Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 42 Venres, 28 de febreiro de 2003 Páx. 2.492

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

ORDE do 17 de febreiro de 2003 pola que se modifica a contía das débedas para as que non se esixirá garantía nas solicitudes de aprazamento ou fraccionamento de pagamento e a competencia para a súa concesión.

A Orde do 15 de xuño de 1993, ó abeiro do establecido no artigo 20.5º da Lei de réxime financeiro e presupostario de Galicia, estableceu que non se esixiría garantía para aprazamentos ou fraccionamentos de pagamento de débedas que teñan unha contía que non exceda de 500.000 pesetas.

Por outra banda, a Orde do 5 de febreiro de 1997 pola que se determinan as competencias en materia de aprazamentos e fraccionamentos de pagamento, dispuxo, entre outros, a quen correspondía a com

petencia para a concesión de aprazamentos ou fraccionamentos de pagamento das débedas ás que lle sexa de aplicación a exención de garantías.

Para lle facilitar ó obrigado ó pagamento o cumprimento das súas obrigas, ante dificultades transitorias de tesourería, e dado o tempo transcorrido, faise necesario actualizar este importe.

En consecuencia, de conformidade coa competencia atribuída polo artigo 7 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e presupostario de Galicia.

DISPOÑO:

Primeiro.-Exención de garantías. Non se esixirán garantías para as solicitudes de aprazamento e fraccionamento de pagamento das débedas cando o seu importe en conxunto non exceda de 6.000 euros e se atopen tanto en período voluntario como en período executivo de pagamento, sen prexuízo do mantemento, neste último caso, das trabas existentes sobre bens e dereitos do debedor no momento da presentación da solicitude.

Para os efectos da determinación da contía sinalada, acumularanse no momento da solicitude, tanto as débedas a que se refire a propia solicitude como calquera outras do mesmo debedor para as que se solicitara e non se resolvera o aprazamento ou fraccionamento, así como o importe dos vencementos pendentes de ingreso das débedas aprazadas ou fraccionadas, salvo que estean debidamente garantidas.

Segundo.-Competencia para a súa concesión. Correspóndelles ós xefes de Servicio de Recadación das delegacións territoriais a resolución dos aprazamentos ou fraccionamentos de pagamento cando a contía total da débeda pendente acumulada non exceda de 6.000 euros e lles sexa de aplicación a exención de garantía.

Disposición transitoria

As solicitudes de aprazamento e fraccionamento pendentes de resolución e aquelas nas que se esgotara a fase de instrucción á entrada en vigor da presente orde seguirán rexéndose polo establecido na normativa vixente na data de presentación da correspondente solicitude.

Disposición derrogatoria

Queda derrogada a Orde do 15 de xuño de 1993 pola que se determina a exclusión de garantías para o aprazamento ou fraccionamento de determinadas débedas e o parágrafo C do artigo primeiro da Orde do 5 de febreiro de 1997 pola que se determinan as competencias en materia de aprazamentos e fraccionamentos de pagamento.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación.

Santiago de Compostela, 17 de febreiro de 2003.

Xosé Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda