Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 52 Venres, 14 de marzo de 2003 Páx. 3.044

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 181/2003, do 27 de febreiro, polo que se modifica o Decreto 86/2002, do 7 de marzo, polo que se acepta a cesión, a título gratuíto, feita polo Concello de Mondoñedo do inmoble situado na rúa Julia Pardo Montenegro, 13, termo municipal de Mondoñedo (Lugo), para a construcción da sede da cabeceira da comarca da Mariña Central.

Unha vez publicado o Decreto 86/2002, do 7 de marzo, polo que se acepta a cesión, a título gratuíto, feita polo Concello de Mondoñedo do inmoble situado na rúa Julia Pardo Montenegro, 13, termo municipal de Mondoñedo (Lugo), para a construcción da sede da cabeceira da comarca da Mariña Central, no momento da formalización da cesión en escritura pública, advertiuse que a descrición do inmoble cedido polo concello non se correspondía co predio descrito no seu artigo 1, xa que a cesión non comprendía a horta.

Logo da incorporación ó expediente do informe do técnico municipal de parcelación do inmoble obxecto de cesión, e comprobado o erro, procede a súa rectificación.

Polo tanto, de conformidade co disposto no artigo 105 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e procedemento administrativo común, nos termos da proposta do conselleiro de Economía e Facenda, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vintesete de febreiro de dous mil tres,

DISPOÑO:

Artigo único.-Modifícanse os artigos 1 e 3 do Decreto 86/2002, do 7 de marzo, polo que se acepta a cesión, a título gratuíto, feita polo Concello de Mondoñedo do inmoble situado na rúa Julia Pardo Montenegro, 13, termo municipal de Mondoñedo (Lugo), para a construcción da sede da cabeceira da comarca da Mariña Central, quedando redactados como segue:

«Artigo 1º

Acéptase a cesión feita polo Concello de Mondoñedo, a título gratuíto, do inmoble situado na rúa Julia Pardo Montenegro, 13, de Mondoñedo (Lugo),

coñecida como Casa Cuartel, composta de planta baixa, dous pisos altos e faiado, dunha superficie aproximada duns vinte metros con corenta centímetros de fronte por uns doce metros cincuenta centímetros de fondo, que linda ó fronte, coa citada rúa Julia Pardo Montenegro; ó fondo, co resto do predio matriz propiedade do Concello de Mondoñedo; á dereita, con casa dos herdeiros de Aladino González; e á esquerda, con horta de Ramón Otero Otero e fillos.

O predio matriz consta inscrito no Rexistro da Propiedade de Mondoñedo no tomo 689, libro 122, folio 220, predio número 22.037.

Artigo 3º

A Consellería de Economía e Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio, procederá á formalización da cesión no correspondente documento público, logo da oportuna segregación e á inscrición do ben no Rexistro da Propiedade a nome da Comunidade Autónoma de Galicia».

Santiago de Compostela, vintesete de febreiro de dous mil tres.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda