Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 53 Luns, 17 de marzo de 2003 Páx. 3.162

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 14 de marzo de 2003 pola que se declara de interese galego a Fundación María José Jove e se ordena a súa inscrición no Rexistro de Fundacións, sección da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública.

Con data 14 de marzo de 2003 publicouse no Diario Oficial de Galicia a orde da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública do 5 de marzo de 2003 pola que se clasifica como mixta a Fundación María José Jove, adscribíndoa á Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública, que terá que exercer plenamente o protectorado sobre ela.

A fundación foi constituída en escritura pública outorgada na Coruña o 28 de xaneiro de 2003, ante o notario Ramón González Gómez, co número catrocentos vintesete do seu protocolo por Manuel Jove Capellán, Amparo Santos Molinos, Manuel Ángel Jove Santos, Felipa Jove Santos, Gabriel Nieto Álvarez-Uría, Salustiano Carro Páramo, Juan Pérez Rodríguez, Francisco Javier Acebo Sánchez e Federico Cañas García-Rojo, que interveñen en nome propio.

Segundo establece o artigo 7 dos estatutos, a fundación ten por obxecto a defensa dos dereitos humanos e, en particular, da muller e da infancia, asistencia social e integración social, con especial atención á infancia, cívicos, educativos, culturais e, en particular, a difusión das artes plásticas e da música, científicas, deportivas, sanitarias, de fortalecemento institucional, de cooperación para o desenvolvemento, de promoción da acción social, de defensa dos animais e do ambiente, de desenvolvemento da sociedade da información, de investigación científica e desenvolvemento tecnolóxico e, de modo xenérico, poderá levar a cabo cantas actuacións sexan conducentes ó mellor logro dos seus fins.

Por todo iso, e en virtude das competencias que me confire o artigo 34.12º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta de Galicia e do seu presidente, e segundo o establecido nos artigos 8 da lei 7/1983, do 22 de xuño, de réxime das fundacións de Interese Galego, modificada pola Lei 11/1991, do 8 de novembro, e 32.3º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o

regulamento de organización e funcionamento do Protectorado das Fundacións de Interese Galego,

DISPOÑO :

Artigo único.

1. Declarar de interese galego a Fundación María José Jove ó cumpriren os seus estatutos as prescricións que para tal efecto sinala a vixente lexislación en materia de Fundacións de Interese Galego.

2. Ordena-la inscrición da Fundación María José Jove no rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública, para os efectos constitutivos que sinala a Lei 7/1983, do 22 de xuño, de réxime das Fundacións de Interese Galego, modificada pola Lei 11/1991, do 8 de novembro.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de marzo de 2003.

Jaime Pita Varela

Conselleiro de Presidencia, Relacións

Institucionais e Administración Pública