Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 42 Venres, 28 de febreiro de 2003 Páx. 2.496

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 13 de febreiro de 2003 pola que se aproban as bases que rexerán o concurso público de axudas a asociacións de estudiantes universitarios, legalmente constituídas, das universidades galegas, e se anuncia a súa convocatoria correspondente ó curso académico 2002/2003.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 31 establece como competencia plena da Comunidade Autónoma de Galicia a regulación e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, no ámbito das súas competencias.

O Real decreto 1754/1987, do 18 de decembro (BOE do 19 xaneiro de 1988; DOG do 17 de febreiro de 1988), transferiulle á Comunidade Autónoma competencias en materia de universidades. Estas competencias foron asumidas pola Comunidade Autónoma e asignadas á Consellería de Educación no Decreto 62/1988, do 17 de marzo (DOG do 8 de abril). A Lei 11/1989, do 20 de xullo (DOG do 16 de agosto), de ordenación do sistema universitario de Galicia, determina a constitución do sistema universitario de Galicia con tres universidades: a Universidade da Coruña, a de Santiago de Compostela e a de Vigo.

A Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades no seu artigo 46.2º, recoñécelles ós estudiantes o dereito de asociación no ámbito universitario.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria considerou conveniente estima-lo asociacionismo universitario e as actividades de carácter informativo e científico dos estudiantes deste nivel do ensino como un modo de potencia-lo dinamismo da universidade.

En consecuencia, co fin de poñer en práctica esta tarefa dentro das dispoñibilidades orzamentarias e tendo en conta as experiencias das convocatorias pasadas, convócase concurso público para a concesión de axudas ás asociacións estudiantís universitarias de Galicia.

Estas accións son incompatibles con calquera outra destinada a ese mesmo fin por algunha das administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

Polo que antecede, esta consellería

DISPÓN:

Artigo 1º.-Obxecto.

Convócanse axudas para as asociacións de estudiantes legalmente constituídas das tres universidades galegas, para o curso académico 2002/2003, para realizar algunha das seguintes accións:

a) Fomento das actividades de carácter científico, informativo, cultural e deportivo, así como de formación e mellora das condicións de estudio.

b) Organización, asistencia a congresos científicos, certames e reunións de estudiantes.

c) Fomento dos servicios de axuda e información ós estudiantes en temas de ámbito académico.

d) Fomento das actividades universitarias que faciliten información e favorezan a relación dos estudiantes co mundo do traballo e co primeiro emprego.

Artigo 2º.-Orzamento e contía.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria financiará estas axudas con cargo á partida orzamentaria 07.05.322C.480.1 dos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2003, por un importe de 50.269 A.

A contía máxima de cada axuda non poderá supera-la cantidade de 2.614,40 A.

No caso daquelas asociacións de estudiantes ás que no curso académico 2001/2002 se lles concedese unha axuda e non fose xustificada total ou parcialmente, aplicaráselles unha reducción sobre o importe concedido que será fixada pola comisión avaliadora.

Artigo 3º.-Beneficiarios.

As axudas poden ser solicitadas polas asociacións de estudiantes de 1º e 2º ciclo das tres universidades galegas legalmente constituídas, dadas de alta no rexistro xeral de asociacións e no de cada universidade.

Artigo 4º.-Solicitudes e documentación.

As solicitudes, segundo o modelo ED403A que se publica como anexo a esta orde, asinada polo presidente ou representante legal da asociación, presentaranse no rexistro xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, dirixidas á Dirección Xeral de Universidades-Subdirección Xeral de Universidades (edificio administrativo San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela), ou ben en calquera dos centros previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999 (BOE do 14 de xaneiro), para a presentación de instancias. Se, no uso deste dereito, a solicitude é remitida por correo, presentarase en sobre aberto para que sexa datada e selada polo funcionario de correos antes de certificala.

O prazo de presentación de solicitudes será de corenta días hábiles contados a partir do día seguinte ó da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

As solicitudes deberán ir xunto coa seguinte documentación:

* Copia do CIF da asociación.

* Copia do DNI e xustificante da matrícula, de tódolos membros directivos e responsables da asociación que solicita a axuda.

* Copia dos estatutos da asociación coa actualización de tódolos cargos directivos.

* Cotas e número de estudiantes asociados.

* Programa de actividades deste curso, xunto cun informe no que debese incluír, xustificación, inte

rese, obxectivos e alcance da actividade, data de realización, orzamento detallado de ingresos e gastos que comporta. No caso de solicita-la axuda por primeira vez ou no caso de que non se lle concedese na convocatoria anterior, deberán xuntar á solicitude unha memoria na que quede constancia das actividades desenvolvidas pola asociación no curso anterior á convocatoria.

* Declaración xurada do conxunto de tódalas solicitudes efectuadas ou concedidas para este fin, das distintas administracións públicas competentes, coa que se entenderá cumprido o mesmo requisito esixido previo ó derradeiro pagamento.

* Documento facilitado pola entidade bancaria a nome da asociación e de dous dos seus representantes legais, no que conste o número da conta do cliente e os códigos que identifican o banco, a oficina e o díxito de control.

Artigo 5º.-Período e selección.

As actividades que se subvencionan nesta convocatoria serán realizadas durante o curso académico 2002/2003.

Non se financiarán accións realizadas fóra do prazo establecido no parágrafo anterior nin tampouco accións que xa foron financiadas na convocatoria anterior.

A selección farase tendo en conta o programa de actividades e a súa importancia en función dos obxectivos fixados no artigo 1º desta convocatoria.

Artigo 6º.-Tramitación.

Unha vez comprobado que tódalas solicitudes reúnen os requisitos establecidos nesta orde de convocatoria, exporanse as listas provisionais das solicitudes admitidas e excluídas por documentación nos taboleiros de anuncios da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, nos das súas delegacións provinciais e dos vicerrectorados de estudiantes das tres universidades galegas, sinalando, se é o caso, as causas de exclusión.

Así mesmo, estas listas tamén poderán ser consultadas na páxina web da Xunta de Galicia-Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.www.xunta.es/ceoug/dxu/

As listas provisionais estarán expostas do 9 ó 19 de maio deste ano. Os interesados poderán, durante ese mesmo prazo, formula-las reclamacións para emendar erros e faltas de documentación ante a Dirección Xeral de Universidades presentando, se é o caso, a documentación necesaria.

Transcorrido este prazo sen que se emenden as causas de exclusión arquivarase o expediente sen máis trámite.

Artigo 7º.-Comisión avaliadora.

A selección dos candidatos será realizada por unha comisión avaliadora integrada por:

Presidente:

O director xeral de Universidades ou, por delegación, o subdirector xeral de Universidades.

Vocais:

Vicerrector de Estudiantes da Universidade da Coruña.

Vicerrectora de Estudiantes da Universidade de Santiago de Compostela.

Vicerrector de Extensión Universitaria e Estudiantes da Universidade de Vigo.

Un funcionario do Servicio de Apoio e Orientación ós Estudiantes Universitarios.

Secretario:

Un funcionario da Dirección Xeral de Universidades, que actuará con voz e voto.

Artigo 8º.-Resolución.

Efectuada a selección pola comisión, esta elevará, a través da Dirección Xeral de Universidades, un informe-proposta ó conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, quen resolverá. Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes a partir do día seguinte ó da publicación da resolución no DOG, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 4/1999 (BOE do 14 de xaneiro), de modificación da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente o recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Artigo 9º.-Pagamento.

Para os efectos de cobramento, o presidente ou representante legal da asociación deberá entregar, de conformidade co artigo 15 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, na Dirección Xeral de Universidades, antes do 11 de outubro de 2003, unha memoria na que consten os seguintes puntos:

a) Descrición das actividades realizadas.

b) Resumo económico xunto coas das facturas orixinais, no que se expliquen os gastos realizados.

c) Declaración xurada do conxunto de tódalas axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para un mismo fin, das distintas administraccións públicas competentes o de calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

O presidente ou representante legal da asociación de estudiantes será a persoa responsable ante a Dirección Xeral de Universidades, asinará a solicitude e asumirá tódalas responsabilidades do destino da axuda.

A asociación beneficiaria fará consta-la colaboración da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia nas actividades subvencionadas.

O aboamento das axudas convocadas nesta orde farase de acordo co estipulado nos artigos 15 e 16

do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas subvencións pública da Cominidade Autónomaa de Galicia, tanto para a xustificación como para o pagamento.

Disposicións adicionais

Primeira.-A concesión de axudas reguladas nesta orde terá como límite global o crédito asinado nos orzamentos para este fin.

Segunda.-O incumprimento total ou parcial de calquera das condicións establecidas nesta orde constituirá causa determinante de revogación da axuda e do seu reintegro polo beneficiario ou solicitante, segundo o disposto nos artigos 4 e 19 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Terceira.-Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Cuarta.-Se, por calquera causa, no momento en que a comisión avaliadora teña que examina-las solicitudes, algún dos compoñentes non puidesen asistir, será substituído pola persoa que para o efecto se

nomee. O dito nomeamento deberá recaer noutra persoa da dirección xeral, ou da universidade correspondente, en virtude da súa representación.

Quinta.-Para os efectos establecidos no artigo 10 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro (DOG do 11 de decembro), polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, o prazo máximo para resolve-las solicitudes correspondentes ás accións especificadas nesta orde será de seis meses, contados a partir da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

As solicitudes entenderanse desestimadas de non dictarse resolución expresa no prazo sinalado no parágrafo anterior.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o director xeral de Universidades para dicta-las disposicións necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 13 de febreiro de 2003.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación

Universitaria