Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 50 Mércores, 12 de marzo de 2003 Páx. 2.934

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

ORDE do 6 de marzo de 2003 sobre delegación de competencias no secretario xeral e noutros órganos da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda.

A actividade administrativa da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda leva consigo unha concentración de funcións arredor do seu titular que aconsella, dado o seu volume, recorrer á delegación de competencias en órganos inmediatamente dependentes do conselleiro, sen esquece-lo debido respecto dos principios que informan a actividade administrativa e que a nosa Constitución recolle no seu artigo 103.1º.

A Orde do 21 de novembro de 2002 veu recoller, dunha forma integradora, o conxunto de delegacións de competencias por parte do titular da consellería.

Sen embargo, con posterioridade á devandita orde, entrou en vigor a Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, o que, xunto con algunhas conclusións derivadas do desenvolvemento práctico daquela orde, aconsellan unha revisión desta.

Por razóns de técnica normativa, e para unha maior seguridade xurídica, esta orde refunde a anterior coas modificacións pretendidas.

Na súa virtude, facendo uso das facultades que me confiren os artigos 43.3º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, e 13 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común,

DISPOÑO:

Primeiro.-Administración de persoal.

Delégase no secretario xeral o exercicio das facultades que lle corresponden ó conselleiro en materia de persoal segundo o establecido no artigo 15 da Lei da función pública de Galicia, excepto a provisión de postos de traballo clasificados como de libre designación.

Segundo.-Contratación.

1. Delégase no secretario xeral o exercicio das seguintes facultades en materia de contratación:

a) As atribuídas ó titular da consellería respecto dos contratos menores no ámbito das competencias da secretaría xeral.

b) En relación cos contratos que non teñan a consideración de contratos menores, a aprobación dos expedientes de contratación, a aprobación do gasto correspondente, así como, de se-lo caso, dispoñe-la súa tramitación urxente ou adopta-las medidas pertinentes no suposto previsto no artigo 72 da Lei de contratos das administracións públicas.

c) A adxudicación e formalización dos contratos non cualificados como contratos menores; a prerrogativa da súa interpretación e resolve-las dúbidas que ofreza o seu cumprimento; a aprobación das súas modificacións por razóns de interese público; acorda-la súa resolución e determina-los efectos desta; así como as restantes facultades que, de acordo coa lexislación, lle corresponden ó órgano de contratación, salvo as que se delegan expresamente nos directores xerais.

2. Delégase nos directores xerais, no ámbito das súas respectivas competencias:

a) En relación cos contratos que teñan a consideración de menores, o exercicio das facultades que o ordenamento xurídico lle atribúe ó conselleiro.

b) Respecto do resto dos contratos:

-A aprobación dos pregos de prescricións técnicas.

-A aprobación dos proxectos e das súas modificacións.

-A súa dirección, inspección e control, podendo dicta-las instruccións oportunas para o fiel cumprimento do convido, e exercer todas aquelas facultades que a lexislación de contratación administrativa lle atribúe ó órgano de contratación en relación coas incidencias que xurdan durante a súa execución, excepto as que supoñan modificacións do contrato e a resolución de incidencias á que se refire o artigo 97 do regulamento da Lei de contratos das administracións públicas.

Terceiro.-Expropiación forzosa.

Delégase nos titulares das direccións xerais, no ámbito das súas respectivas competencias, o exercicio das facultades que o ordenamento xurídico lle atribúe ó titular do departamento en materia de expropiación forzosa.

Cuarto.-Xestión financeira e orzamentaria.

1. Deléganse no secretario xeral, ademais das facultades de autorización e disposición dos gastos derivados do exercicio das competencias delegadas en materia de contratación, o exercicio da competencia para autoriza-los gastos, autoriza-los actos de disposición dos créditos e de recoñecemento de obrigas e propoñerlle ó conselleiro de Economía e Facenda a ordenación dos correspondentes pagamentos relativos a:

a) Os gastos de persoal.

b) Os gastos xerais incluídos no capítulo II dos orzamentos, que afecten á secretaría xeral ou a varias unidades de distintos centros directivos da consellería.

c) Os créditos dos capítulos IV, VI e VII dos orzamentos, salvo os derivados dos contratos menores correspondentes a competencias delegadas nos directores xerais.

2. Deléganse nos directores xerais da consellería, no ámbito das súas respectivas competencias, as mesmas facultades indicadas anteriormente no número 1 en relación con:

a) Os gastos derivados da execución das competencias delegadas en materia de contratación e de expropiación forzosa, así como os derivados da modificación de servicios afectados pola realización das correspondentes obras.

b) Os créditos correspondentes ó capítulo II dos orzamentos, que correspondan a gastos específicos do seu centro directivo.

3. Deléganse no secretario xeral e nos directores xerais, no ámbito das súas respectivas competencias, o exercicio da facultade de aprobación das contas xustificativas daqueles gastos que teñan a consideración de «gastos que hai que xustificar», sen prexuízo das competencias dos delegados provinciais respecto dos que correspondan a créditos que fosen desconcentrados.

4. En materia de axudas e subvencións públicas en réxime de concorrencia competitiva, será de aplicación o establecido na correspondente orde de convocatoria.

5. As competencias delegadas nos números anteriores inclúen a sinatura dos documentos contables nos que se reflicten as correspondentes fases dos gastos, correspondéndolles ós directores xerais da consellería, no ámbito das súas respectivas competencias, a sinatura daqueles documentos que impliquen a mera actualización na contabilidade de actuacións xa documentadas en exercicios anteriores.

Quinto.-Xestión patrimonial.

Delégase no secretario xeral o exercicio das facultades que a normativa en materia de patrimonio lle atribúe ó titular da consellería.

Sexto.-Procedemento sancionador en materia de axudas e subvencións.

Delégase nos titulares das direccións xerais, no director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo e no presidente do ente público Portos de Galicia, o exercicio da competencia para resolve-lo procedemento por infraccións leves e graves en materia de axudas e subvencións.

Sétimo.-Recursos e reclamacións.

1. Delégase no secretario xeral o exercicio das competencias seguintes:

a) Resolve-los recursos administrativos de alzada e de revisión cando a facultade de resolución corresponda ó titular da consellería, e mesmo suspende-la execución dos actos impugnados.

b) Resolve-las solicitudes de revisión de oficio formuladas ó amparo do previsto no capítulo I do título VII da Lei 30/1992.

c) Resolve-las reclamacións previas á vía civil e ós procedementos de responsabilidade patrimonial a que se refire a Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, incluíndo, se é o caso, as correspondentes reclamacións contra as entidades de dereito público adscritas á consellería.

2. Delégase no director xeral de Obras Públicas o exercicio da competencia para resolve-los recursos de alzada interpostos contra as resolucións dictadas en materia de estradas polos delegados provinciais da consellería, e mesmo suspende-la execución dos actos impugnados.

3. Delégase no director xeral de Transportes o exercicio da competencia para resolve-los recursos de alzada interpostos contra as resolucións dictadas en materia de transportes polos delegados provinciais da consellería e polos subdirectores xerais daquel centro directivo, e mesmo suspende-la execución dos actos impugnados.

Oitavo.-Comisións de servicio con dereito á indemnización.

1. Delégase no secretario xeral o exercicio da competencia para a designación das comisións de servicio con dereito á indemnización prevista no artigo 4 do Decreto 144/2001, do 7 de xuño, dos directores xerais, dos delegados provinciais e do persoal dependente da secretaría xeral.

2. Delégase nos titulares das direccións xerais o exercicio da competencia para a designación das comisións de servicio con dereito a indemnización do persoal integrado nas unidades administrativas que estean baixo a súa dependencia directa.

3. Delégase nos delegados provinciais da consellería o exercicio da competencia para a designación das comisións de servicio con dereito a indemnización do persoal da correspondente delegación provincial.

Noveno.-Delegacións específicas.

1. Delégase no director xeral de Urbanismo o exercicio das seguintes facultades:

a) A formulación, tramitación, emisión de informes preceptivos e, se é o caso, a aprobación inicial dos instrumentos de planeamento urbanístico, e mesmo a suspensión de licencias, nos termos previstos no capítulo II do título II e na disposición transitoria terceira da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

b) Efectuar requirimentos ós concellos e dispoñe-la subrogación nas competencias municipais conforme o previsto nos artigos 81.2º, 91.3º e na disposición transitoria segunda e terceira da Lei 9/2002, do 30 de decembro.

c) Formula-los requirimentos de anulación de actos e acordos das corporacións locais ós que se refire o artigo 92.5º da Lei 9/2002, do 30 de decembro.

d) Aproba-los expedientes de expropiacións forzosas tramitados polo procedemento de taxación conxunta, nos supostos establecidos polo artigo 143.6º da Lei 9/2002, do 30 de decembro.

e) Exerce-los dereitos de tanteo e retracto nos supostos establecidos polo artigo 187 da Lei 9/2002, do 30 de decembro.

f) Xestiona-las subvencións ás que se refire o artigo 202 da Lei 9/2002, do 30 de decembro.

g) Dictar ordes de execución en solo rústico e de núcleo rural de acordo co disposto polo artigo 203 da Lei 9/2002, do 30 de decembro.

h) Resolve-los expedientes de reposición da legalidade urbanística e adopta-las medidas necesarias de protección da legalidade nos supostos establecidos polos artigos 213 e 214 e as disposicións transitorias quinta e décima da Lei 9/2002, do 30 de decembro.

i) Subrogarse no exercicio das competencias municipais nos termos establecidos polo artigo 215 da Lei 9/2002, do 30 de decembro.

j) Impoñer sancións por infraccións urbanísticas moi graves no suposto establecido polo artigo 222.1º b) da Lei 9/2002, do 30 de decembro.

k) Emitir informe previo á licencia municipal sobre as edificacións destinadas a equipamentos comunitarios en solos de núcleo rural, nos termos previstos no artigo 30 da Lei 9/2002, do 30 de decembro.

l) Leva-lo Rexistro de Entidades Urbanísticas Colaboradoras, de acordo co disposto no Regulamento de xestión urbanística, aprobado por Real decreto 3288/1978, do 25 de agosto.

m) Emiti-los informes previstos no Decreto 80/2000, do 23 de marzo, respecto dos plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal; e aprobar inicialmente os outros intrumentos de ordenación do territorio cando tal competencia estea atribuída a esta consellería.

n) O exercicio de tódalas demais competencias e funcións que en materia de ordenación, planificación e disciplina urbanística teña atribuídas o conselleiro pola Lei 9/2002, do 30 de decembro, e o Regulamento de disciplina urbanística, aprobado por Decreto 28/1999, do 21 de xaneiro, agás as de aprobación definitiva do planeamento urbanístico e as de proposta ó Consello da Xunta de Galicia.

2. Deléganse no director xeral de Obras Públicas o exercicio das atribucións seguintes:

a) As derivadas das relacións da consellería con Autoestradas de Galicia, S.A., incluíndo a xestión dos créditos orzamentarios asignados en relación con aquelas facultades, e, de se-lo caso, as atribuídas ó conselleiro como órgano de contratación.

b) A aprobación do expediente de información pública ó que se refire o artigo 15 da Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia.

c) A imposición de sancións e, se é o caso, a orde de reposición do medio físico e de indemnización dos danos e perdas causadas, no suposto de infraccións tipificadas como moi graves en materia de estradas cando leven aparellada multa de ata 30.050,60 euros.

3. Delégase no presidente do Consello de Administración do ente publico Portos de Galicia, o exercicio da facultade de aproba-los plans de utilización dos espacios portuarios dos portos de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia

Décimo.-Criterios complementarios.

Na aplicación das delegacións contidas nesta orde, teranse en conta os seguintes criterios:

a) En calquera momento, o conselleiro poderá reclamar para si o exercicio das competencias que se delegan nesta orde, das que quedan excluídos os supostos previstos no número 2º do artigo 13 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e no artigo 44.2º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente.

b) Enténdese comprendida na delegación no secretario xeral o exercicio da competencia para resolve-los recursos de reposición que se interpoñan contra as resolucións que dicte en virtude das facultades que se lle delegan nesta orde.

Por outra parte, delégase no secretario xeral o exercicio da competencia para resolve-los recursos de reposición interpostos contra as resolucións dictadas polos directores xerais en exercicio das facultades delegadas.

c) Atribúeselle ó secretario xeral o exercicio das competencias que, en materia de xestión financeira e orzamentaria, non están expresamente delegadas noutros órganos.

Décimo primeiro.-Resolucións dictadas por delegación.

As resolucións administrativas que se adopten facendo uso das delegacións contidas nesta orde, farán constar esta circunstancia, indicando a súa data, a da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, e a denominación do cargo ou posto de traballo de quen a formaliza, e consideraranse dictadas polo órgano delegante.

Décimo segundo.-Derrogación.

Queda derrogada a Orde do 21 de novembro de 2002, sobre delegación de competencias no secretario xeral e noutros órganos da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, e cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ó establecido nesta orde.

Décimo terceiro.-Entrada en vigor.

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 6 de marzo de 2003.

Alberto Núñez Feijóo

Conselleiro de Política Territorial,

Obras Públicas e Vivenda

CONSELLERÍA DE POLÍTICA AGROALIMENTARIA E

DESENVOLVEMENTO RURAL