Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 53 Luns, 17 de marzo de 2003 Páx. 3.161

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 5 de marzo de 2003 pola que se clasifica como benéfico-social a Fundación Educación e Deporte de Santiago de Compostela, Fedesa.

Visto o expediente de clasificación da Fundación Educación e Deporte de Santiago de Compostela, Fedesa, con domicilio en Santiago de Compostela.

Supostos de feito.

1. A fundación formulou solicitude de clasificación para os efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A fundación foi constituída en escritura pública outorgada en Santiago de Compostela o 31 de decembro de 2002, ante o notario Xosé Antonio Cortizo Nieto, co número mil cento sesenta e nove do seu protocolo por Roberto Pereira Costa, Waldo Rueda Soto, Rafael Romero López-Grado, Francisco Montero García e Manuel Ángel Cabana Rey, interveñen todos en nome propio.

3. Segundo establece o artigo 7 dos estatutos, o obxecto da fundación, é promover e apoia-lo deporte e a educación dos mozos galegos. Para a consecución do obxectivo anterior establécense os seguintes fins:

a) Participación activa na creación da infraestructura necesaria para a práctica do deporte polos mozos da cidade e da súa área de influencia.

b) Promoción e divulgación de todo tipo de actividades deportivas.

c) Realización de eventos deportivos como medio de promoción e difusión da cultura deportiva entre os mozos.

d) Promoción e impartición de formación dirixida especialmente a mozos.

e) Desenvolvemento de todo tipo de actividades docentes: seminarios, xornadas, conferencias, cursos, másters dirixido directa ou indirectamente ós mozos.

f) Promoción e execución de actividades lúdico-educativas.

4. O padroado da fundación estará integrado por Manuel Ángel Cabana Rey, como presidente, Roberto Pereira Costa, como secretario, e Waldo Rueda Soto, Rafael Romero López-Grado, e Francisco Montero García, como vocais.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de tódalas consellerías eleva ó conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública proposta de clasificación como benéfico-social da Fundación Educación e Deporte de Santiago de Compostela, Fedesa, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, véndose cumpridos os requisitos esixidos na Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da lei anterior, de réxime das fundacións de interese galego, e segundo establece o artigo 32.1º e 2º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, procede a súa clasificación como benéfico-social e á súa adscrición á Consellería de Familia, Xuventude e Voluntariado.

Fundamentos de dereito.

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia outórgalle competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. De acordo co disposto no artigo 32.2º c) do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, correspóndelle a esta consellería a clasificación da fundación e a adscrición á consellería correspondente, quen exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

3. Á vista do que antecede, pódense considerar cumpridas as finalidades tanto legais como regulamentarias establecidas para o caso, de acordo coa proposta realizada pola comisión de secretarios xerais na súa reunión do día 3 de marzo de 2003.

Vista a Constitución española de 1978, o Estatuto de autonomía de Galicia (Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril); a Lei 7/1983, do 22 de xuño e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da anterior, de réxime das fundacións de interese galego, así como as demais normas de desenvolvemento e de xeral aplicación.

Na súa virtude

DISPOÑO:

Clasificar como benéfico-social a Fundación Educación e Deporte de Santiago de Compostela, Fedesa

adscribíndoa á Consellería de Familia, Xuventude e Voluntariado, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

Santiago de Compostela, 5 de marzo de 2003.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais

e Administración Pública