Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 52 Venres, 14 de marzo de 2003 Páx. 3.042

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 180/2003, do 27 de febreiro, polo que se modifican as contías establecidas nos artigos 26, 34.1º e 2º, 35.2º e 36 da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, así como varios artigos do regulamento que a executa, aprobado polo Decreto 50/1989, do 9 de marzo.

A disposición adicional segunda da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, segundo a redacción dada pola disposición adicional décimo cuarta da Lei 13/1988, do 30 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1989, establece que o Consello da Xunta de Galicia poderá, a través

de decreto, por proposta da Consellería de Economía e Facenda, modifica-las contías establecidas nos artigos 25, 26, 34.1º e 2º, 35.2º e 36 da devandita Lei do patrimonio.

As contías sinaladas nos artigos 25 e 26 foron actualizadas polos decretos 207/1994, do 30 de xuño e 185/2001, do 26 de xullo.

O artigo 18 da Lei 7/2002, do 27 de decembro, de medidas fiscais e de réxime administrativo modifica o artigo 25 da lei, engadindo un segundo parágrafo, relativo á posibilidade de autoriza-la subscrición de contratos de alugueiro ou de alugueiro financeiro dos bens que se van allear, e adaptando as súas contías á nova moeda, indicando os valores en euros.

No mesmo senso, faise necesario adaptar tódalas contías que se indican na lei, evitando unha conversión automática dos valores actuais.

Finalmente, como queira que os cambios que se introducen na lei deben desenvolverse axeitadamente polo regulamento que a executa, aprobado polo Decreto 50/1989, do 9 de marzo, atendendo ós principios de xerarquía normativa e de seguridade xurídica, cómpre modifica-lo citado regulamento para adaptalo á normativa legal, tanto ás novas contías, como ás modificacións introducidas pola Lei 7/2002 nos artigos 25 e 35 bis da Lei do patrimonio.

En consecuencia, por proposta do conselleiro de Economía e Facenda, de acordo co dictame do Consello Consultivo de Galicia e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vintesete de febreiro de dous mil tres,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Ó abeiro da disposición adicional segunda da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, modifícanse as contías sinaladas nos artigos 26, 34.1º e 2º, 35.2º e 36 da devandita Lei 3/1985, que quedan fixadas do seguinte xeito:

1. Contías do artigo 26.

Se o valor dos ben inmobles é inferior a 1.502.600 euros, corresponderalle autoriza-lo alleamento directo á Consellería de Economía e Facenda e nos demais casos, ó Consello da Xunta de Galicia, por proposta da Consellería de Economía e Facenda, en todo caso, mediante acordo motivado.

2. Contías do artigo 34.1º e 2º:

Cando o valor dos bens mobles da Comunidade Autónoma, logo de taxación pericial, non exceda de 60.200 euros, o seu alleamento corresponderalle ó titular da consellería que os viñese utilizando. Se superase esa cantidade o alleamento acordarao o Consello da Xunta de Galicia, por proposta da Consellería de Economía e Facenda e logo de petición daquela que os viñese utilizando.

Corresponderalle ó Parlamento, mediante lei, aproba-lo alleamento de obras de arte ou de obxectos de interese arqueolóxico, histórico ou artístico cun valor que, segundo taxación pericial, exceda de 300.600 euros.

3. Contías do artigo 35.2º:

Se o valor dos ben mobles que se van allear é inferior a 60.200 euros, aplicarase o procedemento de contratación directa cando así o autorice expresamente o departamento que os viñese utilizando mediante acordo motivado. Nos demais casos corresponde autorizalo ó Consello da Xunta de Galicia, por proposta da Consellería de Economía e Facenda.

4. Contías do artigo 36:

Cando o valor dos bens mobles adxudicados á Comunidade Autónoma de Galicia, en procedementos xudiciais ou en aplicación da normativa recadatoria pola vía de compulsión, non exceda de 6.100 euros, poderán ser alleados por poxa ou contratación directa, mediante resolución do conselleiro de Economía e Facenda, por proposta da Dirección Xeral do Patrimonio.

Artigo 2º

Modifícase o regulamento para a execución da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma galega, aprobado polo Decreto 50/1989, do 9 de marzo, que pasará a te-la seguinte redacción nos preceptos que se indican a continuación.

1. Artigo 46.1º, parágrafo segundo:

«Cando a contía da adquisición exceda de 1.803.100 euros, a Consellería de Economía e Facenda requirirá autorización do Consello da Xunta de Galicia para realiza-la adquisición directa».

2. Artigo 63:

«Correspóndelle á Consellería de Economía e Facenda acorda-lo alleamento cando o valor dos bens e dereitos, segundo a declaración de alienabilidade, non exceda de 3.005.000 euros; ó Consello da Xunta de Galicia, por proposta da mencionada consellería, cando sobrepase esa cantidade, e ó Parlamento, mediante lei, se excedese de 12.020.000 euros.

A Consellería de Economía e Facenda, o Consello da Xunta de Galicia e o Parlamento de Galicia poderán autorizar, nos respectivos acordos de alleamento, a subscrición de contratos de alugueiro ou de alugueiro financeiro dos bens que se van allear, cando se considere procedente que temporalmente sigan sendo utilizados polos servicios administrativos. En todo caso, os citados acordos deberán ser adoptados logo de informe da Dirección Xeral de Orzamentos».

3. Artigo 64:

«O alleamento farase mediante poxa pública, salvo cando a Consellería de Economía e Facenda, se o valor é inferior a 1.502.600 euros, ou o Consello da Xunta de Galicia, nos demais casos, por proposta da Consellería de Economía e Facenda, autoricen

expresamente o alleamento directo mediante acordo motivado».

4. Artigo 94:

1. «O alleamento de bens mobles da Comunidade Autónoma corresponderalle ó titular da consellería que os viñese utilizando cando o valor destes, logo de taxación pericial, non excedese de 60.200 euros; se superase esa cantidade, o alleamento será acordado polo Consello da Xunta de Galicia, por proposta da Consellería de Economía e Facenda e logo de pedimento daquela que os viñese utilizando».

3. «Cando se trate de obras de arte ou de obxectos de interese arqueolóxico, histórico ou artístico cun valor que, segundo taxación pericial, exceda de 300.600 euros, corresponderalle ó Parlamento mediante lei aproba-lo seu alleamento».

5. Artigo 95.2º:

«O expediente de alleamento será tramitado pola consellería que veña usando os bens, cando o valor destes non exceda de 60.200 euros, ou pola Consellería de Economía e Facenda a través da Dirección Xeral do Patrimonio, se superase a dita cantidade. Deberá quedar xustificada a conveniencia de venda, e practicarse sempre a correspondente taxación pericial».

6. Artigo 96.1º:

«Aplicarase o procedemento de contratación directa para o alleamento dos bens cando o departamento que os viñese utilizando, se o valor é inferior a 60.200 euros ou o Consello da Xunta de Galicia nos demais casos e por proposta da Consellería de Economía e Facenda, así o autoricen expresamente mediante acordo motivado».

7. Artigo 97:

«Os bens mobles adxudicados á Comunidade Autónoma de Galicia en procedementos xudiciais ou en aplicación da normativa recadatoria pola vía de constrinximento poderán ser alleados por poxa ou contratación directa, mediante resolución do conselleiro de Economía e Facenda por proposta da Dirección Xeral do Patrimonio, se a súa valoración non excedese de 6.100 euros».

8. Artigo 96 bis.1:

«A consellería que adquirise ou que tivese adscritos bens mobles da Comunidade Autónoma de Galicia, logo de informe favorable da Consellería de Economía e Facenda, poderállelos ceder a entidades públicas ou sen ánimo de lucro no marco de relacións de colaboración, cooperación e coordinación, para seren destinados a fins de utilidade pública ou interese social. Se os bens cedidos non se aplicasen ó fin sinalado considerarase resolta a cesión e reverterán á Administración da Comunidade Autónoma».

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas cantas disposicións desta ou inferior categoría se opoñan ó establecido neste decreto.

Disposición derradeira

O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vintesete de febreiro de dous mil tres.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda