Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 42 Venres, 28 de febreiro de 2003 Páx. 2.493

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 4 de febreiro de 2003 pola que se aproban as bases que rexerán o concurso público de doce bolsas para estadías de persoal dos departamentos de estudios galegos de universidades de fóra da Comunidade Autónoma de Galicia e a súa colaboración en proxectos de investigación no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

O artigo 1º do Decreto 213/1998, do 10 de xullo, en harmonía co artigo 27 do Estatuto de autonomía para Galicia, establece a competencia da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria para a promoción e o ensino da lingua galega e o fomento da investigación.

A Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, no seu artigo 22, establece que o Goberno galego asumirá a dirección técnica e o seguimento do proceso de normalización da lingua galega, asesorará a Administración e os particulares, e coordinará os servicios encamiñados a consegui-los obxectivos que esa mesma lei determina.

Dentro do plan de actividades da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria para 2003 figura a convocatoria pública de bolsas de investigación para realizar proxectos concretos sobre lingüística, literatura, antropoloxía e historia galegas, no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, centro que debe servir de lugar de conexión e relación para os estudios que se fagan en Galicia e noutras comunidades.

O seu outorgamento enmárcase dentro das funcións atribuídas á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria no artigo 3º do Decreto 25/1993, do 11 de febreiro (DOG nº 34, do 19 de febreiro) de creación e posta en funcionamento do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, modificado polo Decreto 330/1997, do 13 de novembro (DOG nº 227, do 24 de novembro de 1997).

Por todo isto, apróbanse as seguintes bases:

Primeira.-Obxecto.

O concurso ten por obxecto a adxudicación de doce bolsas de estadías e participación en actividades nos proxectos de investigación que aparecen como anexo I, no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, destinadas a licenciados ou estudiantes dos dous últimos anos de licenciatura, vinculados a universidades de fóra da Comunidade Autónoma de Galicia que teñen centros de estudios galegos por convenio coa Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Segunda.-Contía das bolsas.

O importe das bolsas incluirá:

-Unha asignación mensual que será de 510,86 euros, 601,01 euros ou 721,21 euros, coa retención fiscal que corresponda, segundo procedan de universidades españolas, da Unión Europea, ou doutros países do mundo, respectivamente. A percepción desta dotación será compatible coa do soldo habitual

percibido, pero non con outro tipo de bolsa ou axuda para o mesmo plan de traballo.

-Seguro de asistencia médica e seguro combinado de accidentes.

Para o gasto que se proxecta habilitarase o crédito adecuado e suficiente na partida orzamentaria 07.06.353E.480.3 por unha contía máxima total de sesenta e tres mil cento seis euros (63.106 euros) para pagamento das mensualidades e para pagamento da asistencia sanitaria correspondente ós orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2003.

O pagamento da bolsa realizarase mensualmente logo do informe do director de investigación, sempre que os traballos se desenvolvan con normalidade e de acordo coas bases establecidas.

Terceira.-Duración.

O período de desfrute das bolsas será dun mínimo de dous meses e dun máximo de sete, tendo en conta que a data tope é ata o 31 de decembro de 2003.

A data de incorporación ó centro será dentro dos vinte días seguintes ó da notificación da adxudicación. Se o adxudicatario ou adxudicataria non se incorporase no prazo establecido perderá os dereitos inherentes á bolsa concedida, salvo causa de atraso debidamente xustificada e así apreciada pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, a través do director xeral de Política Lingüística.

Cuarta.-Requisitos xerais.

a) Non ter sido separado do servicio de ningunha administración ou institución como consecuencia de expediente disciplinario.

b) Ser estudiante ou licenciado de calquera das universidades coas que a Dirección Xeral de Política Lingüística da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria ten subscrito convenios de colaboración para a promoción e estudio do galego.

c) Non poderán participar nesta convocatoria persoas que, reunindo estes requisitos, resultasen beneficiarios dunhas destas bolsas en concursos anteriores do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, en máis de dúas convocatorias.

Quinta .-Solicitudes.

As solicitudes formularanse no modelo que se xunta como anexo II e irán dirixidas ó conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria e entregaranse na sede do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades (estrada Santiago-Noia, km 3-A Barcia, 15896 Santiago de Compostela), ou ben en calquera dos centros previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

O prazo de presentación das solicitudes será de corenta días hábiles, contados a partir do seguinte ó da publicación da presente convocatoria no DOG.

Canda o formulario entregarase a seguinte documentación:

-Currículum vitae, xunto con cantos documentos poidan avalalo.

-Certificación académica persoal completa.

-Fotocopia do DNI ou pasaporte.

-Declaración xurada na que conste que non dispón doutra bolsa para o mesmo fin e que non se atopa separado do servicio de ningunha Administración nin institución pública como consecuencia de expediente disciplinario.

-Plan de traballo sempre relacionado cos proxectos que aparecen no anexo I que se pretende levar a cabo no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades (1.000 palabras de extensión máxima) e duración prevista da estancia no propio centro.

-Informe do profesor-director do departamento de estudios galegos da universidade de orixe que lle dirixe o proxecto.

-Declaración do conxunto de tódalas solicitudes efectuadas ou concedidas, para o mesmo proxecto, perante as administracións públicas competentes ou outros entes públicos.

Tódolos documentos deberán ser orixinais ou copias cotexadas, en versión galega ou castelá.

Vistas tódalas solicitudes daráselles un prazo de 10 días para emenda-la falta de documentación; transcorridos estes días sen a devandita emenda arquivaranse os devanditos expedientes.

Sexta.-Comisión de valoración.

A avaliación dos proxectos e dos méritos alegados e acreditados polos solicitantes levaraa a cabo unha comisión nomeada polo conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria. Estará presidida polo director xeral de Política Lingüística e composta ademais por catro vocais, actuando como secretaria a xefa do servicio do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

A comisión considerará como solicitudes de especial interese aquelas presentadas por estudiantes universitarios que estean a participar nas actividades sobre lingua, literatura, antropoloxía ou historia galegas que se estean a desenvolver no departamento de estudios galegos da súa universidade.

A comisión non valorará aqueles méritos alegados polos solicitantes que non estean acreditados documentalmente.

O presidente da comisión elevará informe sobre os candidatos seleccionados e suplentes, se é o caso, para a súa proposta ó conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria para o seu nomeamento e publicación no Diario Oficial de Galicia.

As solicitudes consideraranse desestimadas de non quedar resolta a convocatoria no prazo de catro meses desde a data da súa publicación no DOG.

Sétima.-Baremos para a selección dos bolseiros.

-Titulación do solicitante e expediente académico: ata un máximo de 4 puntos.

-Currículum vitae do solicitante e experiencia investigadora en proxectos de investigación similares: ata un máximo de 4 puntos.

-Interese do proxecto: ata un máximo de 4 puntos.

Oitava.-Obrigas.

-Os bolseiros participarán nas actividades que lles encomende a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria (a través da Dirección Xeral de Política Lingüística), tendo como centro de referencia o Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, en horario habitual de xornada de mañá ou tarde.

-O incumprimento por parte do bolseiro dalgunha das condicións recollidas nas presentes bases suporá a perda da bolsa concedida e, de se-lo caso, o reintegro das cantidades xa cobradas.

-A condición de bolseiro non dará lugar a relación contractual ningunha, nin laboral nin administrativa coa Xunta de Galicia.

-Unha vez finalizada a bolsa presentarase un informe da actividade realizada co visto e prace do director do proxecto.

Novena.-A resolución, que esgotará a vía administrativa, poderá ser obxecto de recurso de reposición no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ó da publicación no Diario Oficial de Galicia, perante o Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, segundo o disposto na Lei 4/1999 (BOE do 14 de xaneiro) de modificación da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben os interesados poderán presentar directamente recurso contencioso-administrativo perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ó da súa publicación, conforme se establece na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Queda facultado o director xeral de Política Lingüística para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de febreiro de 2003.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

ANEXO I

-Fraseoloxía galega. Diccionario e cadernos.-Identidade galega.-Diccionarios de literatura galega.-Informe de literatura galega.-Traducción automática.-Bibliografía de lingüística galega.-Análise morfolóxica e sintáctica automática.-Corpus de referencia do galego actual.-Estudios de terminoloxía.-Edicións facsimilares de revistas literarias.-Síntese e recoñecemento de voz.-Narrativa recuperada (Literatura galega).-Poesía recuperada (Poesía galega).-Lírica medieval.-Prosa galega medieval.