Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 42 Venres, 28 de febreiro de 2003 Páx. 2.515

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ACADEMIA GALEGA DE SEGURIDADE

RESOLUCIÓN do 20 de febreiro de 2003 pola que se convocan as bases do plan anual de adestramento regulamentario para a seguridade no manexo das armas.

Dentro dos programas de actividades que a Academia Galega de Seguridade ten previsto realizar no ano 2003, e conforme as funcións atribuídas pola Lei 4/1992, do 9 de abril, de creación da Academia Galega de Seguridade, anúnciase a convocatoria das bases do plan anual de adestramento regulamentario para a seguridade no manexo das armas, que deberá desenvolverse conforme as seguintes condicións:

Obxectivos.

-Facilita-lo cumprimento do disposto no artigo 34.4º do Decreto 204/2000, de destreza no manexo das armas regulamentarias.

-Dispoñer de persoal actualizado nas prácticas de armamento e tiro policial de defensa.

-Controla-la práctica anual e regulamentaria de cada membro do cadro de persoal, mediante un control e unha cartilla de tiro individual.

-Establecer distintos niveis para categorías de tirador segundo a seguridade e habilidade que amosen no manexo das armas.

Destinatarios.

Dirixido ós concellos da Comunidade Autónoma de Galicia que teñan interese en cumprir co disposto no artigo 34.4º do Decreto 204/2000, relativo a logra-la destreza e seguridade necesarias no manexo das armas regulamentarias para os membros dos corpos da policía local.

Para tal fin, a Dirección Xeral da Academia Galega de Seguridade establece un plan anual de adestramento, no que se inclúe unha práctica cuadrimestral para o persoal de cada un dos concellos interesados.

Solicitudes.

Os concellos interesados deberán remiti-lo anexo que se xunta a Academia Galega de Seguridade: avenida da Cultura, s/n, A Estrada, ou ben poden entregalo en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común; este anexo estará asinado polo alcalde, concelleiro ou xefe de persoal, se é o caso.

Unha vez recibidas na AGS as solicitudes dos concellos, establecerase unha quenda ou programa cuadrimestral para que cada concello escolla a data e a hora que mellor se acomode a disposición do servicio do seu corpo de policía local.

Ademais, todos aqueles concellos que adquirisen recentemente armas regulamentarias para a policía local terán preferencia para efectua-las prácticas

regulamentarias, e indispensables para un mellor coñecemento da nova arma e a adquisición da destreza suficiente para o seu manexo coa seguridade e habilidade necesarias.

Medios.

Para o desenvolvemento da actividade, os alumnos deberán traer cadansúa arma regulamentaria da dotación; a munición para as prácticas facilitarállela a Academia Galega de Seguridade, que ademais nomeará os profesores e instructores necesarios.

Calendario anual.

Cada ano establecerase un calendario e un plan de prácticas por cuadrimestre, que no caso actual queda como segue:

1º cuadrimestre: mes de maio.

2º cuadrimestre: meses de xuño ou xullo (ata o 15).

3º cuadrimestre: meses de outubro ou novembro.

Determinación da data das prácticas.

Unha vez efectuados os axustes necesarios para as prácticas dos concellos que o soliciten, e notificados disto os concellos, estes deberán comunicar coa antelación suficiente a relación nominal dos participantes en cada práctica, sinalando o día e a hora desta.

Control e cartilla de tiro.

Por outra banda, a Academia Galega de Seguridade efectuará un control das prácticas que desenvolva cada concello, sen que poida efectuar cada policía máis dunha por cuadrimestre. Para estes efectos, ben o xefe de Policía, ou persoa en quen este delegue, levará o mesmo tipo de control.

Estableceranse niveis segundo a categoría e habilidade que cada tirador amose nos aspectos tanto de seguridade como de manexo coas armas, niveis ós que irá accedendo paulatinamente cada policía, se é o caso. Estes niveis constarán na cartilla ou documento de control que se dispoña para as prácticas de tiro, tal e como se indicaba no punto anterior.

Lugar.

As prácticas desenvolveranse na galería de tiro da Academia Galega de Seguridade, sita na Avenida da Cultura, s/n, no concello da Estrada.

Modificacións.

A Academia Galega de Seguridade poderá modifica-lo desenvolvemento do plan anual de actualización para adaptalo ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 20 de febreiro de 2003.

Juan José Fariñas-Ferro Rodríguez

Director xeral da Academia Galega de Seguridade

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA