Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 44 Martes, 04 de marzo de 2003 Páx. 2.646

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 174/2003, do 13 de febreiro, polo que se acepta a cesión, a título gratuíto, do dereito real de uso dos terreos contiguos ó mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil, situados no termo municipal de Nogueira de Ramuín (Ourense).

O Pleno da Corporación municipal do Concello de Nogueira de Ramuín, reunido en sesión do día 9 de abril de 1999, acordou cederlle á Comunidade Autónoma de Galicia o dereito real de uso de terreos contiguos ó mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil, no termo municipal de Nogueira de Ramuín, destinado á explotación turístico-cultural, conforme indica a Dirección Xeral de Turismo.

A Secretaría Xeral e do Patrimonio tramitou o correspondente expediente de aceptación de cesión, de conformidade co disposto nos artigos 16, 17 e 23 da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia e 33, 34 e 38 do Decreto 50/1989, do 9 de marzo, polo que se aproba o regulamento para a execución da dita lei.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Economía e Facenda, feita nos termos nos que o Concello de Nogueira de Ramuín acordou a cesión, logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día trece de febreiro de dous mil tres,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Acéptase a cesión, feita polo Concello de Nogueira de Ramuín, a título gratuíto, e por 99 anos do dereito

real de uso do predio contiguo ó mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil, que se describe como segue:

Rústica.-Carballeira de nome Predio do Convento, ou Cercado do Convento, situada no lugar de Santo Estevo de Ribas de Sil, termo municipal de Nogueira de Ramuín, dunha superficie de dúas hectáreas, cinco áreas e oitenta centiáreas e cos seguintes lindeiros: ó norte, José Fernández Torres, Isaac Fernández e outros veciños; ó sur, mosteiro de Santo Estevo e herdeiros de Juan Taboada; ó leste, predio matriz e herdeiros de Visitación Castro e herdeiros de Juan Taboada e outros; e ó oeste, Fernando Fernández Pérez.

Referencia catastral: 320530000007700007FB.

A dita parcela figura inscrita a nome do Concello de Nogueira de Ramuín no Rexistro da Propiedade de Ourense, número dous, tomo 1455, libro 88, folio 220, nº 10096.

Artigo 2º

O dereito de uso cedido destinarase para explotación turístico-cultural.

Artigo 3º

A Consellería de Economía e Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio, procederá á formalización da cesión no correspondente documento público e á inscrición do ben no Rexistro da Propiedade a nome da Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposición derradeira

A Consellería de Economía e Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio, levará a cabo tódolos trámites necesarios para a efectividade do presente decreto.

Santiago de Compostela, trece de febreiro de dous mil tres.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda

CONSELLERÍA DE POLÍTICA AGROALIMENTARIA E

DESENVOLVEMENTO RURAL