avaliación integrada por:

Presidente: o director xeral de Universidades ou, por delegación, o subdirector xeral de Universidades.

Vocais:

-Pola Universidade de Santiago de Compostela, o vicerrector correspondente na materia.

-Pola Universidade de Coruña, o vicerrector correspondente na materia.

-Pola Universidade de Vigo, o vicerrector correspondente na materia.

-Un representante do Servicio de Coordinación do sistema universitario de Galicia.

Secretario: un representante da Dirección Xeral de Universidades, que actuará con voz e voto.

En caso de empate, decidirá o voto de calidade do presidente.

Artigo 7º.-Tramitación e resolución.

1. Os servicios da Dirección Xeral de Universidades comprobarán que tódalas solicitudes reúnen os requisitos establecidos nesta orde.

Se as solicitudes non reúnen os requisitos que se sinalan no artigo 5º, requiriranse os interesados para que, nun prazo de dez días, emenden a falta ou acheguen os documentos preceptivos ante a Dirección Xeral de Universidade. Transcorrido este prazo sen emenda-las causas de exclusión, considerarase que o interesado desiste da súa petición logo de resolución, nos termos establecidos no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999 (BOE nº 12, do 14 de xaneiro), de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. A comisión avaliadora reunirase no mes de xuño e no mes de outubro para valorar aquelas solicitudes que teñan completa a documentación esixida e elaborará a relación de beneficiarios, podendo ter en conta, primordialmente, a súa situación socioeconómica actual e causas que a motivaron, a traxectoria do seu rendemento académico nos cursos precedentes, así como aquelas outras causas que a comisión considere.

3. Efectuada a primeira selección pola comisión, esta elevará, a través da Dirección Xeral de Universidades, un informe-proposta ó conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, quen emitirá resolución na que figure a relación de beneficiarios. Despois da segunda reunión da comisión avaliadora, seguirase o mesmo sistema, figurando na resolución, ademais da relación de beneficiarios, unha lista de suplentes e das solicitudes excluídas coas causas de exclusión.

4. Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes a partir do día seguinte ó da publicación da resolución no DOG, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 4/1999 (BOE nº 12, do 14 de xaneiro) de modificación da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Artigo 8º.-Xustificación.

Os beneficiarios deberán presentar documento acreditativo de estaren matriculados no curso 2003/2004 no prazo máximo de 10 días despois de ter efectuada a matrícula e, en todo caso, antes do 30 de outubro de 2003.

Artigo 9º.-Pagamento.

Publicada a resolución de beneficiarios no Diario Oficial de Galicia e, trala xustificación da matrícula para o curso 2003/2004, as axudas faranse efectivas na conta bancaria indicada polos interesados.

Disposicións adicionais

Primeira.-A concesión de axudas reguladas nesta orde terá como límite global o crédito asinado nos orzamentos para este fin.

Segunda.-O incumprimento total ou parcial de calquera das condicións establecidas nesta orde constituirá causa determinante de revogación da axuda e do seu reintegro polo beneficiario ou solicitante, segundo o disposto na Lei 7/2002, do 27 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa, que modifica o artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, e no artigo 19 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e axudas públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, e en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Terceira.-As renuncias que se produzan poderán ser substituídas pola Dirección Xeral de Universidades de acordo coa lista de suplentes que se estableza.

Cuarta.-Se por calquera causa, no momento en que a comisión de avaliación teña que examina-las solicitudes, algún dos compoñentes non puidese asistir,

será substituído pola persoa que para o efecto se nomee. O dito nomeamento deberá recaer noutra persoa da Dirección Xeral ou da universidade correspondente en virtude da súa representación.

Quinta.-Para os efectos establecidos no artigo 44.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999 (BOE nº 12, do 14 de xaneiro), de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e no artigo 10.2º do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, o prazo máximo para resolve-las solicitudes correspondentes ás accións especificadas nesta orde será de nove meses, contados a partir do día seguinte da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia, producindo efectos desestimatorios a falta de resolución.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Universidades para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor ó día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 6 de marzo de 2003.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL

E TURISMO